viernes, 22 de mayo de 2020

Sociedade de agricultores de Lérez.

O día 4 de decembro de 1896 constitúese a Sociedade de Agricultores de Lérez, días despois, o 16, inscríbese no rexistro de asociacións do goberno civil pontevedrés; nacía así a que oficialmente sería a primeira sociedade deste tipo en Galicia. Os seus impulsores foron personaxes como Severino Pérez e Valentín Peña Meléndez; sobre Valentín, presidente do subcomité republicano de Lérez, escribimos unha pequena biografía na revista Cedofeita en coautoría co seu neto Ramón Jáudenes (q.d.e.p.). Formaban parte dun grupo de pontevedreses republicanos e librepensadores, con ligazóns á masonería, que tiñan como principal medio de expresión o xornal Unión Republicana. Este xornal foi obxecto de excomuñón por parte do arcebispo de Compostela porque os artigos que publicaba eran “infames, impíos, saturados de odio satánico contra el Clero y contra la divina institución del Pontificado”.
A sociedade de agricultores lerezá sufrirá diversos avatares ao longo da súa existencia pero será un referente do agrarismo, non só a nivel local ou provincial, senón de toda Galicia. Organiza mitins, congresos e está á cabeza das reivindicacións antiforais defendendo as posturas abolicionistas. Foi perseguida e clausurada varias veces tendo que adoptar cambios de nome para ter continuidade, na última etapa figura como Unión Agrícola de Lérez. Pioneira en incorporar mulleres na directiva: no Ramallás son delegadas Matilde Pedrosa e posteriormente Josefa Cobas, Rosario Piñeiro no Socorro e Aurora Lores na Piolla. Nas eleccións en tempos da República recomendaba o voto ás esquerdas pero acordando que fora voto libre. Tamén lles cedía o local para actos de propaganda e, no ano 1935, fixo un donativo para os obreiros que sufriran prisión por cuestións sociais.
A parroquia de Lérez contaba con tres grandes sociedades: no ámbito cultural e recreativo actuaba Juventud Lerezana, no eido económico e cooperativo a Caixa Rural de Lérez e no agrario, xunto con outros aspectos reivindicativos, a sociedade de agricultores. Esta última tamén administraba o cemiterio, que era de titularidade veciñal.
Nas súas etapas máis pasivas e acomodaticias sempre apareceron lerezáns dispostos a rescatala; así conta o xornal socialista Nueva Aurora (12-12-1920), unha destas accións nun artigo titulado “Lérez redimido”, que se inicia cun ¡Viva Lérez!: “Por primera vez en sus anales políticos vimos a Lérez, consciente de sí mismo, prescindir de sus caciques para exponer en alta voz, ante la mesa electoral, su verdadero sentir”; valora a actividade de Víctor Moldes e un grupo de mozos que tomaran as rendas da sociedade de agricultores
le extirparon la mala yerba; le inocularon el virus de la emancipación, y gradualmente, desde noventa y tantos socios que había en ella, la elevaron a cerca de quinientos con que cuenta hoy. Resultado de aquella labor es el acto realizado el jueves último y que pone en evidencia que en Lérez no hay hoy otra opinión ni otra voluntad que la que representa la Sociedad de agricultores.
A sociedade tamén publicou en 1902 “La Glosopeda”, que subtitula como “ Semanario de intereses generales y defensor de las clases obreras y agrícolas”.
Sirvan para dar unha idea das inquedanzas da sociedade as propostas que envía, para o congreso da Federación Agraria Comarcal, en novembro de 1933:
1º Abolición de foros.
2º Que se aforen los vinos en las entradas correspondientes y la ora sea asta las ocho de la noche.
3º Rebaja de la contribución rústica, urbana e industrial en un 25%.
4º Un 30% de rebaja en las Cédulas.
5º Que se graben los vinos de afuera en un 15% más que los del distrito o país.
6º Que se pongan unos indicadores a 100 metros de los grupos escolares por las desgracias que puedan ocurrir.
7º Que se adquiera por el Ayuntamiento una parcela de terreno para cada escuela, para practicar a los alumnos en la agricultura y demás.
8º Que se pida al municipio se extienda el alumbrado público asta donde haiga línea.
9º Que se reclamen de los poderes públicos las pérdidas del15 de Septiembre del año 32.
10º Que los ingenieros agrónomos trabajen por la agricultura y den conferencias en las distintas agrupaciones agrarias.
11º Que la Federación Obrera no tenga interbención ninguna en la agraria por creermos que es perjudicial para su buena marcha.
A última directiva anterior ao golpe de xullo do 36 estaba presidida por Eladio Pérez Ucha; vicepresidente, Raimundo García Solla; secretario, Manuel Tilve Castro; vicesecretario, Constante Estévez Casalderrey; contador, Jesús Mariño Iglesias e como vogais: Enrique Blanco Argibay, Avelino Viéitez Viéitez, Severiano Canosa Casalderrey, Teodoro Ruibal Bugallo e Francisco Piedras Casalderrey.
Tras o golpe de estado do 36, os dirixentes das sociedades de Lérez foron represaliados, en maior ou menor grao; Manuel Gama Casalderrey, o dirixente máis importante do agrarismo, foi condenado a reclusión perpetua que foi posteriormente conmutada por 12 anos; Víctor MoldesCarro, presidente da Comarcal Agraria e comerciante de ultramarinos, condenado a morte e fusilado na avenida de Bos Aires o 17 de abril de 1937 e Juan Magdalena García, que casara en Cerponzóns, importante dirixente agrario lerezán, foi “paseado” o 10 de agosto de 1936. Outros sufriron cárcere, multas ou outras formas de castigo.
Os bens da sociedade foron incautados; instrúese expediente de incautación dos bens das diferentes sociedades “agrario políticas”: “Las sociedades político-agrarias de que se hace mérito tenían un carácter eminentemente político, imprimiendo una actuación marcadamente extremista, que se reflejó principalmente en las últimas elecciones, votando la candidatura izquierdista del Frente Popular”; asinaba o parágrafo anterior o alcalde pontevedrés Ernesto Baltar Santaló o 27-9-1937 (IIº Año Triunfal).
O inmoble da sociedade de agricultores de Lérez era un local de planta baixa de 80,52 metros cadrados, cun resío de 32 metros cadrados, sito na carreteira da Coruña. Segundo testemuños feitos polos veciños ás autoridades, o local derrubárase e, no ano 1963, un informe de Facenda afirmaba “En el solar, ya que no hay indicios de edificio alguno, se ha hecho una escavación que dá acceso a una boca de túnel”. Este espazo foi ocupado pola vía do tren e só restaba un pequeno terreo duns 2 metros de fachada por 4 de fondo.
Na actualidade, como vimos, non quedan restos materiais desta emblemática sociedade e, o máis triste, tampouco queda a memoria da súa relevancia na maioría dos veciños de Lérez.

jueves, 14 de mayo de 2020

Morrer en Burgos: José Rey Rodríguez.

      As condicións dos establecementos penitenciarios durante os anos da guerra (1936-39) ou na posguerra eran moi duras; á densidade de poboación reclusa había que engadirlle as deficiencias alimentarias, o rigoroso trato, os abusos, as condicións hixiénicas. Eran frecuentes as epidemias de tifos, cólera, tuberculose e outras enfermidades así como a abundancia de parasitos: piollos, sarna, pulgas, chinches...Todo o anterior determinaba que moitos reclusos e reclusas falecían; así como as mortes debidas a causas como as execucións e “paseos” son contabilizadas como vítimas do franquismo, estas tamén deberían sumarse aos cómputos do terror.

      Unha destas mortes foi a de José Rey Rodríguez, albanel, natural de Lérez onde nacera o 4 de marzo de 1917, fillo de Nicanor e de Dolores; o seu oficio era o de albanel e non lle coñecemos actividades políticas. A súa detención foi por desertar do exército franquista onde fora encadrado como soldado. Por este delito foi xulgado e condenado na causa 423/38 polo xulgado militar eventual número catro de León; estivo preso no campo de concentración de San Marcos (hoxe hostal moi recoñecido do que moitos ignoran o tenebroso pasado). O catro de de agosto de 1938 trasládano á prisión de partido de La Bañeza. As condicións do cárcere eran deplorables; José Rey padece tuberculose (non sabemos se xa estaba enfermo cando ingresou) e así o certifica o médico da prisión, Manuel Fernández Acebal, o 1 de novembro do “3º año triunfal”:

una adenitis tuberculosa supurante al cuello y región supra e infra clavicular con progresión a la axila, y por el peligro al contagio y el régimen especial que requiere, es necesario su traslado al Hospital Penitenciario de Segovia, especializado en la curación y tratamiento de estas dolencias

      Pero as autoridades non estaban polo labor de prestarlle maiores atencións a un desertor preso e non será ata o 3 de xaneiro de 1939 cando, debido a unha orde do gobernador civil de León, entregan a José á Guardia Civil para trasladalo, non ao Hospital, senón á durísima Prisión Central de Burgos na que debería extinguir condena. Nesta prisión, no período entre 1936 e 1941, fusilan ó redor de 300 presos, cerca de 400 son vítimas de “paseos” tras sacas do cárcere e 359 morren por enfermidade.

      Unha destas mortes por enfermidade foi a do albanel lerezán, que faleceu no mes de maio de 1939. Case un ano despois da morte, en marzo de 1940, instrúenlle expediente de responsabilidades políticas, que será fallado en xaneiro de 1941 coa imposición dunha sanción de cen pesetas.

     Neste mes de maio de confinamento lembremos a José Rey Rodríguez falecido aos 21 anos moi lonxe da súa terra.