domingo, 22 de marzo de 2009

Víctor Moldes Carro ( I )

Vai camiño dun ano que publicabamos neste blogue unha entrada sobre os fusilamentos do 17 de abril do 37 en Monte Porreiro, hoxe, froito de novas investigacións, posuímos documentación que nos dá máis luz sobre os feitos e sobre as persoas condenadas na causa 115/37. Entre os condenados a morte, a figura de Víctor Moldes Carro ten un lugar destacado polo importante papel desempeñado como un dos líderes do agrarismo pontevedrés.

Para o autor deste blogue, aparte da inxustiza que significa o esquecemento de Moldes ( e, en xeral, de represaliados que non ocuparon postos políticos de carácter institucional relevantes) tamén ten unha compoñente afectiva pois, nas conversas familiares, tivo noticia da súa existencia e morte e das visitas compartidas á illa de San Simón.

Víctor Moldes Carro, fillo de Constante e de Juana, nacera na parroquia de Campañó no ano 1886 e estaba domiciliado en Casaldarado (Lérez), era propietario dunha tenda de ultramarinos na rúa das Cinco Calles, sendo tamén presidente da Federación comarcal Agraria e da patronal do gremio de ultramarinos.

O seu labor na defensa dos campesiños ven de moi atrás: no xornal Nueva Aurora (12-12-1920) aparece un artigo titulado “Lérez Redimido” no que se le:

Hará aproximadamente dos años cuando un grupo de animosos jóvenes, a la cabeza de los cuales se puso Víctor Moldes, tomaron posesión de la directiva de aquella sociedad. [agricultores de Lérez] Al encargarse de sus destinos se encontraron frente a frente, con un verdadero cadáver social. Los dos bandos políticos de la parroquia con sus luchas de baja estofa, la habían cogido en medio, apretándola, hasta matarla. Pero ellos, valiente y animosos, empezaron a reanimarla con el calor de la idea; le extirparon la mala yerba; le inocularon el virus de la emancipación, y gradualmente, desde noventa y tantos socios que había en ella, la elevaron a cerca de quinientos con los que cuenta hoy.

O cambio de rumbo na veterana sociedade lerezá foi notable, sen estar ausentes as expulsións de persoas ás que se cualificaban de caciques; no mesmo xornal (15-08-20), José Paz conta:

La Junta Directiva, observando que en el seno de la Sociedad había elementos podridos, inició el saneamiento logrando la expulsión de alguno de ellos y trabaja activamente en busca de los demás traidores de la causa agrícola... e remata cun chamamento: Trabajadores del campo, explotados agricultores, el continuar pagando foros en el siglo XX, es una cobardía.

Na constitución da Federación Agraria Comarcal aparece como vocal; sobre a ideoloxía que aparece detrás da mesma naqueles momentos, non está de máis o que dí o mesmo xornal (20-6-20).

Esta Federación tiene consignado, en sus estatutos, que marchará de acuerdo con la táctica y orientación del Partido Socialista Obrero español.

Víctor Moldes alcanza a presidencia da federación e durante o seu mandato ten lugar en Pontevedra un Congreso Agrario, os días 25 e 26 de maio de 1935. Os acordos deste congreso, combinan os de carácter político e social cos de temática especificamente agraria ou gandeira; así, piden a amnistía dos presos políticos e sociais, opóñense activamente á pena de morte e o estado de excepción , a liberación nacional e social de Galicia, levar a cabo unha campaña contra o fascio e a guerra e, xa no ámbito agrario, a anulación do tratado co Uruguai e Arxentina como prexudiciais para a gandería galega así como toda importación de carnes conxeladas, libre destilación e venda de augardente, libre introdución do millo, abolición total dos foros, creación de comités de campesinos en toda a provincia, defensa do ferrocarril, protexer a gandería levando a cabo unha loita intensa contra os intermediarios e o contrabando do gando, crear bodegóns na capital para a venda de viño do país, etc.

Remata o congreso cun chamamento ás organizacións disidentes para que se integren na Federación e a unificarse nas distintas parroquias sin represalias de ninguna especie e imposiciones de una u otra parte. Lembremos que, nos anos 32 e 33 e froito das tensións entre socialistas, comunistas e outros, houbera escisións en diversas sociedades de agricultores: Marcón, Alba, Cerponzóns, Tomeza, entre outras.

Moldes tamén participa na campaña electoral dando mitins do Frente Popular como o que ten lugar en Campañó o 8 de febreiro do 36, xunto con García Filgueira, Víctor Casas e Echeverría. Logo das eleccións de febreiro do 36, a actuación de Víctor Moldes foi posta en cuestión por algúns, mesmo pola sociedade de agricultores de Lérez, sendo acusado de tachar da lista da Fronte Popular os nomes de Alonso Ríos e de Viana para acoplar candidatos doutras listas, tamén se estende o rumor de que actuara como apoderado dos centristas. No xornal El País (19-3-36), aparece un solto asinado por X e titulado “Maniobras Sucias” con diversas acusacións contra Moldes. De todos os xeitos, nunha acta de Unión Agrícola de Lérez (31-3-36) proponse, por maioría de votos, a Víctor Moldes e José Cons para candidatos ás futuras, e nunca celebradas, eleccións municipais.

Tras o golpe militar do 20 de xullo, Víctor Moldes ao igual que numerosas persoas comprometidas coa república, anda fuxido polos arredores da capital. Segundo as súas declaracións, no monte Castelo estivo con Alejandro Gama, Claudio Magdalena, o mestre Guillán e outros. Foron axudados por varios veciños da zona do Castelo ( varias fontes orais apuntan tamén á protección do párroco Don Leandro que o acollería no mosteiro). Días despois foi fuxindo ata Padrón e volveu por Vilanoviña, onde estivo varios días, para regresar a Lérez onde foi detido polos homes de Lis o 15 de setembro do 36. (A data do atestado é esta, en contraposición coa dada polos xornais nos que figura o 16).

No hay comentarios:

Publicar un comentario