sábado, 11 de noviembre de 2017

Dende Cataluña ao pobo republicano español.(1934)

Estamos no chamado “bienio negro”; Ricardo Samper, do partido Republicano Radical, foi nomeado presidente do goberno o 28 de abril de 1934, tras substituír a Lerroux que dimitira porque o presidente da República, Alcalá Zamora, negárase a asinar a amnistía para os complicados na intentona golpista de Sanjurjo. Samper dimitiría o 4 de outubro dese ano, tras as presións da CEDA, diante do conflito coa Generalitat catalana (presidida por Companys) con motivo da lei de contratos de cultivos.
A situación política tendía cada vez máis cara a dereita e isto alarmaba aos sectores esquerdistas, que vían como os ideais republicanos de abril do 31 quedaban a un lado.
Por un rexistro efectuado no local de Mocedades Galeguistas de Pontevedra o 18 de decembro do 34, podemos coñecer unha folla alí incautada, sen data, asinada por “Las Izquierdas Unidas de Cataluña”, e que contiña un chamamento “Al pueblo republicano español”.
En estos momentos históricos en que se decide la suerte de la República del 14 de Abril, nos dirigimos a vosotros, compañeros de lucha en aquellas jornadas memorables, para que sepáis el alcance y finalidad de la actitud que tomamos los republicanos catalanes.
Cataluña fué al movimiento instaurador de la República persiguiendo dos finalidades: reparar con honor una desgracia histórica recobrando las libertades que le permitieran desenvolver su genio particular, y lograr un régimen de libertad y justicia para todos los españoles, sin caciques, sin terratenientes, sin inquisidores y sin vividores del trabajo ajeno.
Este íntimo sentir del pueblo catalán fué compartido por vosotros. Jamás se habrá producido un hecho histórico que hermanase mejor las ilusiones y las esperanzas de todos los hombres libres de España, dispuestos a sacudirse una tiranía secular, llena de oprobio y vergüenza.
Laméntanse da entrega da República aos seus inimigos e conta como o propio presidente da República chamara ao exministro socialista Fernando de los Ríos, para que advertise a Largo Caballero, Prieto e Azaña, do perigo de ser secuestrados polos que tramaban un golpe; o presidente cita como golpistas ao coronel Muñoz Grandes, xefe da Guardia de Asalto en Madrid e o xeneral Ruíz Trillo, xefe da súa Casa Militar.
Explican como se tomaran medidas contra a República, por parte do goberno dereitista: mandos quitados a republicanos seguros para confiárllelos a antigos monárquicos, axuntamentos democráticos destituídos, persecucións contra as organizacións obreiras, censura desapiadada á prensa republicana e, sobre todo, manifestan a enorme vergoña dos republicanos ao saber que o goberno só actuaba baixo as ordes que recibía de “monárquicos vergonzantes, como Gil Robles y Cambó, enemigos de todo lo que de bueno, de humano, de leal, de digno, de honrado, exista en el pueblo español.”
Continúa o escrito facendo referencia a Cataluña cuns parágrafos que transcribimos de xeito íntegro:
Quedaba Cataluña. Quedábamos nosotros firmes en nuestro puesto, llevando adelante, por medio de leyes avanzadas de justicia social, el contenido del 14 de Abril glorioso. Teníamos el orgullo de ser el baluarte de la República. Por esto se nos ataca. Los monárquicos catalanes, de acuerdo con los vaticanistas de la C.E.D:A:, utilizan el Gobierno Samper para promover una cuestión de competencia a nuestro Gobierno de la Generalidad acerca de una Ley que no se refiere y no produce efectos más que en Cataluña. [Lei de contratos de cultivos] Y viene el fallo del Tribunal de Garantías Constitucionales compuesto, como sabéis, por una mayoría de vocales enemigos de la Constitución: el carlista Pradera, el significado hombre de la Dictadura, Martín Álvarez, los Catedráticos y Magistrados más rancios del obscurantismo vaticanista, dictan un fallo contra Cataluña, vulnerando la Constitución y el Estatuto que están obligados a defender, con la fría premeditación de plantear un conflicto y derribar aquel baluarte.
Si nosotros bajamos la cabeza y dejamos pisotear nuestros derechos, pierde la República la confianza de nuestro pueblo y con ello todas posibilidades de hacerla revivir. Si nos alzamos contra el fallo, como hemos hecho, nos dicen que somos separatistas y que vamos contra los poderes legítimos de la República. Ni una cosa ni la otra.
Falseadas las esencias constitucionales, imperante el espíritu borbónico, habiendo regresado a España los culpables del crimen histórico de haber conducido al país al borde del abismo, Cataluña siente rubor y vergüenza.
¡Qué lejos quedan aquellos días pre-revolucionarios en que los hombre más selectos del pueblo español realizaban la patriótica campaña de poner en evidencia las lacras, las miserias, los crímenes de la obra de la restauración borbónica!
¿Qué se ha hecho del resurgimiento nacional y de las ansias de depuración y de reparación política que determinaron los movimientos del 14 de Aril?
El espíritu borbónico vuelve a dominar la vida política española; se anuncia ya el retorno de Martínez Anido, ¡qué vergüenza!, han regresado ya los demás y dentro de poco estarán en el poder, con esa República, ellos mismos, y estarán en la cárcel, como antes, los republicanos.
Ante ese espectáculo degradante, las izquierdas de Cataluña llaman al cumplimiento del deber a todos los republicanos de España. Y les piden que si llegan horas difíciles y Cataluña se ve obligada a defender su honor y el de la República, le acompañen.

sábado, 14 de octubre de 2017

"El Murciélago" en Carbia.

¡¡¡CARBIENSES, ALERTA, QUE EL CAMINO REVOLUCIONARIO RAMIFICA SU ACCIÓN DESTRUCTORA Y DESMORALIZADORA ENTRE VOSOTROS!!!
        Así comeza unha folla propagandística que se difunde, que saibamos certo, nas terras do norte da provincia nos primeiros días de 1935. Estamos nos meses posteriores aos “sucesos de outubro” e a dereita tenta manipular ao seu favor os feitos e manter a tensión dos seus fieis, coa ameaza dunha revolución comunista. Explícase na folla nomeada “El Murciélago” que facía tres anos “una piña de amantes de nuestra Patria” tomara a decisión de infiltrarse nas tertulias e reunións dos que formaron parte do goberno de Azaña, para dar a coñecer “sus diabólicos amaños, patrañas nefandas e INCHUFISMOS (sic) sin cuento”. Desprazado Azaña do poder, tras as eleccións de 1933, parecía vir un período de descanso para os do “Murciélago”, pero a revolución de Asturias, segundo eles froito da liberdade defendida por aqueles gobernantes, fixo que volvesen á actividade para “no dejar retoñar los planes MARXISTAS Y COMUNISTAS”; encamiñáronse cara Asturias e alí recolleron importantes datos que deron a coñecer sobre “los salvajes atropellos realizados”. Como consideraban que a revolución non se terminara, senón que estaba en estado latente, os membros do “Murciélago” repartíronse por toda España e chegaron a Galicia, xa que sabían que pasaran plans revolucionarios a estas terras.
        Moito pescudaron na súa tarefa de infiltración na comarca do Deza e estes foron os resultados: O principal foco comunista da comarca de Lalín estaba nunha aldea á que se trasladou “El Murciélago” disfrazado de obreiro sen traballo; así puido saber que, en vésperas de estalar a revolución asturiana, celebrárase no centro comunista de Bermés unha reunión dos máis de cincuenta afiliados cos que contaba.
 “Son estos individuos todos de pésimos antecedentes, carteristas personificados, dos taberneros alcaguhetes (sic), uno de Camba y el otro de Dujame, en Carbia, otros hay licenciados de presidio, protestantes ambulantes y así por el estilo.”
 Contáranlle ao infiltrado que quedaran burlados por non recibir os caixóns de armas e explosivos que esperaban, pero máis xeados resultaran co fracaso de tan “funesta intentona”; as resolucións que tomaran foran moi diversas: asaltar o banco local, “que al disponer de dinero ya tendremos camaradas que nos sigan”, incendiar palleiros, etc. Tamén decidiran ramificarse máis na localidade e así o “Murciélago” cita as localidades de Taboada, Camba, Carbia, Brocos e outras.
¡¡¡Ojo!!!, mucho ojo, carbienses, que para conocer la riqueza, puntos donde habitais y otros detalles para el ASALTO, llegada la hora, se fingen protestantes ambulantes y llegarán a vuestras puertas, simulándose mansos corderos, cuando son lobos feroces (recordad lo de Asturias) asociándose para la obtención de la presa que buscan de elementos que vereis son la escoria de vuestras aldeas, de las que se valen para adquirir cuantos datos precisa la FEDERACIÓN CENTRAL COMUNISTA.”
Engade que a maior parte dos propietarios de Lalín xa constan na lista “NEGRA-SOVIÉTICA” da que dispón o COMITÉ CENTRAL REVOLUCIONARIO-GALAICO.
        Tamén sabe o “Murciélago” que Casares Quiroga virá á Coruña para alentar e transmitir aos seus desorientados e tristes afiliados, os acordos tomados en Francia por “Prieto, La Lelken (sic) y demás hermanos de Rusia, que sufragan los gastos de estos parásitos que nos rodean.”
        Finaliza a folla facendo un chamamento á unión para facer fronte a estes plans e pedindo que se difunda a publicación. Este exemplar da folla El Murciélago está datado na “soledad de la noche (vivienda del “MURCIÉLAGO”) o 20 de xaneiro de 1935.

martes, 26 de septiembre de 2017

Un libro sobre "Amadita"

Fai uns meses saíu á rúa un libro que, a primeira vista, pode parecer alonxado do espazo xeográfico que trata este blogue, aínda que non  polo tema que aborda; trátase de “Amada García e os seus arredores” (Edicións Embora) froito do traballo dun historiador querido e admirado como é Bernardo Maiz. Pero este aparente alonxamento non é tal porque, ao meu entender, a liña mestra do libro é a análise dunha narración mítica, recreada no sentimental, para resituala no campo da historia, do coñecemento científico, e, en Pontevedra, como en todos os lugares nos que a represión estivo agochada no silencio, construíuse tamén unha narración mítica sobre o sucedido, sobre os verdugos e tamén sobre as vítimas, que é necesario superar. Ademais, Pontevedra tamén foi lugar de execución de dúas mulleres no 36: Elvira Lodeiro e Consuelo Acuña.
O interese de “Amada García e os seus arredores” é moito máis que este indispensable exercicio de distinción entre a literatura (a muller que matan por bordar unha bandeira e por resistirse ás pretensións amorosas dun falanxista) e a complexidade do relato histórico do sucedido, da historia real de Amadita, unha militante comunista e sindical que loita pola defensa dos dereitos cívicos, que participa a favor da legalidade republicana cando o golpe, que, en fin, adopta un rol público alonxado do que acostumaban xogar as mulleres da época; porque este libro tamén ten unha compoñente didáctica, dende a introdución, na que o autor reflexiona sobre “historiografía, literatura, memoria (s), algunhas utilidades e porqués”, ata o exhaustivo apéndice no que reproduce a documentación da causa militar, fotografías, publicacións societarias e outros escritos.
E, entre ambos, a exemplificación práctica, o contexto histórico, social, político... no que se producen os feitos vai marcando a vida de Amada: a 2ª República e as súas etapas, o papel das mulleres naquel período e o retroceso en dereitos logo do golpe militar, a conspiración e o golpe nas terras do Ferrol, a dinámica represora, etc.
Esta contextualización no tempo e no espazo, permítenos abordar, dende a historia, a figura de Amada García, fusilada no castelo de san Felipe en xaneiro de 1938, cando tiña 28 anos e semanas despois de nacer Gabrieliño, o seu segundo fillo.
Libro de obrigada lectura e que recomendamos dende esta páxina.

domingo, 10 de septiembre de 2017

Valentín Ferrero, un mestre zamorano en Besomaño.

Adicado ao Foro por la Memoria de Zamora.

Noutras entradas deste blog xa tratamos a repercusión que os “sucesos revolucionarios” de outubro de 1934 tiveron na nosa terra; nesta ocasión achegámonos á figura de Valentín Ferrero Miranda, un mestre comunista, de 23 anos, casado, natural de El Perdigón (Zamora), que impartía clase na parroquia de Besomaño (Ribadumia).
Por unha carta que dirixe ao oficial de correos de Zamora, Luis Iglesias, sabemos que, a pesar de atoparse nunha zona rural, caciquil, lonxe dos núcleos obreiros nos que, sen dúbida, atoparía apoios das organizacións sindicais e de esquerdas, Valentín non deixa de actuar políticamente: la religión recibe ya mis primeros golpes, ya me tienen odio los derechistas, los caciques, los curas. Los aldeanos también me miran con recelo.
Describe claramente a situación social do contorno no que vive:    

    El P. ha enfocado bien la cuestión de la lucha en ellas [as aldeas
    rurais galegas]. El campesino vive mal: agobiado por los
    impuestos, por los foros, por las rentas que tiene que pagar al
    terrateniente. Además, la religión es la gran cadena que los ata a
    la sumisión, a la esclavitud. La Iglesia domina por sus latines y
    por sus bienes económicos. Aquí hay tierras de las iglesias, que
    cultivan los aldeanos teniendo que entregar al cura la mitad de
    las cosechas.
    Por otra parte, la usura y el caciquismo hacen el cuadro de vida
    de estos campesinos todavía más lúgubre.


Valentín xa empeza a ser coñecido fóra da comarca e convídano a escribir nun semanario socialista de Pontevedra [ La Hora] pero considera que está “desentrenado” e adía esta colaboración. Tenta manter contacto coa Federación de Trabajadores de la Enseñanza pero, como esta asociación tiña a sede en Vigo, non lle foi posible facelo. A Valentín non lle gusta a Casa del Maestro pontevedresa, considerada polo mestre como reaccionaria, “guarida de catedráticos y señoritos” que por medio de bailes, festas e banquetes, procura desviar os mestres das Casas do Pobo. Confírmanos a convicción que sempre tivemos do receo que cara esta institución tiveron os mestres máis comprometidos socialmente.
Valentín procura superar o illamento e o desánimo e mantén correspondencia con correlixionarios como Vicente Rueda, que está no servicio militar en Estella, fortemente vixiado polos seus antecedentes políticos; con Matías Bueno de Diego, empregado da Oficina Local de Colocación Obrera de Zamora, a quen considera “hermano mayor”, (Matías e Valentín utilizan o francés nas súas cartas), entre outros.
Interesante a análise que fai, nunha carta dirixida ao “estimado camarada Antonio”, [Antonio Fernández Borrego, mestre en Tuda, Zamora] da igrexa castelá e da galega:

En Castilla, la iglesia crea al pueblo, lo acoge, lo reconcentra, lo hace vivir en torno a ella, arrogándose una paternidad ficticia: esto se llama demagogia. En Galicia, la iglesia vive sola, consciente de su poder, apartando de ella a todos los piojosos, a todos los miserables; no encubre su tiranía ni su dominio.
Continúa a carta cunhas curiosas consideracións, moi alonxadas do carácter dos seus escritos, sobre os “harenes de los curas gallegos” nas que fala das “gallegas robustas y fuertes, con grupas de yeguas normandas” e acada graos moi subidos de delirios eróticos, por utilizar un cualificativo moi prudente:

¡ Que riegos tan fecundos podían hacerse en estos ovarios fuertes y olorosos! Que el falo mítico, símbolo de los símbolos, profanase morbideces, abriese piernas y depositara el rico licor seminal, en las vulvas estrechas, con vapores deletéreos, que hacen perder la cabeza a los pastores que regentan las rectorales. Y estas lechoncillas triscadoras, criadas en regalo, para adornar los lechos fríos de los clérigos, como gustarían con delicia, verdaderos miembros hombrunos, no extraviados en ninguna senda de la patología!
Deixemos atrás este inusitado e inefable parágrafo e volvamos ao rego do quefacer de Valentín. Os tempos non eran bos para un mestre de esquerdas e menos para quen xa tivera enfrontamentos públicos na localidade por motivos políticos; as forzas conservadoras tiñan no seu obxectivo o maxisterio e sospeitaban dos membros dese colectivo, aos que consideraban, en gran parte, axentes da revolución. As forzas vivas de Ribadumia preparan a ofensiva contra Ferrero: a raíz dos sucesos de outubro do 34, Valentín foi detido e ingresado no cárcere de Pontevedra; no rexistro da súa casa atópanlle correspondencia, “tres libretos (sic) de ideas marxistas”, exemplares dos xornais zamoranos La Tarde e La Voz del Trabajo (órgano da Federación Provincial de Sociedades Obreras de Zamora), un número extraordinario de Mundo Obrero e a revista Rusia Hoy.
Como era imposible probar a súa participación en actos revolucionarios ou contra as forzas da orde, as acusacións céntranse no labor disolvente realizado na escola; aparte das testemuñas dalgúns pais, non dubidan en utilizar declaracións de nenos de trece e de once anos de idade. As actuacións atribuídas ao mestre concordan coas que coñeceremos un par de anos máis tarde, na represión tras o golpe do 36: posicionarse a favor da queima de igrexas e de facer desaparecer os curas por innecesarios, de explicar o mecanismo das folgas:

Vosotros trabajais para mi y os doy un duro a cada uno, os parece poco, y entonces os subo el salario a treinta reales y también os resulta insuficiente y abandonais el trabajo y esta es la manera de que produzcais una huelga.
Tamén o acusan, feito que recoñece Valentín, de que no gardapolvo ten bordada unha estrela de cinco puntas.
Os testemuños, todos sospeitosamente semellantes, tamén contan que o mestre lles explicaba na escola que, antigamente, as xentes eran “parvas” e coidaban que era a lúa quen facía os fillos ás mulleres e que, cando casaba unha muller, tiña que deitarse cun frade, entre outras acusacións na mesma liña.
O auditor militar considera que non está probado que realizara feitos dignos de mención de carácter revolucionario, pero había testemuños abundantes de que, no desempeño do seu cargo, expoñía aos alumnos feitos e temas contrarios á moral. Acorda dar por terminado o procedemento sen declaración de responsabilidades e pasar a coñecemento do ministro de Instrución Pública os feitos para que tomase as medidas oportunas.
Grazas á magnífica páxina en Facebook do Foro por la Memoria de Zamora e pola información que xenerosamente me facilitaron, sabemos que a familia de Valentín Ferrero foi moi castigada tras o golpe do 36: o pai, Valentín Ferrero García foi asasinado o 3- 8 36, o avó materno Fabián Miranda e un irmán de Valentín chamado José en setembro e xullo do 36, o propio Valentín fusilado o 19 de xullo de 1939 en Argamasilla de Calatrava (Ciudad Real) e outro irmán, Ursicino, condenado a morte pero conmutada a pena.
A maioría das persoas que aparecen relacionándose con Valentín pagaron coa súa vida o seu compromiso político e militancia no partido comunista; foi o caso de Vicente Rueda, Matías Bueno, Andrés Espinosa e Antonio Fernández.

lunes, 14 de agosto de 2017

Epistolario (V): Carta dende O Grove.


A carta tiña como orixe O Grove e estaba datada no 13 de decembro de 1940; o seu destino era a prisión militar de Cartagena, dirixida a un mozo que alí estaba preso, José Otero. 
Mi queridísimo y cariñoso Seciño [...] Vidiña me dices que te cambiaron de Juez, que piensas que pronto te juzgarán pues si Dios lo quisiera que te juzgaran pronto así sabíamos lo que teníamos que esperar ya.
 Quen a escribe, Lola Mascato, comunícalle os diversos envíos de paquetes, os recordos da familia, sobre todo da filla “nuestra querida hijita que tanto te quiere” e o acostumado nas cartas entre unha parella.
A censura da correspondencia na prisión fíxase sobre varios parágrafos que lle parecen sospeitosos e comunica á autoridade militar o caso. O auditor considera que debe abrirse unha investigación e o instrutor chama a declarar a Lola. O primeiro parágrafo en cuestión é: “ten paciencia que algún día vendrá la nuestra”; o instrutor inquire : “si no es más cierto que su significado no es mas que el de pretender darle esperanzas a su novio por lo que respecta a la revancha de sus ideales, origen de su condena” cousa que Lola nega.
Outro parágrafo sospeitoso é: 
Cariñito mío, también quiero decirte que si quieres que te mande para ese Sr. o bien sea para D. Luis, si quieres que te mande un poco de jabón de La Toja o algo
 O instrutor quere saber a identidade do tal sr Luis pero Lola afirma ignorala e que, polo tanto, nunca pretendeu mandarlle nada, aínda que nalgunha ocasión lle enviara ao seu mozo xabón da Toxa pois era moi estimado alí. Pero o instrutor insiste sobre si o tal D. Luis era “alguna persona que le había prometido a su novio favorecerle en el sumario y que quería pagarle el favor”, volve a negalo Lola aducindo que o seu mozo non tiña quen o protexera e boa proba era a condena que lle saíra.
O terceiro parágrafo analizado era:
 Vidiña también te quiero decir de que por aquí a los Jueces le daban regalos y dinero para que miraran por ellos y por esto salieron muchos y tu miras si ese sr. hace algo por dinero o por alguna cosa más. Si te hace falta dinero para esas cosas me lo mandas a pedir lo que te haga falta. Mira bien y no temas al dinero.
 En canto a esta afirmación sobre xuíces que recibiran favores, Lola afirma que era algo que oíra dicir pero ignoraba quen eran e que, dado o tempo transcurrido, non podía saber fixo se os obsequios eran para “Jueces, otras Jerarquías, o bien para personas que intervinieran como recomendación”.
Procesan a Lola por un delito de rebelión militar aínda que a manteñen en situación de liberdade. O caso fállase directamente pola autoridade militar, a proposta do auditor, e declárase o sobresemento provisional.
José Otero Otero, de 26 anos, afiliado á sociedade “La Fraternidad”, federada á UGT, era mozo de Dolores Mascato Domínguez con quen tiña unha filla.

miércoles, 19 de julio de 2017

San Simón. Nota reservada (1)


Tras a detención e procesamento do inspector de prisións Fernando Lago Búa, máxima autoridade neste centro penitenciario, e do médico Bustelo, as autoridades franquistas semellan decatarse, da noite para a mañá, das múltiples irregularidades que alí se cometían e utilízanas no proceso militar que se lles instrúe. As pescudas policiais proporcionan diferente información baixo o formato de “notas reservadas”, validadas co cuño da comisaría de Vigo.
Unha destas notas fai referencia a aspectos relacionados coa alimentación dos reclusos e transcríboa a continuación.
Nota reservada. Funcionamiento de la colonia penitenciaria de San Simón.
Durante la actuación de los señores Lago Búa y Bustelo, el funcionamiento del Economato ha venido efectuándose de una manera muy deficiente principalmente en lo que se refiere al rancho. Este, en la mayoría de las noches, se componía de berberechos con fideos y agua. En los demás días, así como en las comidas del mediodía era de carne con garbanzos, siendo aquélla de ínfima calidad, pues se trata de vísceras y otros desperdicios de las reses. Hasta el día 7 u 8 del mes actual el peso de la carne consumida, diariamente, oscilaba entre 30 y 35 Kilogramos; a partir de esa fecha, el rancho mejoró notablemente y sobre todo al hacerse cargo el jefe actual ya que la carne era de buena calidad y su peso aumentó hasta la cantidad de 60 a 85 Kilogramos. De todos los víberes (sic) empleados en la cocina, como berberechos, estos de un valor insignificante, legumbres, carnes, etc, se pagaban sin factura original y esto daba lugar a que en los asientos de los libros figurasen cantidades, que en realidad, no han existido. Por el propietario de la carnecería (sic) de Redondela abastecedora del Economato ha sido adquirida la noticia de que el señor Búa escudándose en el cargo que ostentaba, obligaba a vender la carne a una peseta el Kilo cuando su valor era de una peseta con cincuenta céntimos. El señor Búa además, se quedaba con el tabaco y comidas que los familiares de los presos enviaban para éstos, con el fin de obligarles a que consumiesen en el Economato. En éste, se vendía el tabaco con un recargo de cinco céntimos, a excepción de los paquetes de una peseta y diez céntimos, que se vendían a una veinte. El vino que se vende y que es de pésima calidad, es al precio de una peseta el litro. También se vendían botellas de coñac OSBORNE al precio de ocho pesetas con cincuenta céntimos la botella y el vino tostado MARUXA a seis pesetas la botella y Vermout pero este sin poder precisarse el precio.
Documentación: Informe comisaría de Vigo. AIMN.

viernes, 16 de junio de 2017

Un cura represaliado: Casimiro Cubela.




   A Paco Ramil e Xulio Leal, que nos achegaron á historia de Francisco Ron, crego tamén represaliado nas terras de Lourenzá.

Aquel ano de 1948, o venres santo cadrou no 25 de marzo; ese día atopábase na reitoral de Rivela (A Estrada) o cura, Casimiro Cubela García, o seu irmán Victorino, a súa irmá Emérita, un sobriño e os veciños de Codeseda e Tabeirós Francisco Bergueiro e José Durán. Contra a tardiña chamaron á porta, o cura foi abrir e entraron tres individuos que foron acompañados polo cura e os seus familiares ata a cociña; Francisco e José subiron ao comedor polo que non puideron saber o sucedido no interior. Os visitantes, aparentemente armados e un deles levando o emblema da República, estiveron na casa  sobre media hora, comeron filloas, pan, queixo, viño e bacallau cocido, todo proporcionado polo cura. Presentáranse como guerrilleiros e preguntaron se había cuartel da Guardia Civil en Codeseda, tamén preguntaron polo cura daquela parroquia encomendándolle a don Casimiro que lle dixera que non lles tivera tanto medo; por último, pedíronlle que lle comentase a un cuñado, garda civil en Forcarei, que non os perseguira tanto pois eles non facían dano a ninguén.
Don Casimiro, en declaración prestada diante dos gardas civís Olegario Cuesta e Alfonso González Leiro, manifestou que os trataran correctamente e non lle pediran cartos. Cando marcharon os guerrilleiros da reitoral, o cura pediulles a Francisco e José ( “camisa vella” da Falange e adicto ao Réxime) que non dixeran nada do sucedido.
Non sería a única vez que os guerrilleiros visitasen a reitoral de Rivela: o 7 de abril, pola mañá cedo, volveu a presentarse un grupo de cinco homes; tomaron un pouco de leite e descansaron nunha corte, á tardiña cearon patacas con carne e caldo, pan e viño e marcharon cara a ponte que cruza o Umia.
Pouco a pouco estendeuse o rumor de que na casa do cura estiveran bastante tempo e cearan cinco “bandoleiros” capitaneados por “Foucellas”. A Guardia Civil da Estrada instrúe atestado o 16 de xuño de 1948 e comeza o interrogatorio das testemuñas. Envíaselle o atestado instruído ao capitán xeral que, o 10 de agosto, ordénalle ao gobernador militar de Pontevedra que comunique ao comandante xuíz militar a apertura de causa contra o párroco de Rivela e acompañantes por “protección y auxilio a bandoleros”, tamén informa da notificación ao vicario para que sinalase a casa relixiosa na que o cura sufriría prisión preventiva.
Manuel Montero Galvache, xefe do Sector Interprovincial de persecución e represión de “bandoleros” de Lalín, instrutor do atestado, considera demostrado que o cura de Rivela
ocultó, albergó, facilitó medios de existencia con comidas y otros artículos a los bandoleros pertenecientes a la partida del “FOUCELLAS” facilitándole todos los medios de existencia como berdadero (sic) bandolero del llano. 
Casimiro Cubela queda detido na propia freguesía a disposición do gobernador militar. Victorino Cubela, Francisco Bergueiro e José Durán Maceira tamén son encausados e ingresan no cárcere de Pontevedra.
As xustificacións dadas polo cura para non denunciar o sucedido foron: ter dúbidas sobre se eran verdadeiros guerrilleiros ou delincuentes comúns, o medo a posibles represalias, ignorar a responsabilidade contraída por non denunciar e o decaemento de ánimo que tiña.
Casimiro Cubela, natural de san Xurxo de Sacos, 43 anos, ingresa como detido no convento de Poio o 4 de setembro. O día 10 de ese mes escribe unha instancia na que solicita a liberdade provisional 
en atención a los muchos años que llevo de Párroco sin ser sometido a causa alguna, por tener a mi único cargo tres parroquias que sufren las consecuencias de mi ausencia, por mi estado de ánimo abatido que ha sufrido mucho esta temporada, y otras causas de carácter espiritual y material que a Vª Eª no se le ocultan.
O auditor xurídico, Hernán de Martín – Barbadillo, informa contrariamente a conceder o solicitado e propón ditar auto de procesamento contra o cura e sobresemento para os demais procesados. A proposta é aceptada polo capitán xeral. O defensor coincide co fiscal e acepta o solicitado por aquel. A causa fallouse directamente pola autoridade militar facendo uso do artigo 737 do código de xustiza militar: por “prestar auxilio a los componentes de partidas armadas dedicadas al bandidaje” condénase a Casimiro Cubela a seis meses e un día de desterro a unha distancia non inferior a 25 quilómetros da súa residencia habitual na que tiveron lugar os feitos.
 Casimiro Cubela sae do convento de Poio o 24 de outubro e pasa a residir en san Xurxo de Sacos quedando extinguida a pena o 19 de xaneiro de 1949, xa que lle fora aboado o tempo pasado en prisión preventiva.
Ata aquí esta breve achega sobre un aspecto non publicitado da vida deste crego humanista e tolerante, á espera de que algún dos excelentes historiadores cotobadeses ou estradenses escriba a súa biografía.
Foto: Claustro do convento de Poio.
Documentación: AIMN.

domingo, 21 de mayo de 2017

Contra o esquecemento.

Sempre é motivo de ledicia a publicación dun libro, pero neste caso aínda o é máis: pola temática, o sucedido tras o golpe do 36; por quen o edita, o IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) que é referencia indiscutible no asociacionismo cultural galego e polo autor, Luís Bará, persoa implicada dende sempre no labor de recuperación e difusión da memoria e o patrimonio.
    “Non des a esquecemento. Relatos do xenocidio fascista en Galiza, da resistencia e da solidariedade.” refrenda publicamente o que os que coñecemos o autor xa sabiamos: a autenticidade do seu compromiso coa memoria, compromiso que non é só a aposta conxuntural  dun político senón  que ven de lonxe, só hai que lembrar o seu labor no goberno autonómico coas actividades do  Ano da Memoria, e todo o conxunto de iniciativas que poñen a Pontevedra como referente destacado nos procesos de recuperación da memoria,  do recoñecemento social ás vítimas e os seus familiares; políticas de memoria que van máis alá de feitos puntuais e responden a unha planificación estable e de longo percorrido.
    O libro está estruturado en cinco grandes apartados: 1- Memoria de Vilaboa. 2- O ronsel das silenciadas. 3- Memorial de san Simón. 4- Das casas refuxio. 5- Era a historia da noite. O título da cada un amósanos  os eixes sobre os que xiran os relatos. Pero común a todos eles hai unha serie de notas a destacar:
A importancia dada á memoria oral, unha memoria que non busca a reprodución exacta e aséptica do sucedido, senón  coñecer como viviron os feitos os protagonistas, o que nos achega son experiencias, emocións, sentimentos; en suma, a dimensión máis humana da historia, sen a que non se entendería a complexa realidade da represión e do terror. Nesta temática, a memoria oral é imprescindible porque houbo actuacións represoras que apenas deixaron rastro documental: que documentos acreditan as violacións e os abusos ás mulleres? Onde constan os nomes das mulleres rapadas ou gravadas co UHP na fronte? Onde están as actas das reunións nas que se decidía o paseo de moitas persoas?...
A memoria que Bará recupera neste libro é a memoria pouco publicada, a que se transmitiu caladamente; dá a coñecer o pasado de sectores da poboación que, case sempre, están ausentes das fontes escritas.
O autor adopta un enfoque subxectivo no relato, pero esa subxectividade non lle resta valor histórico ao libro, pois un historiador sempre é subxectivo,  o que debe ser é rigoroso e veraz, sen ocultar nin manipular as fontes; e detrás deste libro  hai un inxente labor de documentación, contraste de datos, de consulta bibliográfica, de hemerotecas, de arquivos de todo tipo.   
E dentro das vítimas silenciadas destacan e están omnipresentes no libro as mulleres, o compromiso con elas xa aparece de xeito explícito na súa definición biográfica: “son o neto de Pepa das Laceiras, muller de coraxe e de labor. Todo comezou con ela.” En multitude de relatos translócese a empatía do autor coas perseguidas, coas vítimas, pero tamén coas mulleres resistentes que teceron redes de solidariedade e axuda (s. Simón, Figueirido); o autor ponse no lugar das vítimas que viron as súas expectativa vitais rotas para sempre, porque o franquismo, aparte do terror e a violencia, o seu maior efecto foi arruinar brutalmente o futuro, as expectativas vitais, de varias xeracións.
Destacan tamén as imaxes, a fonda tristura da mirada de Mercedes Magdalena e as súas fillas, o terror nos rostros dos vellos presos en san Simón, a resistencia e a dor de Cinta Rey na Caeira; como ben di o autor: “Hai imaxes que contan historias. Imaxes que falan, que berran, que claman, que proclaman” En suma, imaxes que nos chegan ao corazón, que nos conmoven e que nos transportan emocionalmente á época dos feitos.
Para rematar, libros como este non tratan, como algúns din, de reabrir feridas, porque as feridas nunca estiveron cerradas nin o estarán ata que coñezamos e comprendamos o que realmente aconteceu, e se faga xustiza, co recoñecemento social das vítimas, da superioridade moral dos valores democráticos sobre o fascismo e coa anulación dos xuízos sumarísimos. Cando así suceda, este pasado converterase definitivamente no que debe ser, historia.

sábado, 22 de abril de 2017

Lembranza de Juan Manuel Gómez Corbacho.


Juan Manuel Gómez Corbacho naceu en Bos Aires e vivía na rúa García Hernández, 17, 1º de Pontevedra, traballaba como  chofer da liña de autobuses entre Pontevedra e Cangas, era un activo membro do Partido Comunista e dirixente sindical destacado no Centro Obreiro da capital. Sen dúbida foi o máis coñecido dos presos a raíz dos sucesos revolucionarios de outubro de 1934 na nosa cidade; o 7 de outubro daquel ano fora detido nun confuso incidente nos locais anexos ao antigo cuartel de Fonseca; estes locais estaban alugados como garaxes e levaban tempo sen usar. Ao igual que outros sectores obreiros, os choferes declararan a folga xeral; Manuel, militante do sindicato de condutores, foi denunciado por Saturnino Paz Peón (falanxista de triste lembranza) e outros mozos que viran como entraba nos locais citados xunto con outros compañeiros. Dirixe a detención outro coñecido personaxe: o comandante Vila Fano, que tería un papel destacado en varias causas militares logo do golpe do 36. Corbacho xustifica a súa presencia no garaxe cun relato bastante inverosímil: estaba paseando polo malecón e unha persoa pedíralle que avisase a un soldado; ao chegar á altura do garaxe déronlle un golpe na cabeza e metérono dentro. Non lembraba nada do que pasou ata que o comandante Vila o levanta do chan dándolle golpes; atribúe as agresións a que o consideraban oposto á folga.
O certo é que lle atoparon unha pistola Star de 9 mm (para a que tiña licenza) cargada e montada, seis botellas de gasóleo, xofre, salitre e algodón en rama, materias que se usaban na fabricación de explosivos; tamén portaba selos do Socorro Rojo Internacional e recibos de cotas do sindicato de transportes “El Unitario” e do Sindicato de Conductores y Similares.
Tamén foron detidos Valeriano Riobó, Luis López Menéndez, Carlos Varela Varela e José Fernández Mora, contra os que se abriu causa separada e foron absoltos.
 Juan Manuel Gómez Corbacho foi encausado (148/34) polo delito de tenencia de materias inflamables e foi condenado a vinte anos de cárcere, que empezou a cumprir no penal do forte de San Cristóbal; con triunfo da Fronte Popular foi posto en liberdade e regresou a Pontevedra en Unión doutro preso, Manuel Amoedo, e foron recibidos con grandes actos de homenaxe pola esquerda obreira pontevedresa.
En xullo de 1936 participa na resistencia contra o golpe actuando en rexistros domiciliarios e na recollida de armas para o que contaba con autorización escrita do gobernador. Foi un dos asasinados nos sucesos de A Torre (Lourizán). Un informe asinado polo comandante da G. Civil Velarde o 5 mde febreiro de 1937 manifesta:
En contestación a su escrito de fecha de ayer, en el que se interesa informes respecto al comunista Gómez Corbacho, me complazco en participar a V.S. que el día 18 de Diciembre último al tratar de llevarse a cabo por fuerza del puesto de esta Capital la detención del mencionado sujeto y otros extremistas que se hallaban refugiados en una casa de la parroquia de Salcedo se hicieron fuertes tiroteando a la fuerza con armas de fuego viéndose la expresada fuerza obligada a incendiar la referida casa para someterlos, pereciendo entre las llamas el extremista de referencia.
Foi inusual a repercusión que tiveron na prensa estes sucesos ocurridos en Lourizán, xusto no límite con Salcedo; os xornais deron todo tipo de detalles dos feitos e destacaban eloxiosamente a actuación de Víctor Lis e os seus homes contra estes “peligrosos rojos, licenciados de presidio”.
Estamos a principios de decembro, a mediados do mes anterior detiveran ao xefe de prisións Fernando Lago Búa e ao médico Bustelo por unha trama de extorsións e favores sexuais; en Pontevedra estaban estendidos os rumores sobre a implicación de Víctor Lis en tramas deste tipo, tanto que un cidadán, Joaquín Lois, tivera que publicar facía dúas semanas unha carta aberta nos xornais desmentindo a súa implicación nos rumores “que ponen en entredicho la honorabilidad y la actuación impecable y sin tacha” de Lis. A Falanxe pontevedresa, con fortes enfrontamentos internos e que nunca tivera simpatía polo médico, tiña informes sobre os seus manexos que, con certeza, fixera circular entre as autoridades. Influentes sectores da sociedade pontevedresa afecta aos golpistas non viran con bos ollos o “paseo” e afondamento do avogado Martínez Tiscar, no que tiveran responsabilidade directa algúns mandos da Guardia Cívica e Velarde.
Era necesaria unha actuación importante e publicitada de Lis e os seus homes para facer ver o imprescindibles que eran. Atopou a ocasión tras a delación sobre o paradeiro de dous dirixentes sindicais importantes (Manuel Méndez e Juan Manuel G. Corbacho) e unha muller obxecto de requisitoria militar, Elvira Lodeiro. Manuel Méndez era dirixente da Federación Obreira de Marín e Corbacho era coñecidísimo pola súa militancia.
Para subliñar aínda máis a importancia desta actuación faise un consello sumarísimo en domingo, cunhas penas durísimas, moi raras contra as mulleres, e ademais non contemplando a eximente, ou polo menos a atenuante, do código militar cando os acollidos tiñan lazos afectivos cos acolledores. E foi o propio Lis quen mandou o pelotón de fusilamento. Os xornais non coinciden no relato dos feitos pero si en louvar a Víctor Lis pois sobre a súa actuación facíanse, segundo eles, eloxiosos comentarios.
Pero a brutalidade das actuacións e a corrupción de todo tipo era tan forte que as autoridades víronse forzadas a intervir.
Lago Búa e Bustelo foron xulgados e executados.
A Falanxe pontevedresa sufriría unha importante depuración co cese do seu xefe provincial Manuel Castro Pena e outros cargos.
VíctorLis veríase suxeito a unha investigación por extorsión económica e sexual meses despois e, no 1940, polo paseo de Alberto Martínez, pero a xustiza militar nunca chegou a condenalo: era o pago aos servizos prestados e aos crimes que, como este, levou ás súas costas.

jueves, 23 de marzo de 2017

Certificados de solvencia relixioso-moral.


Un dos grupos máis perseguidos polas autoridades do novo réxime franquista foi o das mestras e mestres; sobre o proceso depurador exercido contra eles xa escribimos unha entrada fai tempo. Hoxe trataremos sobre algunhas das condicións que debían reunir os informes que todo mestre ou mestra debía presentar para poder ser admitido na docencia ou para superar os trámites da depuración.

En novembro de 1937, o xefe accidental da sección administrativa de primeiro ensino de Pontevedra lembra o feito de que moitos dos solicitantes para figurar nas listas de interinos non presentaran “documentos justificativos de su solvencia religioso-moral, patriótica y política”, polo que non podían ser admitidos. Tampouco eran aceptados aqueles documentos estendidos coas fórmulas “informo” ou “digo yo”, xa que se requiría que a persoa que os expedía afirmase terminantemente “certifico”.

Algúns mestres recorrían a presentar certificados limitados a algún período de tempo ou referidos á estancia en determinadas localidades nas que as circunstancias eran máis propicias a obter informes favorables; esta escapatoria non se zafaba das disposicións controladoras, que establecían que tales certificacións debían abranguer toda a vida pública do informado. Tampouco servían se só contemplaban algún aspecto da súa actuación, pois debían referirse a “la conducta religioso-moral, a los sentimientos patrióticos y sobre todo a su adhesión al Movimiento Salvador de España que ha de expresarse clara y concretamente y no en términos ambiguos inaceptables.”

En canto aos informantes, tamén debían reunir estritas condicións: desempeñar cargos políticos ou sociais dos “Poderes constituídos”, con solvencia ou que “por lo menos sean conocidos de los señores de la Comisión, que no pueden aceptarlos de personas que no les ofrezcan completa garantía.”

As tácticas seguidas polos mestres para sortear as posibles notas desfavorables do seu pasado estaban bastante estendidas, pois as instrucións citadas acompañaban unha relación de sesenta mestres pontevedreses que incumprían algunha das condicións e que, polo tanto, debían presentar máis certificados. Non era momento de actitudes tépedas sobre o réxime, mestres como J. Bautista M. Lemiña, a quen facía un mes o gobernador militar dera orde de levantarlle a suspensión, facía méritos e escribía na portada de El Noticiero Gallego, dentro dunha serie dirixida aos nenos das escolas, cousas como estas:

España dió hombres de todos los matices: Mártires, héroes, santos, cristianos, judíos y perversos; pero procuró producir en incalculable cantidad superiormente proporcional, más mártires, héroes, santos y cristianos, que judíos y perversos.

Na nómina dos mártires apuntaba a Calvo Sotelo, Goded, Moscardó (fillo), José Antonio, Sanjurjo..., entre os heroes a Franco, Queipo de Llano, Mola e como santos a Sant-Yago [español de adopción, suponse] e san Ignacio de Loyola.

Pero también dió, aunque en nimia cantidad, judíos como un Osorio Gallardo, un Asúa, un Negrín, un Prieto, etc; y perversos o asesinos, como un Casares Quiroga, un Largo Caballero, un González Peña y un Azaña ( este, además mónstruo).

Os informes dos curas, preceptivos no expediente depurador, tomábanse moi en conta. Hóuboos que emitiron informes favorables sobre os seus parroquianos, obviando a súa militancia esquerdista ou a inobservancia relixiosa; noutros casos desculpan a súa actitude ou silencian os aspectos máis comprometedores. Non faltaron tampouco os que emitiron informes durísimos esaxerando os aspectos máis negativos.

Proba de que a emisión de informes favorables era significativa é o feito de que o arcebispo de Compostela, entusiasta do novo réxime, prohibía ao clero informar avalando a relixiosidade dos afiliados a sociedades marxistas e mandaba que os informes debían certificar en conciencia “sin miramiento alguno, sin atender a consideraciones humanas de ninguna clase.” Aínda así, parte do clero seguiu avalando os seus veciños pois, no mes de novembro, insiste en que os curas non recomenden ou emitan informes que non lles pediran as autoridades ou dándoos con parcialidade.

Tomás Muniz de Pablos, que aparece en numerosas ocasións saudando ao estilo fascista, adiantouse na cualificación do golpe militar como cruzada:

la Cruzada que se ha levantado contra ellos es, patriótica si, muy patriótica, pero fundamentalmente una Cruzada religiosa, del mismo tipo que las Cruzadas de la Edad Media, pues ahora como entonces se lucha por la fe de Cristo y por la libertad de los pueblos. ¡Dios lo quiere! ¡Santiago y cierra España!

O 30 de agosto de 1936 sacou en procesión a urna coas cinzas do apóstolo para acadar do ceo
 por intercesión de Santiago, el triunfo de los ejércitos nacionales que acometieron la empresa de reconquistar la Patria, esclavizada y envuelta en arroyos de sangre de hermanos por las maquinaciones de la masonería, del marxismo y del judaísmo.
A Junta de Defensa Nacional accedeu á petición da Archicofradía del Glorioso Apóstol Santiago de conceder honores militares ás cinzas do patrón de España; a urna procesionou envolta na bandeira e adornada cos atributos de capitán xeral: faixa, sable e bastón de mando. Acompañaban ao arcebispo os bispos de Lugo e Mondoñedo.
Foto: Muniz de Pablos e outros prelados diante da catedral e saudando ao estilo fascista.

domingo, 5 de marzo de 2017

Consellos de guerra a moañeses.


A maioría dos historiadores coinciden na consideración dos consellos de guerra celebrados tras o golpe militar como un xeito de darlle unha aparencia de legalidade á represión; en realidade tiñan moito de farsa xudicial na que se incumprían as máis elementais normas de seguridade xurídica: irretroactividade das leis, imparcialidade dos xuíces (eran militares golpistas), existía presunción de culpabilidade en lugar de inocencia,etc. Os defensores eran militares e, polo tanto, afectos (por convicción ou obediencia) ao golpe, ademais actuaban diante dun tribunal integrado por superiores xerárquicos. Moitos poñían interese na defensa e tentaban rebaixar as penas argumentando a curta idade, falta de cultura, malas influencias... dos procesados pero, obviamente, sen poñer nunca en cuestión a radical nulidade dos xuízos.
Hai que facer notar que os golpistas seguían a utilizar a lexislación militar republicana, non fan unha lexislación ex-novo, o que fan é darlle a volta no senso de que se inverten os papeis, aplican a chamada xustiza ao revés da que falaba Serrano Suñer: os rebeldes xulgan por rebelión os defensores da legalidade.
Os informes ( da policía, Guardia Civil, Falange, curas...) eran moi importantes pero non acostumaban destacar pola súa obxectividade. A participación nos sucesos de outubro do 34 (xa castigados no seu momento), nas requisas de armas (efectuadas coas garantías legais e acompañados de axentes da orde), eran agravantes moi cualificadas nos encausamentos. Papel decisivo era o dos auditores xurídicos militares pois valoraban se un procedemento se elevaba a causa, o posible delito e pena que correspondía, a adecuación da sentencia, se procedía pedir o indulto, etc; o habitual era que as sentencias se correspondesen co apuntado polo auditor.
As condenas eran dunha gravidade desproporcionada aos feitos pero a salvación era non ser condenado a morte, pois as penas de cárcere foron moi rebaixadas cos indultos posteriores.
Foron seis os nativos de Moaña executados por sentenza de consello de guerra pois, aparte os tres dos que falaremos máis adiante, debemos citar a Juan Milleiro Sampedro, fusilado en Pontevedra o 12-7-37, Antonio Fernández Martínez, da CNT, que vivía en Xixón e alí o executan o 30-3-38 e Celso Pérez Carballo, membro da CNT, xulgado no Ferrol, combatera no bando leal á República, prisioneiro de guerra e executado o 21 de decembro de 1940.
Falaremos de dúas causas contra veciños de Moaña. A 959/37, contra Eugenio Otero Acuña e Manuel Veiga Ríos, os dous de Domaio. Foran detidos en decembro do 36 tras estar fuxidos. Eugenio era dirixente da Sociedad de Oficios Varios de Domaio e acúsano de ser iniciador da folga xeral e da recollida de armas na que participa armado e, xunto con outros, preséntanse en domicilios de persoas de dereitas e, de forma violenta e con ameazas, apodéranse das armas. Veiga era un afiliado do sindicato e foi o que se encargou de avisar os socios para que asistiran á reunión na que se preparou a resistencia ao golpe; tamén o viran cunha bomba que, parece ser, lle entregara outra persoa e que, pasados uns días, entregou a afiliados a Falange. Noutra causa (948/37), o médico Julio Rodríguez, xefe da Guardia Cívica de Domaio, consideraba a Otero como “vago de profesión” e da FAI, e a Veiga como suxeito abúlico e carente de vontade. O xuízo celebrouse en Pontevedra o 22 de xullo de 1937. Eugenio Otero foi condenado a cadea perpetua e inhabilitación absoluta perpetua e Manuel Veiga, a quen consideran falto de perigosidade social, a 12 anos e un día e o tribunal considera que debe ser indultado.
A causa máis destacada contra veciños de Moaña (1212/36) celebrouse en Vigo o 17 de decembro de 1936. Os atestados consideran os encausados como elementos dirixentes que se reuniron o 20 de xullo no sindicato e acordaron “armarse y oponerse abiertamente en actitud de violencia y de resistencia a la acción de la Guardia Civil y aquellos elementos del Ejército que acudiesen a Moaña.” Atribúenlles a citada condición a Eugenio Cancelas, Jesús Vilariño, José Paz, Cándido Giráldez, Francisco Jalda, Manuel Cancelas, José Barreiro e os irmáns Fervenza, a Manuel Catrofes engádeno ao grupo por ser “anarquista de acción”. Varios dos sinalados xa foran "paseados" polas xentes de Bruno Schweiger e falanxistas de Cangas e Moaña.
 Destacan a José Fervenza por estar “señalado en la villa de Moaña con el siniestro carácter de verdugo y que el no niega de haber triunfado el bárbaro movimiento”. Como participantes nas requisas de Moaña e Meira sinalan a José San Luis “Chaplin”, Luis Pérez Álvarez, Eugenio Gayo Santomé, Manuel Vilariño, Arturo Piñeiro e Manuel Catrofes. Varios armadores como Enrique Pérez e Eduardo Vieira testemuñan a favor dalgúns encausados; o secretario do concello defende a actuación do alcalde Fandiño e fai notar a presencia da Guardia Civil nos rexistros domiciliarios por el ordenados.
O fiscal pon de manifesto “el fuerte arraigo, aunque solo aparente, que el FP había alcanzado en los pequeños pueblos de lo cual eran principales instrumentos sus alcaldes”; as acusacións son por requisa de armas, incendio da igrexa e envío de coche a Pontevedra para enlazar co goberno civil; desculpa por actuar obrigados aos irmáns Costas. Afirma que o alcalde pertence á masonería. Pide varias penas de morte. O defensor do alcalde Fandiño, capitán Segundo Cobas, nega que fose masón e, no caso de que o fose, como emigrante en América, puidera non ter outro recurso que afiliarse por necesidade para os negocios; mantén que nos rexistros interveu a G. Civil polo que non eran ilegais e que o alcalde acatou o bando de guerra. O feito de continuar no cargo de alcalde varios días despois do golpe demostraba que inspiraba confianza ás autoridades militares de Pontevedra. Di que pertencía ao partido Radical e non á Fronte Popular. No referido ao alcalde José Fandiño, o instrutor manifesta que “de una manera clara no consta su participación, sin embargo su actitud pasiva influye en el desarrollo de los acontecimientos” e recoñece que no sumario só se atopa un cargo contra el: o da orde para que un coche fose a Pontevedra a buscar armas “sin que dicho extremo se haya podido confirmar de una manera clara y rotunda”
 A defensa dos outros implicados consiste en afirmar que actuaran coaccionados por elementos que xa faleceran e que, cando se decataran da proclamación do bando de guerra, acatárano e devolveran as armas; estaban afiliados á CNT porque era imprescindible para traballar.
A sentencia condena a morte a José Fervenza Pena, Jesús Vilariño Santomé, e José Fandiño Pidre, a reclusión perpetua a Eugenio Gayo Santomé, Manuel Catrofes Rodríguez, Manuel Fervenza Pena e Manuel Vilariño Santomé e a 15 anos de prisión a Arturo Piñeiro Iglesias “Chaplin” e Luis Pérez Álvarez. Os tres condenados a pena de morte son executados no monte do Castro o 31 de decembro de 1936 ás once da mañá e levados ao cemiterio de Pereiró “encerrados en sencillos féretros negros”.
Todos os condenados foron sancionados coa cantidade dun millón de pesetas a ingresar no Tesoro Nacional.

Nota: A imaxe corresponde ao mercado de peixe ó redor de 1929. Vida Gallega.
As citas textuais aparecen nas causa militares. AIMN.

sábado, 18 de febrero de 2017

O ministro milagreiro.



Adicado a Manolo Ayán.
No xornal Mundo Obrero, editado polo Comité de Galicia do Partido Comunista de España, sempre lle prestaron moita atención aos temas relacionados coa situación do campo galego e ás actividades de organismos como as Hermandades Sindicales de Labradores y Ganaderos, fiscalía de taxas, e a todo o entramado de control franquista neste eido. Había unha sección, escrita en galego cunha ortografía peculiar, titulada “Pote Gallego” da que transcribimos un artigo, publicado no 1948, cheo de ironía sobre os problemas da agricultura galega e as corruptas Hermandades e que titulaba “O ministro milagreiro”:
Com’a tripa valdeira é mala conselleira, a xente cárgalle o san Benito de todal-as calamidades o Goberno de Franco.
Se os precios ruben, com’os foguetes; se as contribuciós medran com’a herva mala; se non hai sementes, nin abonos, nin lus, nin gasolina; se hastra pol-os cans hai que afloxar imposto, a xente marmulla... “a culpa ten-a o goberno”. S’un coitado que lampaba c’oa fame, dempois d’un ano mangoneando a Hermandade, fai unha casa de catro pisos, os chismós axiña lle votan as contas: tanto que raspillou d’os cupos, tanto d’as sementes, tanto d’o nitrato...
Moita xente inora que o Fuero falanxista, garantiza a libertade de roubar...pro roubar en grande. Marmurar d’o Caudillo, e d’os qu’o redor dil, esmiólanse por faguer unha España con mais cárceres qu’escolas; sospeitar d’os que se fan ricos d’a noite pra mañan, e mala fe. Se os gobernadores, alcaldes e xerarcas, quédanse c’unha miaxa entr-as uñas, fan-no sin malicia. Como diria Curros:
Sonche os que gustan d’as troitas
E como lle gustan, tentan
Pescar c’oas bragas enxoitas.
Pro o qu’hai que ver non son os defuntos, senon as virtudes, os milagres, que fai o goberno. Ollai unha mostra. Os nosos labregos andaban enrabiados pol-os cupos y-as tasas; queixabanse de qu’a terra non daba nin pra broa de medio ano.
Estaban murchos, com-a si os vira o meigallo; mais o Ministro d’Agricultura de Franco (de quen as malas lenguas din que ten cara d’esguello e mañas de raposa) acaba de alcontral-o remedio: ¡ vai poñer aparatos de Radio en todal-as Hirmandades! Así, cando o labrego non teña os satenta pesos pra contribución; nin abono pras terras, ou o forero amenace c’o embargo, dáse unha voltiña pol-a Hirmandade, e dempois d’ouvir un bolero de Machín, acabanselle as preocupacións. ¿Non é isto maior milagre qu’o d’o Cristo de Limpias? Abofellas qu’o que se queixa, e de bulra. Como dixo Franco, outros están pior qu’a nos. Por exemplo, os negros d’o Congo africano que non disfrutan d’unha feiticeira Xunta d’Abastos que lles racione a fame...¡nin teñen chirimbolo de Radio! Moito pior viviase c’oa República, pois aquelas potas de bacallau, y-as talladas de touciño, estragaban os estómagos.
Os que se queixan, dóulles un consello: con chorar non matadel-a fame. Eu, como bon gallego, calo...e fago. Teño dous fillos n’o monte y-outro que rabia por liscarse pra-lo. Eu, y-outros dous veciños, un d’estes días, cavilamos dar unha voltiña pol-a Hermandade. ¿A vos gustavos a Radio?...Pois a min tamén. So que esa noite temos un traballiño que faguer: vámoslle prender lume a esa cova de vermes que se chama “Hirmandade...de ladrós e lampantís”.

miércoles, 1 de febrero de 2017

Malleiras na illa de Arousa.

As actuacións da Guardia Cívica da Illa de Arousa non se limitaron ao asasinatos de Santiago Otero “Pajares” ou de Esteban Picón; hai documentada toda unha serie de actuacións represoras, que van dende as apropiacións irregulares de bens incautados ata malleiras que acaban, meses despois, en morte.
Algunhas das malleiras están relacionadas co que parecía ser unha obsesión do xefe “cívico” Benito Figueiras: a obrigatoriedade de asistencia á misa. O cura recoñece o trato afectuoso e correcto que tiña con el e o ofrecemento que lle fixera para  darlle escolta ao Viático, porén afirma “Que según rumores aconseja y hasta coacciona al vecindario para que concurra al santo Sacrificio de la misa.” Algunhas veces obrigaba aos mariñeiros a ir á misa sen deixarlles sequera cambiar a roupa de augas. O día da festividade da Ascensión, estaban uns mariñeiros xogando ao dominó na taberna, Benito entrou preguntando se aquelo era a misa e engadiu: “agora vai saír o Cristo” e comezou a darlle labazadas aos presentes botándoos fóra do establecemento. Non abondou co anterior e visitou a casa do portugués Domingo Barbosa e indicoulle á muller que tiñan que ir á misa de doce; como ela lle respondera que xa foran pola mañá cedo, tampouco se librou dos golpes de Figueiras. Pola tarde volveu para golpear ao home pero impediullo un garda civil que o acompañaba.
Maior gravidade revestiron outras malleiras realizadas polos “cívicos” no seu cuartel; na fatídica noite do 20 de setembro de 1936 levaron ao cuartel a Francisco Diz, Juan Chaves e Enrique Rial; o primeiro tivo que gardar cama e estivo incapacitado para o traballo máis de dous meses, Juan Chaves recibiu vergalladas, puntapés e golpes coa culata dos fusís durante dúas horas.
Quen levou a peor parte foi o mariñeiro de 29 anos Enrique Rial; os golpes deron lugar a varias hemoptises e as molestias foron aumentando co tempo e obrigárono a gardar cama pois afectáranlle gravemente os pulmóns “siendo su estado de tuberculosis aguda gravísima; estado que tiene relación íntima con los traumatismos” segundo fan constar os médicos Martínez e Legerén que o recoñecen meses máis tarde, médicos  nada sospeitosos de desafectos.  Morre á seis da tarde do 3 de xullo de 1937 e, segundo a autopsia, a causa inmediata da morte foi tuberculose pulmonar pero a causa fundamental foran os traumatismos.

lunes, 9 de enero de 2017

Santiago Otero Pouso, "Pajares"


Santiago Otero Pouso “Pajares” emigrou a Arxentina no ano 1921, alí traballou nos xacementos petrolíferos de Comodoro Rivadavia ata 1923; en 1931 adquire a nacionalidade arxentina e chega a ser axudante segundo da aduana de Río Gallegos. En 1932, aducindo enfermidade da súa dona, pide licencia e trasládase a España. No país suramericano naceran as súas fillas Juana e Dora.
Na Illa de Arousa participa na intensa actividade política do momento e, en outubro de 1934, foi detido e procesado co resultado de sobresemento. O motivo foi o sucedido na illa naquelas datas: estoupido de bombas e proclamación da república independente; en animada reunión celebrada nunha taberna e seguindo o exemplo da Cataluña nomearon o goberno da república isleña e a Santiago Otero adxudicáronlle o posto de presidente, o dono da taberna, Juan Otero Maestú, correspondente do semanario socialista pontevedrés La Hora, aparecería como ministro de Propaganda. Aquela lista de cargos, plasmada nun papel de estraza, foi intervida polas forzas policiais e traería tristes consecuencias no futuro.
Santiago Otero, na defensa dos seus dereitos laborais, tivo un enfrontamento cos armadores con quen traballaba, chegou a denuncialos e foron condenados a pagarlle 450 pesetas de indemnización; os armadores déronlle largas ao pago.
Tras o golpe do 20 de xullo comezou a represión na Illa da man de falanxistas e, principalmente, da Guardia Cívica na que tomaran acomodo algúns antigos militantes da esquerda. Santiago foi chamado ao cuartel dos “cívicos” e alí foi ameazado de morte e obrigado a entregarlle aos armadores o oficio coa sentencia do preito.
Na madrugada do 20 ao 21 de setembro, contra as once e media da noite, soaron uns golpes violentos na porta e ventás da casa de “Pajares”, a pregunta sobre quen chamaba foi contestada coa palabra “España” e a ameaza de derrubar a porta se non lle abrían. A dona de Santiago, Josefa Arís, medio espida, abriulles e entraron dous “cívicos” aparentemente borrachos. Sen facer caso das súplicas da muller arrebátanlle dos brazos unha filla de dous meses e tíranlla de mal xeito sobre unha cama. Sacaron a Santiago sen darlle tempo a vestirse totalmente e pecharon a porta por fóra. A familia escoita os berros de despedida do preso e un disparo. Diversas testemuñas contan que o levaran ao cuartel onde o interrogaran para que dixera quen fora con el a colocar unhas bombas na casa de Emilio Nieto, “Pajares” negouse a responder; ao mesmo tempo estabann detidos no cuartel Juan Chaves e Francisco Diz que sofren unha fortísima malleira. De madrugada sácano do cuartel, mátano e fondéano. Un mariñeiro que volvía á casa e lle prohiben o paso pola zona e agóchase nun canaval, así como outro veciño que contempla o paso da comitiva axexando pola ventá, puideron contemplar o sucedido.
Ao día seguinte, a sogra de Santiago tenta coñecer o paradeiro do xenro e a resposta que recibe é a de que o levaran a Pontevedra pero non aparece por ningunha parte.
O 11 de outubro (outras fontes apuntan que foi o 6) aparece un cadáver flotando na praia dos Testos e vai xente a velo, incluso os nenos da escola; o pequeno tamaño da pedra atada ao pescozo non impedira que flotase; avisado o xefe da Guardia Cívica Benito Figueiras, afasta a xente do lugar e, acompañado de dous “cívicos”, collen a barca dun pescador, átanlle á cintura do cadáver un poste de pedra máis grande ( outra versión, pouco crible, conta que lle abriran o ventre e enchérano con pedras) e fondean de novo o cadáver mar adentro.
Os feitos quedarían como un “paseo” máis dos moitos sucedidos naqueles días de non ser por dúas circunstancias: o encarceramento e inicio de actuacións contra membros da Guardia Cívica polos seus abusos e a condición de cidadán arxentino de “Pajares”.
Case un ano despois dos feitos, Josefa Arís, superado en parte o medo, presenta un escrito no consulado de Arxentina en Vilagarcía denunciando o “asesinato cruel y completamente injustificado” do seu home; este escrito vai avalado tamén coa sinatura de dúas testemuñas: Francisco Vázquez e Juan Santiago. Josefa evita mencionar nada relativo a motivacións políticas e apunta a unha vinganza polo preito cos armadores, remata o escrito sinalando que coa morte do seu home 
 he quedado abandonada a la caridad pública, con cinco hijos todos menores, el menor de 1 y el mayor de 15 años de edad, y es por esto y por la convicción que abrigo del espíritu justiciero que anima todos los actos de la España Nacionalista, que solicito su patrocinio para pedir se haga justicia a fin de que mis hijos sepan que su padre fué una víctima de las pasiones humanas y no de la justicia. [ escrito presentado no consulado de Arxentina, 30-6-37. AIMN]
Ábrense dilixencias informativas das que se encarga o alférez da Guardia Civil Mariano Crego que, aducindo causas variadas, deixa sen interrogar aos presuntos culpables e a diversas testemuñas, pero non se esquece de consignar que Santiago Otero adicábase á propaganda “en sentido marxista” e que nos sucesos de outubro figuraba nun goberno da Illa como ministro de Gobernación [sic] dando con isto proba “de sus ideales extremistas”. Tampouco deixa de manifestar a condición de antigos socialistas e militantes de esquerdas, antes do golpe militar, dos “cívicos” presuntamente implicados nos feitos. Conclúe que a morte de “Pajares” “se presume que sea un acto puramente por venganzas personales.”
Como xa relatamos no referido a Esteban Picón, os acusados foron absoltos.