domingo, 4 de octubre de 2009

Bruno, "o alemán"



Cando se fala da represión nas terras do Morrazo, un nome está presente na boca de todos: Bruno “O alemán” ou tamén, “o capitán Bruno”. Quen isto escribe leva tempo tentando achegar datos sobre este personaxe pero a tarefa non é doada, resulta difícil separar a lenda da realidade polo que imos escribir sobre o documentado.

O seu nome era José Bruno Schweiger Damboech, orixinario de Munich, vivía en Marín onde, segundo testemuñas, traballaba de enxeñeiro; un irmán seu de nome Juan foi nomeado polo claustro do instituto de Pontevedra, en novembro do 36, como axudante interino de alemán. Bruno estaba casado [ ver aclaración] coa mestra Fermina Gutiérrez de Soto, irmá do coronel de Estado Maior Fermín Gutiérrez de Soto que, no momento do golpe e sendo comandante de E. M. tivo unha destacada actuación na conspiración militar e na sublevación na Coruña. Fermina será nomeada inspectora en Pontevedra

por su sólida cultura- y no digamos, por innecesario, que también por su compenetración absoluta con los principios que son base de la enseñanza primaria en el nuevo Estado- habrá de desempeñar las funciones del cargo con que se la honra, con la mayor eficacia (Diario de Pontevedra, 23-2-39).

A actuación de Bruno nas tarefas represivas céntrase nas primeiras semanas logo do golpe militar, aparecendo como cabeza visible das brigadas de falanxistas que actúan en Marín, Cangas, Moaña...

A primeira falanxe de Zapadores de Marín (integrada por falanxistas do Morrazo, Pontevedra, Porriño...) incorpórase á fronte de Asturias no mes de novembro de 1936 e en xaneiro do 37 súmaselle outra falanxe, quedando formada a 1ª Centuria de Zapadores de Falange Española Tradicionalista y de las JONS de Marín da que Bruno Schweiger é xefe. O 21 de febreiro do 37 é ferido gravemente polo que, un ano despois, se lle concede a "Medalla de Sufrimientos por la Patria".

Con motivo do bautizo da súa segunda filla viaxa dende a fronte a Marín en novembro do 38.

Algúns dos membros desta centuria envían encendidas crónicas onde non faltan gabanzas a Bruno, tal é o caso de Amancio Landín Carrasco que, no Diario de Pontevedra do 21-10-1937, escribe parágrafos como os seguintes:

Y esta es precisamente su aspiración, cuanta más sangre se derrame, cuanto más muerda el dolor, aunque involuntariamente por sus mejillas se deslice una lágrima, interiormente su alegría es mayor porque son españoles y entienden de satisfacción del deber cumplido [...] Y a vosotros Jefes, también sabremos agradeceros la labor que habéis desarrollado en las horas difíciles; a ti Bruno, don Bruno como respectuosamente te llaman los muchachos, que todavía con las carnes desgarradas en un trágico 21 supiste venir a nuestro lado, para llevarnos por las gloriosas rutas que nos conducirán a la etapa final.

Fai unhas semanas chegaron ás miñas mans testemuños dunha actuación de Bruno en Pontevedra capital: o 13 de agosto de 1936, acompañado dun coñecido falanxista pontevedrés, preséntase na rúa Don Filiberto buscando ao xastre Raimundo Rodríguez Neira; como queira que non se atopa nesta casa, diríxense ao bar Capacho onde residía. Raimundo négase a subir ao coche e fuxe, dispáranlle, pide protección inutilmente a unha parella de gardas de asalto que facían garda en Correos. Detéñeno e lévano nun coche. O seu cadáver aparece ao día seguinte en Marín cun tiro na noca. Fora paseado na Cruz de Maceiras, sitio habitual de actuación das patrullas represoras.

Logo de rematada a guerra, Bruno Schweiger vai vivir para Vigo.


5 comentarios:

Anónimo dijo...

Deberias revisar o dato de Fermina Gutiérrez de Soto porque o mais seguro e que sea irmá de Fermín e non e filla.

Xosé Álvarez dijo...

Segundo as miñas informacións aparece como filla. Tamén falan dunha Fermina irmá de Fermín. En concreto no bautizo da 2ª filla de Bruno o padriño é Fermín e a súa dona que están representados polos seus irmáns Juan e Fermina ¿sería Fermina, a nai da criatura? Como vemos hai lugar para a dúbida. Grazas pola súa aportación e esperemos novas informacións que aclaren o dato.

Xosé Álvarez Castro dijo...

Aclarado o dato, con moita probabilidade é irmá. Paso a correxir o dato. Moitas grazas de novo.

Anónimo dijo...

hPodo proporcionarte mais datos sobre a familia de Fermina.
O seu irmán Fermín Gutiérrez de Soto faleceu o 7 de xuño de 1969. Na súa esquela cita como irmás a Pilar e María polo que o mais probable e que Fermina xa falecera.
Fermín casou con Asunción Gancedo Cobián. Asunción tivo polo menos dous irmáns:
Luís, falecido na cidade de Oviedo o 11 de novembro de 1971, solteiro, catedratico da Escola de Enxeñeiros Tecnicos Industrias de Xixon
Pilar. Falecida en Madrid o 16 de xullo de 2002 os 80 anos. Casou con José Antonio Romero.
Fermín e Asunción tiveron os seguintes fillos que usaron o apelido Gutiérrez de Soto Gancedo:
María Asunción, que casou en maio de 1971 na igrexa de Santa Rita de Madrid con Mariano Daranas Peláez
Fermín. Falecido o 21 de xaneiro de 2010. Solteiro.
Elisa, que casou en xuño de 1966 na igrexa de San Fermín dos Navarros con José Luís Rivero Ganzol.
Luís

Xosé Álvarez dijo...

Moitas grazas pola detallada información. Eu teño constancia dunha filla: Asunción Gutiérrez de Soto Gancedo que aparecía como raíña das festas ou algo así nunha nova dun xornal. Saúdos