domingo, 30 de junio de 2024

Contra o esquecemento: o mestre Alfonso Dámaso Rodrigo Méndez.



Alfonso Dámaso Rodrigo Méndez naceu o sete de abril de 1895 en Bande (Ourense); era fillo de Joaquín e de Consuelo. Estudou a carreira de mestre; no ano 1925 reside en Figueirido (Pontevedra) e solicita unha praza de interino sendo destinado á escola de Figueroa (Cerdedo). No ano 1926 aproba as oposicións e, no 1927, destínano a Meira (Lugo). No ano seguinte trasládase a Porto (Salvaterra) e no 1933, pola quenda de consortes, toma posesión da escola unitaria nº 2 de Sanxenxo, xunto coa súa dona Bernarda Pereira Solla. Socio da Casa del Maestro de Pontevedra, fai unha doazón de 3 pesetas para a homenaxe que o maxisterio tributou ao ministro Marcelino Domingo no ano 1935. O labor docente deste matrimonio na localidade foi moi destacado, cun intenso compromiso pola renovación pedagóxica. (Véxase: Mestres deSanxenxo).

Alfonso tivo tamén unha destacada actividade política como militante socialista, organizador e secretario da agrupación do PSOE na localidade e afiliado á UGT.

Este compromiso político fixo que estivera no punto de mira das forzas da dereita e cando triunfa o golpe militar de 1936 vai pagar as consecuencias. Detéñeno nos primeiros días e ingresa no cárcere de Pontevedra. O 16 de agosto, varios militantes falanxistas toman a iniciativa de presentarse diante do comandante de posto da Garda Civil, José Freijanes Freijanes, para acusar o mestre. Declaran que fora o organizador das “milicias marxistas armadas”, que dirixira a requisa de coches “alentando a las masas para marchar a la capital con el objeto de ponerse frente al Ejército y la fuerza pública”. Conceptuábano como individuo de ideas extremistas que inculcaba aos nenos. A partir destas declaracións, o cabo chama a declarar outro veciño, que reforza as acusacións contra Alfonso. Explica que, o 20 de xullo, o mestre animaba a un cento de persoas que o acompañaban con gritos de “Viva o comunismo” e dicíalles que ían loitar polo proletariado e a Fronte Popular. Tamén lle oíra dicir que “esto pronto iba a terminar, y que algunas casas de esta villa (dirigiéndose a las de determinadas personas de derecha) serían pronto para algunos pobres que estaban viviendo miserablemente” e que aos elementos fascistas de Sanxenxo había que cortarlles a cabeza. Engade o declarante que Alfonso dixera que a súa maior alegría fora cando sacaran os crucifixos das escolas e cando puidese queimar a igrexa de Sanxenxo.

Pola súa conta, o cabo instrutor do atestado engade que Alfonso actuaba intensamente en política e que era un propagandista de ideas extremistas intervindo “incluso en asuntos de huelgas en los que se colocaba en actitudes de las que era imposible llegar a arreglarse”.

Alfonso Rodrigo presta declaración diante do xuíz militar como inculpado na causa 832/36, contra os principais dirixentes republicanos da localidade, os días 26 de agosto e 3 de setembro. Recoñece a súa actividade política pero nega as acusacións de que era obxecto.

O 28 de agosto ábreselle unha causa (1151/36) polo delito de rebelión. Ante a imposibilidade de localizar a Alfonso, pídense varios informes. O 20 de setembro, o director de prisións, Lago Búa, informa que, por orde da superioridade, fora entregado á Garda Civil para trasladalo a Caldas. O 30 de setembro, o secretario do instrutor dirixe un oficio ao xefe da comandancia da Garda Civil solicitando información sobre a prisión na que estaba detido o encartado; ao día seguinte, o xefe da prisión de Caldas de Reis comunica que o mestre non era coñecido na mesma e que se ignoraba o seu paradeiro. Repítese unha vez máis o proceso de xustificación da eliminación dun detido pola coñecida como “lei de fugas”.

O informe da Garda Civil, datado no 27 de setembro de 1936, afirma:

al ser conducido la noche del cinco del actual, en virtud de Orden recibida al efecto, desde esta Capital a la prisión de Caldas de Reyes, por los Guardias segundos de esta Comandancia Evaristo Cid Lozano y Manuel Araújo Fernández, aprovechando una parada que hizo el vehículo que los transportaba para reparar una avería, solicitó a la fuerza, se le permitiese apearse unos momentos por notar síntomas de mareo. Autorizado por la pareja para apearse, nada más bajarse del coche, emprendió una veloz carrera consiguiendo internarse en un pinar inmediato a la carretera y ponerse, protegido por la oscuridad reinante, fuera del alcance de la pareja conductora que le persiguió haciéndole varios disparos de fusil ignorándose la dirección que haya tomado

Alfonso Rodrigo formou parte dun grupo de presos que foron conducidos por forzas da Garda Civil, “cívicos” e falanxistas a Bueu na noite do 5 de setembro; alí foron asasinados e fondeados no mar. Non se atoparon os seus corpos.

Diante do feito da “desaparición” de Alfonso Rodrigo, o instrutor publica unha requisitoria para que se presente no prazo de 48 horas e, ao non facelo, declárao en rebeldía. O auditor de guerra considera que procede suspender as actuacións “hasta que se presente o sea habido el procesado”.

A Comisión depuradora do maxisterio tamén publica unha requisitoria o 24 de febreiro de 1937 dándolle un prazo de dez días para presentarse e facer alegacións no seu expedente.

Foto: Alfonso coa súa filla Narda. Proxecto Universitario Nomes e Voces.  https://www.nomesevoces.net/

martes, 18 de junio de 2024

O asasinato de Víctor García " O Brasileiro".

 


Eran as oito e media da tarde do tres de agosto de 1948 cando o xuíz de 1ª instancia e instrución de Lalín, acompañado do secretario, o forense e axentes da Garda Civil, achéganse á parroquia de Moalde, en Silleda. Desprázanse ao sitio coñecido por “Costa do río do Porto”; alí, a unha ducia de metros dun camiño de carro, ao lado dun valado que separa esta finca doutra chamada “Chouza da Brea”, entre a maleza, atópase unha foxa a flor de terra. Apréciase que está escarvada por animais e obsérvanse restos humanos. A uns catro metros localízase un cranio completamente desprovisto de carne e restos de roupa. As teas están podrecidas pero aínda poden apreciarse as cores, como o gris dun xersei de la tecido a man.

O forense manifesta que se trata do cadáver dun home, en completo estado de putrefacción, e que o enterramento debeu efectuarse facía catro ou cinco meses.

Na identificación do cadáver foi básico o testemuño do garda civil Manuel Rodríguez Carballo; este membro do servizo de información era unha peza fundamental dentro do Sector Interprovincial establecido en Lalín para a persecución e represión de “bandoleros”, mandado polo comandante Manuel Montero Galvache. Rodríguez Carballo participou en innumerábeis accións contra a resistencia. Segundo afirma este garda, os restos coinciden exactamente coa ficha que teñen no Sector correspondente a Víctor García García “O Brasileiro”:

estatura baja, fuerte, cabeza grande, cara ancha, nariz gorda, orejas pequeñas caídas hacia adelante, con dos dientes de oro en el maxilar superior en sus partes laterales, formando un puente con los otros dientes postizos de marfil.

A dentadura postiza foi remitida por correo certificado á capitanía xeral.

Non é o lugar para tratar extensamente a biografía de Víctor García nin os pormenores da resistencia política e armada na década dos corenta. (Sobre a resistencia na provincia pontevedresa ver Anos do silencio e sobre O Brasileiro https://victor-garcia-garcia-el-brasileno.com/ ). Só faremos uns apuntamentos imprescindibles: Víctor García García, “O Brasileiro”, “O Asturiano”, “Estanillo”, “Manolo dente de ouro” e diversos alcumes máis, naceu en Muriellos, no concello de Quirón (Oviedo), fillo de Vicente e Adelina, cos que emigrou a América a mediados da década dos 20, establecéndose en Santos (Brasil). Ao seu regreso a Asturias tivo unha destacada actividade sindical. A finais de 1939 está no norte de Portugal como delegado da Internacional Comunista e desempeña tarefas relacionadas co partido comunista e a organización dos refuxiados na zona. En Vinhais e Castro Laboreiro entra en contacto con grupos de fuxidos procedentes de Galicia e Asturias que serían os pioneiros no movemento guerrilleiro. En 1943 reside en Fontao (Silleda), nas minas de volframio, e xunto con outros compañeiros participa na reorganización do PC, do que é responsable rexional. Máis adiante pasa a residir en Vigo; dende esta cidade dirixe o PC galego e organiza as Xuventudes Unificadas e Unión Nacional Española. Recibe o apoio de José María Urquiola “Chema” que, en 1945, foi detido en Ourense e, a consecuencia desta detención, prodúcense unha serie de “caídas” na militancia do partido en Galicia.

A finais deste ano ou principios de 1946, Víctor crea, con militantes do partido que se pasan ao monte para evitar as detencións e con membros de grupos armados xa existentes na zona de Vigo, o Destacamento Paco Barreiro. Tras a súa desarticulación, froito de delacións e axentes infiltrados, “O Brasileiro” marcha cara Silleda e únese ao grupo de Eugenio Rueda Perosanz e Miguel Nicolás Esperante “O Corcheiro”. Rueda e “O Corcheiro” xa proporcionaran cobertura, en 1944, ao grupo de Luis Blanco e Diego Valero, que foran detidos ese ano e executados mediante garrote en Pontevedra no 1946.

No partido comunista facía tempo que as cousas cambiaran; a persecución contra os partidarios de Jesús Monzón era intensa e as acusacións de infiltrados ou “axentes provocadores” estaban á orde do día. Un dos sinalados era Víctor García. A finais de 1945 chegaron a Galicia José Gómez Gayoso e Antonio Seoane para poñerse á fronte do partido e da resistencia armada; Víctor continuaba tendo un grupo importante de seguidores pero foi relevado á fronte do partido.

En Mundo Obrero (18-7-1946) advertíase da expulsión do Brasileiro “por convertirse en un provocador al servicio de la Falange”.

Víctor ferírase de xeito accidental cunha pistola, fora curado por un médico e estaba refuxiado na casa de Antonio Carracedo, na Estrada . En xaneiro de 1948, Benigno Andrade “O Foucellas” fáise cargo da Vª Agrupación da que forma parte o grupo do Corcheiro e, polo tanto, Víctor García. Seguindo as ordes da dirección do partido, decídese eliminalo. O día de san Brais, 3 de febreiro de 1948, un grupo composto por Benigno Andrade “O Foucellas”, Miguel Nicolás “O Corcheiro”, Vicente López Novo “ O da Nova”, Julio Bazarra “O Miope” e Constantino Menéndez “Tino”, recólleno na casa de Carracedo e diríxense cara Bandeira; na citada carballeira de Moalde “Tino” dispáralle un tiro na noca e entérrano.

As fontes da Garda Civil atribúenlle a responsabilidade da decisión a “O Foucellas”: o comandante Montero Galvache afirma que

según informes adquiridos el Foucellas desconfió de su fidelidad a la partida y lo sentenció a muerte dándole un tiro con pistola según parece en la nuca el TINO, en ocasión de venir o ir por el camino del monte de San Sebastián. (informe 16-8-48, causa 472/48).

O tenente coronel Francisco Aguado, no seu libro “El maquis en España”, escribe:

“Foucellas” da con su escondite, le detiene y tras ser condenado a muerte por “Julián”, entre “Foucellas” y “Tino” lo “ajustician” separándole la cabeza del tronco y a presencia de toda la partida, con el fin de que sirva de ejemplo.

Nun informe do PCE recoñécese a autoría do asasinato:

 Por fin lo cazamos. Este canalla se nos escurría como una sanguijuela. [...] En concreto, un provocador que nos dió muchos disgustos y que, aunque tarde, hemos eliminado.

Logo do descubrimento do cadáver, danlle sepultura no adro da igrexa de Moalde.

Foto: https://victor-garcia-garcia-el-brasileno.com/blog/