viernes, 13 de junio de 2014

O caso Lago Búa.


Fai algún tempo, un dos amables comentaristas deste blogue suxería que se adicase unha entrada a tratar a figura de Fernando Lago Búa; atendemos a suxerencia e facemos un breve relato sobre este personaxe.
Fernando Lago Búa era membro dunha coñecida familia de carniceiros pontevedreses; en 1934 ingresou por oposición (co número 140) no corpo de seguridade interior de prisións. Amante do fútbol, ocupou o cargo de vicepresidente do colexio galego de árbitros en 1935. Estivo destinado no penal de El Dueso. En setembro de 1936 foi nomeado inspector das prisións provinciais de Pontevedra, ou sexa, a máxima autoridade penitenciaria da provincia. Daquela militaba no partido carlista.
Dende os primeiros días da súa toma de posesión organizou un sistema de donativos, con moita publicidade nos xornais, destinados a remediar as carencias do elevado número de presos; este labor humanitario foi moi gabado nos medios de comunicación.
Noutras entradas deste blogue demos conta do sinistro sistema de “sacas” dos cárceres (A Normal, san Simón...) que remataban co “paseo” dos presos en diversos lugares. O coñecemento deste feito provocaba o lóxico terror nos presos e a situación propiciaba que detidos e familiares tentasen, por todos os medios ao seu alcance, evitar ser obxecto destas “sacas”. Isto foi aproveitado por algúns cargos do réxime golpista que viron a posibilidade de aproveitarse economicamente ou doutras maneiras.
Foi o caso de Fernando Lago Búa e do médico de prisións Francisco Bustelo Bustelo (algunhas fontes apuntan tamén a outras autoridades máis relevantes), que extorsionaban a presos facéndolles crer que estaban nas listas para “pasear” e que con determinadas cantidades de diñeiro poderían influír para evitalo. Tamén se testemuñan demandas de tipo sexual sobre as mulleres dalgúns presos. Posiblemente estas actuacións non transcendesen de non ser o caso que tivo como protagonista ao coñecido médico vigués José Ramón de Castro Rodríguez, antigo afiliado á loxa masónica Vicus nº 8 co nome simbólico de Bernard, afiliado á CEDA e detido no cárcere da rúa do Príncipe e logo en san Simón por atoparlle no seu domicilio unha escopeta sen licenza. Sabedores da boa posición económica do recluso, conseguiron que asinase un documento comprometéndose a pagar a cantidade de 200000 pesetas, como medio para ser tachado da lista. A familia do médico puxo o sucedido en coñecemento dun influínte amigo, Severiano Martínez Anido, ex-ministro de Gobernación na Ditadura de Primo de Rivera, presidente do Patronato Nacional Antituberculoso e futuro responsable de Orden Público do réxime; iniciáronse investigacións que deron como resultado a comprobación destas e doutras irregularidades e a detención de Lago, Bustelo e un presunto colaborador, Cándido Barros Martínez, ignorante dos feitos. Foron detidos o 14 de novembro de 1936 e abriuse a causa 1219/36 na que actuou como instrutor o comandante Luis de Vicente Sasiain. O consello de guerra, presidido polo tenente coronel Lino Cordal, celebrouse en Vigo o 21 de decembro. O fiscal sostivo que, ademais destas extorsións, beneficiábanse ilicitamente dalgúns servizos da prisión en prexuízo dos presos e dos intereses nacionais. Solicitou a pena de morte e dous millóns de indemnización. Os procesados renunciaron a asistir ao xuízo.
O comandante militar da praza de Vigo, Felipe Sánchez, asinou o 5 de xaneiro de 1937 a seguinte nota:
En el día de hoy han sido pasados por las armas después de recibir los Santos Sacramentos, los paisanos Francisco Bustelo Bustelo y Fernando Lago Búa, que hubieron de ser juzgados y condenados a la última pena en Consejo de Guerra sumarísimo celebrado el día 21 de Diciembre del año anterior.
O fusilamento tivo lugar no Castro, ás once da mañá, por un piquete mandado polo tenente da Guardia Civil Francisco González Rodríguez “O Rabioso” a quen algúns consideran como outro dos integrantes da trama extorsionadora ( outros nomes que se apuntan son os de Víctor Lis, Ricardo Macarrón, capitán Gándara...)
Sobre a figura de Lago Búa e o funcionamento da colonia penitenciaria de san Simón existen interesantes publicacións como os clásicos: Caeiro, Antonio e outros. Aillados. A memoria dos presos de 1936 na illa de san Simón. Vigo: Ir Indo, 1995. Mosquera, Evaristo. Catro anos a bordo dunha illa. Vigo: A Nosa Terra, 2006. Amoedo, Gonzalo e Gil, Roberto. Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón. Vigo: Edicións Xerais, 2006.

No hay comentarios: