sábado, 2 de abril de 2011

A derradeira carta do mestre.


Para Cholo, a quen coñecín falando de mámoas na Chan de Gorita e a quen o destino tivo o acerto de elixir como a persoa que gardase como ouro en pano a derradeira carta do mestre. Grazas.

O profesorado, e moi especialmente o maxisterio, foi duramente castigado tras o golpe de estado. Dalgúns mestres fusilados tras consello de guerra ou “paseados” xa temos escrito noutras entradas deste blogue (C. Gómez, José Cortés...), pero a entrada de hoxe ten un interese especial: refírese a un documento excepcional, dado a coñecer ao autor desta páxina. É a carta que o mestre Segundo Abal Padín escribiu a seus pais cando estaba en capela, á espera de ser fusilado, o 13 de maio de 1938.
Segundo Abal era natural de Padrenda, municipio de Meaño, exercía como mestre en Castrogudín, parroquia de Cea (Vilagarcía de Arousa). De ideoloxía socialista, pertencía a FETE-UGT e, a finais do 1934, figuraba como afiliado á “Casa del Maestro” de Pontevedra. Foi xulgado en consello de guerra celebrado na tarde do 9 de febreiro de 1938 en Pontevedra e condenado a morte.
A execución tivo lugar ás cinco e media do 13 de maio dese ano, na avenida de Bos Aires. No certificado consta como causa da morte “síncope cardíaco”.
A carta, escrita con trazos decididos e coidada caligrafía, está dirixida a seus pais e, de maneira destacada a súa nai, á “mamasiña” que levará sempre, cravado no peito, o coitelo da dor da morte inxusta do seu fillo. Algún parágrafo lémbranos o escrito en parella circunstancia por Jacobo Zbarsky lamentando o desgusto que proporciona a seus pais. Impresiona o ánimo sereno co que se enfronta á morte, dando ánimos aos seus e afirmando a súa inocencia.
Transcribo a continuación o texto da carta:
13.5.38
Mis queridos padres: Ha llegado mi última hora. Ya veis, ni en este momento me falta valor para afrontar la situación a que la desdicha nos ha conducido a todos. Dentro de dos o tres horas moriré. Quiero pues en los últimos de mi vida pediros perdón una vez más por este gran disgusto que os doy. Ánimo y valor padres míos como lo tiene vuestro hijo. No desesperéis; no os aflijais demasiado: os queda más familia, otros hijos (hermanos míos queridos) que sabrán consolaros.
Doy mi vida tranquilo; sin remordimientos de conciencia de ninguna clase: no he matado, no he robado... nadie mejor que vosotros conoce mi corazón.
No os desesperéis -repìto- padres queridiños [varias palabras tachadas]
Mamasiña: Un abrazo muy fuerte. Muero sin besarte, sin haberte abrazado, pero lo hago espiritualmente y tan fuertemente que quisiera en él condensar todo el cariño que te profeso.
Hermaniños: Quered mucho a papá y mamá. No olvidéis a Otilia.
Os abraza y besa a todos de todo corazón
Segundo.


2 comentarios:

Quiroga dijo...

Sobre Victor Lis Quibén. ¿No se sabe nada de su familia? ¿Siguen viviendo en Pontevedra? Al parecer estaba casado, supongo que tendría hijos...

Xosé Álvarez Castro dijo...

Sí, estivo casado e tivo fillas xa falecidas. Coñécese bastante sobre a súa vida pero no blog centrámonos nos aspectos públicos da súa vida.