jueves, 17 de diciembre de 2015

Día de defuntos, 1944.


Se hai unha tradición popular e estendida por todos os pobos de Galicia, esa é a de lembrar os defuntos adornando con flores e alumeando con velas as tumbas dos cemiterios no mes de Santos; pero fóra dos camposantos aínda existen lugares de morte ou de enterramento de vítimas do golpe militar do 36. Moitos destes lugares son descoñecidos para a maioría da poboación, sen unha placa ou símbolo que nos lembre o que alí sucedeu. Non ocorre así co malecón de Monte Porreiro, lugar de fusilamento de máis dun cento de persoas e que conta cun monumento que nos lembra o sucedido. Outro destes lugares é a chamada “volta do Couto”, na carreteira de Ourense, entre Bora e Tenorio; alí non hai símbolo que nos lembre os crimes cometidos no lugar pero está na memoria das xentes.

No ano 1944 aínda o terror estaba presente con toda intensidade, algúns presos saían das cadeas grazas aos indultos, eran anos de medo e de fame. A guerrilla actuaba nas zonas próximas e a resistencia contra o réxime contaba cunha organización incipiente vinculada, fundamentalmente, co partido comunista. Non eran tempos doados para lembrar publicamente as vítimas republicanas, aínda así, a resistencia foi capaz de efectuar o que foi a acción máis espectacular e inimaxinable da propaganda antifranquista.

Na mañá do primeiro de novembro de 1944, forzas do Servicio de Información da Guardia Civil pontevedresa observaron no malecón de Monte Porreiro e “sobre la trinchera donde durante el Glorioso Alzamiento Nacional se estuvieron verificando los fusilamientos de los condenados a la última pena por los Tribunales en los Consejos de Guerra.” que aparecera unha cruz de madeira cravada no chan, sobre ela unha coroa de flores naturais e, pendente desta, unha cinta de crespón negro dun metro de longo e 14 centímetros de ancho, que tiña pintada con esmalte branco a frase: HONOR A NUESTROS MÁRTIRES. Outra cruz, con coroa e cinta semellantes, foi recollida ao día seguinte na “volta do Couto”, na marxe esquerda da carreteira en dirección á capital.

A ousadía do feito puxo en máxima actividade á “Brigadilla” da Guardia Civil así como á comisaría de policía, pero as xestións para dar cos autores non deron resultado e só puido saberse que as coroas foran adquiridas no establecemento da viúva de Rivas, en Poio, por un home vestido cunha prenda de coiro; para engadirlle máis aquel ao asunto, quen as despachara fora un policía, xenro da propietaria, que, evidentemente, pouco podía sospeitar do destino das mesmas.

A xustiza militar abre unha causa contra “autores desconocidos de un delito de propaganda subversiba (sic)”. 

Adicado aos compoñentes da tertulia dos martes.

lunes, 7 de diciembre de 2015

Epistolario: carta a Adela e compañeiras.


José Domínguez González era tenente de alcalde de Salvaterra, nativo da parroquia de Corzáns, foi fusilado no castelo do Castro en Vigo ás once da mañá do 24 de febreiro de 1937, xunto con nove persoas máis. Domínguez escribira unha carta de despedida á súa moza Angelina, publicada por Carlos Fernández en Alzamiento y Guerra Civil en Galicia (Ed. Do Castro) e por Alonso Montero no seu libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte. (1936-1948) editado por Edicións Xerais. Esta carta dou lugar a un magnífico artigo de Manolo Rivas, no xornal El País, titulado A carta de amor/morte de Pepe a Angelina. Pero esa non foi a única carta escrita por José: na mañá en que o conducían á morte, no corredor do cárcere, José Domínguez entregou a un cabo un papel cunha carta; esta vez non vai dirixida á súa moza senón que o fai a unha muller, Adela Melijosa Suárez, e compañeiras presas. Os funcionarios leron a carta e, como a súa “literatura pugna y es contraria en todo al espíritu que anima al Glorioso Movimiento Militar”, dan parte da mesma á autoridade militar superior. Acompañan o escrito coa consideración de que, se fora dirixida a Adela e compañeiras, sería porque 
 éstas tal vez estarían pendientes de la suerte que sus “compañeros” pudieran correr, viendo contristadas la ejecución de aquellos que por sus doctrinas y sus ideales eran indignos de formar parte de la Nueva España, por la que todos con gran entusiasmo estamos labrando.
Ofrecemos a continuación o texto desta carta:
Queridas compañeras Salud: Cuando ésta llegue a vuestras manos ya no seremos más que un montón informe de materia sin espíritu, porque él habrá volado ya a otras regiones desconocidas. Vamos a formar un eslabón más de la cadena de los mártires que han caído víctimas del odio y la venganza de los enemigos de nuestra santa Libertad. ¡ A vosotras que supísteis dar un ejemplo vivificante de abnegación en este momento de honda tragedia! Os queda una larga y penosa etapa que recorrer todavía, pues ella será la que habrá de culminar en el asentamiento de las bases definitivas de la nueva Sociedad, más humana, más justa y equitativa.
Vosotras por el imperio de una autodeterminación histórica, llevaréis el faro potente que ha de iluminar el sendero que os ha de conducir triunfalmente en pos del ideal superior por el cual hemos ofrendado nuestras vidas!
Que el ejemplo de estas trágicas horas vividas sea un constante emolumento en la lucha en que estáis empeñadas... Vuestro y de la causa. José Domínguez.
A persoa a quen ía dirixida a carta, Adela Melijosa Suárez, “A Santanderina”, de 40 anos, presa por orde gobernativa no cárcere vigués, participara en numerosos actos da Fronte Popular e fora elixida vogal da Agrupación de Mujeres Antifascistas en marzo de 1936. O informe da comisaría (5-5-1937) era demoledor: mala conduta pública e privada (separada do seu home e convivindo cun “destacado revolucionario” fuxido), reventadora de mitins das dereitas, facer unha festa para celebrar o asasinato de Calvo Sotelo, abortista, e ademais tiña “una casa muy bien amueblada cuyos gastos no están justificados de una manera lícita, creyéndose que recibía de una manera directa o indirecta fondos de Rusia para favorecer la propaganda comunista.”
Con motivo da incautación desta carta ábreselle unha causa militar celebrándose o consello de guerra o 7 de xullo de 1937 en Vigo. O fiscal militar, logo de facer referencias á súa vida privada e significación política, non atopa “razón fundamental en que asentar y hacer forma una figura de delito” e retira as acusacións aínda que fai unha apelación para que sexa sancionada gobernativamente. O tribunal falla absolvendo á procesada.
Fontes: Causa 669/37. AIMN.
Adicada a Telmo Comesaña, Antonio Monroy e a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36.

martes, 24 de noviembre de 2015

"Los cuchipandistas antifascistas"


Adicada a Ramón López Laxe, persoa comprometida na defensa do patrimonio histórico, ambiental, etnográfico... das terras de Salcedo e de Pontevedra, co agradecemento pola información facilitada.
 
O título desta entrada era o nome da “murga estraperlitifláutica” formada por un grupo de veciños de Salcedo, militantes ou simpatizantes de formacións de esquerdas, que tiña como obxectivo a sátira sobre personaxes e actuacións dos partidos da dereita, tanto a nivel estatal como, sobre todo, dos veciños da parroquia ligados á Sociedade de Agricultores Antimarxistas; estes eran coñecidos por “os carcas” e a sociedade fora organizada polos seguidores de Víctor Lis e o entramado caciquil actuante na parroquia.
Detrás dos “cuchipandistas” apréciase o enxeño de José Peón, personaxe insubstituíble e cunha longa traxectoria neste tipo de actividades.
O texto das cancións é todo un compendio de referencias cheas de ironía, ás veces sarcásticas e sempre críticas, aos adversarios políticos; non andan con rodeos e así o fan constar nunha estrofa da rancheira que leva por título “Todo para el jefe”:
Somos Los Cuchipandistas
hablamos sin disimulo
si hay a quien le parezca mal
que le den ...
No pasodobre “El estraperlo” o branco das críticas era o presidente do goberno Alejandro Lerroux, do partido Radical (relacionado coa corrupción e o asunto do estraperlo) e os seus socios da CEDA.
Nesta entrada ofrecemos a letra do valse “La banda negra” chea de alusións e advertencias aos organizadores do grupo fascista da parroquia. 

Todos sa/ todos saben que en Salcedo
una ple/ una plebe se formó
es una/ es una banda de negros
que Muley/ que Muley organizó
con otro tío que le ayudó.
ESTRIBILLO
Jefes de la “banda negra”
ya os podeis preparar
que os va caer el pelo
y todas juntas las vais pagar.
A los me/ a los medios más rastreros
tienen e/ tienen ellos que apelar
quitando/ quitándonos el ganado
por no le/ por no le querer votar
a tuvieron que amenazar.

Fan constar que “ Esta murga circula con la debida autorización de la brigada sanitaria, los animales cuadrúpedos que en ella se nombran son de la acreditada ganadería de Gil Robles.”
Na tarde do vindeiro sábado 28 de novembro terán lugar en Salcedo unha serie de actos en conmemoración dos sucesos do Campo da Porta, feito fundamental na historia desta parroquia. Alí estaremos...

jueves, 29 de octubre de 2015

Sobre o tío Euloxio.


                         Adicado a José Antonio Mera, José Luis e Maite Caramés e Merche
                         Espiño, un retallo da historia familiar compartida.

Moitas veces escoitamos falar do “tío Euloxio”, contaban que agochara unha pistola entre as pedras dunha parede, falaban  das visitas ao lazareto de san Simón onde estaba preso, do alporizamento do “cívico” que, nun rexistro na casa de Xeve, atopou unha almofada confeccionada con retallos dunha tela coas cores vermella, amarela e morada: “nada menos que durmiendo con la bandera tricolor” foi o berro que deu ao tempo que a rachaba cun coitelo. Sobre o motivo da persecución a Euloxio, aparte de vagas referencias a cousas da política, falábase das denuncias dun cura por asuntos de caza; certo era que estivera procesado por infrinxir a lei de caza e tivera que fuxir a América, de onde volvera logo da promulgación dun indulto. A súa xuventude debeu ser algo axitada: sabíase da participación en pelexas entre mozos nas festas e atopamos novas, nos xornais, de que a Guardia Civil lle recollera unha navalla barbeira que usaba cando tiña dezasete anos.
A consulta de documentación da causa militar 1171/36, contra Manuel Villamayor (tenencia ilícita de armas) e Eugenio Espiño e Víctor José Bugallo (intento de organización de sociedades ilegais), proporcionou máis información sobre a personalidade de Euloxio Espiño Amil. As actuacións iniciáronse o 5 de agosto de 1936.
A Villamayor atopáronlle un sobre con documentos do partido comunista e outros escritos que lle foran entregados por Euloxio. Nas declaracións dos inculpados recoñecen que José Espiño Moreira, primo de Euloxio e tenente de alcalde de Silleda, lles falara de organizar o partido comunista, cousa que aceptaron pero que non chegaron a realizar na práctica e sen que Euloxio chegara a actuar como presidente. Entre o incautado aparece unha relación cos compoñentes da célula nº 11 constituída por: Eulogio Espiño (nº 89), José González, Ramón Sobrado, Ramón Conde, Manuel Villamayor, Ismael Rey, Perfecto Sobrado, José Iglesias e Víctor Bugallo.
Víctor José Bugallo, zapateiro de 32 anos, casado, foi detido no Carballiño o 30 de agosto. Será fusilado en Pontevedra o 11 de maio de 1937. José Moreira Espiño permanecerá agochado varios anos e as autoridades coidaban que fuxira a América.
O alcalde de Silleda informa ao xuíz instrutor que Euloxio non se atopaba en Fiestras pois estaba no lugar de “Granja de Espiño” en Poio; esta confusión entre a granxa dos Espiño na Bouza (Xeve) e o lugar da Granxa (na realidade en Sanxenxo e non en Poio), proporcionou un tempo precioso para que a familia puidese poñer a salvo a Euloxio e, a través dos seus contactos no Goberno Civil pois lle vendían o leite ao gobernador, preparase a súa posterior presentación a primeiros do mes de outubro.
Nas declaracións e nun careo con Villamayor, nega ser o presidente da célula comunista de Fiestras, manifesta que nunca lle entregaran o carnet nin, por suposto, cotizara para o partido, pero recoñece que lle entregara a Villamayor o sobre. Na indagatoria descríbese a Euloxio, de 27 anos, solteiro, albanel, como
 de estatura regular, ojos pardos, pelo castaño, cara enjuta y como señas particulares tiene la dentadura del maxilar superior postiza toda ella menos un diente.
O 12 de outubro ingresa en prisión segundo consta nun escrito asinado polo inspector provincial de prisións Lago Búa.
O informe do comandante de posto da Guardia Civil sobre Villamayor e Espiño, afirma que son persoas de boa conduta persoal pero en canto á política 
siempre han pertenecido a partidos de extrema izquierda, propagandistas del comunismo y desempeñaban ultimamente los cargos de secretario y presidente respectivamente de la Sociedad comunista de Fiestras
  Noutro informe posterior, a comandancia de Pontevedra confirma o anterior e engade a condición de “simpatizante con los revolucionarios de Octubre de 1934.”
O sete de novembro, o auditor de guerra considera que non se atopan méritos suficientes para reputar xustificada a perpetración do delito e pide o sobresemento provisional aínda que, por acreditarse a militancia comunista, os imputados debían pasar á competencia gobernativa para que actuara ao respecto.

lunes, 12 de octubre de 2015

Peregrina Martínez Santos, unha mestra antifascista.

Dentro duns días verá a luz un libro comunal sobre a historia de Cotobade: comunal na autoría, compartida por cinco historiadores (M. Reboredo, A. Concheiro, S. Fontenla e Xermán Fortes, coordinados por Xosé Fortes) e comunal na financiación mediante unha tábula gratulatoria.
Esta entrada vai adicada a dúas persoas comprometidas na tarefa: Afonso Ribas Fraga, animador incansable do proxecto, con Cotobade sempre no corazón e Serafín Fontenla Fernández, profundo coñecedor da historia cotobadesa e un home bo no senso machadiano desa palabra. Parabéns!

Nunha entrada anterior escribimos sobre as irmás Martínez Fernández “As corseteiras”, familia moi comprometida politicamente co socialismo e que contou con varios membros represaliados. Un irmán, Arturo Martínez, fabricante de mobles, foi multado con dez mil pesetas (todo un capital naqueles tempos) por ser “contrario al Movimiento Nacional y desafecto a la causa de España”; para cobrar a multa instrúese expediente de apremio e sácanse a puxa pública, en agosto de 1937, varios mobles e efectos embargados. Arturo morreu no ano 1951.
Nesta entrada falaremos dunha sobriña das Corseteiras: Paulina Martínez Santos, filla de Arturo Martínez e de Paulina Santos, con 21 anos no 36, mestra de Rouxique (Sanxenxo). Estaba afiliada ás Xuventudes Socialistas Mixtas co número 14 e participaba nos actos organizados polas esquerdas pontevedresas. Foi detida o 27 de outubro de 1936 e posta en liberdade o 25 do mesmo mes de 1937 recibindo unha multa de mil pesetas imposta polo delegado de orden público por “actividades de carácter marxista.” En 1938 instrúeselle un novo atestado e ordénase arresto domiciliario; xunto coas súas tías e Maruja Fandiño é procesada na causa 379/38 por un delito de rebelión. O testemuño do cura de Vilalonga foi moi duro: as ideas que tiña eran comunistas, recibía xornais extremistas como El Socialista e Mundo Obrero, non formaba os nenos na educación cristiá e consentía que blasfemasen, mandara colocar pasquíns en diferentes puntos da parroquia “con las consignas del odioso comunismo” e non frecuentaba a igrexa nin cumpría cos deberes de todo bo cristián. Non faltaron outras acusacións de veciños da zona. Como as acusacións non quedaron demostradas, a causa foi sobresida en xullo de 1938. En 1941 ábreselle expediente de responsabilidades políticas que tamén foi sobresido en 1943.
Pero a represión foi máis alá do encarceramento e das sancións económicas, dende o primeiro momento foi separada do seu destino como mestra. A Comisión de depuración de mestres determina os seguintes cargos:
1º Mala conducta profesional, religiosa, social y particular, haciendo públicas manifestaciones de sus ideas comunistas. 
2ºQue ordenó a los alumnos a colocar carteles con la hoz y el martillo, habiendo orientado la enseñanza de acuerdo con sus ideales comunistas, antipatrióticos y disolventes. 
3º Facilitaba a los padres de los niños periódicos disolventes. 
4º En lo religioso era atea. 
5º En las últimas elecciones hizo propaganda marxista.
 O inspector considéraa con moral relixiosa mala e profesional boa.
As alegacións que Peregrina presenta contra os cargos da comisión deixan ver o seu forte carácter, contrariamente ao que era habitual e menos no ano 1937, non da sinais de arrepentimento e deféndese atacando aos acusadores. Como mostra copio algúns dos parágrafos do seu escrito:
Parece como si los denunciantes disfrutasen repitiendo las mismas frases de difamación para hacerlas más mortificantes. La conducta. Nuestra conducta es mejor o peor, según la que tengan aquellos que se toman la molestia de analizarla. Así, las personas de instintos perversos, consideran de peor conducta a otras que encaminan todos sus actos a practicar el bien. Sin que esto signifique propósito de aludir ni molestar a nadie. [Sobre o reparto de xornais] Esta falsedad se descubre sola ¿Cuando y en que parte se vió a los maestros nacionales repartidores de periódicos y del correo? Además, los moradores de Rousique (sic) no son tan infelices que necesiten andadores, pues, saben moverse perfectamente solos, igual que los de todas partes. [ Ateísmo] Como desconozco a los denunciantes, no puedo negar ni afirmar en absoluto; pues, si el de ellos fuese el dios de maldad, el de los fariseos, el de los que comercian con él, el de los que en su nombre cometen crímenes y villanías, tienen razón que lo repudio; porque mi Dios es el Magnánimo, el de Misericordia y Bondad; el de Amor al prójimo y libre de todo mal. 
Remata a alegación afirmando: Y, consecuente, compadezco y perdono a los que difaman tan despiadadamente; aunque jamás creí que un corazón humano pudiese abrigar tanta ruindad. Acompaña un escrito de cerca de cincuenta pais e nais que afirman a conduta intachable da mestra, a satisfacción polo seu labor educativo e desminten as acusacións contra ela. A sanción foi de separación definitiva do servicio. Na década dos cincuenta solicita a revisión do expediente e afirma que “ha purgado su pecado con exceso; 18 años apartada de la carrera que tantos sacrificios le costó y que fue la vocación de su vida.” Nesta ocasión os informes, tanto da Guardia Civil como do alcalde de Sanxenxo e do cura de S. Bartolomé, son favorables; non así os do cura de Noalla, encargado de Vilalonga, que afirma “ni siquiera por curiosidad entró en la iglesia además hacía propaganda de ideas ateas y comunistas.” O 28 de abril de 1958 proponse o reintegro no corpo e sanción de traslado fóra da provincia durante cinco anos.

Nota: Os textos reproducidos pertencen a documentación do Archivo Militar Noroeste e Archivo General Administración.

domingo, 4 de octubre de 2015

Con nome de muller.


É unha nómina de mulleres represaliadas, un listado incompleto, parcial, porque o conxunto de mulleres represaliadas directamente aumenta a medida que imos coñecendo máis polo miúdo a práctica represora dos golpistas. Sobre mulleres represaliadas en xeral xa teño escrito neste blogue fai varios anos, sobre algunhas, de forma máis detallada, noutras entradas e outras están no listado de tarefas pendentes.
Nesta entrada pretendemos ofrecer unha serie de nomes de mulleres veciñas de Pontevedra, acompañadas de moi breves referencias que permitan coñecer o contexto no que sufriron persecución. Sirva de pequena achega neste ano de homenaxes a estas mulleres na nosa cidade e tamén como unha chamada demandando máis información que permita completala.
Elvira Lodeiro González, muller do chofer da liña de autobuses a Cangas Juan Manuel Gómez Corbacho, fusilada aos 28 anos estando embarazada. Xunto con Consuelo Acuña Iglesias, de 60 anos, veciña de Salcedo e tamén executada, foi protagonista dos sucesos de Salcedo a finais do ano 1936.
Elvira Fernández Gracia era unha moza de 21 anos que militaba no partido socialista; o 20 de xullo resultou ferida por disparos das tropas rebeldes. Estivo procesada e presa varios meses. O seu irmán Germán foi fusilado; tiña motivos para que lle atribuísen ser “de genio levantisco”.
As Corseteiras era o alcume que tiñan as irmás Martínez Fernández por adicarse a esta profesión. Residían na rúa Michelena e tres delas, Aurora, Nicereta e María foron xulgadas por rebelión militar. Militantes socialistas e destacadas na axuda aos presos como presuntas integrantes do Socorro Rojo. A súa sobriña Peregrina Martínez Santos, mestra, sufriu procesamento por rebelión e foi depurada con suspensión de emprego e soldo.
Acusadas tamén de traballar para o Socorro Rojo, foron interrogadas, en xuño de 1938, as irmás Esclavitud (Tucha) e Serafina (Fina) Dios Vázquez, irmás de Edelmiro, “paseado” en setembro de 1936; pertencían á familia propietaria da ferrería do Pino. No mes de agosto do 36, a súa casa foi vixiada día e noite esperando deter a Edelmiro, mataron a culatazos un can da familia e os rexistros nocturnos foron continuos. Antes de que mataran a seu irmán, Serafina foi levarlle comida ao cuartel da Feira e comprobou que Edelmiro xa non podía falar a consecuencia das malleiras recibidas, ao día seguinte aparece o seu cadáver en Bora. En outubro, pai e fillas son detidos pola noite, conducidos ao cuartel da Feira e posteriormente ao cárcere; o pai estivo detido sete meses e tivo que pagar unha elevada sanción económica. Esclavitud e Serafina estiveron un mes presas no cárcere de mulleres. As condicións do cárcere eran deplorables: piollos, chinches... había que matalos fervendo a roupa nunha ola. As presas non podían ir ao retrete polo día e habilitaron unha especie de reservado con sabas na sala, alí tiñan unha tina, o “zambullo”, no que facían as súas necesidades. Cando quedaron libres ían levarlle a comida a seu pai ao cárcere; prohibíronlles poñer loito polo irmán e aproveitaron a morte da avoa para vestir de negro.
No cárcere coincidiron con Emma Mourón Álvarez, natural de Tui, de 37 anos, que criaba o seu fillo Carlos, recén nacido e que compartía prisión coa nai. Emma era considerada nalgúns informes, de xeito pexorativo, como a “querida” ou a “amante” do alcalde Manuel García Filgueira, que estaba fuxido. Fora inculpada xunto a outras mulleres nun proceso que ao final foi sobresido.
Unha característica común á práctica totalidade das mulleres represaliadas directamente era a de ser compañeiras ou familiares de militantes republicanos, algunhas sen militancia política coñecida; este foi o caso de Josefa Arruty, muller do dirixente de Izquierda Republicana Tafall ou Custodia Gama, pertencente a unha familia, os Gama, duramente castigada. Ambas estiveron presas e sufriron outro tipo de castigos.
Foi instruída causa contra un grupo de mulleres, familiares de fuxidos, presos ou fusilados, acusadas de pretender utilizar como reféns a mulleres de oficiais do Exército para evitar que triunfase o golpe. Foron: Hermosinda Blanco, muller de Ricardo Villamil; Luisa Rodríguez Pereira “A Chinita”, xastra de Lérez; Victoria Méndez Laredo, María Fandiño Estévez “ A Fandiña”, integrante dunha coñecida familia de churreiros dos que un dos seus membros, Antonio, comunista, estivera implicado no asasinato de Secundino Esperón; Carmen Abuín Díaz, muller do fusilado Germán Fernández Gracia; Dolores Lois Soto, muller do executado Ramiro Paz e as citadas Emma Mourón e Elvira Lodeiro. A causa rematou con sobresemento o que non evitou a algunhas o cárcere por disposición gobernativa.
Otilia Meis Pintos, filla do “paseado” Ramón Meis, sufriu detención, procesamento e cárcere. Flora Rey Iglesias, enfermeira, foi xulgada por rebelión militar e condenada a seis meses e un día de cárcere.
A veciña de Lourizán Asunción Vilas López foi condenada por auxilio á rebelión a 12 anos de prisión sendo unha das pontevedresas presas no cárcere de Saturrarán. Dolores López Prieto, viúva, de Salcedo, tamén procesada por auxilio á rebelión, foi condenada a doce anos e un día que conmutaron por un ano de cárcere.
Josefa Olmedo Martínez “La Caramelera”, nativa de Pamplona e cuñada de Maruja Fandiño, foi detida por orde gobernativa e pasou máis de sete meses no cárcere, sen que tan sequera lle tomasen declaración. Por ocultar o fuxido Gerardo Bao (fusilado sen formación de causa) foron detidas en xaneiro de 1937 as veciñas de Salcedo Pilar, María e Josefa Padín.
Mercedes Torres Sánchez exercía a prostitución na Moureira, xunto con Benito Lago foi acusada de ocultar o fuxido José Pintos (“paseado”), procesada por auxilio á rebelión e estivo presa a disposición gobernativa.
Deixamos fóra desta relación, na espera de novas entradas, ás funcionarias depuradas e ás mulleres detidas nas décadas do 40 e 50 por actividades de apoio á guerrilla ou por actuacións relacionadas co abastecemento e o estraperlo a pequena escala.

sábado, 19 de septiembre de 2015

"Un cesto de mazás", un libro imprescindible sobre a represión.


Pasaron algúns anos dende que o cineasta austríaco Günter Schwaiger, coordenador do ciclo “Imaxes contra o esquecemento”, fixera as seguintes preguntas:
Que lles pasa a tantos historiadores españois para que teñan tanto medo á memoria da xente? Dende cando a memoria non serve para testemuñar a verdade? Ou acaso nos xuízos non fan falla testemuñas para condenar a alguén? Xa non vale o testemuño dun fillo que veu como fusilaron a seu pai para testemuñar o horror do fascismo? Chegamos a tal arrogancia académica que as vítimas teñan que pedir permiso ós historiadores para saber se o seu sufrimento foi verdade ou simplemente un espellismo?.
Dende aquela, a consideración das fontes orais foi mudando pero son coñecidas as reticencias cara elas de moitos historiadores; é certo que algunhas veces son mal utilizadas, asumidas de xeito acrítico. Como as demais fontes, deben ser tratadas con rigor e ser obxecto de, como mínimo, as mesmas cautelas. Se hai un campo onde estas fontes son imprescindibles é no da investigación sobre a represión, no que contribuíron a abrir novas liñas de traballo e a prestar atención a parcelas esquecidas ou pouco tratadas nas publicacións. Houbo sectores da poboación que non contaron co mesmo acceso á produción de documentación escrita que tiveron outros máis privilexiados; tamén houbo actuacións represoras que apenas deixaron pegadas na documentación: prisión gobernativa, rapados e outras aldraxes a mulleres, participantes nos “paseos”, etc.
Ademais os testemuños orais achegan a dimensión máis humana da historia: os sentimentos, as emocións, a experiencia de como viviron os feitos as vítimas e os seus.
Todo o anterior ven a conto da publicación dun libro baseado fundamentalmente na historia oral: “Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu”, do que é autora Montse Fajardo Pérez, que xa fixera unha incursión, máis limitada, nesta temática co libro Matriarcas. Mulleres en pé de vida; de feito, a especial sensibilidade de Montse sobre o papel desempeñado polas mulleres está presente en cada un dos apartados do seu novo libro.
Ao meu entender “Un cesto de mazás” é un exemplo de como se debe facer historia a través das fontes orais; detrás de cada unha das historias que nos conta hai un exhaustivo traballo de documentación, de consulta de fontes arquivísticas e hemerográficas, de contraste de informacións, que permite á autora combinar na narración o punto de vista interno, limitado, propio dos relatos da memoria, co externo, global, propio dos historiadores.
Seguindo ao profesor Fontana, o historiador debe tentar acadar o máximo rigor e veracidade posibles, non ocultar nin manipular fontes, pero non ten por que ser neutral (e de feito ningún o é). Montse Fajardo non presume de distancia nin de neutralidade: “ Si, é verdade, eu estou dun único lado, do lado das vítimas. De todas as vítimas. Do único lado en que podería estar: o dos silenciados”
O libro consta de dezaseis apartados, dezaseis historias nas que aparece a loita pola vida, os sufrimentos das vítimas e as súas familias tras o golpe de estado franquista. É un libro duro, emotivo, que chega ao corazón, no que aparece o mellor das persoas (a solidariedade, o compromiso, a bondade...) pero tamén a maldade, a crueldade, dos verdugos e de sectores da poboación que se sumaron ao carro dos vencedores e que insultaban, delataban e perseguían aos “roxos”.
As mazás do cesto rompen o silencio e cóntannos a súa historia. A xeito de exemplo, só un parágrafo do capítulo “O carpir dos barcos” que trata da familia do sindicalista de Marín Amando Iglesias:
Tiña 74 anos cando enfermou. Manuela a Bichona perdeu a memoria, pero nin con esas logrou esquecer o que pasou. Nunca. Sempre estaba co seu home a voltas e unha tarde, cando tiña 77, díxolle á súa neta que ía deitarse pero non foi para a cama, saíu da casa, botou a andar e durante días non se soubo nada dela. Ao cabo dunha semana atoparon o seu cadáver no río, moi preto de onde fusilaran a Amando. Fora onda el pero como non vía ben debeu caer na auga. Aquel día Manuela saíra da casa para facer de novo o camiño que fixera detrás da camioneta, o camiño que fixera co ataúde do seu home ás costas, sen saber que esta vez levaba ao lombo a súa propia morte. Porque a ela tamén a mataron eles. A ela tamén.
En resume, un libro de lectura imprescindible para entender a verdadeira dimensión do terror implantado a partir do 20 de xullo de 1936.

jueves, 10 de septiembre de 2015

"...y de genio levantisco". Elisa Fernández Gracia.


Aparte das tres persoas que faleceron, non hai moita información contrastada sobre o número de feridos entre as persoas que, o 20 de xullo de 1936, formaban parte dos grupos que estaban nas inmediacións do goberno civil e do concello en Pontevedra. Unha delas foi Elisa Fernández Gracia, solteira, de vinteún anos, de Campolongo, con domicilio na praza da Constitución; pertencía a unha familia de esquerdas pois era irmá de Germán Fernández Gracia, afiliado a Izquierda Republicana, quiosqueiro da estación do tren, que foi fusilado o 28 de decembro de 1936. Elisa tiña militancia socialista e era asistente habitual a manifestacións e desfiles das milicias. Os informes do concello e da Guardia Civil (pouco fiables e contraditorios en moitos casos) afirman que “observa buena conducta, es de ideas comunistas y de genio levantisco” ou “formaba parte de las milicias femeninas yendo uniformada en las manifestaciones.” Foi unha das mulleres pontevedresas procesada por participar no intento de rapto de mulleres de militares; esta causa acabou en sobresemento por non haber probas suficientes para condenalas.
O 20 de xullo, Elisa, a súa cuñada Carmen Abuín e outras mulleres estiveran na alameda pontevedresa ata cerca das oito da tarde; cando soaron os disparos das tropas que saían do cuartel de artillería atopábanse diante do concello. Elisa foxe cara a zona da igrexa de santa María e foi alcanzada polos disparos. Nun primeiro momento levárona á Policlínica e logo ao Hospital; nos primeiros días de agosto condúcena ao cárcere instalado na Escola Normal.
Comezaba así un tempo de cárcere, a disposición gobernativa, no que destacou polo seu carácter forte e durante o que tivo algún incidente con membros da Guardia Cívica que facían garda no cárcere. Algúns destes “cívicos” mantiñan un trato degradante cara ás reclusas. Aparece documentado un incidente ocorrido en outubro de 1937 entre Elisa e o garda cívico Amadeo Salustio, portugués, que estaba vixiando o reparto do almorzo no departamento de presas políticas; o “cívico” denuncia que Elisa fixera 
señales con las manos hacia los reclusos que se encontraban en el pasillo; como asimismo levantando el puño; en vista de lo cual el que declara, dirigiéndose a la misma le recriminó de una manera enérgica por su manera rebelde de proceder, diciéndole “que no lo volviese a hacer, pues de lo contrario le pegaría dos tiros” esto lo dijo con el objeto de atemorizarla.
 Elisa recoñoce que tivera discusións co “cívico”, con quen tiña enemistade pois aquel sempre se metía con ela dicíndolle que o seu irmán estaba moi ben fusilado e que en vez de dous tiros deberían darlle catro. Tamén asegura que Amadeo Salustio sempre a molestaba con frases como  
Que querían el amor libre, que ya lo teníamos. Y que el día menos pensado él, tenía medios para darle a la declarante y a las que ya fueran puestas en libertad Maruja Fandiño y una tal Rosalía de Villagarcía, un paseo.
Declaracións de varias testemuñas e o recoñecemento do lugar dos feitos parecen darlle a razón a Elisa fronte ás acusacións e, o 16 de decembro de 1937, o auditor pide o sobresemento provisional da causa por non desprenderse do actuado indicios suficientes para estimar a perpetración dun delicto.

miércoles, 19 de agosto de 2015

Lembranza en negro


       Adicado a Enrique Acuña, bo coñecedor da historia (e da intrahistoria) pontevedresa  daqueles anos e dos que seguiron.
O seu nome, xunto co de Víctor Lis e algúns outros, sempre está na boca das testemuñas que nos falan dos “paseos” na bisbarra pontevedresa. A morte nunca foi allea á súa biografía, dende a profesión de sepultureiro do seu pai ata a traxedia familiar nos seus anos máis novos: dous irmáns, Isolino e Evaristo, de 20 e 17 anos respectivamente, que emigraron en busca de fortuna ao Brasil no 1912 foron degolados polas tropas do coronel Fabricio Vieira en novembro de 1914; o seu asasinato dou lugar a unha intervención do deputado Eduardo Vincenti no parlamento español.
Ligado ao partido de Acción Popular, do que foi vogal en 1935, acompañaba a Secundino Esperón cando o mataron en maio de 1936. Ás cinco da madrugada do 30 de maio foi detido pola Garda de Asalto no lugar das Laxiñas, no seu Mourente natal, como consecuencia de ser denunciado por un garda municipal por estar armado e pretender dar morte a algunha persoa en vinganza pola morte de Esperón. Tiña como profesión a de ferreiro. Nunha declaración afirma que, antes do golpe militar, fora presidente do sindicato antimarxista de oficios varios a causa do cal fora detido, extremo que non puidemos comprobar documentalmente.
Foi un dos primeiros voluntarios que se presentaron no cuartel da Guardia Civil en xullo do 36 e aparece nos partes de servizo das milicias de Acción Popular, nos meses posteriores ao golpe, figurando como xefe de garda. A súa actuación sempre estará ligada ao grupo de “cívicos” que baixo as ordes de Víctor Lis e de mandos da Guardia Civil actúa na represión máis cruenta nos días posteriores ao golpe. Testemuños orais e escritos así como documentación oficial e tamén declaracións ante as autoridades do propio protagonista, dan conta de moitas das súas actuacións.
No diario elaborado por un detido aparece como un dos torturadores máis crueis que exercían no cuartel do antigo campo da feira pontevedrés; alí, nas cortes dos cabalos, funcionou un lugar de tortura e morte para moitos pontevedreses. Tanta era a sona da crueldade deste personaxe que, nos interrogatorios, os presos eran ameazados con serlle entregados como maneira de facelos aceptar as acusacións; así o manifestan moitos deles diante dos xuíces. Actuou como acusador en diversos atestados, varios contra veciños de Mourente.
Unha lectura da entrada “Na morte deAlberto Martínez” pode servir como exemplo do seu papel en determinadas actuacións. Aparece tamén relacionado con casos de corrupción, como o protagonizado por un conxunto de “cívicos” acusados de expedir salvocondutos aos irmáns Rodríguez Fariña a petición da muller do médico de Poio Ramón García “O Paxaro”.
Cando as sinistras actuacións deste grupo de “cívicos” e falanxistas resultou inconveniente para os vencedores, o protagonista desta entrada marchou á fronte encadrado nun batallón de falanxistas pontevedreses; temos novas da súa estancia en Salamanca en febreiro de 1937 pois aparece nunha relación de solicitantes de madriñas de guerra. Tamén serviu no Tercio. Tras o remate da guerra tivo algún incidente violento e unha condena por lesións da que foi indultado.
Escoitei moitas veces relatos de pequenas vinganzas contra el, como deterse un coche na parada do autobús convidándoo a subir e, cando se acercaba, deixalo plantado; tamén lle atribuían o costume de facer unha marca no cinto por cada vítima, etc. Son historias a camiño entre a realidade e a lenda. Tamén  escoitei de xeito repetido que traballara como verdugo oficial; esta afirmación, da que foi imposible comprobar a súa certeza, debeu estar moi estendida por Pontevedra e así o recolle o número 2 do xornal clandestino Mundo Obrero (25-12-1946), editado polo Comité de Galicia do PCE, nunha columna asinada por “Roque” e titulada “Vacantes de Verdugo.” Logo de facer consideracións sobre a perigosidade de ser verdugo “oficial” debido a que eran eliminados pola “mano justiciera del pueblo”, refírese ao noso personaxe, a quen cualifica como “tristemente famoso asesino” e acúsao de ser autor material da morte de 238 antifascistas galegos:
-238 agujeros hechos en su cinto, que ostenta como trofeo- ha cursado instancia solicitando una de las vacantes de verdugo “con título.” Se dice que es la de Burgos. Ese monstruo que actuó a sueldo de la Falange y Guardias cívicos de Pontevedra, cometiendo los más repugnantes asesinatos, merece justamente, una plaza oficial de verdugo por su gran experiencia y técnica. La cuestión está en saber si antes de su debut, no aparece en una esquina muerto a pedradas como perro rabioso que es.
Non se explicita o método seguido para contabilizar os asasinatos pero o humor negro do escrito ten o seu aquel.
Hai ocasións nas que a historia achégase a quen a escrebe: semanas despois do golpe militar, Benito Castro, veciño tamén de Mourente, volvía á casa ben entrada a noite levando pola corda unha xovenca que mercara e trouxera a Pontevedra na camioneta da empresa. Xunto o carballo de santa Margarida doulle o alto a partida de Lis. Acusábano de roubo e de  romper o toque de queda e a situación prestábase a darlle o “paseo” sen máis miramentos; pero un dos compoñentes intercedeu diante de Víctor Lis: Eu respondo por este home que é o encargado da empresa de Bugallo. Non sen resistencia deixárono marchar. Benito, home afoutado e sen medo, non mirou para atrás e chegou á casa tremendo. Moitas veces me contou estes feitos e así souben como a miña existencia ou, polo menos, algunhas circunstancias dela, ten unha débeda con aquela persoa, pois Benito era meu avó e foi salvado pola intervención do protagonista desta entrada: Manuel Mirón Vázquez “O Cheira.”

viernes, 31 de julio de 2015

As "corseteiras": unha familia solidaria.


Procedían de Ourense e vivían na rúa Michelena, número 6, en Pontevedra. María ( nacida no 1883), Aurora (1891) e Nicereta (1900) Martínez Fernández estaban solteiras e adicábanse ao oficio de corseteiras, de aí o alcume. O seu irmán Arturo era dono dun taller e almacén de mobles e tamén estaba considerado de ideas socialistas; a súa sobriña Peregrina Martínez Santos, mestra, merece unha entrada aparte.
Na Pontevedra dos anos da 2ª República, as tres irmás e sinaladamente Aurora, participan activamente nas manifestacións e desfiles organizados polos partidos marxistas, destacan no recibimento de Margarita Nelken e da Pasionaria e, en outubro de 1934 encargábanse de visitar no cárcere a detidos, sobre todo de significación socialista, sendo consideradas como intermediarias do Socorro Rojo Internacional, así mesmo aportan donativos para os presos.
Precisamente esta actividade de solidariedade e axuda aos presos será un dos motivos aducidos para detelas o 26 de xullo de 1936. Os días posteriores ao golpe levan roupa, alimentos, tabaco e diñeiro aos detidos no cárcere e na escola Normal e son consideradas pola policía como enlaces entre aqueles e o exterior. Como se escribe nun informe:
frecuentaban la cárcel diariamente, al objeto de alentar a los allí detenidos, dándoles esperanzas por el triunfo marxista; a las personas que no simpatizaban con su idea, las insultaban, incluso a las de orden que viven contiguo a la Cárcel, suponiendo que pertenecen al Socorro Rojo Internacional, aunque de ello no hay comprobante alguno.
Permanecen detidas ata o 25 de outubro de 1937 sen abrirse proceso algún e foron postas en liberdade tras imporlles unha multa de mil pesetas a cada unha, tras unha visita de inspección do capitán do corpo xurídico Ramón Rivero de Aguilar.
Pero non acaban aquí as súas penalidades: para os partidarios do golpe non era suficiente o castigo porque como manifesta un deles: 
le llama poderosamente la atención que esta clase de gentes anden por la calle, por creer sea un peligro, en el orden político-social, para el nuevo Régimen que la ESPAÑA honrada propugna y que es el Nacional Sindicalista.
 Un antigo membro de Dereita Galleguista reconvertido en falanxista manifesta tamén que “no encajan en el nuevo Estado Nacional Sindicalista y la permanencia de las mismas por la calle es perjudicial para el nuevo Régimen.”
Articúlase pois unha nova ofensiva con acusacións como a de subministrar armas, que tiñan escondidas nos seus mandís, aos obreiros que, o 20 de xullo, tentaban facerlle fronte ao Exército, e de excitalos á rebelión.
Dous suboficiais do servizo de información da Guardia Civil son os encargados de iniciar as dilixencias o 28 de marzo de 1938 para “exclarecer la actuación político-social” dunhas mulleres que, segundo as denuncias, “son verdaderamente extremistas y peligrosas para el orden público.” Seguindo o protocolo acostumado chaman a declarar a diversas persoas consideradas “de orden y solvencia moral”, a maioría gardas cívicos e falanxistas.
As acusacións proceden de rumores, suposicións, comentarios oídos a terceiros, e non de observación directa dos feitos. Disponse o arresto domiciliario na casa do seu irmán Arturo, na rúa Joaquín Costa. Ábrese a causa 379/38, na que tamén están procesadas a súa sobriña Peregrina e a militante comunista María Fandiño; o instrutor é o capitán de artillería Ángel del Río. Ante a inconsistencia das probas, o auditor Hernán Martín- Barbadillo pide o sobresemento provisional.

sábado, 11 de julio de 2015

Sobre curas e "cívicos"


O papel da igrexa católica como lexitimadora do golpe militar do 36 é ben coñecido; tamén sabemos da postura maioritaria dos cregos a favor do novo réxime, que contrapoñían ao laicismo do republicano. Menos coñecidas son as actitudes de cregos que defenderon os seus feligreses fronte ao terror da represión e que algúns pagaron coa vida e co cárcere, como, por exemplo no clero vasco, que tan detalladamente estudou Anxo Ferreiro Currás ( Consejos de guerra contra el clero vasco (1936-1944). La iglesia vasca vencida. Ed.Intxorta 1937 kultur elkartea. Donosti, 2013). Coñécense algúns casos de participación activa de cregos nos grupos represores, pero neste caso o máis singular é a ostentación da xefatura dun deles.
Todo comeza en febreiro de 1938 cunha denuncia dun falanxista diante do xefe local de Vilagarcía: a Guardia Cívica de Tremoedo non solicitara o ingreso en FET y de las JONS nin na Milicia Nacional no prazo determinado polas autoridades, logo da disolución das distintas agrupacións de “gardas cívicos” e a unificación das milicias. Ademais de estar armados con pistolas e escopetas, continuaban “creyéndose en posesión de diversas facultades reservadas a los Agentes de la Autoridad – de las que carecen en absoluto - y obrando como si tales fuesen, en plena usurpación de funciones.”
Non pasaría de ser unha das acostumadas denuncias entre os distintos grupos dos sublevados se non fora pola singularidade de quen estaba á fronte da decena de compoñentes de dita Guardia Cívica: o crego Manuel Doval. Na propia denuncia, varias testemuñas afirman que oíran dicir ao cura durante a misa “Que pagasen todos la limosna de ánimas pues el que se demorase en el pago de la misma sería requerido para ello por los guardias cívicos.” O forte carácter do cura queda reflexado cando, a raíz dun incidente por ter (o cura) os cans soltos, detivo a un veciño que llo recriminou e díxolle que tiña “poder para matar y pegar por virtud del cargo que ostento” ao tempo que lle pegaba.
Examinando as denuncias, conclúese a afición por pegar que tiña o cura, non reparando en que fosen mulleres, pois unha estivo na cama varios días a consecuencia da malleira. Un escrito asinado por tres veciños reafírmase nas denuncias: “el pueblo de Tremoedo no puede hablar porque el Sr. Cura le tiene atemorizado con sus violencias.”
O cura, de 32 anos, no referente á esmola das ánimas, declara que se limitou a lembrar o pago na misa pero sen conminación ningunha; recoñece que o incidente dos cans ocorreu como aparecía na denuncia, pero xustificouno coa hostilidade do denunciante contra a súa persoa. Sobre a malleira a unha muller “se limitó a pegar a la Ramona Montoto un bastonazo en la cadera, cuando esta se negó a acompañarle.” Afirma que as persoas que o denunciaron son inimigos persoais seus e ademais non son xentes de orde e algúns anticristiáns. Xustifica, por “desidia o dejadez” e por estar alonxados de Vilagarcía e Cambados, a non entrega de armas nin facer os trámites da unificación.
Ramona Montoto relata con todo detalle o sucedido co crego:
 “y como la declarante ignoraba el sitio a donde pretendía llevársela, tuvo miedo por la hora en que se producían aquellos hechos; y en vista de que titubeaba en acatar dicha orden, el Sr. Cura, como Jefe de la Guardia Cívica, ordenó a uno de los que le acompañaban que la sacara fuera de la casa a rastras, como así hizo [...] Y cuando por este modo violento se la llevó hasta fuera de la casa y a presencia del Sr. Cura, este le pegó dos vergajazos en el muslo izquierdo, tan fuertes que le hicieron caer al suelo, produciéndole dos largas contusiones que además de retenerla en cama durante quince días, más o menos, y de requerir asistencia facultativa por el médico de Leiro Adonis Maquieira, todavía conserva parte de la cicatriz.” 
Tamén foron maltratados os pais de Ramona ata que, alarmados polas voces de auxilio que daban e a chegada de veciños, os “cívicos” fuxiron.
O instrutor do caso non parece outorgarlle moita importancia aos feitos:
 “que los cargos referidos aparecen a primera vista desprovistos de verdadera relevancia y desvirtuados por el matiz ideológico de los denunciantes como hostiles o desafectos a la Causa Nacional, constituyendo una mera manifestación de enconos y rivalidades locales.”
 Conclúe que, en definitiva, ao fin cumpriuse a orde de disolución e entregouse o armamento sendo o cura separado do cargo “que con notoria impropiedad ostentaba.” Pide o sobresemento.
(Documentación: AIMN.)

viernes, 12 de junio de 2015

Unha esquela pola pataca.


Nunha entrada anterior [ Unha protesta de mulleres pontevedresas] reproducimos o texto dunha folla clandestina repartida en Pontevedra a principios do ano 1948. Nesta ocasión damos a coñecer un curioso texto, tamén clandestino e así mesmo repartido na capital pontevedresa, entre outros lugares no cine Coliseum; a folliña en cuestión levou consigo a detención e conseguintes “hábiles interrogatorios” de varios pontevedreses no ano 1947. Un dos detidos era empregado do despacho do avogado Tomás Salgado (antigo membro do Partido Radical) e de quen a policía afirma que era “ persona profesional de la Política, Capitán de Grupos de Tendencias Personalistas [?] por su aspiración a figurar e influír en la Política Provincial.” No consello de guerra aberto resultou condenado por rebelión militar un coruñés con antecedentes penais, Felipe Louzán (a) Ardilla, que tería que cumprir íntegra a pena de catro anos de cárcere. Todo parece indicar que acabou pagando por unha autoría que non era súa; os escritos habería que atribuírllelos á organización do Partido Comunista en Pontevedra, que contaba con expertos redactores como Carlos Crespo Alfaya e Eugenio  Urtaza Norat.

A folla forma parte dunha serie de panfletos críticos coa política franquista de abastecementos e que tiveron certa difusión en Pontevedra a finais da década dos corenta.

VII aniversario de la patata

La familia del tubérculo, ruega al Gobierno una oración por su eterno descanso, que falleció en España despues de la “GLORIOSA CRUZADA DE LIBERACIÓN”.

Sus desconsolados padres: Dª Alubia y D. Azúcar (en el extrangero) sus hermanos D. Garbanzo (desaparecido en acción de guerra) D. Arroz (religioso de clausura) Dª Alubia y Dª Lenteja (incorporadas a la Marina y al Ejército respectivamente) Tios, primos y demás parientes (divorciados).

Ruegan a sus amistades y compatriotas encomienden su alma a las Straperlistas, y asistan a los funerales que se celebrarán en las Comisarías de Abastecimientos y Transportes.

El duelo se despide al día siguiente de cobrar el sueldo... el que trabaja.

Pontevedra 1º de abril de 1947

Agencia Funeraria: La Fiscalía de Tasas.

lunes, 11 de mayo de 2015

No cabodano do fusilamento de Francisco Reiriz.


Francisco Reiríz Lago tiña 34 anos, estaba solteiro, era toneleiro de profesión, vicepresidente de Izquierda Republicana e primeiro tenente de alcalde do concello de Vilanova de Arousa. Na indagatoria que aparece no seu proceso consta que tiña un metro e setenta e seis centímetros de altura, pelo castaño escuro, ollos grises, parálise nas extremidades inferiores e atrofia da perna esquerda.
O seis de setembro de 1936 foi detido por un grupo de falanxistas. No atestado, con redacción peculiar, faise constar que 
en funciones de alcalde [...] tomó por cuenta propia el mando supremo de aquella localidad, ordenando que todas las personas de orden les daba un plazo de veinte minutos, para que entregasen las armas que tuvieran, y que por el contrario, sería el citado pueblo un segundo Casas Viejas.
Reiríz recoñece ter convocado aos veciños para que entregasen as armas, por ser orde do gobernador civil, que se entregou recibo por cada arma recollida e que foron entregadas á Guardia Civil o 21 de xullo; tamén manifesta que no 1931 organizara un sindicato afecto á UGT.
A Guardia Civil considérao elemento destacado da CNT, lembra que nunha folga no ano 31 distinguírase por coaccións e agresións aos traballadores que se negaban a secundala. Indica que suplantou ao alcalde e ordenou a recollida de armas e que, armado cun revólver, golpeou a algúns veciños que discutiron con el. Remata conceptuándoo como “sujeto de acción y peligroso”.
O novo alcalde nomeado polos golpistas, Luis Rodríguez, informa que “vino actuando siempre en cuantas huelgas o conflictos sociales existieron en este municipio, siendo el alma de la organizacion del Sindicato de la C.N.T.”
Foi procesado, xunto co concelleiro Manuel Chaves Dios, por un delito de rebelión militar, coa circunstancia agravante da perversidade dos delincuentes. O consello de guerra celébrase no pazo da Deputación pontevedresa ás catro da tarde do 18 de marzo de 1937. Cando lle conceden a palabra, Francisco Reiriz considera excesiva a pena solicitada e engade que non é un elemento tan perigoso como din os informes, xa que seguiu á fronte da alcaldía nove días despois do golpe con consentimento das autoridades, procurou manter a orde e non foi detido ata o seis de setembro “y que su actuación no debía de ser tan perjudicial cuando estuvo en libertad tanto tiempo.”
Francisco e Manuel son condenados a morte e o segundo foi indultado.
O 11 de maio de 1937, ás seis da mañá, na avenida de Bos Aires, unha sección de artillería foi a encargada da execución. A defunción certifícase constando como causa da morte inmediata unha hemorraxia interna e causa fundamental “una herida por arma de fuego en la región orbitaria izquierda con enucleación y tres en la región precordial.”
O cadáver foi conducido ao cemiterio de san Amaro, no que foi enterrado na sepultura número corenta e un, primeira fila e segunda zona.
O seis de abril de 1940 abriríaselle expediente por responsabilidades políticas. O seu irmán Ramón morrería nun campo de prisioneiros en Francia.
Dos sufrimentos e da loita pola vida das persoas máis próximas a Reiriz e a outros represaliados daranos conta Montse Fajardo nunha esperada publicación; hoxe, no día en que se cumpren 78 anos, lembramos o proceso que o levou á morte.

lunes, 13 de abril de 2015

A Tapatía guerrilleira.


O vindeiro 18 de abril, en Abellá (Frades) terán lugar unha serie de actos “na memoria dos tres Manueles”, Manuel Ponte, Manuel Díaz e Manuel Rodríguez, que atoparon a morte en Fontao o 21 de abril de 1947.
En xaneiro dese mesmo ano, máis de dúas ducias de gardas civís, policías e un funcionario do departamento de Información do Movimiento detiveron ao veciño de Rutis, Ramón Seoane Suárez; entre os obxectos incautados figuraba un papel escrito a imprenta coa letra dunha canción e que indicaba no seu encabezamento que debía cantarse co ritmo da “Tapatía.” Este escrito aparece na documentación da causa 36/47 contra o pontevedrés Alejandro Gama e outros (AIMN) e que utilizamos para a transcrición.  ( Unha versión con pequenísimas variacións xa foi publicada por Luis Lamela no Anuario Brigantino nº26 en 2003 nun interesante artigo sobre a “guerrilla del llano”)
A Tapatía era unha canción mexicana moi coñecida e que interpretaba o actor Jorge Negrete na película “Así se quiere en Jalisco”.
Ay que orgullo tengo de ser camarada
de ser camarada de los guerrilleros
que están en el monte
y entregan su vida para liberarnos de esta tiranía.
¡Vivan las guerrillas!
Aquí no queremos Franco ni Falange
que son los culpables de nuestra ruina
sino que queremos a hombres valientes
como Manuel Bello y Cristino García
¡Vivan las guerrillas!
Yo tengo el orgullo de ser un marxista
y estar afiliado con los comunistas
donde nos juramos con la propia vida
terminar con Franco y con su pandilla
¡Vivan las guerrillas!
Valientes guerrilleros
cunplir (sic) con vuestra consigna
que es de terminar con Franco
Falange y su camarilla
Gritos de la libertad en horas de fuego
esa es la consigna de los guerrilleros
Vivir en el monte
luchar con denuedo
para libertar
a los hijos del pueblo.
¡Salud guerrilleros!

Manuel Bello e Cristino García foron guerrilleiros executados no ano 1946.
Esta canción non debeu ser cantada moitas veces en voz alta pois as circunstancias non eran as máis axeitadas. O día 18, nas terras de Abellá, no pensamento ou a viva voz, estarán presentes os sons da Tapatía guerrilleira.

miércoles, 8 de abril de 2015

María Alonso Perez, mestra de Mourente.


Adicado a Helena Torres, Mª Xesús Escudeiro e Montse Fajardo, coordinadoras
 da exposición "do Gris ao Violeta"
A la Yglesia no la ví nunca en ésta, ni aún en aquellas solemnidades que por su rango o tradición atraían a los mismos descreídos de Mourente, tampoco figura para nada en los anales parroquiales.
Deste xeito informa o cura párroco de Mourente, Ignacio Triñanes Fariña, de tan mala lembranza na parroquia, sobre a mestra da escola de nenas número 1 María Alonso Pérez. Continúa coa afirmación de que arrancara da porta da entrada da escola unha estampiña do Sagrado Corazón e, o primeiro de maio, adornara de xeito extraordinario o balcón “para regodearse luego con la chusma callegera (sic), como lo hizo, mientras la gente se encerraba en sus casas." Aínda así recoñece que “En lo restante de la enseñanza, muy bien.”
María foi unha das mestras suspendidas polo gobernador Macarrón o 31 de agosto de 1936.
O complexo proceso de depuración e revisión que padeceu é unha mostra clarísima da parcialidade e falla de consistencia, amen da falsidade, dos informes emitidos; pode constatarse como as mesmas institucións (Guardia Civil, Concello...) emiten informes totalmente contraditorios, podemos sospeitar que dependendo das influencias, en contra ou a favor da mestra, de diversos persoeiros. Vexamos algúns exemplos:
a un (sic) cuando no pertenece a ningún partido político es afecta al Frente Popular donde militaba su esposo, en la escuela según versión pública hizo retirar el crucifico (sic) y los niños que tenían estampas en los libros se los hacía romper y acosejaba (sic) la no asistencia a la iglesia. (Informe Guardia Civil, 25-2-37).
ha observado y observa intachable conducta moral, pública y privada, goza de igual concepto en el orden profesional y religioso, es apolítica sin que figure afiliada a ninguna sociedad ni organizaciones de resistencia y está considerada como afecta a la Causa Nacional. (Informe Guardia Civil, 16-9-39)
es de buena conducta, simpatizante del marxismo ya que cuando venían de su parroquia manifestaciones de ese carácter adornaba el balcón de la escuela. Se la considera antirreligiosa por haber arrancado la estampa del Sagrado Corazón de Jesús de la entrada, así como por aconsejar a las niñas y premiarlas para que no fuesen a la iglesia. (Informe concello, 4-3-37)
según datos proporcionados por Agentes de Autoridad y testimonio de personas veraces, es de intachable conducta. (Informe alcaldía, 2-9-36)
 Os dous últimos informes son asinados pola mesma persoa: o alcalde Eladio Becerril.
Logo da suspensión inicial, o reitorado sanciónaa cun mes de suspensión e volve a ocupar o seu posto; o informe da inspección, asinado por Gerardo Álvarez Limeses, recolle as diversas acusacións que se lle facían e considera que “ la conducta de esta maestra no es en el orden ciudadano ni el profesional de las que pueden considerarse ejemplares, siendo calificada solamente de “regular” por la Inspección”; propón a sanción dun mes de suspensión.
Pero a postura máis dura contra a mestra virá da man da Comisión Depuradora pontevedresa que, con data 27 de abril de 1937, acorda sancionala coa separación definitiva do ensino baixo a acusación de: Anticatólica, simpatizante do Frente Popular, aconsellar e premiar ás nenas para que non fosen á igrexa e de adornar a escola o primeiro de maio con motivo da “fiesta del marxismo”. De nada valeron as consideracións que aparecen no informe asesor, que consideraba demasiado dura a sanción por non atoparse debidamente comprobados os cargos máis graves polo que propoñía a suspensión por dous anos e traslado.
Contra estas sancións, María presenta diversos escritos de alegacións nos que desmonta punto por punto as acusacións e reitera os innumerábeis informes e testemuños que acreditan a súa conduta.
En xuño de 1939 mantén que os informes acusatorios están “desprovistos de todo fundamento y no ajustados a justicia y verdad.” Por aquelas datas o cura Triñanes foi chamado a comparecer diante da comisión depuradora e ratifícase no informado, pois aínda que en 1937 e 38 a mestra cumprira o precepto na parroquia, non había nada que puidera modificar o afirmado sobre a súa conduta no “período revolucionario.”
En abril de 1940, a comisión superior dictaminadora dos expedientes de depuración recoñece que os documentos aportados pola mestra desvirtúan “en su casi totalidad” os cargos e admite que os relativos á súa actuación relixiosa estaban baseados principalmente nos informes do párroco de Mourente que “disminuyendo sucesivamente la gravedad de sus acusaciones” acabaría por manifestar finalmente que “no figuró nunca en los anales de la parroquia.” A sanción revísase e convértese en traslado dentro da provincia, perda de haberes no tempo da suspensión e inhabilitación para cargos directivos e de confianza en institucións culturais e do ensino. (Orde do 24-4-40).
María Alonso solicita a revisión da sanción, aporta certificados como o do servizo de información e investigación de FET y de la JONS, no que se afirma que é persoa afecta á Causa Nacional e de conduta pública, privada e profesional intachable. A mestra conta co apoio da influínte familia Olmedo da que era empregado o seu home, afiliado a Unión Republicana. Lembra a documentación aportada no expediente: Declaracións favorables dos pais das nenas das escolas nº1 e 2 nos que testemuñan a súa “adhesión incondicional al buen proceder sobre lo religioso y excelente conducta profesional”; testemuños ao seu favor do médico Loureiro Crespo, de significados gardas cívicos e militares veciños, de José Olmedo, do alcalde de barrio José López Fondevila, do alcalde de Pontevedra, capeláns do Asilo e do Hospital, do tenente coronel da Guardia Civil, do delegado de Orden Público, recibos de ter cumprido o precepto pascual o ano anterior ao golpe e de contribuír ao sostemento do Asilo e axudar o clero.
Nesta alegación apunta á posible causa da persecución sufrida:
 Ni siquiera, aún poniéndose en juego todos los resortes de la intriga y de la pasión política por personas de marcado carácter galleguista, que tenían y tienen interés por ocupar su Escuela, ha podido ser objeto de la más mínima sanción de orden económico ni de ningún otro por las Autoridades Civiles ni militares.
 Asegura que esa intriga derívase da súa defensa do dereito a ocupar a escola de nenas nº1, no Camiño Novo, e que, logo de serlle adxudicada por concurso, atopouse con que estaba ocupada por outra mestra porque
 el Inspector de zona, de ideología galleguista, trasladó sin doctrina legal a la Maestra (de familia también galleguista) de la Escuela nº 2, [Casas Novas] que venía sirviendo muchos años, para la nº 1.
Certa ou non, a acusación parece referirse á mestra Josefa Iglesias Vilarelle e ao inspector Gerardo Álvarez Limeses, os dous antigos membros de Dereita Galleguista, grupo que na práctica totalidade adoptou unha postura colaboracionista cos sublevados. Temos documentada a existencia de reclamacións feitas por María contra as irregularidades na localización destas escolas ata a resolución definitiva (BOE 22-5-34) que concede a razón a esta mestra.
Por fin, o 23 de xaneiro de 1941, rematan as penalidades da depuración para esta mestra pois a revisión do expediente determina a confirmación no seu posto.

Fontes: Documentación Archivo General de la Administración, BOE, xornais da época.