Cando en Pontevedra capital se fala de fusilados no 36, unha das persoas ás que sempre se fai referencia é a un home “dos do ferreiro do Pino”. Ese home foi Edelmiro Dios Vázquez e, a pesares do dito anteriormente, o seu nome non aparece entre os mortos anotados no rexistro civil naquela data, nin nos listados actuais de persoas represaliadas.
Edelmiro era socialista pertencendo, como vicesecretario, á dirección do PSOE en Pontevedra, presidida por Ramiro Paz, en xuño de 1936. Tamén pertencía á sección local do Socorro Rojo na que era encargado de “Agit-prop”; un compañeiro seu, Emilio Villar, era o responsable sindical da mesma. Tamén traballaba no eido sindical e xa en 1931 era secretario da directiva dos metalúrxicos pontevedreses.
Sendo presidente das xuventudes socialistas, é detido polos sucesos de outubro do 34 e foi posto en liberdade o 30 de novembro de dito ano.
Nos primeiros días tras o golpe, xunto cun compañeiro, escóndese na zona de Paredes; como a presión de cívicos e falanxistas era grande na zona, logo de estar agochados nun monte próximo ás salinas, marchan a S. Adrián de Cobres. Na noite do 3 ao 4 de setembro, posiblemente tras unha delación, a casa na que están escondidos é rodeada por cívicos e falanxistas acompañados de tres gardas civís. Son detidos e conducidos nunha camioneta ao cuartel da Feira (actual praza de Barcelos) onde estaban asentadas a G. Civil e a Garda Cívica.
O día 4 de setembro, na prensa local aparece a seguinte noticia:
Detención de uno de los jefes de las milicias rojas de Pontevedra. Un grupo de guardias cívicos de esta capital dió anoche una batida en santa Cristina de Cobres para detener a Edelmiro Dios Blanco (sic) vecino del lugar del Pino y a quien se señala como uno de los jefes de las milicias rojas que actuaron en esta ciudad en los primeros días del Movimiento. El servicio de los guardias cívicos dió resultado satisfactorio pues se logró la detención del fugitivo. Edelmiro quedó a disposición del juez militar que lo tiene reclamado. (Diario de Pontevedra 4-9-36).O mesmo xornal, o día seguinte, precisa que o detido “anteanoche”, ou sexa o 3-9-36, era Edelmiro Dios Vázquez e matiza que o nome dado por erro corresponde “ a un estimado joven pontevedrés muy ajeno a los manejos marxistas”.
A pesares da posta a disposición do xuíz militar, na noitiña do día 4 lévano a declarar e á mañá seguinte aparece torturado e morto no cemiterio de Bora. Algúns dos seus familiares tamén foron detidos. Con posterioridade é trasladado polos seus ao cemiterio de Salcedo.
Case dous anos despois do seu asasinato, o cinco de febreiro de 1938, aínda vai aparecer o seu nome nunha requisitoria militar na que se lle da un prazo de 8 días para presentarse e responder na causa que se lles instrúe por un delito de rebelión. A xeito de burla macabra, aparecen tamén na mesma outras persoas fusiladas facía máis dun ano: Vázquez Cruz (2-12-36), Faustino Gama (29-12-36), Aurelio Torres (23-8-36), Gallego Acuña ( 24-8-36), entre outros.
Na lembranza, 4-9-36 , a 4 do 9 de 2008.
No hay comentarios:
Publicar un comentario