domingo, 22 de mayo de 2011

Anarquistas en Pontevedra


A principios de maio tiven a honra de participar na presentación do libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), editado por edicións Xerais. O acto tivo lugar na nova sede da librería Michelena, na rúa da Alameda, ateigada de pontevedreses e pontevedresas interesados no tema.

O autor, Dionisio Pereira, é un coñecedor profundo do mundo do mar, do sindicalismo galego, da dinámica de terror que seguiu ao golpe do 36 e, sinaladamente, un estudoso do anarquismo en Galicia. Este libro é un texto capital para entender a problemática dos nosos mariñeiros e a represión exercida contra eles, situándose no marco máis amplo e fundamentado do conflito entre clases.

Recupera a historia das xentes do mar a través da dinámica asociativa e desmontando o mito, tan estendido como interesado, da insolidariedade dos mariñeiros.

Como ben dixo Dionisio na presentación do libro, Pontevedra non foi precisamente unha cidade con moita actividade de organizacións anarcosindicalistas; a pesares da forte implantación que tiveron no litoral, na nosa cidade foron os comunistas quen ostentaron a hexemonía na loita sindical.

No meu traballo sobre a época republicana e posterior, foron moi poucas as referencias a militantes e organizacións anarquistas que atopei na documentación. Destacaría a actividade do histórico dirixente Desiderio Comesaña, camareiro do Petit Bar antes do golpe e axente de seguros de Santa Lucía tras a súa posta en liberdade a mediados da década dos 40. Tamén temos atopado referencias puntuais á militancia na CNT dalgúns dos detidos tras o 20 de xullo, como é o caso do panadeiro de Mourente Rafael Chacón; nin que dicir que as atribucións feitas nos informes policiais debemos acollelas coas debidas cautelas.

Fai uns días atopamos algúns documentos que nos dan novas de dous activistas dos que non tiñamos referencia algunha: Manuel S. Lores e Sebastiana Alonso Tortajada.

Nun informe datado o 6 de decembro de 1936, a Comisaría de Investigación y Vigilancia de Palencia, dá conta da detención, por parte dos falanxista de vixilancia no tren mixto de León, dun individuo indocumentado que afirma ser Manuel S. Lores (sen segundo apelido), de 43 anos, casado, xornaleiro, natural e veciño de Pontevedra e domiciliado en Poio “Muelle de Lourido, Casas Uzá” [ Uzal]. Confesa que saíra de Pontevedra o 1 de decembro e que se dirixía a Burgos onde tiña familia.

A policía palentina solicita antecedentes á de Pontevedra que, telefonicamente, lles manifesta que “era ANARCO-SINDICALISTA, significado, y que se había dedicado a la venta de periódicos extremistas”. No informe escrito da comisaría pontevedresa (14-12-1936) precisan máis as referencias a Manuel F. (sic) Lores afirmando que era afiliado e militante da CNT, adicábase a vender Solidaridad Obrera e Mundo Obrero, correspondente de dita prensa e conserxe dun centro anarcosindicalista que existira uns meses en Pontevedra e fora clausurado no 34; detivérano en 1933 por alteracións da orde ao paso dunha procesión, ademais

era instrumento de relación y enlace de elementos avanzados y constante espía y observador callejero por su condición de vendedor ambulante de prensa.

A única información posterior é un escrito do goberno civil pontevedrés datado o 9 de setembro de 1940, dando conta ao xuíz militar de que non cumpría coa obriga de presentarse cada 15 días na comisaría e ignorándose o seu paradeiro.

Manuel S. Lores antes de vivir en Poio residira na zona de Monte Porreiro; en Lourido convivía cunha muller orixinaria de Terminon (Burgos) chamada Sebastiana Alonso Tortajada, de 29 anos, tamén anarcosindicalista e que participara como oradora en diversos mitins anarquistas. Fora denunciada no 34 por coaccións durante o boicot a conservas Uzal. Segundo a policía, marcha de Pontevedra antes do golpe militar. No libro Les Oblates, 1939-1941: presò de dones de Tarragona, Cossetania Edicions, 2006, Joan Subirats dá novas de Sebastiana como presa neste cárcere de mulleres e condenada a cadea perpetua.

Os informes policiais fan referencia a militancia na CNT e FAI e, en diversas publicacións aparecen novas á existencia dun grupo da FAI en Pontevedra, o grupo Natura, pero sen maiores concrecións.