martes, 26 de febrero de 2008

O 20 de xullo de 1936 en Pontevedra: antecedentes (1)


O intento de golpe do xeneral Sanjurjo confirmou a idea de que sectores monárquicos e da dereita, non estaban dispostos a aceptar a implantación da Iiª República. Pero serían os sucesos de outubro do 34 os que marcaran un punto de non retorno, no que os sectores máis radicalizados da dereita apostan polo levantamento militar e os da esquerda pola superación da república burguesa e a instauración da ditadura do proletariado, tomando como modelo a Unión Soviética. No mitin do 1º de maio- no que desfilan uniformadas e de xeito militar as milicias unificadas- pídense, entre outras cousas : o mesmo salario para homes e mulleres que realicen igual traballo, abolición dos foros, o rápido encarceramento de todo o goberno Lerroux- Gil Robles, a expropiación dos bens do clero en beneficio dos obreiros e campesiños probes, a incautación da prensa monárquica e fascista e a prisión dos seus dirixentes e o recoñecemento polo estado das milicias obreiras e campesiñas.

O 24 de maio do 36, ten lugar un mitin na praza de touros, coa intervención, entre outros, de Margarita Nelken e Alvarez del Vayo e de novo pídese a depuración nas forzas armadas, maxistratura e ensino e Alvarez del Vayo afirma que: es necesario llevar octubre hasta sus últimas consecuencias de victoria.

A pesares do relatado anteriormente e no ámbito local pontevedrés, os enfrontamentos non pasan normalmente de actos como a rotura de urnas polo crego de Cerponzóns axudado pola ama e unhas mulleres ou a a detención de Víctor Lis por colocar unhas arpilleiras en lugar da bandeira republicana. Máis gravidade supoñen diferentes disturbios provocados por fascistas, coa detención do dirixente patronal Melero, o capitán retirado Benito Pardo, José Torres, José Outerelo e Secundino Esperón, entre outros. Precisamente o asasinato de Secundino Esperón, presentado como un crime político dada a significación da vítima e a do autor (o churreiro Fandiño), está rodeada doutras circunstancias: bar de copas, altas horas da madrugada, lío de saias...que fan matizar moito tal cualificativo, aínda que a rivalidade política dos protagonistas era evidente.

Tamén ten moita repercusión o feito de que, tras unha manifestación contra certos amaños electorais, se asaltase o local de Falange e de outros grupos da dereita, a imprenta Paredes, onde se imprimía o Diario de Pontevedra e a fábrica de calzado do presidente da patronal, Melero. Hai que dicir que dirixentes da esquerda como Ramiro Paz interveñen para evitar estes actos de violencia.

Os grupos fascistas tamén continúan coas súas provocacións e o 29 de maio deteñen a varios pistoleiros de fora da cidade na taberna Monte Arruit, na praza de Indalecio Armesto, punto de reunión fascista. Parece que tiñan a intención de vingar a morte de Esperón.

Con todo, as institucións funcionaban normalmente e non existía o ambiente de caos e persecución que se aduciu para dar o golpe:

El crimen y el desorden se paseaban triunfantes por el suelo de nuestra patria con un sadismo y una furia propia de pueblos salvajes; el incendio había sido adoptado como medio de exterminio de todo aquello que la revolución podía creer un obstáculo a su marcha devastadora y sangrienta; el asesinato se practicaba con una frecuencia horripilante...
(Silva Ferreiro, M.Galicia y el movimiento nacional. Santiago. 1938).

Mentres en Salcedo, onde non hai que esquecer a existencia dunha Sociedade antimarxista baixo a éxida de Lis, a sociedade de agricultores organiza un festival campestre no que, ás 8 da mañá, varias gaitas recorrerán os barrios tocando dianas e alboradas "de un marcado sabor izquierdista", ás 3, no campo da festa, a banda de Arcade fará entrada ao son da Internacional e o himno de Riego, ás 5 un concerto polifónico a cargo dos Cuchipandistas antifascistas e ás 6, José Peón interpretará monólogos de actualidade como El Straperlo, El último pirata ou El golfo de Méjico.


lunes, 25 de febrero de 2008

Presentación

...os cívicos viñan nunha camioneta, levaban escopetas, gritaban, parecían lataregos...
Así conta Fina uns feitos que lle quedaron gravados cando tiña 8 anos e falanxistas e gardas cívicos baixaban cara Cons de Abaixo buscando a Manolo Amoedo, o fillo de señora Teresa a Barreguda.
Destes anos de medo e represión na comarca pontevedresa, escribiremos nesta bitácora pois o labor de investigación efectuada ao longo dos anos consideramos que debe perfeccionarse mediante a divulgación, dando a coñecer do xeito máis rigoroso posible os feitos, as persoas, as ideas...
Dicían os clásicos que a verdade corrómpese pola mentira pero tamén polo silenzo e, neste momento, logo do Ano da Memoria e a utilización, ás veces, partidista do tema, considero imprescindible seguir traballando para aproximarnos á verdade dos feitos, sen ocultacións de nengún tipo, co emprego da metodoloxía que a ciencia histórica determina.
E remato cunha cita dun personaxe non exento de polémica, como é Günter Grass, sobre a necesidade de divulgar o pasado:
Hai que falar, incluso do máis traumático, sacalo todo. [...] Hai que falar do pasado, porque sempre volve.
(Grass, Gunter. Entrevista. Revista Magazine.17-6-2007.)