domingo, 19 de mayo de 2013

Epistolario (2) : De Guillán a Maquieira.


O vindeiro sábado, organizado pola concellería de patrimonio, terá lugar un roteiro sobre a “Pontevedra heterodoxa” que servirá para lembrar as vidas e os espazos ligados a unha serie de persoas tan interesantes como descoñecidas na cidade.
Entre estes “heterodoxos” situaremos ao farmacéutico Joaquín Maquieira Fernández, moi coñecido pola súa botica e menos pola súa faceta de destacado político republicano (Izquierda Republicana) e de “venerable mestre” da loxa masónica pontevedresa Helenes nº 7, á que pertencía co nome simbólico de Ives Delage. Tamén podemos englobar neste concepto a Manuel Guillán Abalo, natural de Vilagarcía, mestre nacional, masón co grao 3º, de nome simbólico Fermín Galán , integrante da citada loxa e militante republicano (ORGA) e do partido galeguista.
En 1935, Manuel Guillán atopábase en Madrid onde estivera agregado á inspección educativa e, máis tarde, ao grupo escolar "Vicente Blasco Ibáñez", situado na Praza de España.
Queridísimo amigo: Por múltiples razones que de la carta se deducirán y sobre todo por satisfacción de mi profundo sentimiento no quiero ni un instante más dejar de escribirte y en tu doble personalidad [referencia ao cargo masónico de Maquieira] hacerlo a todos mis tan queridos h:. [notación masónica] pues a todos, a todos, los recuerdo constantemente con profundísimo cariño, hasta tal punto, que es lo único que echo de menos y cuyo recuerdo, con mucha frecuencia, me ocasiona amarguras.
Así comeza a carta, datada en Madrid a 26 de marzo de 1935, que Guillán lle dirixe a Maquieira, facilitada pola policía ao xuíz Ángel Colmeiro, encargado da instrución da causa sobre a masonería galega e asturiana, e que se atopa na peza 3ª, rollo 4º, da causa 155/937 instruída por el supuesto delito de ACTIVIDADES PELIGROSAS. (Centro Documental de la Memoria Histórica. Salamanca)
O interese da carta radica na información de primeira man sobre a evolución política do momento, sobre certas actividades de captación da masonería e referencias a personaxes relacionados con Pontevedra. A redacción é moi cauta e, en determinados temas, pouco explícita debido ás posibilidades de que chegue a mans non desexadas: Desde luego ojo y ojo con los confidentes que en todas partes existen.
O carácter e a relevancia das informacións que Guillán transmite a Maquieira acreditan o importante papel que tiña na organización e explica as cautelas tomadas.
Comunica a posibilidade de que viñera destinado un xefe de carabineiros, Isaac Llopis, [Refírese a Isaac Llopis Muñoz, coronel, liderou a resistencia de Almería contra a sublevación militar], grao 33 da masonería e que o xeneral destinado ao mando da rexión militar na Coruña.
es elemento apto, con condiciones y fácil para ingresar y convendría que vosotros y los de Vigo viéseis la manera de llegar a el y hacer las [ilexible] gestiones. Estas sugerencias las he recibido de elementos que estaban realizando i (sic) ultimando las gestiones para ello y se me participó para que os lo comunique y veais lo que podeis hacer, pues recordando textuales palabras, es conveniente y excelente elemento.
Non deixa pasar a ocasión da bulra sobre os seguidores de Gil Robles: ...pero me caí con la gripe, digo CEDA, como le llaman por aquí, e conta a axitación nas rúas madrileñas con mobilizacións contra as penas de morte a algúns dos condenados en outubro do 34. 
El sábado pasado la conferencia de Sánchez Román toda ella sabrosísima; pero su final más sabroso aún pues resulta que en estos momentos existe aquí un Monarca [ Alcalá Zamora] que entrega el poder a un hombre [Lerroux], para gobernar sin hacer caso a la Constitución.
Non deixa de estar presente a preocupación pola actitude que puideran adoptar os militares, dos que se rumoreaba a posibilidade dun golpe de estado, pois no deja de haber quien supone, que cuando los cavernícolas se den cuenta que les pasó la hora y escapó la presa harán una astracanada. 
Adianta a futura constitución dun pacto entre republicanos de esquerda, socialistas, comunistas e CNT para ir xuntos ás eleccións, non sen certas dúbidas: No sé que valor darle a esto, desde luego el conducto por que llega es bueno.
Sobre a súa actividade masónica volve a utilizar unha linguaxe críptica pero podemos deducir que non pedira a afiliación a ningunha loxa pero estaba en contacto e á espera de integrarse no taller que máis se adaptase ao seu temperamento.
Nos últimos parágrafos atopamos referencias a compañeiros:
 ¿Pintos [Basilio Pintos Fonseca ?] estudia mucho? ¿Como está el ánimo de Sarmiento? [Delmiro Sarmiento?] ¿Y Jar? [Antonio Jar ?] ¿Habeis premiado la labor del de Tuy [Manuel Vicente Álvarez?] y del de el Barco de Valdeorras [?] Le denomino así por precaución. 
 Aínda que non hai total seguridade na atribución que propoño, apunto unha moi breve referencia de cada un: Basilio Pintos Fonseca, grao 1º, nome simbólico Fraterno; Delmiro Sarmiento, capitán retirado, militante socialista detido en outubro de 1934; Antonio Jar Dobarro, de Vilatuxe, concelleiro en Lalín por Izquierda Republicana, detido tras o golpe militar, morreu en Salcedo; Manuel Vicente Álvarez, funcionario de prisións en Pontevedra (1933-36), masón, veciño de Tui.

1 comentario:

Mara Senra dijo...

Coma sempre un placer ler as túas achegas.
Un saúdo.
Mara.