miércoles, 19 de diciembre de 2012

Claudio Magdalena González

Adicada a Rogelio Torres  pola súa xenerosidade.

Un oficio  asinado polo comandante da Guardia Civil Joaquín Velarde acompañaba a posta a disposición da autoridade xudicial militar de Claudio Magdalena González, acusado de “ser uno de los cabecillas del movimiento iniciado contra el Ejército Español en el mes de julio último por los elementos obreros comunistas de Pontevedra y sus inmediaciones”
    Claudio Magdalena era natural de Vigo, traballara en Oviedo de electricista e establecérase en Pontevedra, onde, ademais de exercer o seu oficio, tiña unha taberna na rúa San Román;  fora directivo do Partido Radical Socialista e, máis tarde, integraríase no partido Unión Republicana.
    O xornal Progreso do día 9 de setembro de 1936 daba conta da súa detención e afirmaba que  a captura fora un tanto laboriosa, debido á boa situación estratéxica en que se atopaba o fuxitivo: un monte desde o  se divisaba toda a comarca. Logo  da saída dos militares á rúa, Magdalena e outros compañeiros buscaron refuxio nos montes de Lérez e no Acibal, durmían no monte ou en alboios das casas que non tiñan cans e consideraban seguras e, polo día, achegábanse a buscar comida ao lugar do Castelo. Pero as forzas represoras baixo o mando de Lis recibiran confidencias sobre os fuxidos e as batidas sucedíanse dia e noite, nunha delas, levada a cabo por un grupo de seis gardas civís e uns sesenta “cívicos”, lograron a detención de Claudio Magdalena o 8 de setembro.
    As acusacións contra el son moi graves e efectúanas destacados membros da Guardia Cívica. Víctor Lis afirma que era un dos principais dirixentes do movimiento obrero contra el Ejército que continuamente estaba en contacto con el ex-Gobernador Civil al que parece servir de asesor o Secretario. Tamén asegura que era  elemento de ideas moi avanzadas e disolventes e que o vira repartindo armas e organizando a xente o 20 de xullo na capital, así mesmo   acúsao de dirixir, xunto con Alejandro Gama, o asalto aos almacéns de Melero e ao local de Acción Popular en febreiro do 36. Outro dos acusadores foi o sarxento do Batallón de Voluntarios Eduardo Rodríguez para quen Magdalena é comunista perigoso, corrobora o dito por Lis e engade que participara na organización do asasinato de Secundino Esperón, que era “policía particular del Frente Popular” e que “ha hecho siempre alarde de su poder e influencia comunista, cuyas ideas propagaba y ensalzaba en su establecimiento de bebidas al que concurrían el Gobernador  Civil Señor Acosta...
    Claudio Magdalena deféndese asegurando que o día 19 foi ao goberno civil para curiosear e que permaneceu alí toda a noite saíndo só para buscar tabaco e cear algo na taberna de Urtaza; recoñece que o 20 acompañou aos que rexistraron a casa da marquesa de Leis, na que atoparon armas de carácter histórico, na do cura de Cerponzóns e noutras casas da zona.
    No consello de guerra o seu defensor, Jaime Aranda, minimiza a súa significación política:

 y Magdalena es un obrero de tantos, sin cultura como es natural, a quien se quiere hacer cabeza de turco cuando lo que el pretendía en estos tiempos era adquirir méritos para lograr la seguridad de un jornal alcanzando la plaza de electricista de la Diputación. [...] No podría Magdalena ser el representante de las organizaciones obreras, desde el instante que no aparece con cargo sindical alguno.
    Pero a sentencia recolle nun dos considerandos:
Que el procesado paisano CLAUDIO MAGDALENA GONZÁLEZ, de significación comunista y que con anterioridad a los sucesos se distinguió interviniendo en atentados contra  las casas y establecimientos de personas de significación derechista, al enterarse del Movimiento militar se persona en el salón de la Diputación de esta capital y con pistola en mano se le ve dando órdenes y repartir armas de fuego, distinguiéndose en las requisas de dichas armas de las casas de personas de significación derechista.
    Condenado a morte, entra en capela instalada no baixo do cuartel da Guardia Cívica e, xunto con outros compañeiros, é fusilado por un piquete de 40 gardas de asalto mandados polo tenente José Rodríguez  ás sete da mañá do sábado 17 de abril de 1937; rexístrase a morte como causada por  colapso cardíaco. Como estaba establecido, a documentación recolle a súa vestimenta: zapatos e calcetíns negros, camisa branca  e pantalón escuro; a sepultura recibiuna en San Amaro, na fosa 34, zona segunda, fila 1ª, en terreos propiedade do concello.

No hay comentarios: