miércoles, 5 de junio de 2019

Comisión depuradora do maxisterio (e 2)

Os mestres integrantes da comisión foron Jorge Vázquez Fernández, o famoso “don Jorge”, e o coñecido pintor e debuxante Luis Pintos Fonseca.
Jorge Vázquez Fernández ademais de mestre en Lérez era cura. Ligado familiarmente á patronal da construción (un dos seus irmáns foi dono da empresa Raymundo Vázquez S.A., as siglas da empresa RV deron lugar ao apelativo popular de “reventa vivos”) e con boas relacións coa todopoderosa familia Riestra. A súa primeira misa, en 1926, foi na capela da Peregrina e foron padriños de mans a marquesa viúva de Riestra e o seu fillo Raimundo, marqués de Riestra; a celebración foi por todo o alto e mostra do poder económico da familia Vázquez. No Palace Hotel numerosos convidados asistiron a un espléndido banquete; como curiosidade, o menú foi: 
Entremeses, Potage (sic) a la castellana, Huevos a la Cerigord (sic), Paella a la marinera, Vieiras al gratín, Lenguado y merluza a la romana, ensalada, flan a la vainilla, tarta de almendra, quesos y frutas. Vinos: Paternina, Champagne, Café, licores y cigarros.
Exerceu de capelán das Siervas de María e do convento de santa Clara, coadxutor de san Bartolomé, consiliario da Asociación de Maestros Católicos, da Juventud Católica Femenina e director espiritual do colexio privado Inmaculada Concepción. Tamén participou na comisión que visitou Italia no 38 e, ao regreso, publicou no Boletín de Educación o artigo: “Roma eterna, síntesis de la Excelencia del Viaje”. Foi nomeado inspector.
En tempos da República pertencera á Unión Regional de Derechas (URD) e no 36 afiliouse a Falange sendo mobilizado pola Jefatura Provincial de Milicias no ano 1938. O ministerio do exército concedeulle a medalla de campaña co distintivo de retagarda. Prestou servizos como garda cívico. Tamén foi capelán de campamentos do Frente de Juventudes.
Luis Pintos Fonseca era membro dunha coñecida familia pontevedresa con ligazóns coa masonería e a teosofía; na casa familiar da rúa Charino aínda se conservan elementos simbólicos como a estrela de cinco puntas na fachada e flores de loto esculpidas no portal. Debuxante e pintor, traballou como mestre e como profesor auxiliar de debuxo no instituto de Pontevedra. Exerceu como interino na graduada do Areal (Vigo) e en maio de 1934 noméano como mestre en Lusquiños (Tomeza). Foi socio fundador da Casa del Maestro.
Ordenouse sacerdote no ano 1947 e oficiou a primeira misa na capela de Xesús Nazareno, na que fora bautizado. Foi padriño de altar o catedrático de relixión don Lino García e padriños de mans o seu íntimo amigo José F. Filgueira Valverde e a señorita Ramona Losada Fernández. Colaborador habitual da revista católica SPES.
Participou en diversas actividades do Seminario de Estudios Gallegos. En 1931 foi directivo do Grupo Nazonalista Galego, presidido por Castelao. Sorprendentemente tamén figura como afiliado á Unión Regional de Derechas (URD) na que causaría baixa.
Sobre a súa actitude cando o golpe de estado do 36 circula unha versión nas súas biografías que non parece compadecerse co realmente sucedido; vexamos a xeito de exemplo, o que se afirma na publicación “Pontevedreses”:
Está vinculado con fuerza al movimiento galleguista, lo que en 1936 tiene cierto peligro; Luis, asustado, se refugia en el Monasterio de Poio y allí permanece. Saldrá después de la Guerra para entrar en el Seminario de Tui y de ahí al de Santiago; en 1947 es ordenado sacerdote.
 Noutras biografías afírmase que estudara a carreira internado en Poio cousa imposible por non ter seminario.
 A realidade é que, en decembro de 1935, fora elixido presidente da Asociación de Maestros Católicos e no 36 e anos seguintes, segue  exercendo como mestre en Tomeza ata que no ano 1938 solicita unha excedencia por máis dun ano e menos de dous; a finais do 37 tamén exerce como axudante numerario de debuxo no instituto. Aparece como doante en diversas subscricións patrióticas; en setembro de 1936 (Diario de Pontevedra, 1-10-1936) noméano delegado de ensino na Junta Carlista de Guerra e o 18 de decembro integra a comisión depuradora do maxisterio. En agosto de 1936, como presidente dos mestres católicos, diríxese ao comandante militar da praza cunha “patriótica” carta anunciando un donativo de 250 pesetas (todos os fondos da asociación) e anuncia que os seus membros cederán un día de soldo co mesmo fin (Diario de Pontevedra, 29-8-1936). En setembro de dito ano a Asociación de Maestros Católicos que presidía diríxese á Junta de Defensa Nacional 
felicitándoles entusiastamente por las acertadas disposiciones sobre la destructora enseñanza, coeducación, libros de texto y demás medidas para la restauración moral y cristiana en la escuela española.
 Como se pode comprobar, toda unha serie de actividades documentadas pouco compatibles co suposto refuxio en Poio.
A pesar do seu aliñamento cos sublevados, Pintos, como todos os mestres, tamén será obxecto (ao igual que Jorge Vázquez) de expediente de depuración que, como cabía esperar, resólvese con todos os pronunciamentos favorables o 11 de xaneiro de 1939. O xefe da Falange pontevedresa, Ramón Portela, non vía con bos ollos a composición da comisión depuradora nin a súa actuación, que considera persecutoria contra mestres do SEM (Servicio Español del Magisterio) que estaban na fronte de guerra; nun informe aproveita para acusar a Luis Pintos: 
Hipócrita redomado galleguista de Castelao. Sucesor de el en la Auxiliaría de Dibujo del Instituto a propuesta de Vilanova. ¡Que más querían Castelao y Pintos que esta sucesión!... Su finado padre era masón, uno de los pocos pero conocidos, que había en Pontevedra. El hijo hace una vida de fervoroso católico, pero también lo hacían los separatistas de Bilbao. Fué el autor de los carteles murales del Estatuto Gallego donde se decía: ANTES MORTOS QUE ASOBALLADOS (antes muertos que españoles).
 Como pode apreciarse, duras acusacións incluída a curiosa tradución de “Asoballados”.
En agosto do 36 a ficha de inspección considerábao como de ideoloxía de dereitas e o alcalde informa que durante o período da Fronte Popular fora presidente da Juventud Católica. En 1947 noméano coadxutor en san Bartolomé e no 1948 consiliario da Acción Católica (A.C.) masculina; no 1951, consiliario da rama feminina de A.C. da parroquia. Foi o principal impulsor da “refundación” da Semana Santa pontevedresa a finais da década dos 40, tarefa na que ademais de personalidades como Filgueira Valverde e Vicente Riestra tamén participa a Jefatura Provincial de Ex-combatientes con Saturnino Paz Peón, os irmáns Puig Gaite, Fernando López Viaño e outros que fundan a confraría de Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas (máis coñecida na cidade como Cofradía de Excombatientes ).
Afiliado a FET y de las JONS logo da unificación, aparece citado o 10 de abril de 1940 nunha relación de camaradas militantes que debían recoller o carnet na xefatura na rúa Michelena 30. En 1945 continúa aparecendo nos listados de Falange. En 1955 participa como poñente nos actos do Día del Dolor organizados polo Consejo Provincial de Falange.
Ricardo Melero Pereira era representante da Asociación de Padres de Familia e un dos pesos pesados da sociedade capitalina, tanto no mundo empresarial como político. Presidente da patronal pontevedresa, a súa fábrica de alpargatas fora obxecto, en febreiro de 1936, dun vandálico ataque por parte dos sectores máis extremistas da esquerda obreira; o pretexto aducido fora a protesta contra manobras electorais da dereita. Tamén foi directivo do Círculo Mercantil e Industrial, da Cámara de Comercio e da xunta do club de fútbol Alfonso XIII C.F.
A Asociación de Padres de Familia era moi conservadora e belixerante contra determinadas medidas do goberno republicano, nesta orde visitara ao gobernador civil para expresarlle a súa protesta polo proxecto de lei sobre as ordes relixiosas.
Ricardo Melero tiña un perfil político profundamente dereitista: en 1932 participara activamente, xunto con Víctor Lis, Ramón Gómez, Tomás Abeigón, Enrique Paredes, Antero Marescot e outros, na articulación da Unión Regional de Derechas (URD) que nace para “actuar en defensa de los santos principios de la Religión, la Patria, la Familia y la Propiedad, que son la base de la paz pública y el elemento necesario para el trabajo fecundo.”
Nas eleccións de 1933 presentouse como candidato polas dereitas e o xornal El País, órgano de Izquierda Republicana, aproveita para atacalo mediante unha caricaturesca e imaxinaria entrevista: 
en cuestiones políticas reconozco mi falta de preparación y competencia”, os motivos de tomar parte na propaganda dereitista serían “mi vocación de hombre de orden, amante de la religión y de la familia” [...] Pero cree V. que los que tenemos algo que perder podemos soportar estos avances de la República? Yo le puedo enseñar los libros de mi fábrica y verá por ellos que mis ingresos se han reducido al tener que cumplir las leyes sociales que mejoran la situación del obrero. Y eso que los sueldos que pago no son exagerados”
No proceso de crecente radicalización da dereita, foi detido en abril de 1936 por consideralo relacionado con incidentes provocados por fascistas; compañeiros de detención foron significados fascistas como o capitán retirado Benito Pardo, Secundino Esperón, José Outerelo e outros; daquela Melero era tesoureiro da CEDA.
Como podemos apreciar, a compoñente relixiosa militante na súa versión máis integrista está presente en todos os compoñentes da comisión: podemos considerar este aspecto como o factor ideolóxico dominante. Na orde política, a afiliación nos partidos da dereita autoritaria e, en dous casos, no galeguismo de dereitas, deu paso á militancia nas filas falanxistas ou carlistas; militancia non ocasional senón prolongada en décadas desempeñando postos en órganos do chamado Movimiento Nacional e como concelleiros nos axuntamentos franquistas. A documentación de varios arquivos e as fontes hemerográficas e outras permiten completar os perfís biográficos, ocultados ou terxiversados (de xeito intencionado ou non) nas haxiografías ao uso, e comprender mellor o marco da represión sobre o maxisterio.