martes, 24 de octubre de 2023

"A todos los trabajadores. A todos los antifascistas." Lavadores, 1935.


Con posterioridade á folga xeral revolucionaria de outubro de 1934, as organizacións políticas de esquerda e os sindicatos foron obxecto dunha intensa vixilancia por parte das forzas de seguridade. Por unha banda tratábase de acabar con ramificacións que escaparan das detencións de outubro e, por outra, adiantarse á posibilidade da que algúns consideraban próxima insurrección contra o goberno de dereitas de radicais e cedistas. Na bisbarra de Vigo a figura máis destacada á fronte da represión foi o tenente, xefe de Liña da Garda Civil, Francisco González Rodríguez “O Rabioso”; continuaba así actuacións anteriores e presaxiaba as posteriores ao golpe, no que o seu papel foi do máis sinistro.

A esquerda obreira, singularmente o partido comunista e organizacións afíns, centraba a súa actuación na loita polo Frente Único; a unificación das Xuventudes Comunistas e Socialistas e a dos sindicatos UGT e CGTU, de obediencia socialista e comunista respectivamente, así como as chamadas á colaboración con outras forzas como anarquistas e sectores da pequena burguesía. Sen dúbida o obxectivo máis importante naqueles días era a loita para lograr a amnistía e posta en liberdade dos presos. Tódolos recursos organizativos, que non eran moitos, debían coordinarse e articular campañas de propaganda, mobilizacións, recollida de fondos, etc, para apoiar os compañeiros presos.

A persecución policial, coas conseguintes detencións e, sobre todo, os rexistros nos que se incauta moita documentación, proporciónanos abundante material para coñecer a estrutura e plans de actuación das organizacións esquerdistas. Un caso que pode servir de exemplo é o da detención de tres persoas, Vicente García Correa, Alfonso Silva Martínez e Luis Escudero Castiñeira, en Lavadores no mes de febreiro de 1935. Esta actuación, mandada polo tenente “Rabioso”, dou lugar á incautación de numerosa documentación no domicilio de Escudero: corenta carnets da Federación Provincial Agraria, cento vinte exemplares de “Joven Guardia”, publicación das xuventudes comunistas, selos de cotización de “Mundo Obrero” e “Juventud Roja” e diversos exemplares de xornais, libros e manifestos. Tamén atoparon un listado con compoñentes e delegados da cuarta zona do comité municipal das xuventudes comunistas de Lavadores; citarei só o nomes dos delegados:Augusto Yáñez, Celso Rodríguez, Emilio Sacarrera, Julio Prado, Joaquín de Miguel, Carlos Roche, Joaquín Abraldes, Constante Torres, Ernesto Rodríguez, Adriano Navarrete e Julio Douis. A dirección do comité estaba a cargo de Julio Prado, Adriano Navarrete e Celso Rodríguez.

Repartírase entre a poboación a folla impresa titulada “A todos los trabajadores, a todos los antifascistas” que, segundo a Garda Civil, con ela estaban 

sedicionando a aquellos contra los Poderes Constituídos, Leyes y Autoridades Militares a fin de ver de evitar con ello y por todos los medios que puedan encontrar a su alcance, se lleven a cabo las sentencias de pena de muerte que se impongan a los principales Jefes de los sucesos revolucionarios de octubre último.

Con motivo destes feitos chegou a instruírse unha causa militar, a 144/35, por tenencia de follas subversivas e documentos. O sobresemento significou unha derrota do “Rabioso” que, no seu atestado, cargaba as tintas sobre a gravidade do sucedido e o que tiña de preparación para un novo “movimiento sedicioso.”

Aparte o manifesto que acompaña como ilustración este artigo, destacan as cartas con instrucións para a organización que, asinadas por un tal Arístides, enviaba a dirección comunista dende Madrid. Transcribimos integramente unha desas cartas:

MUY URGENTE

La brutal represión que se ejerce contra los trabajadores asturianos especialmente y en todo el país, las condenas monstruosas contra nuestros militantes y los jóvenes trabajadores, aún no son suficientes para que el odio de las bestias fascistas sea saciada. Gil Robles en sus conversaciones de estos días con Lerroux ha condicionado a este su apoyo en el Gobierno a cambio de que sean ejecutadas nuevas condenas de muerte, del sargento Vázquez, de Arguelles,de los 25 mineros de Turón, de nuestros camaradas Simón Díaz y Manso, de Peña y Teodomiro Menéndez. Desde luego de una buena parte de ellos.

Ante este crimen monstruoso que se pretende cometer inmediatamente, nuestra organización, todas las fuerzas que influímos, todas las organizaciones de masas y todas las masas laboriosas y de la pequeña burguesía, deben ser movilizadas, puestas en pie, para detener el hacha sangrienta que se afila en estos momentos por Lerroux-Gil Robles para asestar su golpe asesino en el cuello de nuestros hermanos.

Como tarea mas urgente, hay que iniciar inmediatamente una gran campaña contra la pena de muerte: Manifiestos, pasquines, pintadas, transparentes, mítines relámpagos en las empresas y vecindades, dedicar buena parte de los periódicos de empresa, etc, para la esta Campaña, ver junto con el P. [Partido Comunista]y otras organizaciones filiales de organizar algunas bien preparadas manifestaciones populares. CONTRA LA PENA DE MUERTE, CONTRA LA EJECUCIÓN DE LOS CONDENADOS. POR LA LIBERTAD DE LOS PRESOS. CONTRA LA REPRESIÓN.

Invitar a las J.S.[Juventudes Socialistas] y L.[Libertarias ?], a todas las organizaciones de izquierda o de sentimientos más o menos liberales, a participar en estas campañas, recoger miles de firmas para enviar al Gobierno y a la prensa, levantar una ola de indignación y protesta contra tales crímenes del Gobierno.

Pero inmediatamente de las contestaciones de estas organizaciones, comenzar rapidamente nuestro propio trabajo práctico en esta campaña, como si se tratase de la campaña electoral, para que en ella nos pongamos a la cabeza en actividad e iniciativa y RECLUTEMOS CIENTOS DE MILITANTES para nuestra organización. Movilizando todas nuestras fuerzas y a las demás organizaciones, a todos los jóvenes trabajadores, debemos detener los propósitos sangrientos de Lerroux-Gil Robles y hacer ver al mismo tiempo a toda la juventud trabajadora que nuestra J.C.[Juventudes Comunistas] vive y se moviliza aún enmedio de la peor represión y que su puesto está en nuestras filas. Cordiales saludos. Arístides. 1

1 Causa 144/1935. AIMN.

lunes, 9 de octubre de 2023

Un caso de responsabilidades políticas.

 


A Lei de Responsabilidades Políticas foi promulgada no ano 1939 (BOE 13-2-1939) e tiña como finalidade a liquidación das “culpas contraídas por quienes contribuyeron a forjar la subversión”. Piar fundamental na represión económica, condenou á miseria e á invisibilidade social a un importante número de persoas que consideraba discordantes co novo réxime. No seu preámbulo preséntase como un instrumento que podía permitir que os españois que salvaran o país e a civilización, xunto con aqueles que “borren sus yerros pasados mediante el cumplimiento de sanciones justas y la firme voluntad de no volver a extraviarse”, puidesen convivir dentro dunha “España grande”.

Era unha aberración lexislativa, uns tribunais de carácter político nos que os máis elementais principios xurídicos quedaban abeirados: tiña carácter retroactivo, pois xulgaba feitos que eran legais no momento de producirse (afiliación a organizacións políticas ou sindicais); vulnerábanse garantías básicas como a presunción de inocencia; sancionábase con duplicidade condutas que xa foran condenadas por outra xurisdición e as responsabilidades non se extinguían coa morte das persoas procesadas.

O 30 de outubro de 1939, o titular do xulgado instrutor provincial de responsabilidades políticas, Gerardo Martínez Díaz, inicia a incoación do expediente 43/1939 a cinco veciños de Pontevedra. Este expediente sería elevado ao Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas da Coruña o 2 de decembro dese ano.

As persoas sometidas a este procedemento foron Ramón Fernández Cortés, Enrique Martínez Pazos, Francisco Mouriño Iglesias, Francisco Sánchez Solera e Francisco Tilve Rodríguez.

Ramón Fernández Cortés, 45 anos, casado e con tres fillos, empregado da Deputación, fora afiliado da ORGA e de IR. Posiblemente estivese afiliado á loxa masónica Helenes nº 7 de Pontevedra. No ano 1940 denunciouno a policía por non descubrirse nin saudar diante do paso do estandarte do rexemento de artillería.

Enrique Martínez Pazos, 58 anos, casado e con oito fillos, era condestable maior da Armada retirado ao acollerse á “lei Azaña”. Sospeitoso de masón. Afiliado a IR. Cando o 1 de outubro de 1939 rexistraran o domicilio doutro dos inculpados, Francisco Tilve, atopáranlle unha copia manuscrita que, ao parecer, fixera Martínez dun artigo “de matiz izquierdista”. Cando rexistraron o seu domicilio localizaron “propaganda marxista”. En 1940 ábrenlle unha causa (1241/40) no Departamento Marítimo do Ferrol acusado de adhesión á rebelión; o consello de guerra celébrase o 29 de marzo de 1942 e condénano a 12 anos e un día de prisión, perda de emprego e inhabilitación absoluta, por complicidade coa rebelión. Cumpriu a pena no castelo do Castro (Vigo) e na base naval da Graña (Ferrol).

Francisco Mouriño Iglesias,“Cavite”, casado, con tres fillos, era un republicano histórico; pertencera ao partido Radical-socialista, a UR e a IR. Acúsano de figurar como doante para as vítimas da revolución de outubro no 1934.

Francisco Sánchez Solera, empregado do servizo de augas do concello pontevedrés, estivera afiliado a Acción Republicana e a IR. Actuara como interventor da FP nas eleccións de febreiro de 1936.

Francisco Tilve Rodríguez, tiña seis fillos do seu matrimonio con Herminia Adrio Mañá (pertencente a unha familia moi represaliada); militante socialista dende 1901, ocupara os cargos de secretario e presidente da agrupación socialista pontevedresa e fora concelleiro na etapa republicana. Formou parte da candidatura socialista ao congreso no ano 1933 e actuou como interventor da FP. Detivérono o 26 de xullo de 1936 e estivo preso no cárcere da Normal e na illa de san Simón. Ao sobreserse a causa que lle instrúen queda en liberdade en abril de 1938. Destitúeno como empregado do Hospital en xuño de 1937.

A Mouriño e a Martínez deteranos en febreiro de 1945 (causa 70/45) e foron postos en liberdade en abril dese ano.

O 27 de xaneiro de 1940, o tribunal rexional de responsabilidades políticas, presidido por Eduardo Martínez Nieto e que tiña como vogais a Marcial del Río Díaz e a José Antonio Quiroga Martínez de Pisón, estimou os feitos cometidos polos acusados de menos graves; Tilve foi condenado a 8 anos de inhabilitación absoluta e 100 pesetas de multa, Sánchez e Martínez a 3 anos e un día de inhabilitación e 150 pesetas cada un, Fernández a tres anos e un día e 100 pesetas e Mouriño a 6 anos e 300 pesetas. Sánchez Solera non puido pagar a sanción e declarouse o embargo de bens pero como non posuía ben algún declárano insolvente.

O 19 de novembro de 1940 todos (agás Sánchez) recobran a libre disposición dos seus bens.