Onte, 23 de abril, en Madrid e con motivo de serlle entregado o premio Cervantes, o escritor Juan Gelman fixo un discurso do que recollo algúns parágrafos que me parecen moi axeitados para a temática deste blog:
Xa non vivimos na Grecia do século V antes de Cristo na que os cidadáns eran obrigados a esquecer por decreto. Esa clase de esquecemento é imposible.
Hai recordos que non necesitan ser chamados e sempre están aí e amosan o seu rostro sen descanso. É o rostro dos seres amados que as ditaduras militares desapareceron.
Pesan no interior de cada familiar, cada amigo, cada compañeiro de traballo e alimentan preguntas incesantes: ¿como morreron? ¿quen os matou? ¿por que? ¿onde están os seus restos para recuperalos e darlles un lugar de homenaxe e de memoria? ¿onde está a verdade, a súa verdade?. A nosa é a verdade do sufrimento. A dos asasinos, a covardía do silencio. Así prolongan a impunidade dos seus crimes e convértena en impunidade dúas veces.
Hai quen vilipendian este esforzo de memoria. Din que non hai que remover o pasado, que non hai que ter ollos na noca, que hai que mirar cara adiante e non encarnizarse en reabrir vellas feridas. Están perfectamente equivocados. As feridas aínda non están cerradas. Laten no subsolo da sociedade como un cancro sen sosego. O seu único tratamento é a verdade. E logo, a xustiza. Só así é posible o esquecemento verdadeiro. A memoria é memoria se é presente e así como Don Quixote limpaba as súas armas, hai que limpar o pasado para que entre no seu pasado. E sospeito que non poucos dos que preconizan a destitución do pasado en xeral, en realidade queren a destitución do seu pasado en particular.
Hoxe, lendo os xornais, podemos comprobar os esquecementos, as citas selectivas, a manipulación, en suma, que se fai do discurso do poeta...
Pareceme unha forma de recordar o que pasou cos nosos familiares.E que se fixen alguns dos caciques do que pasou que ainda que cambien o nome siguen sendo os mesmos.
ResponderEliminar¿este home está falando de Galicia, verdá, da guerra civil española?
ResponderEliminarA mensaxe de Gelman é universal, aplícase a tódalas guerras e a todos os sistemas represivos do mundo. Ao meu parecer, hai moitas coincidencias entre a represión de Arxentina, Chile...coa sufrida en Galicia tras o golpe do 36, desaparecidos incluídos...
ResponderEliminar