jueves, 23 de febrero de 2023

Camisa vermella en Cangas.

 


O 28 de maio de 1937, a Domingos Pereira de Brito, portugués residente en Cangas, un falanxista da vila chamoulle a atención por non parecerlle axeitada a cor dunha camisa que vestía. A cousa foi a máis e detivérono, recibiu varias labazadas e vergalladas ademais de retirarlle a camisa e a documentación. Así figura no escrito que Domingos dirixe a José Luiz Archer, cónsul portugués en Vigo, para denunciar o atentado sufrido. Entre os participantes indica que se atopaba un falanxista que era carteiro de Cangas; este falanxista era Alejandro Rodal, que sería xulgado posteriormente pola súa participación en varios abusos e irregularidades.

O cónsul comunícallo á Xefatura Provincial da Falanxe en Vigo para que adopte as medidas pertinentes. Feitas as oportunas indagacións, a xefatura local da vila canguesa contesta recomendando ao cónsul que pida informacións sobre Domingos ás autoridades e ata ao cónsul de Italia en Vigo (recoñecido fascista residente en Cangas); comprobaría así que se trataba dun elemento de pésimos antecedentes. Os falanxistas cangueses recoñecen que facía uns días, estando o súbdito portugués completamente borracho como era habitual, sacáranlle a camisa vermella que levaba e “le purgamos debidamente”. Negan que lle recolleran a documentación. Aducen que sempre que estaba embriagado dicía que era “Libertario” e que non permitiría que os seus fillos vaian á fronte porque el “no comulga ni comulgará con las ideas NACIONALISTAS, insultando a todas las personas y a las naciones amigas”.

A Xefatura Provincial envíalle copia do escrito citado ao cónsul para que poida comprobar que a Falanxe non obraba nunca sen fundamento e que o que o Movimiento vai buscando é facer desaparecer

todas aquellas ideas que por absurdas y antinacionales corroían las entrañas mismas de nuestra tradición, llegando a poner en trance de desaparecer toda la gloriosa tradición que guardan como un tesoro nuestros respectivos países Portugal y España.

O incidente resólvese de xeito amistoso; o cónsul apercibe a Domingos facéndolle as máis severas advertencias sobre o respecto e amizade que debe manter para “com o fidalgo Pais que generosamente o tem acolhido e para com as suas legitimas organisaçoes politicas”. Pero o representante diplomático tampouco deixa de indicarlle á xefatura falanxista a conveniencia de que, no caso lamentable de que Domingos volvese embriagarse e causar escándalo, calquera medida debería ser tomada “pelas autoridades oficiaes constituidas, afin de evitar erradas interpretaçoes”.