jueves, 9 de septiembre de 2010

O Pataconeiro


A utilización dos alcumes nos informes policiais e mesmo nos editos de busca e captura, era moeda corrente nos anos do medo. Na maior parte das veces eran traducidos (mal traducidos) ao castelán. Nesta entrada falamos de quen eles chamaban “Pataconero”. ¿Quen era “ O Pataconeiro”?.

José Benito García Santiago era natural de Pontevedra, nacido o vintedous de novembro de 1893, con ocupacións diversas pero o seu oficio era o de baldeiro. Fora emigrante en Bos Aires sendo compañeiro de Ramiro Paz, con quen estivo asociado como donos da imprenta “La Popular”.

Aurora Marco (Marco, Aurora. Ramiro Paz Carbajal. 1891-1936. Ed. Toxosoutos. A Coruña, 2003.), cóntanos que o seu alcume de Pataconeiro ven dado por ter un establecemento no que se vendía a prazos e, logo, cobraba patacón a patacón. Tamén se coñecía por Pepe “O Guardés”, por ser esa a función que desenvolvía a súa nai en S. Roque.

Era un home de militancia socialista, co nº 25 no libro de socios da agrupación pontevedresa, chegando a ser membro do comité de dita agrupación. Foi procesado na causa 720/37 polo delito de rebelión militar.

Nas declaracións, diante do xuíz militar, do inspector de policía Antonio Iglesias Garcés, feitas o 26-11-36 e ratificadas na causa contra Bóveda, aparece a afirmación de que entre os que figuraban como elementos de acción, distinguíndose na requisa de armas e na organización de grupos de resistencia ao exército, figuraba José Benito García Santiago.

No informe da Guardia Civil aparecía como de dudosa conducta moral, afiliado al partido socialista, elemento destacado y propagandista.

As informacións que efectúa a comisaría pontevedresa (26-3-37) afirman que despregara bastante actividade a favor da Fronte Popular, actuando como interventor nas eleccións do 36. Non esquece a súa calidade de socio na imprenta “La Popular

en la que se editaba el inmundo periódico socialista “La Hora” por medio del que tanto se envenenó a las masas, contrubuyendo (sic) en grado sumo, al estado caótico en que éstas se encontraban.

Lembra tamén o informe policial os destrozos da maquinaria do xornal (feitos dos que se apuntou naquelas datas como instigador a V. Lis, que vivía no mesmo edificio onde estaba a imprenta), explicando -mellor dito: xustificando- que o motivo dos ataques foi sentirse vilipendiados polas inxurias e calumnias do xornal.

En los sucesos revolucionarios de Julio último, tomo (sic) parte muy activa como hombre de confianza de Ramiro Paz y Pampín [A. Guiance Pampín, deputado socialista], estando al lado de estos armado de pistola, aprestándose a la defensa del Gobierno civil en contradde (sic) las Fuerzas Nacionales, siendo uno de los últimos que abandonaron el edificio...

García Santiago presta declaración ante o xuíz o 28-4-38 e, naturalmente, nega as acusacións: estivera traballando na mañá do 20 de xullo e pola tarde fora dar un paseo, regresando contra as sete e media da tarde; durante dito paseo foi rexistrado por unha patrulla da G. Civil que o deixou marchar. Na mesma liña e dando a entender unha pouco crible ignorancia do que estaba ocorrendo, afirma que

durante el tiempo que transitó por las calles de esta capital aquella tarde notó efervescencia y movimento (sic) de gente en la misma, no se enteró de lo que ocurría hasta después de haber pasado dicho día, pues durante el mismo no se ocurrió preguntar a nadie a que era debido aquel movimiento de gente.

De nada valeron as súas declaracións. Foi condenado a pena de morte conmutada por cadea perpetua e logo a 4 anos de prisión, coas accesorias de suspensión de emprego ou cargo durante o tempo da condena. Logo de pasar por varios cárceres e con moitos padecementos de saúde, concédeselle a prisión atenuada no seu domicilio en 1941 e morre no ano 1944.

No Archivo General de la Guerra Civil Española de Salamanca atopamos unha ficha, pertencente ao Tribunal Especial para la Represión de la Masonería y el Comunismo, que contén o seguinte:

JOSÉ GARCÍA SANTIAGO (a) PATACONERO.- [...] Pertenece al partido comunista y se cree es masón. Este individuo le tiene gran fobia a la Religión Católica y sys (sic) ministros y tiene todos sus hijos sin bautizar. Es primo del alcalde comunista que fué de esta capital García Filgueira suponiéndose, por haberse dicho publicamente, que el citado Filgueira estuvo oculto en su casa [...] Es individuo de cuidado que tomó parte en la quema de los centros de Acción Popular y Radical y saqueo del establecimiento del Sr Melero en Febrero de 1936. Amenazaba a las derechas para cuando entrasen los suyos.

2 comentarios:

LA NIÑA DEL EXORCISTA dijo...

Eu teño outro punto de vista. Parafraseando a Gil Robles, son dos que consideran que media España non se resignaba a morrer en mans dos esquerdistas (non so físicamente, que tamén) e dos violentos socialistas en particular. Tan so diría dúas cousas:

1.- A traducción dos alcumes ao castelán non é propio do franquismo, senón que era algo que se fixera de xeito secular pola burocracia ¿Ou non? Ao igual que se dicía Sanjenjo, Órdenes ou Mesón del Viento.

2.- Non coñezo o personaxe, pero estranoume a orixe do alcume, porque en Galicia os pataconeiros (e pataconeiras) eran os que facían préstamos usurarios, cobrando logo patacón a patacón.

Parabéns, que aínda parecéndome este blog requeterrojísimo :-) (pelín sesgado, desde o meu punto de vista) está ben currado, cítanse fontes, entro nel ás veces e ten interese (aínda que discrepe moitas veces).

Por último, sobre violencia socialista, tómome a liberdade de recomendar os artigos do Coronel de Infantería xubilado, Francisco Alamán Castro:

Falange y violencia (I)

Falange y violencia (y II)

Un saúdo.

Xosé Álvarez Castro dijo...

Referente aos alcumes non citei ao franquismo senón resalto a habitualidade do seu uso e traducción aínda en documentos oficiais (práctica que hoxe nos parecería sorprendente) e concordo con vde no peso que podía ter o factor burocrático pero tamén inflúen outras compoñentes.
O de "Pataconeiro" cito a fonte que o apunta, non teño información directa.
Grazas polos parabéns aínda que entendo que o de requeterrojísimo debe ser en plan irónico e en canto ao de sesgado procuro que non o sexa e aterme ás fontes, por iso sempre agradezo aportacións como as súas. Os avances no coñecemento só poden ser posibles confrontando opinións e datos.