sábado, 22 de abril de 2017

Lembranza de Juan Manuel Gómez Corbacho.


Juan Manuel Gómez Corbacho naceu en Bos Aires e vivía na rúa García Hernández, 17, 1º de Pontevedra, traballaba como  chofer da liña de autobuses entre Pontevedra e Cangas, era un activo membro do Partido Comunista e dirixente sindical destacado no Centro Obreiro da capital. Sen dúbida foi o máis coñecido dos presos a raíz dos sucesos revolucionarios de outubro de 1934 na nosa cidade; o 7 de outubro daquel ano fora detido nun confuso incidente nos locais anexos ao antigo cuartel de Fonseca; estes locais estaban alugados como garaxes e levaban tempo sen usar. Ao igual que outros sectores obreiros, os choferes declararan a folga xeral; Manuel, militante do sindicato de condutores, foi denunciado por Saturnino Paz Peón (falanxista de triste lembranza) e outros mozos que viran como entraba nos locais citados xunto con outros compañeiros. Dirixe a detención outro coñecido personaxe: o comandante Vila Fano, que tería un papel destacado en varias causas militares logo do golpe do 36. Corbacho xustifica a súa presencia no garaxe cun relato bastante inverosímil: estaba paseando polo malecón e unha persoa pedíralle que avisase a un soldado; ao chegar á altura do garaxe déronlle un golpe na cabeza e metérono dentro. Non lembraba nada do que pasou ata que o comandante Vila o levanta do chan dándolle golpes; atribúe as agresións a que o consideraban oposto á folga.
O certo é que lle atoparon unha pistola Star de 9 mm (para a que tiña licenza) cargada e montada, seis botellas de gasóleo, xofre, salitre e algodón en rama, materias que se usaban na fabricación de explosivos; tamén portaba selos do Socorro Rojo Internacional e recibos de cotas do sindicato de transportes “El Unitario” e do Sindicato de Conductores y Similares.
Tamén foron detidos Valeriano Riobó, Luis López Menéndez, Carlos Varela Varela e José Fernández Mora, contra os que se abriu causa separada e foron absoltos.
 Juan Manuel Gómez Corbacho foi encausado (148/34) polo delito de tenencia de materias inflamables e foi condenado a vinte anos de cárcere, que empezou a cumprir no penal do forte de San Cristóbal; con triunfo da Fronte Popular foi posto en liberdade e regresou a Pontevedra en Unión doutro preso, Manuel Amoedo, e foron recibidos con grandes actos de homenaxe pola esquerda obreira pontevedresa.
En xullo de 1936 participa na resistencia contra o golpe actuando en rexistros domiciliarios e na recollida de armas para o que contaba con autorización escrita do gobernador. Foi un dos asasinados nos sucesos de A Torre (Lourizán). Un informe asinado polo comandante da G. Civil Velarde o 5 mde febreiro de 1937 manifesta:
En contestación a su escrito de fecha de ayer, en el que se interesa informes respecto al comunista Gómez Corbacho, me complazco en participar a V.S. que el día 18 de Diciembre último al tratar de llevarse a cabo por fuerza del puesto de esta Capital la detención del mencionado sujeto y otros extremistas que se hallaban refugiados en una casa de la parroquia de Salcedo se hicieron fuertes tiroteando a la fuerza con armas de fuego viéndose la expresada fuerza obligada a incendiar la referida casa para someterlos, pereciendo entre las llamas el extremista de referencia.
Foi inusual a repercusión que tiveron na prensa estes sucesos ocurridos en Lourizán, xusto no límite con Salcedo; os xornais deron todo tipo de detalles dos feitos e destacaban eloxiosamente a actuación de Víctor Lis e os seus homes contra estes “peligrosos rojos, licenciados de presidio”.
Estamos a principios de decembro, a mediados do mes anterior detiveran ao xefe de prisións Fernando Lago Búa e ao médico Bustelo por unha trama de extorsións e favores sexuais; en Pontevedra estaban estendidos os rumores sobre a implicación de Víctor Lis en tramas deste tipo, tanto que un cidadán, Joaquín Lois, tivera que publicar facía dúas semanas unha carta aberta nos xornais desmentindo a súa implicación nos rumores “que ponen en entredicho la honorabilidad y la actuación impecable y sin tacha” de Lis. A Falanxe pontevedresa, con fortes enfrontamentos internos e que nunca tivera simpatía polo médico, tiña informes sobre os seus manexos que, con certeza, fixera circular entre as autoridades. Influentes sectores da sociedade pontevedresa afecta aos golpistas non viran con bos ollos o “paseo” e afondamento do avogado Martínez Tiscar, no que tiveran responsabilidade directa algúns mandos da Guardia Cívica e Velarde.
Era necesaria unha actuación importante e publicitada de Lis e os seus homes para facer ver o imprescindibles que eran. Atopou a ocasión tras a delación sobre o paradeiro de dous dirixentes sindicais importantes (Manuel Méndez e Juan Manuel G. Corbacho) e unha muller obxecto de requisitoria militar, Elvira Lodeiro. Manuel Méndez era dirixente da Federación Obreira de Marín e Corbacho era coñecidísimo pola súa militancia.
Para subliñar aínda máis a importancia desta actuación faise un consello sumarísimo en domingo, cunhas penas durísimas, moi raras contra as mulleres, e ademais non contemplando a eximente, ou polo menos a atenuante, do código militar cando os acollidos tiñan lazos afectivos cos acolledores. E foi o propio Lis quen mandou o pelotón de fusilamento. Os xornais non coinciden no relato dos feitos pero si en louvar a Víctor Lis pois sobre a súa actuación facíanse, segundo eles, eloxiosos comentarios.
Pero a brutalidade das actuacións e a corrupción de todo tipo era tan forte que as autoridades víronse forzadas a intervir.
Lago Búa e Bustelo foron xulgados e executados.
A Falanxe pontevedresa sufriría unha importante depuración co cese do seu xefe provincial Manuel Castro Pena e outros cargos.
VíctorLis veríase suxeito a unha investigación por extorsión económica e sexual meses despois e, no 1940, polo paseo de Alberto Martínez, pero a xustiza militar nunca chegou a condenalo: era o pago aos servizos prestados e aos crimes que, como este, levou ás súas costas.