miércoles, 28 de febrero de 2018

Ansias de liberdade. Fuga en Camposancos.

            Adicado a Xulio Leal, que ten Asturias nun recuncho do seu corazón.
Febreiro de 1938. No colexio dos xesuítas de Camposancos (A Guarda) está instalado un campo de concentración, nel están prisioneiros moitos asturianos que prenderon logo da caída da fronte naquela rexión. O comandante militar do campo era o capitán de infantería retirado Antonio Fontenla. A vixilancia exterior está a cargo dun destacamento do rexemento de Infantería Mérida número 35; os efectivos son: un alférez, seis sarxentos (catro son cabos habilitados para sarxentos e dous sarxentos provisionais), catorce cabos e noventa e seis soldados. O servizo de garda estaba composto por un sarxento, 2 cabos e 20 soldados e, ademais, cun servizo de retén de reforzo que formaban un cabo e cinco soldados. En todo o perímetro do campo había nove postos de sentinela que se ampliaban con dous máis pola noite.
Dentro do campo, a vixilancia dependía dun xefe e dun subxefe da Falange de Vigo que tiñan ao seu cargo unha forza de 17 falanxistas procedentes das aldeas da zona. Estes falanxistas relevábanse cada oito días, vestían de paisano e o único distintivo era o gorro falanxista. As ordes da comandancia militar para este servizo de vixilancia interior eran: a) Dividir os prisioneiros en grupos de 200, ao coidado de tres falanxistas que pasarían lista de diana e de retreta. b) A forza estaría distribuída , por parellas, entre os reclusos e deberían estar atentos ás conversacións que mantiñan. c) Non debería saír ningún prisioneiro sen escolta para o servizo de limpeza. A orde tamén trataba outros puntos e lembraba que este servizo
se considera al frente de rebeldes y sediciosos, deberá prestarse como si estuvieran al frente del enemigo y con arreglo a esa gravedad se aplicará el Código de Justicia Militar (orde do 11-4-1937).
As veces nas que os presos saían ao exterior, con motivo de levar o lixo ou para tomar un baño na praia, ían vixiados debidamente e facíanse os correspondentes recontos.
Polo anterior, non parecía fácil que os intentos de fuga tiveran éxito pero foron varios os que se levaron a cabo. O máis importante foi o efectuado o dez de febreiro de 1938; aquel día fugáronse doce presos asturianos. Un dos organizadores parece ser que fora Casildo Rodríguez Álvarez e o método foi moi sinxelo: aproveitando que os falanxistas do servizo de vixilancia interior só se distinguían polo seu gorro, deron en confeccionar gorros falanxistas aproveitando a tela de mahón azul dos “monos” e a vermella que quitaban das colchonetas. Facendo gala do maior sangue frío, saíron ao exterior pola porta principal pasando por tres postos de sentinela, sen que os militares de garda sospeitaran o máis mínimo, pois tomáranos polos falanxistas que saían para o pobo.
Ao non atopar  un recluso chamado para unha xestión, nun primeiro momento coidaron que estaría nalgún lugar do interior, xa que era habitual que, ás veces, non se localizasen debido á dispersión polo recinto; fixeron repetidos recontos ao día seguinte e, o día 12, confirmaron que faltaban 12 internos. Pasaron aviso aos postos da Guardia Civil e deron parte ao gobernador militar da provincia. Logo de revisar o recinto, non atoparon sinais de que escalaran os muros nin acharon portas forzadas, o servizo de garda non notara nada anormal polo que empezaron a sospeitar que saíran camuflados de falanxistas; contribuíu tamén o feito de atopar un gorro de falanxista dos que confeccionaran.
Os fugados eran: Antonio Valle Rodríguez, carpinteiro, domiciliado en Xixón e afiliados á CNT; Raúl Menéndez Rodríguez, xornaleiro, domiciliado en Salas, soldado do Batallón Gorka 230; Baldomero Villabona García, de Somió, FUE, fora capitán do Batallón Méjico 252; Casildo Rodríguez Álvarez, mariñeiro, de Soto del Barco; José Rodríguez Fernández, fillo de Casildo; Benito Iglesias Fernández, industrial, natural de Ribadeo e domiciliado en Castrillón, capitán do Batallón Pablo Iglesias 251, socialista, considerado “individuo peligrosísimo y de pésimos antecedentes”; Américo Gómez Carro, fontaneiro, natural de Coruña, miliciano do Batallón Galicia 19, CNT; Juan Antonio Fernández Pérez, labrador, domiciliado en Castrillón, tamén considerado extremista moi perigoso; Francisco Caiñas López, cociñeiro, natural de Navia e domiciliado en Xixón; Nicanor Braga Ordóñez, mineiro, natural de Sama de Langreo, capitán do Batallón de Blindados, CNT; Olegario Braga Villa, mecánico, de San Miguel de Lara, capitán do Batallón Higinio Carrocera, pertencía as “Juventudes Libertarias Comunistas” e Francisco Álvarez Menéndez, ascensorista, CNT.
O destino que tiveron foi, na maioría dos casos, tráxico; algúns foron detidos por patrullas de falanxistas e gardas civís nos días inmediatos e foron interrogados; todos manifestaron que se fugaran de xeito independente, pois sabían que se recoñecían que  organizaran a fuga en grupo agravarían, aínda máis, a súa situación. Cando foi interrogado Juan Antonio Fernández polo motivo da fuga contestou: “por ansias de libertad”. No verán de 1938 actuou en Camposancos o Tribunal Militar Permanente nº 1, presidido polo comandante Luis de Vicente Sasiain, vello coñecido nas terras pontevedresas. Este tribunal desprazouse de Xixón para xulgar os asturianos presos. Entre os capturados foron condenados a morte Casildo Rodríguez (fusilado nos malecóns de Monte Porreiro o 2-7-38), Benito Iglesias e Juan Antonio Fernández; Américo Gómez e José Rodríguez condenados a reclusión perpetua. Francisco Álvarez, Nicanor Braga, Francisco Caiñas e Baldomero Villabona foron localizados por falanxistas en Ponteareas e “paseados”. Dos tres restantes non coñecemos o seu destino.

2 comentarios:

Anxo Padín dijo...

Grande traballo o seu, Mestre, para arroxar luz sobre as tebras que aínda cubren a nosa Memoria. Descubrín esta parte da nosa historia agochada nun documental que presentaron fai anos en Tui, e realmente fiquei conmovido polo sufrimento que tanta xente pasou en Camposancos, un dos campos de concentración máis terribles do sur da Galiza. Grazas por seguir mergullándose na nosa Memoria.

Unknown dijo...

Penso que Anxo Padín é un home que sabe do que fala, e polo tanto pouco podo aportar...JEJEJEJE
Espero que saibas manexar o idioma.