sábado, 18 de octubre de 2008

De símbolos e erratas

Nunha situación na que imperaba a censura e o control férreo da prensa, o que menos se podía esperar era a existencia de espazo para a máis mínima disidencia, pero os trasnos das linotipias (ou o subconsciente do caixista) podían converter os remitidos oficiais en verdadeiras cargas de profundidade contra o réxime.

As dúas que imos tratar hoxe corresponden ao xornal pontevedrés PROGRESO. O 1-9-36, nun día de “verdadera emoción patriótica” con motivo da festa da bandeira nacional e nun artigo subtitulado ¡¡ Salve, Bandera de mi Patria, salve...!! atopamos un parágrafo cunha defensa da bandeira da legalidade republicana e unha condena contra os que atentan contra ela, que ben puidera estar publicado por calquera órgano xornalístico do goberno de Madrid e non por un antigo órgano da dereita melquiadista na zona sublevada:
Nuestro error nace de no haberse fijado en tiempos oportunos en las intenciones de quienes dieron muestras de no ser españoles, cuando con toda deslealtad, [...] mancillan el honor de su madre Patria, en la injuria inferida a la bandera tricolor, símbolo representativo de aquella.

Unha nota aclaratoria apela á comprensión dos lectores para subsanar o “erro involuntario” pois onde di “injuria referida a la bandera tricolor” debe dicir “a la bandera bicolor”.

Pero parece que as referencias aos símbolos non son o forte deste xornal pois, sete meses despois (7-4-37), na crónica da visita á nosa cidade da xefa nacional da Sección Femenina de Falange Española, dona Pilar Primo de Rivera, podemos atopar o seguinte parágrafo:
La Jefe, con sus acompañantes comió en el Hotel Progreso, visitando luego el Cuartel de Falange en donde la esperaba numerosísimo público que la ovacionó y saludó con el puño en alto.

Pero nesta ocasión a Delegación de Orden Público actúa coa celeridade e rigor esperable, publicando, dous días despois, a seguinte nota:
Por la publicación en el diario local PROGRESO de un artículo de mal gusto en cualquier caso y tendencioso en la actualidad, reseñando la llegada a esta capital de una significada persona, el excelentísimo Señor Gobernador Militar de la Plaza y Provincia, ha impuesto como sanción la multa de quinientas pesetas a su empresa propietaria y quince días de arresto en la Prisión provincial al cajista que compuso el artículo de referencia, falseando los originales que al efecto le habían sido facilitados.

Forte sanción para un troco de brazo por puño...

No hay comentarios: