jueves, 22 de agosto de 2019

Contra o esquecemento: Joaquín Fernández Barcia.

Moitos familiares das vítimas da represión levada a cabo tras o golpe do 36 sufriron ( e sofren) o silencio imposto nas propias familias; o medo que abafaba nos anos do silencio na maioría dos casos, o rexeitamento da conduta política do seu antepasado a quen responsabilizaban da súa situación precaria, noutros, algunhas veces a falla de interese ou as informacións manipuladas... A falla dunha política de divulgación, alonxada de mitos e manipulacións, do sucedido e que vaia máis alá dos círculos de historiadores e persoas comprometidas, posibilita a existencia na actualidade, máis de 80 anos despois, de persoas que carguen coa lousa do descoñecemento sobre a vida (e a morte) de antepasados seus vítimas da represión e, tamén, do esquecemento.
Veñen a conto estas apresuradas reflexións a partir da lectura do emotivo artigo de Víctor Fernández FreixanesMemoria do tío Joaquín”, na Voz de Galicia do pasado día 18. Nel podemos atopar ese desexo de saber máis e tamén o testemuño de como as pesadas cargas dos “antecedentes políticos familiares negativos” continuaron pesando moitos anos sobre as familias.
Esta situación, repetida ao longo de moitos anos de traballo neste tema, lévame a inaugurar un apartado neste blog, que titularemos “Contra o esquecemento” e no que, cada certo tempo, achegaremos a biografía das vítimas esquecidas.
Joaquín Fernández Barcia “O negro” naceu o 10 de agosto de 1906 en Mourente (Pontevedra), era fillo de Saturno e Elvira, ebanista, afiliado á Sociedade de Ebanistas afecta á UGT. Estivera preso no 1934 polos sucesos revolucionarios de outubro. Foi detido en Vigo o 25 de agosto de 1936 onde, ao parecer, se refuxiara na casa duns parentes; tivo a mala sorte de ser recoñecido por un policía pontevedrés que fora a aquela cidade a efectuar un servizo.
Incóaselle a causa 1118/36 por rebelión, causa militar que sería acumulada á 1098/36 que se abrira contra Eduardo Muíños Búa e outros; todos estaban acusados de participar nos rexistros domiciliarios e en armerías para incautar armas. Estas actuacións leváronse a cabo todas elas amparadas en ordes escritas do gobernador civil. As persoas acusadas destes feitos ou de participar na defensa do goberno civil o 19 e 20 de xullo foron moi perseguidas e sufriron fortes condeas de cárcere ou a pena de morte.
A Joaquín acusárono de participar na requisa efectuada na armería de Ruperto Santos; alí foran acompañados do inspector de policía Castor Prieto, que portaba a correspondente orde; a actuación de Joaquín e compañeiros descríbea o dono da armería cando foi preguntado por se tiveran “actitude tumultuosa” e respondeu que todos estiveran moi atentos e respectuosos.
Pero as acusacións contra Joaquín acumulábanse: ademais das requisas tamén fan as de participar destacadamente nos feitos revolucionarios daqueles días de xullo arengando e alentando os grupos rebeldes; ademais os seus antecedentes, como os dos outros acusados, eran os de significados axitadores e dirixentes das “organizaciones extremistas” ás que pertencían.
Diversos informes considerábano membro da agrupación socialista e persoa de confianza do deputado Amando Guiance; o da Guardia Civil, coa falla de fiabilidade habitual, considera que militara no partido comunista, afiliado á CNT e que “según informes que no se pueden precisar [!!!] desde su domicilio estuvo haciendo disparos el día 20 de Julio último con una pistola”. Algunhas testemuñas afirmaron que participara nos tiroteos contra as tropas que procedían á lectura do bando de guerra.
Un erro no apelido evita que o leven na saca dun grupo de presos que acabarán “paseados” a finais de setembro.
O 20 de novembro de 1936 celébrase o consello de guerra contra Joaquín Fernández Barcia, Nemesio Laya Abal, Ciriaco Licer Cons, Manuel Dios Costado, Ramón Rey Juncal e Eduardo Muíños Búa; na sentencia consideran a Joaquín responsable do delito de rebelión co agravante de perversidade e condénano a morte, do mesmo xeito que ao mestre Muíños e ao albanel Manuel Dios. Ademais deberían indemnizar ao Estado por responsabilidades políticas coa cantidade de cinco mil pesetas cada un.
Execútano o 2 de decembro de 1936, ás sete horas e trinta minutos da mañá no alto da Caeira. Foi enterrado en san Amaro na sepultura 49, cadro 1, fila terceira. A morte foi anotada no Rexistro Civil pontevedrés no folio 281 volto, tomo 117, partida 560 e como causa figura a de “colapso cardíaco”.
Dous dos seus irmáns serían detidos na década dos corenta acusados de actividades subversivas: Antonio, detido no 1947 por recadar diñeiro para Mundo Obrero, foi posto en liberdade polo xuíz por non haber cargos probados e Saturno, detido e procesado no 1948 por presuntas implicacións co partido comunista, foi absolvido.
Nos anos 90 un dos seus irmáns,  probablemente asesorado polo inesquecible Gonzalo Adrio, solicita (e consigue) que se subsanen as falsidades que constaban na anotación do rexistro civil no senso de que o lugar da morte (A Caeira, O Vao) non pertencía a Pontevedra senón a Poio, polo que debía rexistrarse naquel concello e a causa fundamental da morte: fusilamento despois dun consello de guerra por defender ideas políticas.
Serva este breve apunte para lembrar a un home para quen, como escribe o seu sobriño Víctor F. Freixanes, o Día da Galiza Mártir tamén foi o seu día, aínda que a súa execución fora en decembro.

jueves, 1 de agosto de 2019

Fundadores da Sociedade de Agricultores de Salcedo (1): Antonio Balchada.

O primeiro de agosto de 1936, o capitán da Guardia Civil e xefe nominal da Guardia Cívica pontevedresa Emilio Lledós, con forzas ás súas ordes, rexistra o domicilio de Gumersindo Estévez Cerqueiro atopando diversa documentación, tanto súa como do seu fillo Genaro (sería executado o 21 de setembro de 1936) que andaba fuxido. Gumersindo, presidente da Sociedade de Agricultores de Salcedo entre marzo de 1935 e o mesmo mes de 1936, sería detido posteriormente, xunto co seu irmán Manuel, cando se presentaron no cuartel da Guardia Civil para solicitar un certificado de boa conduta para poder marchar cara o estranxeiro.

Nunha relación titulada “Nombres de los fundadores de la Sociedad de Agricultores de Salcedo y compañeros más significados” figuran os nomes dos fundadores en 1892 ( foi rexistrada oficialmente en 1897). Estas persoas estaban propostas pola directiva que presidía Gumersindo para recibir unha homenaxe aos fundadores falecidos. Aparecen no listado: co apelativo de presidente: Martín Pintos Lucas, Lorenzo Montes, Antonio [Balchada] Sousa, Juan Piñeiro e Ignacio Da Pena; co de organizador: Santiago Sanmartín; cos de secretario: Antonio Carragal e Manuel Acuña Pena e sen indicar condición: Manuel Regueira e Francisco Soto.

A idea da directiva era celebrar un acto con varios oradores e adquirir as fotografías dos primeiros fundadores.

O texto destinado a ler na homenaxe adicado a Antonio Balchada, albanel de orixe portuguesa, era o seguinte:

La Sociedad de Agricultores honrra a sus Luchadores por la Livertad. Antonio Balchada Sousa Vecino y uno de los organizadores de esta Sociedad de Agricultores el año 1892, trabajó incesantemente después de organizada, para que el Cacique no la derrumbara porque con sus uñas de rrapiña quería desbaratar a lo que no le convenía, porque si hoy los Caciques le estorban las Sociedades, que harían entonces que no había más [ilexible] que ellos hacían de la justicia lo que querían del Servicio iden de Contribuciones Consumos y por último Cédulas también; así que las Sociedades eran el ostáculo mas grande para ellos enriquecer y dominar. Así que los directivos eran perseguidos amenazados y acosados a las peores torturas; mas Antonio Balchada Sousa nunca temió a las Amenazas, donde no se fundaban Sociedades Allí iba el tanto que fueran Agrícolas como Obreras. Celebraba mítines por todos los contornos, en los primeros de Mayos era Antonio Balchada Sousa quien rresibía los Mayores aplausos y felicitaciones por su buena oratoria y energía en busca de defensa de las justas rreivindicaciones de los Esplotados. Fue tan perseguido que por no tener por donde cojerlo judicialmente influýan los dominadores para que no tubiera trabajo en ninguna parte y por el hambre someterlo al Cacique: pasó sin sabores y se arregló, pero al Cacique nunca se doblejó. Como su oficio era Pintor y aquí no le daban trabajo tubo que aprender la arte de Albañil para poder mantener su mujer y hijos que eran mártires por las ideas de su padre. Llevó la vida tan agitada en busca de la rredención humana y sin tener apresio de la labor por el rrealizada dejó de existir de entre nosotros por la tuberculosis que lo arrebató a los cuarenta años lo mejor de su edad para la lucha.
(Ortografía e redacción orixinais). Documentación: Arquivo Intermedio Militar do Noroeste e AHPPO.