A
vida de Juan Magdalena García estivo marcada pola traxedia: a noite
do 8 de marzo de 1905, martes de carnaval, matan dun tiro a seu pai;
este tiña unha taberna no Castelo (Lérez) e, nunha pelexa que se
formou nela, un disparo dirixido ao acordeonista causoulle a morte.
Juan foi un dos oito orfos.
Casou en Cerponzóns. Nesta parroquia liderou o movemento agrario e
foi presidente da sociedade de agricultores pero tamén participou en
entidades da súa parroquia natal (Lérez).
A
traxectoria agrarista de Juan Magdalena non se circunscribiu a estas
parroquias; no ano 1922 era contador da Federación Agraria Municipal
de Pontevedra e intervén o 23 de outubro dese ano, xunto cos
políticos republicanos Evaristo Cuiñas e Vicente García Temes, nun
mitin en Combarro que tiña por obxectivo a constitución da
sociedade agraria da parroquia; era un bo orador e como tal interveu
en numerosos mitins en distintos lugares da provincia.
O
domingo, 8 de abril de 1923, participa nun mitin no Teatro Circo
pontevedrés para protestar contra o novo imposto contributivo; neste
mitin están presentes familiares das vítimas dos sucesos de
Sobredo. Magdalena pronuncia un “extenso e irónico discurso”, na
súa intervención
Se refiere también a lo de Sobredo; censura acremente la actuación del oficial que mandaba a la Guardia civil en aquellos luctuosos días. Ataca al ex-ministro Ordóñez y dice que la conciencia de este, como la de todos los ministros españoles, contrasta con la verdadera conciencia de la nación Española.[...] Pasa a estudiar el nuevo aumento contributivo. Asegura que está dispuesto a demostrar con números que en la actualidad, una conca de tierra paga en concepto de contribución territorial un 20% más de lo que produce.”1
Fala
tamén do problema de Marrocos e sobre
a cuestión foral sostén
que estará resolta o día no que o pobo, nun momento de virilidade
e enerxía, diga: “No estamos dispuestos a pagar y no
pagamos.”.
As
conclusións do mitin foron: derogación do aumento contributivo,
formación de sumario aos culpables de Sobredo, ampla amnistía para
os presos políticos, abandono total e definitivo de Marrocos e
depuración das responsabilidades administrativas. Rematado
o acto, dirixíronse en manifestación para entregar as conclusións
ao gobernador.
En
1926, xunto con Valentín Rey, viaxa a Madrid representando á
federación agraria no concurso nacional de agricultura.
No
ano 1931 intervén nun mitin con motivo da colocación da primeira
pedra do monumento aos mártires de Sobredo e afirma que eses
mártires deben pasar á historia agraria e que o campo galego estaba
en pé, pronto a buscar a solución dos seus problemas.
O
7 de xaneiro de 1932, celébrase un mitin antiforal organizado pola
Federación Agraria Comarcal (da que Magdalena era presidente dende o
ano anterior) e pola Federación Local de Traballadores, ambas
controladas por militantes comunistas. Juan Magdalena inicia e remata
o acto, no que tamén interveñen Manuel Gama, Manuel García
Filgueira e outros; segundo os xornais, Magdalena despide o mitin con
unas acertadas palabras en las que denunció la actitud de los diputados republicanos y socialistas que en sus campañas electorales prometieron liquidar para siempre la cuestión foral y que ahora, lejos de cumplir la palabra prometida, permiten que se ejecuten los embargos.2
As
conclusións piden a abolición dos foros por consideralos, tanto na
súa orixe como no seu desenvolvemento, inxustos e inmorais; a
devolución de todo o recadado por rendas forais e a anulación de
todos os procedemento de tipo xudicial en materia foral.
No
Congreso de Lavadores celebrado en maio de 1932 para aprobar os
estatutos da federación agraria provincial, Magdalena actúa como
vicepresidente da mesa e foi elixido como representante de
Pontevedra para o consello directivo provisional. Ao ano seguinte
participa neste congreso como delegado dos agricultores pontevedreses
en unión de Manuel Gama.
Este
mesmo ano figura como membro da comisión inspectora de contas da
cooperativa de consumo “Nueva Economía” da Caixa Rural de Lérez
e como vogal dunha nova sociedade de campesiños e obreiros de
Cerponzóns, afiliada á Comarcal Agraria.
Cando
se produce o golpe militar do 36 xa deixara o cargo de presidente da
Federación Agraria Comarcal, que ocupaba outro lerezán, Victor
Moldes.
Nos
primeiros días tras o golpe militar ábrese a causa 464/36 pola que
se investigan coaccións e ameazas contra unha veciña de Cerponzóns
para que non baixase co leite
a Pontevedra; preténdese
involucrar como autores a algúns membros da sociedade de obreiros e
agricultores “La Fraternidad” de
Cerponzóns, integrada na
Federación Agraria Comarcal. A
causa aberta sería sobresida.
Aínda que non figura como acusado, ao coñecer que o buscan, Juan
Magdalena preséntase no
cuartel da Guardia Civil o 7 de agosto, detéñeno e ingresa no
cárcere a disposición do
xuíz instrutor. Presta declaración o 9 de agosto e o instrutor,
tenente Julio Conde, ordena que
o liberen. O xefe do cárcere
comunica que foi posto en liberdade o día 10. Ese mesmo día aparece
morto e salvaxemente torturado no lugar da Gándara, nas inmediacións
da xunqueira. No rexistro civil a causa de
morte que figura é a de
hemorraxia interna. Juan
Magdalena contaba con 47
anos3
e deixaba muller, Dolores
Castro, e varios fillos.
Como
conta a escritora Montse Fajardo na publicación que serviu de
homenaxe a represaliados e represaliadas de Lérez:
A memoria do pobo gardou a especial saña empregada no crime. Que fora arrastrado con cabalos, que o seu cadáver presentaba cortes nos brazos e resina de pino nas mans, como se intentara suxeitarse ás árbores. Que lle cortaran os xenitais e metéranllos na boca e que estaba tan desfigurado que o recoñeceron polas botas. Dixéranlle que fuxira pero sabía que non fixera mal ningún e como tantos outros confiou en que ninguén llo faría a el4
A
súa familia foi intensamente perseguida,
dous irmáns, unha irmá e o
seu cuñado Constante Estévez cos seus fillos, marcharon cara ao
exilio na Arxentina, unha irmá, taberneira,
tivo que soportar o acoso e as requisas de “cívicos” e
falanxistas.
Foto: Vida Gallega.
1Progreso,
10 de abril de 1923.
2El
Ideal Gallego, 7-1-1932.
3Así
figura nunha declaración súa na causa 464/36; outras fontes
aseguran que tiña 36 anos.
4Fajardo,
Montse. A represión franquista en Lérez, unha parroquia
adiantada ao seu tempo. A Memoria das Mulleres. Concello de
Pontevedra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario