lunes, 11 de mayo de 2015

No cabodano do fusilamento de Francisco Reiriz.


Francisco Reiríz Lago tiña 34 anos, estaba solteiro, era toneleiro de profesión, vicepresidente de Izquierda Republicana e primeiro tenente de alcalde do concello de Vilanova de Arousa. Na indagatoria que aparece no seu proceso consta que tiña un metro e setenta e seis centímetros de altura, pelo castaño escuro, ollos grises, parálise nas extremidades inferiores e atrofia da perna esquerda.
O seis de setembro de 1936 foi detido por un grupo de falanxistas. No atestado, con redacción peculiar, faise constar que 
en funciones de alcalde [...] tomó por cuenta propia el mando supremo de aquella localidad, ordenando que todas las personas de orden les daba un plazo de veinte minutos, para que entregasen las armas que tuvieran, y que por el contrario, sería el citado pueblo un segundo Casas Viejas.
Reiríz recoñece ter convocado aos veciños para que entregasen as armas, por ser orde do gobernador civil, que se entregou recibo por cada arma recollida e que foron entregadas á Guardia Civil o 21 de xullo; tamén manifesta que no 1931 organizara un sindicato afecto á UGT.
A Guardia Civil considérao elemento destacado da CNT, lembra que nunha folga no ano 31 distinguírase por coaccións e agresións aos traballadores que se negaban a secundala. Indica que suplantou ao alcalde e ordenou a recollida de armas e que, armado cun revólver, golpeou a algúns veciños que discutiron con el. Remata conceptuándoo como “sujeto de acción y peligroso”.
O novo alcalde nomeado polos golpistas, Luis Rodríguez, informa que “vino actuando siempre en cuantas huelgas o conflictos sociales existieron en este municipio, siendo el alma de la organizacion del Sindicato de la C.N.T.”
Foi procesado, xunto co concelleiro Manuel Chaves Dios, por un delito de rebelión militar, coa circunstancia agravante da perversidade dos delincuentes. O consello de guerra celébrase no pazo da Deputación pontevedresa ás catro da tarde do 18 de marzo de 1937. Cando lle conceden a palabra, Francisco Reiriz considera excesiva a pena solicitada e engade que non é un elemento tan perigoso como din os informes, xa que seguiu á fronte da alcaldía nove días despois do golpe con consentimento das autoridades, procurou manter a orde e non foi detido ata o seis de setembro “y que su actuación no debía de ser tan perjudicial cuando estuvo en libertad tanto tiempo.”
Francisco e Manuel son condenados a morte e o segundo foi indultado.
O 11 de maio de 1937, ás seis da mañá, na avenida de Bos Aires, unha sección de artillería foi a encargada da execución. A defunción certifícase constando como causa da morte inmediata unha hemorraxia interna e causa fundamental “una herida por arma de fuego en la región orbitaria izquierda con enucleación y tres en la región precordial.”
O cadáver foi conducido ao cemiterio de san Amaro, no que foi enterrado na sepultura número corenta e un, primeira fila e segunda zona.
O seis de abril de 1940 abriríaselle expediente por responsabilidades políticas. O seu irmán Ramón morrería nun campo de prisioneiros en Francia.
Dos sufrimentos e da loita pola vida das persoas máis próximas a Reiriz e a outros represaliados daranos conta Montse Fajardo nunha esperada publicación; hoxe, no día en que se cumpren 78 anos, lembramos o proceso que o levou á morte.