sábado, 14 de marzo de 2015

Pontevedreses no forte de san Cristóbal

"Non des a esquecemento" é o título dun blogue no que, dende fai tempo, cóntannos historias de vida de persoas que padeceron a represión. Ao seu autor, Lois Bará, vai adicada esta entrada, pola súa sensibilidade e compromiso, ao longo de moitos anos, coa historia esquecida.

No universo carcelario do franquismo hai unha serie de prisións míticas como San Simón, O Dueso, Saturrarán, Figueirido, o forte de San Cristóbal, Valdenoceda... que foron lugar de sufrimento para moitos presos e presas que, nunha sorte de “turismo” carcelario, foron desprazados da súa terra nun castigo engadido á condena orixinaria.
Imos lembrar nesta entrada a veciños do concello de Pontevedra que participaron na fuga do 22 de maio de 1938 e tamén a aqueles que, presos no penal, optaron por quedarse na prisión ou que faleceron antes da fuga.
Foron tres os veciños da capital pontevedresa que participaron na fuga e que foron capturados polas tropas franquistas ou polos requetés:
José Arribas Hermida, natural de Lérez e casado en Mosteiro, foi dirixente da Fraternidade Obreira dos Agricultores e alcalde republicano daquel concello. Condenado a cadea perpetua, participou na fuga, foi capturado e condenado por este feito a 17 anos 4 meses e un día por auxilio á rebelión.
Timoteo Blanco Abal era xoieiro. Foi condenado a reclusión perpetua por participar nos rexistros domiciliarios en Campo Lameiro en xullo do 36. Anos despois, tras a caída do aparato do partido comunista, volve a ser xulgado na Coruña (causa 36/47), por dar apoio e aloxamento ao pontevedrés Alejandro Gama. Condenado a 1 ano de prisión.
Maximino Domínguez Ramírez, de 52 anos, mariñeiro, vivía no barrio da Moureira e estaba emparentado cunha familia que sufriu moita represión: os Fariña. Estivera fuxido e, tras entregarse, foi xulgado; estivo preso tamén na illa de san Simón. (Información facilitada por Montse Fajardo)
Os presos que non participaron na fuga foron:
Laureano Bao Rúa. Canteiro, 43 anos, un dos seus irmáns (Gerardo) fora fusilado en Pontevedra. Laureano foi xulgado en Ourense. Morreu por embolia cerebral o 11 de decembro de 1937.
Raúl Casados Besada. Tiña 22 anos, latoeiro,  xulgado en Tui por rebelión militar.
Eladio Fernández Leiro residía en Bilbao onde estaba destinado como garda de asalto. Era natural da parroquia de Bora, estaba solteiro e tiña 29 anos. Foi xulgado por auxilio á rebelión e condenado a cadea perpetua. Dado de baixa no corpo de asalto o 17 de setembro de 1937. (BOE 19-9-37)
Ciriaco Licer Cons era baldeiro (nalgunhas fontes aparece como dependente) e tiña 35 anos. Encartado na causa 1098/36 por participar en requisas de armas en Xeve. Xulgado por un delito de rebelión militar foi condenado a morte, que posteriormente foi conmutada pola de cadea perpetua. Pasou a prisión atenuada o 26-8-1940.
Modesto David Pérez Estévez. Oficinista de 25 anos, estaba condenado a reclusión perpetua por un delito de rebelión militar.
Francisco Rio Barros foi xulgado en Ferrol por traizón e tiña 67 anos.
Juan Silva Názara tiña 22 anos, xulgado en Pamplona e condenado a cadea perpetua.
Vicente Soto Martínez. Era mestre, socialista, 25 anos. Participou na defensa do goberno civil pontevedrés e na requisa de armas. Un informe da Guardia Civil considerábao De dudosa conducta y antecedentes, simpatizante del frente popular, propagandista de izquierdas. Condenado a cadea perpetua por rebelión militar.
Un caso aparte foi o de Nemesio Laya que, ao parecer, tivo unha actitude contraria á fuga, segundo se desprende de diferente documentación.
Nemesio Laya Abal , traballaba de representante de seguros, era nativo de S. Vicente de Nogueira (Meis) pero veciño de Pontevedra; o 20-11-36 fora condenado por participar en requisas de armas en Xeve. Segundo os informes policiais era de extrema esquerda. En San Cristóbal ocupou postos de confianza: escribinte, ordenanza da xefatura de servizos...Foi indultado por Franco xunto con outros presos que non secundaron a fuga “distinguiéndose notablemente por su actuación en favor del restablecimiento del orden”, “cooperando en el sofocamiento de la rebelión tumultuaria”. Non teño referencias de como foi a súa colaboración pero rebaixáronlle 2/3 de condena. O 19 de xullo de 1940 obtén a prisión atenuada no seu domicilio.

2 comentarios:

Elisabete Ares Licer dijo...

Ola, Xosé: Son neta de Ciriaco Licer Cons que mencionas nese artigo. Aínda lle queda unha filla viva que é a miña nai. Gustaríame entrar en contacto para intercambiar información. Podo facilitarlle o meu correo electrónico. Un cordial saúdo,
Elisabete Ares Licer.

Xosé Álvarez Castro dijo...

Podes mandar unha mensaxe a este correo: sempreconvos@hotmail.com Saúdos