domingo, 21 de mayo de 2017

Contra o esquecemento.

Sempre é motivo de ledicia a publicación dun libro, pero neste caso aínda o é máis: pola temática, o sucedido tras o golpe do 36; por quen o edita, o IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) que é referencia indiscutible no asociacionismo cultural galego e polo autor, Luís Bará, persoa implicada dende sempre no labor de recuperación e difusión da memoria e o patrimonio.
    “Non des a esquecemento. Relatos do xenocidio fascista en Galiza, da resistencia e da solidariedade.” refrenda publicamente o que os que coñecemos o autor xa sabiamos: a autenticidade do seu compromiso coa memoria, compromiso que non é só a aposta conxuntural  dun político senón  que ven de lonxe, só hai que lembrar o seu labor no goberno autonómico coas actividades do  Ano da Memoria, e todo o conxunto de iniciativas que poñen a Pontevedra como referente destacado nos procesos de recuperación da memoria,  do recoñecemento social ás vítimas e os seus familiares; políticas de memoria que van máis alá de feitos puntuais e responden a unha planificación estable e de longo percorrido.
    O libro está estruturado en cinco grandes apartados: 1- Memoria de Vilaboa. 2- O ronsel das silenciadas. 3- Memorial de san Simón. 4- Das casas refuxio. 5- Era a historia da noite. O título da cada un amósanos  os eixes sobre os que xiran os relatos. Pero común a todos eles hai unha serie de notas a destacar:
A importancia dada á memoria oral, unha memoria que non busca a reprodución exacta e aséptica do sucedido, senón  coñecer como viviron os feitos os protagonistas, o que nos achega son experiencias, emocións, sentimentos; en suma, a dimensión máis humana da historia, sen a que non se entendería a complexa realidade da represión e do terror. Nesta temática, a memoria oral é imprescindible porque houbo actuacións represoras que apenas deixaron rastro documental: que documentos acreditan as violacións e os abusos ás mulleres? Onde constan os nomes das mulleres rapadas ou gravadas co UHP na fronte? Onde están as actas das reunións nas que se decidía o paseo de moitas persoas?...
A memoria que Bará recupera neste libro é a memoria pouco publicada, a que se transmitiu caladamente; dá a coñecer o pasado de sectores da poboación que, case sempre, están ausentes das fontes escritas.
O autor adopta un enfoque subxectivo no relato, pero esa subxectividade non lle resta valor histórico ao libro, pois un historiador sempre é subxectivo,  o que debe ser é rigoroso e veraz, sen ocultar nin manipular as fontes; e detrás deste libro  hai un inxente labor de documentación, contraste de datos, de consulta bibliográfica, de hemerotecas, de arquivos de todo tipo.   
E dentro das vítimas silenciadas destacan e están omnipresentes no libro as mulleres, o compromiso con elas xa aparece de xeito explícito na súa definición biográfica: “son o neto de Pepa das Laceiras, muller de coraxe e de labor. Todo comezou con ela.” En multitude de relatos translócese a empatía do autor coas perseguidas, coas vítimas, pero tamén coas mulleres resistentes que teceron redes de solidariedade e axuda (s. Simón, Figueirido); o autor ponse no lugar das vítimas que viron as súas expectativa vitais rotas para sempre, porque o franquismo, aparte do terror e a violencia, o seu maior efecto foi arruinar brutalmente o futuro, as expectativas vitais, de varias xeracións.
Destacan tamén as imaxes, a fonda tristura da mirada de Mercedes Magdalena e as súas fillas, o terror nos rostros dos vellos presos en san Simón, a resistencia e a dor de Cinta Rey na Caeira; como ben di o autor: “Hai imaxes que contan historias. Imaxes que falan, que berran, que claman, que proclaman” En suma, imaxes que nos chegan ao corazón, que nos conmoven e que nos transportan emocionalmente á época dos feitos.
Para rematar, libros como este non tratan, como algúns din, de reabrir feridas, porque as feridas nunca estiveron cerradas nin o estarán ata que coñezamos e comprendamos o que realmente aconteceu, e se faga xustiza, co recoñecemento social das vítimas, da superioridade moral dos valores democráticos sobre o fascismo e coa anulación dos xuízos sumarísimos. Cando así suceda, este pasado converterase definitivamente no que debe ser, historia.

No hay comentarios: