sábado, 18 de enero de 2025

Censura de prensa.

Aínda que para grande parte da poboación o Ministerio de Información e Turismo estea asociado á construción de paradores ou ao slogan de “España es diferente”, a función máis importante que tivo foi a de ser un verdadeiro ministerio de propaganda. Unha das súas funcións era a recollida de información sobre as opinións da poboación; a finalidade era un enfoque máis preciso da política propagandística do réxime e proporcionar orientación para exercer un maior control a través da “información” facilitada por os medios e outros canais. Esta recollida facíase a través de diferentes instancias, entre elas o Servicio Español de Auscultación de la Opinión Pública; estaba encadrado orixinalmente na Vicesecretaría de Educación Popular, adscrita á Secretaría General del Movimiento e transferida, no ano 1945, ao Ministerio de Educación Nacional. Coa creación do Ministerio de Información e Turismo (1951) intégrase na Dirección General de Prensa.

A censura de publicacións (libros, folletos, anuncios, cancións, películas...) tamén era da súa competencia, así como a da prensa e radio. En relación cos medios de comunicación, elaboraba unha especie de “argumentarios”, denominados Documenta, que se remitían aos xornais para ser utilizados como base da información que debían utilizar sobre determinados temas. Así, o 17 de novembro de 1952, lembrábase a “conveniencia y obligatoriedad de utilizar el DOCUMENTA 258” nas informacións relacionadas coa figura de José Antonio. Tamén lle comunicaban aos directores dos xornais o envío doutro DOCUMENTA sobre Isabel a Católica, con motivo da conmemoración da data na que sinalara no testamento a misión de España en África, 

se ocupará obligatoriamente de ello y destacará de modo general la acción que España ha llevado a cabo y realiza en la colonia de Guinea y Territorios de África Occidental. [...] debiendo destacarse muy preferentemente la labor y realizaciones prácticas de orden moral, cultural, social y económica en nuestras posesiones.

 No ano 1960 ordenábase, mediante o telegrama da Dirección Xeral de Prensa que ilustra este artigo, que non se falase de colonias e adiantábase ao considerado na actualidade como politicamente correcto ao referirse á poboación daqueles territorios.

Non só se prohibían ou mutilaban libros, obras de teatro e cine ou discos; tamén se facía, segundo a conveniencia política do momento, cos anuncios dos libros autorizados. O 10 de novembro de 1952 prohibíase calquera anuncio do libro “Problemas Constitucionales de España” do Duque de Maura “procurando la mayor exactitud y la mayor discreción en lo indicado”. Outras veces sancionábase a xornalistas con suspensión da actividade periodística.

Os xornais debían someter as galeradas a censura previa, feito que tivo a oposición irredutible de José María Castroviejo, director do falanxista El Pueblo Gallego; foron soados os enfrontamentos entre Castroviejo e o subdelegado en Vigo, tamén pola postura contraria de Castroviejo á prohibición do galego. Era obrigatorio someter ao xuízo do subdelegado do ministerio en Vigo calquera tema a tratar nos xornais, deste modo 

previo cambio de impresiones pueden amoldarse a la necesidad actual comentarios que de otro modo pueden ser objeto de sanción por el mero hecho de publicarlos sin consulta previa (Comunicación ao director da revista sindical SÁBADO, 5 de abril de 1952.)

A censura determinaba temas prohibidos: un telegrama da superioridade, datado o 28 de maio de 1960, prohibía todo comentario ou información sobre a cesión do palacio de Montjuich á cidade de Barcelona; outro telegrama do director xeral de prensa (1-4-1959) ordena 

Tome buena nota para en lo sucesivo no autorizar la palabra Cuelgamuros referida al monumento del Valle de los Caídos que se designará siempre ya con el Valle de los Caídos o Santa Cruz del Valle de los Caídos.

Nalgún caso custa traballo saber as motivacións dalgúns mandatos; por exemplo, o 1 de decembro de 1952, o delegado, Julián Álvarez Villar, traslada aos directores dos xornais vigueses instrucións da Dirección Xeral de Prensa para 

indicarle que está totalmente prohibido publicar anuncio de granjas que vendan por mil pesetas doce gallinas y ofrecen renta mensual treinta huevos o equivalente sesenta pesetas. Deberán poner en conocimiento de la Subdelegación cualquier anuncio de granja avícola [subliñado no orixinal] que pretenda anunciarse sin conocimiento de la Dirección General de Prensa o Delegaciones.

 Tamén indicaba que os comentarios do partido internacional entre España e Arxentina “deben orientarse con el máximo respeto y simpatía a los jugadores argentinos, su país y el partido en general”. Neste caso, as boas relacións co réxime peronista arxentino parecen xustificar o mandato.

Outras prohibicións tiñan carácter máis local, como a de tratar o tema dos tranvías ou da vivenda, que eran obxecto de críticas polas súas deficiencias na cidade de Vigo; tamén calquera comentario sobre o “hongo”. Neste caso, no ano 1952, houbo un episodio de contrabando de estreptomicina, presuntamente efectuado por un xornalista encargado da información portuaria. Ao parecer adquiría o antibiótico (o “hongo”) a bordo de barcos co pretexto de necesidades médicas duns familiares; dada a repercusión acadada na cidade, determinouse prohibir calquera alusión ao tema.

O mundo do fútbol tampouco está exento destas orientacións; o 28 de marzo de 1952, o Director Xeral faise eco dunha petición da Federación Nacional de Fútbol para que “se omitan en lo posible” unha serie de cuestións: a) Declaracións de xogadores ou directivos que supoñan menosprezo ou axuizamento despectivo do labor dos árbitros (exceptúase a crítica obxectiva feita polos cronistas). B) Novas que supoñan menosprezo cara os organismos da Federación. C)Notas ou comentarios sobre intentos de suborno e D)

En general, cuanto no se ciña a la más concreta información huyéndose siempre del sensacionalismo infundado y de la difusión de noticias que puedan servir determinadas tendencias disgregadoras de la unidad futbolística y menosprecio a la suprema autoridad federativa. 

En fin, unidade e xerarquía ata no fútbol.

Tamén se procura aminorar as influencias estranxeiras. Diante da publicación dunha foto da raíña Isabel II de Inglaterra, con detalles de como se obtivera, comentarios sobre os vestidos e as súas dotes persoais, considérase que a información era obra da oficina de prensa dunha embaixada polo que había que coidar 

no se introduzcan en nuestros periódicos propagandas extranjeras sobre costumbres, personas y hechos que sirvan solamente para difundir esa propaganda. No hay inconveniente en dar alguna fotografía y alguna información sobre tales costumbres o personas, pero hay que tener cuidado con lo que se publica, para que la atención de nuestros lectores no se aparte de los grandes temas nacionales y se vaya por otros caminos.

Hai un caso que se relaciona cun grave suceso ocorrido na praia da Concha o 19 de agosto de 1957. Ese día o barco Azor, no que viaxaba Franco, abordou a motora Santa Cruz, que efectuaba a comunicación entre o porto donostiarra e a illa de Santa Clara, causando cinco mortes; unha delas, Manuela Rozado Barciela, de 20 anos, era pontevedresa. O feito só foi tratado, de modo pouco destacado, pola prensa local que titulaba, en páxinas interiores, “Accidente marítimo en la bahía de la Concha” e destacaba o heroico comportamento da tripulación do Azor. No resto da prensa non se daba ningunha nova do sucedido. Todos os xornais españois, tamén os de Vigo, recibiran o 20 dese mes o seguinte telegrama: “No autorice difusión noticia accidente marítimo entre Azor y una barca de pesca ocurrido en la bahía de San Sebastián”. E así foi como quedaron ocultas esas cinco mortes ata que, fai relativamente pouco tempo, algúns xornais vascos fixéronse eco do sucedido.


Fonte: Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra /Delegación Local do Ministerio de Información e Turismo de Vigo. Galiciana Arquivo Dixital de Galicia.

sábado, 4 de enero de 2025

Falanxistas destacados: Jorge Luís Mondina Docet.

Jorge Luís Mondina Docet foi un dos falanxistas máis significados da provincia. Naceu en Vigo o 21 de abril de 1910. Foi membro da xunta directiva do Tiro Nacional de España, na que coincidiu con algunhas persoas que tamén destacarían nese partido político. Ingresou na Falanxe no ano 1934.

Nese ano, con motivo dos sucesos revolucionarios de outubro, Mondina foi un dos falanxistas vigueses que se presentou voluntario para auxiliar as autoridades e prestou servizo como condutor de vehículos das forzas da orde. Tamén participou “colaborando personalmente en la represión de los que alteraban el orden público”. Entre os servizos prestados destaca a colaboración coa policía para deter o comité de folga ferroviario na estación de Vigo; por estes feitos e outros prestados na represión da folga recibiu unha felicitación e un premio de 1.500 pesetas de mans do gobernador.

No ano 1935 actúa como escolta de Daniel Buhigas, que fora nomeado no mes de maio xefe provincial da Falanxe, 

acatando sus órdenes para imponer la necesaria disciplina a los afiliados que secundaban la actitud de resistencia adoptada por las jerarquías relevadas. 

Eran as liortas internas tan presentes na vida da Falanxe pontevedresa. Mondina encárgase de organizar a distribución de “Arriba”, semanario da organización; recolle subscricións e tamén o vende polas rúas. Era unha tarefa comprometida pois eran habituais os altercados entre falanxistas e militantes de esquerdas a conta da venda do semanario e podían rematar a tiros.

O 8 de xullo de 1935, a Audiencia Provincial entende nunha causa instruída polo xulgado de Vigo contra 37 mozos e 3 mozas pertencentes a Falange Española que foron sorprendidos, na noite do 13 de xuño, reunidos sen autorización e con tenencia ilícita de armas (revólveres, pistolas e outras). Condenaron a cada un, Mondina entre eles, a 2 meses e un día de cárcere. Mondina e os seus camaradas ingresan na prisión de Vigo. Durante a estancia en prisión, Mondina colabora con Buhigas (tamén preso) organizando os falanxistas detidos. Logran manter contacto co exterior e obteñen imaxes fotográficas no interior do cárcere.

Buhigas noméao xefe do Servicio de Información, cargo que ocupará ata o 20 de xullo de 1936. Durante o ano 1935, como xefe deste servizo, 

previno y reprimió contundentemente todos los intentos de la potente organización marxista encaminados a sabotear la llegada y venta pública del semanario “Arriba”, organizando al mismo tiempo el fichero de los más destacados elementos marxistas y controlando la mayoría de sus actividades.

 Sae do cárcere o 11 de agosto; xa en liberdade sería detido varias veces pola venda de Arriba.

O 7 de febreiro de 1936 tivo lugar un suceso de gravidade na cidade de Vigo: un grupo de anarcosindicalistas asalta o local de Falanxe, no que estaban reunidos varios militantes. Prodúcese un tiroteo, que continúa nas rúas próximas. O resultado foron varios feridos e dous mortos. Os falecidos foron o obreiro de Barreras Robustiano1 Figueiras Villar e o falanxista Luis Collazo. Nos sucesos, Mondina tivo un papel destacado pois enfrontouse ao xefe do grupo asaltante, Luís Quintas, apoderándose da súa pistola. Cando acompañaba o camarada ferido Carlos Garabal 

disparó contra el anarco-sindicalista Luís Figueiras Villar, cuando este se disponía a disparar sobre estos camaradas, causándole la muerte. 

Así consta no expediente de recompensas aínda que nalgunha publicación aparece Luis Quintas como autor involuntario da morte do seu compañeiro. A policía detén a Mondina cando se atopaba no Cuarto de Socorro acompañando os seus camaradas feridos; ingresa no cárcere. Foi procesado, como presunto autor dun homicidio e de lesións, no sumario 37/1936 instruído polo xulgado de instrución número 1 da cidade. Puxérono en liberdade o día 10 pero volve ser detido pola Garda Civil ao día seguinte. Coa amnistía do 4 de marzo pasa a prisión atenuada no domicilio de seu pai.

Con motivo destes sucesos, o 10 de febreiro foi proposto para concederlle a Palma de Plata, en unión do xefe local Felipe Bárcenas de Castro, en expediente instruído polo xefe provincial e Conselleiro Nacional Buhigas. Chegan novas da concesión efectuada polo xefe nacional José Antonio Primo de Rivera. Esta concesión resulta un tanto enigmática pois o seu nome non aparece na relación oficial no Boletín del Movimiento (Bárcenas aparece) e tampouco figura nos actos encomendados a falanxistas coa Palma de Plata, como son as gardas de honra nas exequias do fundador. Tampouco o cita o xornal El Progreso (10-4-1942) na relación de Palmas concedidas por José Antonio.

Pola contra, son frecuentes as mencións da concesión a Mondina na prensa galega. O xornal falanxista El Pueblo Gallego (7-2-1937) publicou un “Cuadro de Honor” cos camaradas “que tuvieron la honra de defender el local de la Falange” no que aparecen: Luís Collazo Campos (falecido), Felipe Bárcenas de Castro e Luis Mondina Docet, os tres con Palma de Plata; Enrique Cameselle, Constantino Cea, Carlos Garabal (feridos), con Aspa vermella e branca; Ramón Arias, Antonio Alfonso, Sandalio Míguez, Arturo Domínguez, Melchor Herrero e Ramón Mondina, con Aspa branca.

O 20 de xullo de 1936 preséntase ás autoridades golpistas 

Al iniciarse el Movimiento Nacional facilitó a las Autoridades Militares los necesarios antecedentes para la represión de los revolucionarios en la ciudad de Vigo y sus alrededores.

 Como pode apreciarse, a información recollida polo servizo de información falanxista foi de moita utilidade á hora de confeccionar os listados das persoas que serían vítimas da represión; de feito, estas achegas eran o máis estimado polos militares da colaboración falanxista.

Pero a actuación de Mondina non se limitou a achegar información; organiza unha Bandeira de 1ª Liña e dúas de 2ª, que usan como cuartel o edificio incautado da Casa do Pobo viguesa. Á fronte das milicias falanxistas efectúa servizos de orde pública, gardas exteriores nos cárceres e campos de concentración e instrución militar dos afiliados. Debemos facer notar que este labor efectuouno estando ferido, xa que o 25 de xullo resultou con feridas de carácter menos grave ao ser agredido con armas de fogo “cuando efectuaba servicio de exploración de la columna de castigo que salió para liberar Tuy”. Nalgunha documentación aparece como lugar dos feitos Lavadores pero o propio Mondina, nunha entrevista, afirma que foi no Porriño.

A súa actuación nesas datas como xefe de milicias leva a que o xornal A Nosa Terra, en Bos Aires, inclúao nunha relación, encabezada por Víctor Lis, titulada “Asesinos”, nela figura “Jorge Mondina, borracho de Vigo”.

O 14 de setembro, na reorganización da JONS de Vigo, ocupa o cargo de xefe de milicias, posto que desempeña ata o 15 de decembro; nesta data incorpórase ao 6º Batallón de Infantería Mérida 35, que sae para a fronte de batalla. Pola súa actuación na guerra recibe a Medalla de la Campaña, dúas cruces vermellas do mérito militar e dúas cruces de guerra. Sufriu un expediente xudicial militar por contraer débedas (1546/37) no que lle impuxeron un correctivo.

A participación de Mondina en tarefas de información finalizada a guerra debeu ser relevante pois , en 1941, 

Al ser disuelta la Brigada de Información de la Dirección General de Seguridad, fué felicitado por el Exmo señor Director General quien le hizo presente su satisfacción por los excelentes servicios que durante su permanencia en la misma ha prestado.

Ocupou diversos postos na estrutura do Movimiento: Subxefe Provincial do Movimiento en Ourense, Secretario Provincial do Movimiento en Pontevedra, Delegado Provincial das “Falanges del Mar” (1949), Delegado Provincial de Información e Investigación (1950), entre outros. “Camisa Vieja” e membro da “Vieja Guardia”.

Foto: Falanxistas detidos en Vigo.

1Nalgúns lugares aparece como Luis.