jueves, 13 de noviembre de 2014

Doce de novembro de 1936.


Neste ano de 2014 cúmprense setenta e oito anos do fusilamento de dez persoas que ocuparon postos relevantes na política pontevedresa, na etapa anterior ao golpe de estado de 1936. Os seus nomes eran: Juan Rico González, de 42 anos, capitán da garda de asalto; José Adrio Barreiro, 26 anos, avogado e xestor provincial; os mestres Germán Adrio Mañá, de 48 anos , Paulo Novas Souto, de 36 e Benigno Rey Pavón, 27 anos; os médicos Amancio Caamaño Cimadevila, 42 anos, Telmo Bernárdez Santomé, 51 anos e Luis Poza Pastrana, 27 anos; o impresor e xestor provincial Ramiro Paz Carbajal, 45 anos, e o secretario do partido galeguista Víctor Casas Rey, de 36 anos. Todos eles foron acusados dun delito de traizón á patria.

A pesares de que, xunto co caso de Bóveda, trátase do xuízo que tivo máis repercusión na cidade e do que se teñen escrito varias publicacións, non está de máis facer unha breve lembranza do sucedido.

A causa que lles foi instruída leva o número 660/36. Como en todas elas, os informes emitidos polas forzas de seguridade e os testemuños de determinados axentes son determinantes nos alegatos do fiscal e na condena. As manifestacións das testemuñas, por moi relevantes que foran por ser de persoas ou institucións afectas á nova situación, como foi o caso, non valían de nada. A celebración do xuízo acostumaba a ser unha posta en escena do que xa estaba determinado de antemán. Así sucedeu na vista celebrada os días 30 e 31 de outubro de 1936 no pazo da Deputación pontevedresa. O fiscal Manuel María Puga Ramón renunciou ao interrogatorio de testemuñas; o seu informe remata manifestando que, no plano particular, non ten nada que alegar respecto aos procesados, pero si no político, pois estes homes 
son como los de Asturias, los de Madrid, los de Valencia, los de Cataluña, que matan a nuestros hermanos y quieren impedir que el Ejército unido al pueblo salve a España. (Diario de Pontevedra, 31-10-36)

A liña de defensa dos comandantes López de Roda e Sanmartín centrouse en adxudicar aos procesados un papel secundario, pois acudiran ao goberno civil para informarse da situación; no caso do capitán Rico, logo de renderse o gobernador, incluso participou, xunto cos sublevados, na toma do concello.

Pero, como xa dixemos, as acusacións presentes nos informes policiais caracterízanse pola súa virulencia, destacando neste senso as asinadas polo comandante Joaquín Velarde da Guardia Civil. A modo de exemplo recollemos algunhas:

  Contra Juan Rico, tal como se alegou por parte do acusado, apréciase unha especial animosidade, corroborada polo trato infamante que lle dispensou durante o tempo en que estivo detido no cuartel da Guardia Civil pontevedresa. Di o informe: 
De ideas avanzadas como vino demostrando frecuentemente en todos sus actos. Se acompañaba constantemente del Doctor Caamaño, reuniéndose con todos los directivos de la extrema izquierda [...] En la resistencia que los elementos extremistas proyectaban contra el Ejército en Julio último en Pontevedra tomó parte activísima, llegando incluso a repartir a los comunistas las pistolas de los guardias de asalto que el mandaba.

Sobre Amancio Caamaño, persoa moderada, que abandonara Izquierda Republicana por non estar conforme coa participación na Fronte Popular, un informe datado o 15-9-36, acúsao, entre outras cousas, de perseguir a persoas de dereitas e ás monxas do Hospital do que fora director, de darlle “un matiz de carácter marxista” á Sociedade de Artesáns da que foi presidente, de intervir en mitins de propaganda esquerdista e de ser masón. A acusación de masón era certa pois foi membro destacado da loxa pontevedresa Helenes 7.

De Ramiro Paz afírmase:
Comunista. Editor del periódico semanal de la misma ideología titulado La Hora, propagandista peligroso [...] Su conducta política mala.
 A mentira sobre as súas ideas políticas está á vista pois Ramiro era un destacado dirixente socialista e La Hora tamén seguía esa liña, por moito que aínda agora algunhas publicacións a cualifiquen de comunista. De nada valeu tampouco o eloxioso informe sobre a súa conduta asinado pola superiora das monxas do Hospital, o administrador e médicos, no que destacaba a sinatura do administrador Bernardino Fondevila ou o médico Enrique Marescot, moi alonxados ideoloxicamente do impresor socialista.

Outro dos acusados, Paulo Novas, é cualificado por Velarde de “ azañista furibundo y persona muy influyente durante el tiempo que imperó el Frente Popular.” De nada valeron informes como o do que fora cura de San Adrián, Juan Salgueiro, do que non me resisto a deixar de copiar algúns parágrafos moi significativos:
Con toda verdad certifico que su conducta como maestro en la referida escuela fue intachable [...] y enseñando con celo el catecismo de la Doctrina Cristiana. Era defensor de la propiedad, religión, familia cristiana, mostrándose enemigo del judaísmo, marxismo y masonería, siendo defensor entusiasta de España, sin resabios separatistas.

De Víctor Casas, director de “A Nosa Terra”, aparte das súas tendencias separatistas e de participar na campaña pro-estatuto, tamén o acusan de influír sobre as “juventudes extremistas” e de ser un perigoso extremista dentro do marxismo local. Ao mestre Benigno Rey considérano participante en reunións clandestinas con elementos masónicos, espiritistas e políticos de extrema esquerda.

Evitamos amosar máis informes pois a anterior é unha mostra suficiente do cariz dos mesmos.

O tribunal estivo presidido polo coronel Víctor Landesa Domenech, o defensor de Rico, Bernárdez, Caamaño, José Adrio e Germán Adrio foi o comandante de infantería Manuel López de Roda e o resto foron defendidos polo tamén comandante Francisco Sanmartín Carreño. A sentencia condénaos a morte e aprecia
circunstancias agravantes de la perversidad de los procesados demostrada en sus pésimos antecedentes como revolucionarios y de la transcendencia de los hechos que realizaron que fueron causa de que hubiese muertos y heridos en Pontevedra y que pudo ocasionar el fracaso de las tropas en dicha ciudad.

Os reos entraron en capela na escola Normal ás catro da mañá do 12 de novembro; celebrouse unha misa á que acudiron Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez, Juan Rico e Germán Adrio “comulgando los cuatro con gran fervor.” O relato do Diario de Pontevedra especifica “ en el campo de la ejecución, excepto uno, todos besaron el crucifijo que les fué ofrecido por el mercedario P. Raimundo, los franciscanos P. Luis y Fray Guillermo y el Vicario de Santa Clara Sr Torres.” Foron acompañados polos defensores, o xuíz e o rexistrador da propiedade señor Ríos Mosquera. No alto da Caeira, foi fusilado en primeiro lugar o capitán Rico que foi degradado e despoxado das súas insignias e condecoracións así como do sable, do que se fixo ademán de rompelo e tirado ao chan, soando as palabras regulamentarias de “la ley le degrada por haberse el degradado a si mismo”; os executores foron gardas de asalto e certificouse a morte como colapso cardíaco. Unha testemuña presencial relatoume fai anos as palabras da súa dona cando lle entregaron o cadáver: “ Juan Rico, que naciste entre sábanas de seda y te entierran entre unas tablas de madera.”

A continuación, unha sección de artilleiros mandada polo tenente José Varela de la Cerda, fusila aos demais condenados que, segundo as certificacións, morren por hemorraxia interna.

Como todos os doce de novembro, témolos no noso recordo.