martes, 13 de junio de 2023

Contra o esquecemento: Claudio Magdalena González.



“Magdalena cayó!” Así gritaba un grupo de mulleres desfilando polas rúas de Pontevedra para celebrar a captura de Claudio Magdalena González. Logo de que as tropas golpistas tomasen o control da poboación, moitos militantes de partidos republicanos buscaron agocho nos montes próximos á capital. Un grupo deles, no que se atopaban Claudio Magdalena, Víctor Moldes, Alejandro e Faustino Gama, os irmáns Guillán e outros, estiveron escapados polos montes do Acibal e do Castelo (Lérez); moitos deles eran veciños de Lérez ou tiñan familia na parroquia (como era o caso de Claudio), alí recibían información por parte dalgunhas leiteiras de Verducido e baixaban de noite a durmir en alboios nos que non houbera cans. Taberneiros como Constante Estévez ou Enrique Almón, proporcionábanlles comida. A persecución por parte de gardas civís e da Garda Cívica pontevedresa (con Víctor Lis á fronte) era incesante, con batidas a pé ou cunha sección a cabalo integrada por veciños de Xeve.

O día 8 de setembro de 1936 lograron capturar a Claudio Magdalena, de 36 anos, natural de Vigo e veciño de Pontevedra, electricista, taberneiro e membro destacado de Unión Republicana. Ocupaba tamén o cargo de vicepresidente na sociedade “La Viña” xunto a outros taberneiros como Santiago Roma, Eugenio Urtaza ou Calixto Díaz. Nos xornais que refiren a captura, Magdalena aparece catalogado falsamente como “destacado comunista”. As forzas que logran a detención compoñíanse de seis gardas civís e uns sesenta “cívicos”, todos eles mandados polo citado Lis.

Os informes destacan que era un dos principais “cabecillas del movimiento iniciado contra el Ejército Español en el mes de julio último por los elementos obreros comunistas de Pontevedra”; así o asina o comandante Velarde ao día seguinte. Tamén o acusan de ser amigo e asesor do gobernador civil, que frecuentaba a súa taberna, de ter ideas moi avanzadas e disolventes, de repartir armas, e feitos semellantes. A Garda Civil considérao “De mala conducta y antecedentes, comunista significado y se supone tiene auxilios del socorro rojo” (4-1-1937).

Na causa 115/37 por rebelión militar, instruída contra numerosos pontevedreses que participaran na oposición ao golpe militar, un dos procesados é Magdalena; no xuízo celebrado os días 16 e 17 de febreiro de 1937 o presidente foi o tenente coronel Francisco Llorente, vogal poñente Ramón Rivero de Aguilar e fiscal Manuel Mª Puga y Ramón. Actuou como defensor o tenente Jaime Aranda. Condenan a morte a Claudio Magdalena, Víctor Moldes, Constantino Gómez, Albino Sánchez, José Acuña e Manuel Buján; aos dous últimos conmútanlles a pena.

Na madrugada do 17 de abril de 1937 entran en capela no cuartel da Garda Cívica, rexeitan os auxilios espirituais e néganse a asinar a notificación da sentenza. Xunto os outros condenados foi conducido á avenida de Bos Aires e, ás sete da mañá, un piquete de gardas de asalto leva a cabo o fusilamento. Claudio recibe tres disparos na rexión precordial e un no tórax que dan como resultado colapso cardíaco. Sepúltano no cemiterio de san Amaro, na tumba nº 34, zona 2ª, fila 1ª, propiedade do concello; vestía camisa branca, pantalón escuro e zapatos e calcetíns negros.

 Instrúeselle expediente de responsabilidade civil en xullo do mesmo ano.O tribunal de responsabilidades políticas da Coruña dita sentenza o 26 de marzo de 1940 condenándoo a unha multa de 50 pesetas. Non vai ser ata o 17 de abril de 1961 (!!!) que o fiscal promova a formación de expediente de indulto desa condena “por razones de pública conveniencia”. Casualidade ou escarnio, esa fora a data do seu fusilamento no 37 e, aínda máis, no escrito asegúrase que todos foran indultados da condena a pena de morte, cousa totalmente falsa. Por resolución do 25 de maio, comunicada o 26 de xuño, concédese o indulto das 50 pesetas, 24 anos despois da súa execución.