Santiago Otero Pouso “Pajares” emigrou a Arxentina no ano 1921,
alí traballou nos xacementos petrolíferos de Comodoro Rivadavia ata
1923; en 1931 adquire a nacionalidade arxentina e chega a ser
axudante segundo da aduana de Río Gallegos. En 1932, aducindo
enfermidade da súa dona, pide licencia e trasládase a España. No
país suramericano naceran as súas fillas Juana e Dora.
Na Illa de Arousa participa na intensa actividade política do
momento e, en outubro de 1934, foi detido e procesado co resultado de
sobresemento. O motivo foi o sucedido na illa naquelas datas:
estoupido de bombas e proclamación da república independente; en
animada reunión celebrada nunha taberna e seguindo o exemplo da
Cataluña nomearon o goberno da república isleña e a Santiago Otero
adxudicáronlle o posto de presidente, o dono da taberna, Juan Otero
Maestú, correspondente do semanario socialista pontevedrés La Hora,
aparecería como ministro de Propaganda. Aquela lista de cargos,
plasmada nun papel de estraza, foi intervida polas forzas policiais e
traería tristes consecuencias no futuro.
Santiago Otero, na defensa dos seus dereitos laborais, tivo un
enfrontamento cos armadores con quen traballaba, chegou a denuncialos
e foron condenados a pagarlle 450 pesetas de indemnización; os
armadores déronlle largas ao pago.
Tras o golpe do 20 de xullo comezou a represión na Illa da man de
falanxistas e, principalmente, da Guardia Cívica na que tomaran
acomodo algúns antigos militantes da esquerda. Santiago foi chamado
ao cuartel dos “cívicos” e alí foi ameazado de morte e obrigado
a entregarlle aos armadores o oficio coa sentencia do preito.
Na madrugada do 20 ao 21 de setembro, contra as once e media da
noite, soaron uns golpes violentos na porta e ventás da casa de
“Pajares”, a pregunta sobre quen chamaba foi contestada coa
palabra “España” e a ameaza de derrubar a porta se non lle
abrían. A dona de Santiago, Josefa Arís, medio espida, abriulles e
entraron dous “cívicos” aparentemente borrachos. Sen facer
caso das súplicas da muller arrebátanlle dos brazos unha filla de
dous meses e tíranlla de mal xeito sobre unha cama. Sacaron a
Santiago sen darlle tempo a vestirse totalmente e pecharon a porta
por fóra. A familia escoita os berros de despedida do preso e un
disparo. Diversas testemuñas contan que o levaran ao cuartel onde o
interrogaran para que dixera quen fora con el a colocar unhas bombas
na casa de Emilio Nieto, “Pajares” negouse a responder; ao mesmo
tempo estabann detidos no cuartel Juan Chaves e Francisco Diz que
sofren unha fortísima malleira. De madrugada sácano do cuartel,
mátano e fondéano. Un mariñeiro que volvía á casa e lle prohiben
o paso pola zona e agóchase nun canaval, así como outro veciño que
contempla o paso da comitiva axexando pola ventá, puideron
contemplar o sucedido.
Ao día seguinte, a sogra de Santiago tenta coñecer o paradeiro do
xenro e a resposta que recibe é a de que o levaran a Pontevedra pero
non aparece por ningunha parte.
O 11 de outubro (outras fontes apuntan que foi o 6) aparece un
cadáver flotando na praia dos Testos e vai xente a velo, incluso os
nenos da escola; o pequeno tamaño da pedra atada ao pescozo non
impedira que flotase; avisado o xefe da Guardia Cívica Benito
Figueiras, afasta a xente do lugar e, acompañado de dous “cívicos”,
collen a barca dun pescador, átanlle á cintura do cadáver un poste
de pedra máis grande ( outra versión, pouco crible, conta que lle
abriran o ventre e enchérano con pedras) e fondean de novo o
cadáver mar adentro.
Os feitos quedarían como un “paseo” máis dos moitos sucedidos
naqueles días de non ser por dúas circunstancias: o encarceramento
e inicio de actuacións contra membros da Guardia Cívica polos seus
abusos e a condición de cidadán arxentino de “Pajares”.
Case un ano despois dos feitos, Josefa Arís, superado en parte o
medo, presenta un escrito no consulado de Arxentina en Vilagarcía
denunciando o “asesinato cruel y completamente injustificado” do
seu home; este escrito vai avalado tamén coa sinatura de dúas
testemuñas: Francisco Vázquez e Juan Santiago. Josefa evita
mencionar nada relativo a motivacións políticas e apunta a unha
vinganza polo preito cos armadores, remata o escrito sinalando que
coa morte do seu home
he quedado abandonada a la caridad pública, con cinco hijos todos menores, el menor de 1 y el mayor de 15 años de edad, y es por esto y por la convicción que abrigo del espíritu justiciero que anima todos los actos de la España Nacionalista, que solicito su patrocinio para pedir se haga justicia a fin de que mis hijos sepan que su padre fué una víctima de las pasiones humanas y no de la justicia. [ escrito presentado no consulado de Arxentina, 30-6-37. AIMN]
Ábrense dilixencias informativas das que se encarga o alférez da
Guardia Civil Mariano Crego que, aducindo causas variadas, deixa sen
interrogar aos presuntos culpables e a diversas testemuñas, pero non
se esquece de consignar que Santiago Otero adicábase á propaganda
“en sentido marxista” e que nos sucesos de outubro figuraba nun
goberno da Illa como ministro de Gobernación [sic] dando con isto
proba “de sus ideales extremistas”. Tampouco deixa de manifestar
a condición de antigos socialistas e militantes de esquerdas, antes
do golpe militar, dos “cívicos” presuntamente implicados nos
feitos. Conclúe que a morte de “Pajares” “se presume que sea
un acto puramente por venganzas personales.”
Como xa relatamos no referido a Esteban Picón, os acusados foron
absoltos.