domingo, 28 de octubre de 2012

Masonería en Pontevedra (VII): Ponte Sampaio.


A afiliación ao partido Unión Republicana era motivo dabondo para ser considerado sospeitoso de masonería; certo é que o seu principal dirixente, Diego Martínez Barrio, era Gran Mestre do Gran Oriente Español e foi condenado o 13 de setembro de 1941, en rebeldía, polo delito de masonería con todos os agravantes, a 30 anos de reclusión maior e accesorias, dada a súa contínua y celosa actividad masónica. Tamén era certa a presenza dun número significativo de masóns nas filas do citado partido.
En diversas fichas pertencentes ao TERMC, no Centro Documental de la Memoria Histórica de Salamanca, aparece información sobre distintas persoas do antigo concello de Ponte Sampaio (anexionado en 1960 a Pontevedra), acusados de afiliación masónica e dos que trato a continuación:
Casimiro Reyes Pazos, “Cagaleche”, desempeñaba o cargo de fiscal municipal; faise constar o seu pasado político: Partido Radical-Socialista (1931-34), Partido Radical (1935) e despois pasouse ao Partido do Centro polo que foi propagandista nas eleccións de febreiro de 1936. “Al entrar el Frente Popular organizó el partido de Unión Republicana de las huestes de Martínez Barrio el gran masón”; figuraba na directiva de U.R. Aparte de masón, acúsano de recibir por correo uns sobres, nos últimos días de xuño do 36, “suponiéndose que era documentación sobre el movimiento revolucionario”.
Outro que aparece como organizador de Unión Republicana e masón é Juan Tenorio Álvarez, antigo alcalde radical- socialista (1933-34). Afírmase que fora o fundador e presidente da Sociedad Obrera de Arcade, afiliada á UGT, e que “ Fué comisionado para entrevistarse con el Gobierno Civil y amenazarle con huelgas obreras”. Engádese que estaba casado polo civil e que odiaba todo o referente á relixión católica. No Diario de Pontevedra (16-9-1938) aparece a orde da Comisión Provincial de Incautación de Bienes mandando instruír expediente sobre declaración de responsabilidade civil.
Non se libra tampouco das acusacións o propio alcalde franquista, Gregorio Fernández Barros, que, segundo aparece na ficha 
es masón; hizo las prácticas como principiante en la Logia de la calle de Obra Pía en La Habana. Ha votado la candidatura íntegra del Frente Popular en las elecciones del 16 de Febrero de 1936, haciendo propaganda reservada a favor del mismo. 
Recálcase a súa condición de comerciante e que se servía da  presenza na alcaldía para ocultar feitos e actividades políticas dos seus clientes, ademais
 como es tendero no secunda las órdenes de la Superioridad respecto a precios de artículos de 1ª necesidad, indicando a los demás comerciantes precios según conveniencias particulares, no atreviéndose la gente a protestar por estar por medio el repetido Alcalde.
 Segundo a ficha era de carácter “especial aparentemente pusilímine (sic), carece del recto criterio que imponen las actuales circunstancias” e estaba moi influenciado polo secretario.

No hay comentarios: