lunes, 9 de octubre de 2023

Un caso de responsabilidades políticas.

 


A Lei de Responsabilidades Políticas foi promulgada no ano 1939 (BOE 13-2-1939) e tiña como finalidade a liquidación das “culpas contraídas por quienes contribuyeron a forjar la subversión”. Piar fundamental na represión económica, condenou á miseria e á invisibilidade social a un importante número de persoas que consideraba discordantes co novo réxime. No seu preámbulo preséntase como un instrumento que podía permitir que os españois que salvaran o país e a civilización, xunto con aqueles que “borren sus yerros pasados mediante el cumplimiento de sanciones justas y la firme voluntad de no volver a extraviarse”, puidesen convivir dentro dunha “España grande”.

Era unha aberración lexislativa, uns tribunais de carácter político nos que os máis elementais principios xurídicos quedaban abeirados: tiña carácter retroactivo, pois xulgaba feitos que eran legais no momento de producirse (afiliación a organizacións políticas ou sindicais); vulnerábanse garantías básicas como a presunción de inocencia; sancionábase con duplicidade condutas que xa foran condenadas por outra xurisdición e as responsabilidades non se extinguían coa morte das persoas procesadas.

O 30 de outubro de 1939, o titular do xulgado instrutor provincial de responsabilidades políticas, Gerardo Martínez Díaz, inicia a incoación do expediente 43/1939 a cinco veciños de Pontevedra. Este expediente sería elevado ao Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas da Coruña o 2 de decembro dese ano.

As persoas sometidas a este procedemento foron Ramón Fernández Cortés, Enrique Martínez Pazos, Francisco Mouriño Iglesias, Francisco Sánchez Solera e Francisco Tilve Rodríguez.

Ramón Fernández Cortés, 45 anos, casado e con tres fillos, empregado da Deputación, fora afiliado da ORGA e de IR. Posiblemente estivese afiliado á loxa masónica Helenes nº 7 de Pontevedra. No ano 1940 denunciouno a policía por non descubrirse nin saudar diante do paso do estandarte do rexemento de artillería.

Enrique Martínez Pazos, 58 anos, casado e con oito fillos, era condestable maior da Armada retirado ao acollerse á “lei Azaña”. Sospeitoso de masón. Afiliado a IR. Cando o 1 de outubro de 1939 rexistraran o domicilio doutro dos inculpados, Francisco Tilve, atopáranlle unha copia manuscrita que, ao parecer, fixera Martínez dun artigo “de matiz izquierdista”. Cando rexistraron o seu domicilio localizaron “propaganda marxista”. En 1940 ábrenlle unha causa (1241/40) no Departamento Marítimo do Ferrol acusado de adhesión á rebelión; o consello de guerra celébrase o 29 de marzo de 1942 e condénano a 12 anos e un día de prisión, perda de emprego e inhabilitación absoluta, por complicidade coa rebelión. Cumpriu a pena no castelo do Castro (Vigo) e na base naval da Graña (Ferrol).

Francisco Mouriño Iglesias,“Cavite”, casado, con tres fillos, era un republicano histórico; pertencera ao partido Radical-socialista, a UR e a IR. Acúsano de figurar como doante para as vítimas da revolución de outubro no 1934.

Francisco Sánchez Solera, empregado do servizo de augas do concello pontevedrés, estivera afiliado a Acción Republicana e a IR. Actuara como interventor da FP nas eleccións de febreiro de 1936.

Francisco Tilve Rodríguez, tiña seis fillos do seu matrimonio con Herminia Adrio Mañá (pertencente a unha familia moi represaliada); militante socialista dende 1901, ocupara os cargos de secretario e presidente da agrupación socialista pontevedresa e fora concelleiro na etapa republicana. Formou parte da candidatura socialista ao congreso no ano 1933 e actuou como interventor da FP. Detivérono o 26 de xullo de 1936 e estivo preso no cárcere da Normal e na illa de san Simón. Ao sobreserse a causa que lle instrúen queda en liberdade en abril de 1938. Destitúeno como empregado do Hospital en xuño de 1937.

A Mouriño e a Martínez deteranos en febreiro de 1945 (causa 70/45) e foron postos en liberdade en abril dese ano.

O 27 de xaneiro de 1940, o tribunal rexional de responsabilidades políticas, presidido por Eduardo Martínez Nieto e que tiña como vogais a Marcial del Río Díaz e a José Antonio Quiroga Martínez de Pisón, estimou os feitos cometidos polos acusados de menos graves; Tilve foi condenado a 8 anos de inhabilitación absoluta e 100 pesetas de multa, Sánchez e Martínez a 3 anos e un día de inhabilitación e 150 pesetas cada un, Fernández a tres anos e un día e 100 pesetas e Mouriño a 6 anos e 300 pesetas. Sánchez Solera non puido pagar a sanción e declarouse o embargo de bens pero como non posuía ben algún declárano insolvente.

O 19 de novembro de 1940 todos (agás Sánchez) recobran a libre disposición dos seus bens.

No hay comentarios: