A descualificación dos adversarios é unha constante nas liortas políticas, pero, nos anos do medo, o insulto puro e duro era moeda de uso corrente. Dende os xornais ata os informes oficiais pasando polas inefables charlas radiadas de Queipo de Llano, os ataques á República tomaban corpo denigrando ás personaxes máis destacadas da mesma. Nesta primeira entrega, falaremos dun intelectual e político que foi branco das iras dos sublevados: Manuel Azaña. Non viñan de novo os ataques a Azaña, o propio Unamuno dixera, no ano 1931, que era un escritor sen lectores e que sería capaz de facer unha revolución para que o leran.
Os xornais pontevedreses, baixo unha férrea censura ou órganos falanxistas como o antigo xornal portelista El Pueblo Gallego, tamén toman parte na campaña.
Precisamente este último xornal vai publicar, o 24 de xuño de 1938, o debuxo que ilustra este artigo: Azaña caricaturizado de demo sobre un chan formado por caliveras.
Cando os diarios de Azaña foron roubados ao seu cuñado Cipriano Rivas Cheriff, cónsul de España en Xenebra, por un funcionario que se pasou ao bando franquista, o servizo de propaganda dos sublevados vai utilizar algúns deles para denigrar ao dirixente republicano. Unha das formas máis curiosas de facelo é a seguinte: unha suposta análise grafolóxica da súa letra. Así o fai El Pueblo Gallego (21-8-37) : logo de afirmar que os cadernos chegaran á “zona nacional” por camiños que non se podían revelar, deles podía “deducirse con exactitud el pensamiento íntimo del abominable político” e un “ gran profesor” analiza a “ letra del monstruo”.
A continuación escribo algúns parágrafos que resultan da análise feita polo anónimo grafólogo:
Hombre bilioso y cardíaco: letra temblorosa, vacilante y tortuosa [...] Insensible a todo aquello que no lesione su soberbia. Refractario a la ternura y al amor. Propicio a grandes desmayos y a depresiones nerviosas. Gustos femeninos: ausencia de rasgos fuertes en la escritura. Voluntad entregada a quien le adule. Aficiones despóticas. Tiene signos definidos que acusan la piorrea crónica [...] El poder le sirvió, ante todo, para satisfacer sus instintos sádicos. El hombre oscuro e impotente, que era carcoma del Ateneo o polilla de algún periódico confidencial, agigantado de pronto con la fuerza descomunal que da el Poder, fué un monstruo. [...] Azaña, amplificado en su pedestal de gobernante, descubrió las anormalidades características de un producto de íncubo.
Como se ve, todas as características que a propaganda franquista repetía de xeito incansable sobre a figura do presidente republicano: monstruo, afeminado, soberbio, sádico, impotente...aparecen no texto que hoxe comentamos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario