Procedían de Ourense e vivían na rúa
Michelena, número 6, en Pontevedra. María ( nacida no 1883), Aurora
(1891) e Nicereta (1900) Martínez Fernández estaban solteiras e
adicábanse ao oficio de corseteiras, de aí o alcume. O seu irmán
Arturo era dono dun taller e almacén de mobles e tamén estaba
considerado de ideas socialistas; a súa sobriña Peregrina Martínez
Santos, mestra, merece unha entrada aparte.
Na Pontevedra dos anos da 2ª
República, as tres irmás e sinaladamente Aurora, participan
activamente nas manifestacións e desfiles organizados polos partidos
marxistas, destacan no recibimento de Margarita Nelken e da
Pasionaria e, en outubro de 1934 encargábanse de visitar no cárcere
a detidos, sobre todo de significación socialista, sendo
consideradas como intermediarias do Socorro Rojo Internacional, así
mesmo aportan donativos para os presos.
Precisamente esta actividade de
solidariedade e axuda aos presos será un dos motivos aducidos para
detelas o 26 de xullo de 1936. Os días posteriores ao golpe levan
roupa, alimentos, tabaco e diñeiro aos detidos no cárcere e na
escola Normal e son consideradas pola policía como enlaces entre
aqueles e o exterior. Como se escribe nun informe:
frecuentaban la cárcel diariamente, al objeto de alentar a los allí detenidos, dándoles esperanzas por el triunfo marxista; a las personas que no simpatizaban con su idea, las insultaban, incluso a las de orden que viven contiguo a la Cárcel, suponiendo que pertenecen al Socorro Rojo Internacional, aunque de ello no hay comprobante alguno.
Permanecen detidas ata o 25 de outubro
de 1937 sen abrirse proceso algún e foron postas en liberdade tras
imporlles unha multa de mil pesetas a cada unha, tras unha visita de
inspección do capitán do corpo xurídico Ramón Rivero de Aguilar.
Pero non acaban aquí as súas
penalidades: para os partidarios do golpe non era suficiente o
castigo porque como manifesta un deles:
le llama poderosamente la atención que esta clase de gentes anden por la calle, por creer sea un peligro, en el orden político-social, para el nuevo Régimen que la ESPAÑA honrada propugna y que es el Nacional Sindicalista.
Un
antigo membro de Dereita Galleguista reconvertido en falanxista
manifesta tamén que “no encajan en el nuevo Estado Nacional
Sindicalista y la permanencia de las mismas por la calle es
perjudicial para el nuevo Régimen.”
Articúlase pois unha nova ofensiva
con acusacións como a de subministrar armas, que tiñan escondidas
nos seus mandís, aos obreiros que, o 20 de xullo, tentaban facerlle
fronte ao Exército, e de excitalos á rebelión.
Dous suboficiais do servizo de
información da Guardia Civil son os encargados de iniciar as
dilixencias o 28 de marzo de 1938 para “exclarecer la actuación
político-social” dunhas mulleres que, segundo as denuncias, “son
verdaderamente extremistas y peligrosas para el orden público.”
Seguindo o protocolo acostumado chaman a declarar a diversas persoas
consideradas “de orden y solvencia moral”, a maioría gardas
cívicos e falanxistas.
As acusacións proceden de rumores,
suposicións, comentarios oídos a terceiros, e non de observación
directa dos feitos. Disponse o arresto domiciliario na casa do seu
irmán Arturo, na rúa Joaquín Costa. Ábrese a causa 379/38, na que
tamén están procesadas a súa sobriña Peregrina e a militante
comunista María Fandiño; o instrutor é o capitán de artillería
Ángel del Río. Ante a inconsistencia das probas, o auditor Hernán
Martín- Barbadillo pide o sobresemento provisional.