jueves, 23 de marzo de 2017

Certificados de solvencia relixioso-moral.


Un dos grupos máis perseguidos polas autoridades do novo réxime franquista foi o das mestras e mestres; sobre o proceso depurador exercido contra eles xa escribimos unha entrada fai tempo. Hoxe trataremos sobre algunhas das condicións que debían reunir os informes que todo mestre ou mestra debía presentar para poder ser admitido na docencia ou para superar os trámites da depuración.

En novembro de 1937, o xefe accidental da sección administrativa de primeiro ensino de Pontevedra lembra o feito de que moitos dos solicitantes para figurar nas listas de interinos non presentaran “documentos justificativos de su solvencia religioso-moral, patriótica y política”, polo que non podían ser admitidos. Tampouco eran aceptados aqueles documentos estendidos coas fórmulas “informo” ou “digo yo”, xa que se requiría que a persoa que os expedía afirmase terminantemente “certifico”.

Algúns mestres recorrían a presentar certificados limitados a algún período de tempo ou referidos á estancia en determinadas localidades nas que as circunstancias eran máis propicias a obter informes favorables; esta escapatoria non se zafaba das disposicións controladoras, que establecían que tales certificacións debían abranguer toda a vida pública do informado. Tampouco servían se só contemplaban algún aspecto da súa actuación, pois debían referirse a “la conducta religioso-moral, a los sentimientos patrióticos y sobre todo a su adhesión al Movimiento Salvador de España que ha de expresarse clara y concretamente y no en términos ambiguos inaceptables.”

En canto aos informantes, tamén debían reunir estritas condicións: desempeñar cargos políticos ou sociais dos “Poderes constituídos”, con solvencia ou que “por lo menos sean conocidos de los señores de la Comisión, que no pueden aceptarlos de personas que no les ofrezcan completa garantía.”

As tácticas seguidas polos mestres para sortear as posibles notas desfavorables do seu pasado estaban bastante estendidas, pois as instrucións citadas acompañaban unha relación de sesenta mestres pontevedreses que incumprían algunha das condicións e que, polo tanto, debían presentar máis certificados. Non era momento de actitudes tépedas sobre o réxime, mestres como J. Bautista M. Lemiña, a quen facía un mes o gobernador militar dera orde de levantarlle a suspensión, facía méritos e escribía na portada de El Noticiero Gallego, dentro dunha serie dirixida aos nenos das escolas, cousas como estas:

España dió hombres de todos los matices: Mártires, héroes, santos, cristianos, judíos y perversos; pero procuró producir en incalculable cantidad superiormente proporcional, más mártires, héroes, santos y cristianos, que judíos y perversos.

Na nómina dos mártires apuntaba a Calvo Sotelo, Goded, Moscardó (fillo), José Antonio, Sanjurjo..., entre os heroes a Franco, Queipo de Llano, Mola e como santos a Sant-Yago [español de adopción, suponse] e san Ignacio de Loyola.

Pero también dió, aunque en nimia cantidad, judíos como un Osorio Gallardo, un Asúa, un Negrín, un Prieto, etc; y perversos o asesinos, como un Casares Quiroga, un Largo Caballero, un González Peña y un Azaña ( este, además mónstruo).

Os informes dos curas, preceptivos no expediente depurador, tomábanse moi en conta. Hóuboos que emitiron informes favorables sobre os seus parroquianos, obviando a súa militancia esquerdista ou a inobservancia relixiosa; noutros casos desculpan a súa actitude ou silencian os aspectos máis comprometedores. Non faltaron tampouco os que emitiron informes durísimos esaxerando os aspectos máis negativos.

Proba de que a emisión de informes favorables era significativa é o feito de que o arcebispo de Compostela, entusiasta do novo réxime, prohibía ao clero informar avalando a relixiosidade dos afiliados a sociedades marxistas e mandaba que os informes debían certificar en conciencia “sin miramiento alguno, sin atender a consideraciones humanas de ninguna clase.” Aínda así, parte do clero seguiu avalando os seus veciños pois, no mes de novembro, insiste en que os curas non recomenden ou emitan informes que non lles pediran as autoridades ou dándoos con parcialidade.

Tomás Muniz de Pablos, que aparece en numerosas ocasións saudando ao estilo fascista, adiantouse na cualificación do golpe militar como cruzada:

la Cruzada que se ha levantado contra ellos es, patriótica si, muy patriótica, pero fundamentalmente una Cruzada religiosa, del mismo tipo que las Cruzadas de la Edad Media, pues ahora como entonces se lucha por la fe de Cristo y por la libertad de los pueblos. ¡Dios lo quiere! ¡Santiago y cierra España!

O 30 de agosto de 1936 sacou en procesión a urna coas cinzas do apóstolo para acadar do ceo
 por intercesión de Santiago, el triunfo de los ejércitos nacionales que acometieron la empresa de reconquistar la Patria, esclavizada y envuelta en arroyos de sangre de hermanos por las maquinaciones de la masonería, del marxismo y del judaísmo.
A Junta de Defensa Nacional accedeu á petición da Archicofradía del Glorioso Apóstol Santiago de conceder honores militares ás cinzas do patrón de España; a urna procesionou envolta na bandeira e adornada cos atributos de capitán xeral: faixa, sable e bastón de mando. Acompañaban ao arcebispo os bispos de Lugo e Mondoñedo.
Foto: Muniz de Pablos e outros prelados diante da catedral e saudando ao estilo fascista.

domingo, 5 de marzo de 2017

Consellos de guerra a moañeses.


A maioría dos historiadores coinciden na consideración dos consellos de guerra celebrados tras o golpe militar como un xeito de darlle unha aparencia de legalidade á represión; en realidade tiñan moito de farsa xudicial na que se incumprían as máis elementais normas de seguridade xurídica: irretroactividade das leis, imparcialidade dos xuíces (eran militares golpistas), existía presunción de culpabilidade en lugar de inocencia,etc. Os defensores eran militares e, polo tanto, afectos (por convicción ou obediencia) ao golpe, ademais actuaban diante dun tribunal integrado por superiores xerárquicos. Moitos poñían interese na defensa e tentaban rebaixar as penas argumentando a curta idade, falta de cultura, malas influencias... dos procesados pero, obviamente, sen poñer nunca en cuestión a radical nulidade dos xuízos.
Hai que facer notar que os golpistas seguían a utilizar a lexislación militar republicana, non fan unha lexislación ex-novo, o que fan é darlle a volta no senso de que se inverten os papeis, aplican a chamada xustiza ao revés da que falaba Serrano Suñer: os rebeldes xulgan por rebelión os defensores da legalidade.
Os informes ( da policía, Guardia Civil, Falange, curas...) eran moi importantes pero non acostumaban destacar pola súa obxectividade. A participación nos sucesos de outubro do 34 (xa castigados no seu momento), nas requisas de armas (efectuadas coas garantías legais e acompañados de axentes da orde), eran agravantes moi cualificadas nos encausamentos. Papel decisivo era o dos auditores xurídicos militares pois valoraban se un procedemento se elevaba a causa, o posible delito e pena que correspondía, a adecuación da sentencia, se procedía pedir o indulto, etc; o habitual era que as sentencias se correspondesen co apuntado polo auditor.
As condenas eran dunha gravidade desproporcionada aos feitos pero a salvación era non ser condenado a morte, pois as penas de cárcere foron moi rebaixadas cos indultos posteriores.
Foron seis os nativos de Moaña executados por sentenza de consello de guerra pois, aparte os tres dos que falaremos máis adiante, debemos citar a Juan Milleiro Sampedro, fusilado en Pontevedra o 12-7-37, Antonio Fernández Martínez, da CNT, que vivía en Xixón e alí o executan o 30-3-38 e Celso Pérez Carballo, membro da CNT, xulgado no Ferrol, combatera no bando leal á República, prisioneiro de guerra e executado o 21 de decembro de 1940.
Falaremos de dúas causas contra veciños de Moaña. A 959/37, contra Eugenio Otero Acuña e Manuel Veiga Ríos, os dous de Domaio. Foran detidos en decembro do 36 tras estar fuxidos. Eugenio era dirixente da Sociedad de Oficios Varios de Domaio e acúsano de ser iniciador da folga xeral e da recollida de armas na que participa armado e, xunto con outros, preséntanse en domicilios de persoas de dereitas e, de forma violenta e con ameazas, apodéranse das armas. Veiga era un afiliado do sindicato e foi o que se encargou de avisar os socios para que asistiran á reunión na que se preparou a resistencia ao golpe; tamén o viran cunha bomba que, parece ser, lle entregara outra persoa e que, pasados uns días, entregou a afiliados a Falange. Noutra causa (948/37), o médico Julio Rodríguez, xefe da Guardia Cívica de Domaio, consideraba a Otero como “vago de profesión” e da FAI, e a Veiga como suxeito abúlico e carente de vontade. O xuízo celebrouse en Pontevedra o 22 de xullo de 1937. Eugenio Otero foi condenado a cadea perpetua e inhabilitación absoluta perpetua e Manuel Veiga, a quen consideran falto de perigosidade social, a 12 anos e un día e o tribunal considera que debe ser indultado.
A causa máis destacada contra veciños de Moaña (1212/36) celebrouse en Vigo o 17 de decembro de 1936. Os atestados consideran os encausados como elementos dirixentes que se reuniron o 20 de xullo no sindicato e acordaron “armarse y oponerse abiertamente en actitud de violencia y de resistencia a la acción de la Guardia Civil y aquellos elementos del Ejército que acudiesen a Moaña.” Atribúenlles a citada condición a Eugenio Cancelas, Jesús Vilariño, José Paz, Cándido Giráldez, Francisco Jalda, Manuel Cancelas, José Barreiro e os irmáns Fervenza, a Manuel Catrofes engádeno ao grupo por ser “anarquista de acción”. Varios dos sinalados xa foran "paseados" polas xentes de Bruno Schweiger e falanxistas de Cangas e Moaña.
 Destacan a José Fervenza por estar “señalado en la villa de Moaña con el siniestro carácter de verdugo y que el no niega de haber triunfado el bárbaro movimiento”. Como participantes nas requisas de Moaña e Meira sinalan a José San Luis “Chaplin”, Luis Pérez Álvarez, Eugenio Gayo Santomé, Manuel Vilariño, Arturo Piñeiro e Manuel Catrofes. Varios armadores como Enrique Pérez e Eduardo Vieira testemuñan a favor dalgúns encausados; o secretario do concello defende a actuación do alcalde Fandiño e fai notar a presencia da Guardia Civil nos rexistros domiciliarios por el ordenados.
O fiscal pon de manifesto “el fuerte arraigo, aunque solo aparente, que el FP había alcanzado en los pequeños pueblos de lo cual eran principales instrumentos sus alcaldes”; as acusacións son por requisa de armas, incendio da igrexa e envío de coche a Pontevedra para enlazar co goberno civil; desculpa por actuar obrigados aos irmáns Costas. Afirma que o alcalde pertence á masonería. Pide varias penas de morte. O defensor do alcalde Fandiño, capitán Segundo Cobas, nega que fose masón e, no caso de que o fose, como emigrante en América, puidera non ter outro recurso que afiliarse por necesidade para os negocios; mantén que nos rexistros interveu a G. Civil polo que non eran ilegais e que o alcalde acatou o bando de guerra. O feito de continuar no cargo de alcalde varios días despois do golpe demostraba que inspiraba confianza ás autoridades militares de Pontevedra. Di que pertencía ao partido Radical e non á Fronte Popular. No referido ao alcalde José Fandiño, o instrutor manifesta que “de una manera clara no consta su participación, sin embargo su actitud pasiva influye en el desarrollo de los acontecimientos” e recoñece que no sumario só se atopa un cargo contra el: o da orde para que un coche fose a Pontevedra a buscar armas “sin que dicho extremo se haya podido confirmar de una manera clara y rotunda”
 A defensa dos outros implicados consiste en afirmar que actuaran coaccionados por elementos que xa faleceran e que, cando se decataran da proclamación do bando de guerra, acatárano e devolveran as armas; estaban afiliados á CNT porque era imprescindible para traballar.
A sentencia condena a morte a José Fervenza Pena, Jesús Vilariño Santomé, e José Fandiño Pidre, a reclusión perpetua a Eugenio Gayo Santomé, Manuel Catrofes Rodríguez, Manuel Fervenza Pena e Manuel Vilariño Santomé e a 15 anos de prisión a Arturo Piñeiro Iglesias “Chaplin” e Luis Pérez Álvarez. Os tres condenados a pena de morte son executados no monte do Castro o 31 de decembro de 1936 ás once da mañá e levados ao cemiterio de Pereiró “encerrados en sencillos féretros negros”.
Todos os condenados foron sancionados coa cantidade dun millón de pesetas a ingresar no Tesoro Nacional.

Nota: A imaxe corresponde ao mercado de peixe ó redor de 1929. Vida Gallega.
As citas textuais aparecen nas causa militares. AIMN.