sábado, 12 de marzo de 2016

Lugares para lembrar.


Son moitos os lugares a lembrar, a lista é interminable pois o sufrimento estivo en moitos lugares, nas casas, nos diferentes cuarteis das milicias vencedoras... Pero hai algúns sitios que poden simbolizar con nome propio a dor das vítimas. A continuación, sen ánimo exhaustivo, lembramos algúns destes lugares na comarca de Pontevedra.
Malecón de Monte Porreiro, lugar no que se realizaron fusilamentos tras consellos de guerra e algún “paseo”; había unha pequena explanada fronte ao lugar onde están as esculturas en forma de árbore e a inscrición que lembra as vítimas. En 1944, a resistencia antifranquista xa fixo del un lugar de homenaxe ás vítimas.
A Caeira, na carreteira de Campañó un pouco antes dunha casa que hai na curva; alí fusilaron a condenados a morte nos primeiros meses, aos dez do “doce denovembro”, a Bóveda...(cada vez máis xente pensa, de xeito equivocado, que a Bóveda o fusilaron no lugar onde está o monumento conmemorativo). O piñeiral pertencía á familia do marqués de Riestra.
Xunqueira da Gándara. Xunto ao muro que linda co camiño, na parte sur, apareceu o cadáver dun paseado (Juan Magdalena, líder agrario).
Carreteira de Santiago, en Alba (pola zona do actual bar Corinto). Varios “paseados” de Cerdedo: José Cortizo González e José Torres Paz o 11 de agosto de 1936.
A Lomba, antes de Gargallóns, na carreteira de Xeve a Campo Lameiro. “Paseo” de varias persoas que foron enterradas xunto ao cemiterio de san Andrés de Xeve.
S. André de Xeve, entre a igrexa e o cemiterio. Foxa común na que se enterrou os fusilados da Lomba. Probablemente foron: Alberto Casal Dozo, Antonio Fariña Duque, Eduardo García Santos, Gumersindo González González, Ángel Rial Vidal e José Romero Castiñeira. A data das mortes, próxima a outro “paseo” colectivo realizado en Tenorio, fixo que se mesturaran referencias, tanto na bibliografía como nas testemuñas, entre ambos sucesos; de aí que non teñamos certeza absoluta para atribuír nomes de vítimas a un ou outro lugar.
Lourizán, xunto ao forno do cal. Lugar de “paseos” entre eles o de García Busto.
San Amaro, no cemiterio, lugar de depósito de “paseados” e de enterramento das vítimas. Alí foron depositados corpos de “paseados” que atoparan a morte noutros lugares, algúns, probablemente, no cuartel da Feira.
Volta do Couto ( entre Bora e Tenorio). Lugar de “paseo” de varias persoas o 9 de novembro de 1936, que foron enterradas no cemiterio de Tenorio. Segundo o Proxecto Nomes e Voces, os presuntos asasinados foron: Alfonso Alonso, Juan Alonso Pérez, José Luis Bermúdez, Luis Frade Pazos, Eliseo Garra Lalín, José Gómez Sampayo, Ramiro Granja González, José María Montouto Rodríguez, Antonio Picallo Buela, Telmo Rodríguez Alonso, e Luis Varela Sobrado.
Ponte da Rocha. (Tenorio) Apareceu o corpo de Manuel Fraga Fentanes, “paseado” na noite do 10 ao 11 de agosto do 36.
Carabelos, na carreteira de subida a Bora. Lugar de “paseo”. Alí depositaron o corpo de Aurelio Torres.
Bora, zona da Lameliña ou Eirós, nos límites con Mourente. Lugar de “paseo”. Nesa zona apareceu o corpo de Genaro Puga.
Campo Longo, antigo polígono de tiro de artillería. Execución de Jacobo Zbarsky.
Praza de Barcelos, antigo cuartel da Guardia Cívica e G. Civil, entre a praza e a rúa Benito Corbal. Lugar de tortura e, probablemente, de “paseos” así como local onde estaban “en capela” os condenados a morte. Na actualidade non queda rastro dos cuarteis debido ás novas edificacións.
Estribela. Nun lugar indeterminado aparecen os corpos de José Búa Laredo, Santiago Gómez Bao, Vicente Sáez Ruíz e Jesús Teixeira, o cinco de decembro de 1936.
A Fracha, carreteira de Pontevedra a Ponte Caldelas, lugar de “paseos” como o de AbrahamZbarsky e outros.
Deputación, Normal de mestres, cárcere vello (Audiencia), Alameda. Neste contorno estaba o lugar de celebración dos consellos de guerra e goberno civil (Deputación), as prisións e na alameda morreu a causa de disparos Ángel Torres López (20-7-36)
A Torre. Entre Salcedo e Lourizán, asasinato de Méndez e Corbacho nos sucesos de Salcedo.

Ponte das Cabras. Hai referencias ao “paseo” de José Muñíz “O Peilán”.
Ata aquí a nómina provisional e incompleta de lugares para a lembranza.

No hay comentarios: