lunes, 17 de junio de 2013

Circular antigolpista


Hoxe está fóra de toda dúbida  que o golpe militar de xullo do 36 foi a culminación dunha actividade conspiradora contra a 2ª República, que se iniciou dende o mesmo momento da súa  proclamación. Algunha destas intentonas leváronse á práctica, como foi a de Sanjurjo no ano 1932 que resultou falida. A partires do triunfo do Frente Popular, a actividade conspiradora incrementouse e sinaláronse diversas datas para levar a cabo o golpe; nalgún caso, como o previsto para abril de 1936, foi adiado porque aínda había dúbidas nalgúns dos xefes militares e polo feito de que o goberno tivo coñecemento da trama e adoptou algunhas medidas pouco expeditivas.
No ambiente había a sensación de que, dun momento a outro, o golpe tería lugar. Os sectores republicanos  máis avanzados non deixaban de advertilo ante unha actitude de certa indiferenza por parte do goberno.
O movemento obreiro fixo repetidas advertencias  e, nesta entrada, trataremos da efectuada polo Comité da Alianza Obrera de Vigo o tres de abril de 1936  [ Causa 711/36. AIMN]. A través dunha titulada “Circular urgente y de vital interés para la clase trabajadora” dá a coñecer os manexos que a “clase reaccionaria” estaba realizando para o “sojuzgamiento absoluto” das clases traballadoras así como o aplanamento de todos os partidos proletarios:
A juzgar por los preparativos, cabildeos y reuniones que se llevan a efecto desde antes del 16 de febrero y que continúan realizándose en la actualidad, quieren elevar a la categoría de realidad sus propósitos de establecer una DICTADURA FASCISTA mediante un golpe de estado de carácter militar, golpe de estado que ya debió ser dado antes de ahora y que no se hubo realizado por temor o cobardía de los comprometidos a ello, o por no haber tenido el momento apropiado.
Ademáis de dar a voz de alerta a todos os afiliados, o comité resume en tres puntos as instrucións sobre a maneira de actuar, de levarse a cabo o golpe:
PRIMERO: Inmediatamente que se produzca un gecho (sic) de carácter militar o civil, sin esperar aviso ni orden de ninguna clase, paralización absoluta de todo trabajo y oposición por todos los medios posibles al triunfo de este asalto al poder, procurando que toda la clase obrera está en la calle en pie de guerra. SEGUNDO: No admitireis para este caso concreto ninguna orden ni indicación que no procedan de esta ALIANZA OBRERA la cual os las dará directamente o por mediación de vuestros organismos superiores responsables. TERCERO: Cumplimiento exacto de todas  las órdenes que curse ALIANZA OBRERA en el transcurso de la lucha que pueda establecerse.
A circular estaba asinada polo secretario José Araújo (fusilado o 21-10-36) e polo presidente Demetrio Bilbatúa (fusilado o 27-8-36).
Cando nas últimas horas do 17 de xullo chegaron a Pontevedra as novas do levantamento das tropas do norte de Marrocos, a postura das autoridades civís foi, nun primeiro momento, a de confiar nas promesas dos mandos militares de fidelidade á república e de que non sairían á rúa se se mantiña a orde; o día 18 xa se constitúe o Comité de Defensa da República e tómanse diversas medidas pero non se convoca a folga xeral  ata as 11 e media da mañá do luns 20.
Véxase: O 20 de xullo de 1936 en Pontevedra: o golpe (2)