lunes, 14 de marzo de 2011

Algo máis sobre os Schweiger.


 No ano 2009 escribía neste blogue unha entrada sobre o famoso “capitán Bruno”, xefe da Centuria de Zapadores de Falange de Marín e sinalado, mesmo por compañeiros seus, como participante destacado na represión logo do golpe militar de xullo do 36.
Unha das vantaxes do formato blogue é a de posibilitar o intercambio de información entre os lectores e o autor, e así ocorreu cando un amable lector ofreceunos información que permitía subsanar o erro de atribuír a condición de filla do militar Gutiérrez de Soto a dona Fermina, cando o certo é que era a irmá.
Os que traballamos pescudando datos do pasado somos conscientes das dificultades para confirmar certos aspectos, pois a fiabilidade dalgunhas fontes non sempre é a desexada.
Certamente a cuestión dos parentescos é un aspecto secundario no caso que nos ocupa, pero non foi o relatado o único erro nesa entrada: Un dos datos certos que tiñamos era o matrimonio do enxeñeiro alemán Schweiger Damboech coa mestra Fermina Gutiérrez de Soto, o que levou a deducir que dito enxeñeiro era Bruno Schweiger.
Pois non! Existía outro enxeñeiro alemán cos mesmos apelidos e que era o seu irmán Juan, profesor axudante interino de alemán, co carácter de meritorio, no instituto da capital, nomeado en xullo de 1937. Ante a dúbida acudimos a Xavier Milleiro, investigador e bo coñecedor daqueles anos na zona de Marín, que nos confirmou que a muller do capitán Bruno chamábase Bárbara Schaffer e así aparecía na partida de nacemento da súa filla Asunción Beatriz. Por certo, e confirmando o dito máis arriba sobre a fiabilidade dalgunhas fontes, o Diario de Pontevedra do 16 de novembro de 1938, atribúelle erroneamente a dita filla o nome de María de la Asunción Fermina; tamén nos conta que foi apadriñada polo coronel de Estado Mayor Fermín Gutiérrez de Soto e a súa dona, representados polos seus irmáns Juan e Fermina.
Aclarado o tema e confirmada a relación de amistade e parentesco (a través do irmán) de Bruno co militar golpista, o caso levounos a tentar coñecer algo máis acerca de Juan Schweiger e así soubemos que viviu na rúa da Barca, nº 26 e que estivo relacionado con negocios de automoción. Así aparece no xornal ABC do 4 de setembro de 1940:
¡Empresas de transporte! Gasógenos DUX patentado en España y en el extranjero, sustituye la gasolina con carbón de leña. Comprobado oficialmente por el Parque de Automóviles de la 8ª Región Militar. Solicitamos representantes competentes y de solvencia en cada provincia. Dirigirse: ingeniero Juan Schweiger.

O gasóxeno era un aparato que se acoplaba aos automóbiles e que servía para producir un gas combustible a partires da queima de leña e de carbón. Foron utilizados en España e outros países nos anos 40 debido á falla de gasolina.

9 comentarios:

Chispa dijo...

Pepe, Parabens polo traballo. Este blog é unha ferramenta importante para os que nos interesa e estudamos esta época tan interesante e tráxica.
Todos cometemos erros, máis o importante é non esquecer. Isto que mencionas é anécdotico, ainda que é bó clarificar para os investigadores.

Insisto, os meus parabens polo traballo que fas.

Celso Xavier Milleiro, Marín-O Morrazo

Xosé Álvarez Castro dijo...

Grazas polas túas palabras e pola xenerosidade.

Óscar Galansky dijo...

Bos días Xosé.

O primeiro felicitarte polo blog.
O tema de Bruno interésame bastante, e nunha curta documental que fixen no 2007 caín no mesmo erro de relacionar a Fermina como muller do alemán.

O que aínda no logrei é poñerlle cara o devandito Bruno. Non sei se hai algunha fotografía del.

Aproveito para deixar o link da curta:
http://www.youtube.com/watch?v=6zJuE4Hgo74

Un saúdo, Óscar

Xosé Álvarez Castro dijo...

Grazas. As únicas fotografías que coñezo están feitas por Zubillaga e corresponden á Falange de Zapadores de Marín; foron publicadas en El Pueblo Gallego en varias ocasións, unha delas o 28 de maio de 1937 e algún dos xefes ten que ser Bruno. No xornal non teñen moita calidade e non parece fácil distinguir ao "capitán Bruno".
Saúdos

Txema dijo...

Buenos dias

Soy familiar de Estanislao Graña Soliño, era mi tio y gracias a tu Blog pude averiguar algo mas de lo que un dia mi madre, me conto, pero como en otras cosas que sucedian en mi casa nunca se pudo saber mas alla de lo que un dia me conto, ya que en mi casa estaba bastante prohibido hablar de la Guerra Civil y todos los sucesos de Galicia, la tierra de toda mi familia.
Yo naci en Barcelona a donde ellos, mis padres se desplazaron desde Cangas, mi padre era de Cangas y mi madre de Forte.
Yo quisiera pedi un ruego y es poder saber algo mas de mi Tio ya que nunca pude averiguar nada y hoy en dia solo se el dia que murió junto a Milleiro
Por favor si pudiera decirme algo mas me haria un gran favor ya que tengo deseos de saber mas de el
Un saludo

Xosé Álvarez Castro dijo...

Me alegro que a través del blog pudiese averiguar algo de su tío. Para poder facilitar más datos o ponerlo en contacto con investigadores que pudieran tenerlos necesitaría un correo electrónico que puede facilitar dirigiéndose a sempreconvos@hotmail.com . Saludos.

Chispa dijo...

Sobre Estanislao Graña teño fotocopiado algunha cousa. Foi fusilado xunto co meu tío Juan.

Miguel García García dijo...

No seguinte enlace confírmase en prensa o matrimonio de Jose Bruno Schweiger Tamboek con Bárbara Schaffer, ó ser requeridos pola súa condición de "súbditos extranjeros" pola "Comisaria de Investigación y Vigilancia de Lugo"

http://prensahistorica.mcu.es/es/catalogo_imagenes/grupo.cmd?posicion=3&path=3103476&presentacion=pagina

Xosé Álvarez Castro dijo...

Moitas grazas pola aportación. Saúdos