lunes, 29 de diciembre de 2014

Dentistas rusos: as familias Zbarsky e Kuper.


O vintenove deste mes de decembro cúmprense 78 anos do asasinato do dentista ruso, aveciñado en Pontevedra, Abraham Zbarsky. Noutras entradas temos falado das familias Zbarsky e Kuper e hoxe centrarémonos nalgúns aspectos descoñecidos relacionados coa actividade profesional dalgúns dos seus membros. Aparte da escaseza de documentación, unha das maiores dificultades para o estudo destas familias vén dada pola variabilidade nos nomes que utilizan, que induce a erros nalgunhas das poucas publicacións que se refiren a eles; así, por exemplo, a muller de Abraham aparece denominada, segundo os autores, como Sofía, Sonia (variante rusa do anterior nome) ou incluso Elisa, que realmente era o nome dunha irmá dela. A ascendencia xudía e rusa das familias complica a situación, polas diferentes posibilidades de transliteración no paso ao alfabeto latino.
O proceso burocrático de legalización dos títulos académicos e a obtención das autorizacións para exercer a profesión supuxeron un cúmulo de dificultades. Detrás dos atrancos estaban a férrea oposición dos colexios médicos e de odontólogos, que vían na chegada dos profesionais estranxeiros unha forte competencia, así como a existencia dunha trama de falsificación de títulos académicos e a desconfianza das autoridades cos inmigrantes procedentes de Rusia, polo temor de que fosen axentes encubertos do bolchevismo. Nesta loita os dous bandos xogaron todas as bazas, e non sempre limpas.
O 29 de xullo de 1917, o médico odontólogo Manuel Filgueira publica no xornal Progreso unha carta dirixida ao presidente do colexio de médicos na que lle pide que tome medidas contra o intrusismo:
 ¿Es igualmente legal una autorización concedida a un título ruso que posee un tal Liloimo Mendelecrek Kuper el cual ejerce en esta ciudad de Vigo, Príncipe 67, al decir de las gentes en compañía de un marqués y que según dicha autorización puede ejercer en España como médico cirujano dentista?
 O doutor Filgueira refírese a Schloimo Mendelewitch Kuper, máis coñecido por Simeón Kuper, que tamén aparece nalgúns textos como Victorino Kuper; a variedade de nomes que recibe esta persoa, cuñado de Abraham Zbasrky, suscita sospeitas entre os seus colegas vigueses. Simeón Kuper deféndese de quen sospeitaba do seu título afirmando que estudara nas universidades de Kiev e de Xenebra e que, ademais, cursara a carreira de leis. No ano 1922 aínda ten pendente unha resolución sobre o título, polo que se apraza a orde de suspensión do exercicio como dentista ata coñecer o resultado desas averiguacións. Por se acaso, en 1925 consegue nacionalizarse español.
Avrun Kiva Elewitch Zbarsky Geller [Abraham Zbarsky] exerce en Pontevedra dende o ano 1925, con autorización do ministerio de Instrucción Pública. Será no ano 1931 cando comece unha ofensiva contra el por parte dos colexiados pontevedreses, encabezados por Celso López Blanco e Luis Fontaíña. Celso López fora candidato monárquico no 1931, asinante do manifesto de Unión Regional de Derechas (URD); falanxista logo do golpe, chegaría a ser nomeado secretario provincial da sección sanitaria de FET. Luis Fontaíña foi dirixente do Partido Radical, deputado nas eleccións de 1933, presidente da Deputación e sumouse aos golpistas no 36. Estes dous dirixentes do colexio de odontólogos solicitan aclaración sobre a duración da licencia de Zbarsky, pois nela non consta límite, a diferenza do que ocorría noutros casos semellantes. Abraham deféndese cunha carta aos compañeiros dentistas coa intención de que se
 percate de los procedimientos que contra mi se siguen por parte de los señores Fontaíña y Blanco. Vengo trabajando profesionalmente en esta capital desde el año 1925 sin que se haya producido contra mi queja alguna, y he guardado siempre cordiales relaciones con todos los compañeros odontólogos, a los que respecto y considero. De ellos he recibido en todo momento pruebas de afecto, por lo que les estoy reconocido.
 Lembra que ten autorización do goberno, concedida o 23-6-1925, previo informe favorable do Consejo de Instrucción Pública, “sin fijación ni limitación de tiempo”.
O Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes, que abrira un expediente informativo, resolve (4-8-1931) que a autorización é temporal, pero, considerando todo un complexo de circunstancias, e para non causar prexuízos irreparables ao señor Zbarsky, baseándose en razóns de “equidad y humanos principios de hospitalidad”, xa que non está en condicións de volver á súa patria nin de retirarse, fixa un novo prazo de validez de cinco anos a partir da data da resolución. Como o seu cuñado Simeón, Abraham solicitara nacionalizarse español en 1929, pero, a pesar de acompañar a instancia con recomendacións de diversas entidades, entre elas a Unión Patriótica de Primo de Rivera, non lle conceden a nacionalidade.
A muller de Abraham, Scheiva [Cheiva, Schiva] Mendeleva Kuper, usualmente coñecida por Sofía Kuper, era médico dentista licenciada na universidade de Novorossiski e tiña autorización, concedida en 1923, para exercer por cinco anos. Tiña clínica no número 50 da rúa Velázquez Moreno de Vigo. O 6 de febreiro de 1927 resulta elixida para o cargo de Contador do Colexio de Odontólogos, nunhas eleccións nas que a súa irmá Elisa obtivera a posición de Tesoureiro. Aparece nas relacións de dentistas autorizados ata o ano 1928, cando remata o permiso e deixa de exercer; na década dos trinta aparece como socia da mutualidade benéfica de clases sanitarias.
Un fillo de Abraham e de Sofía, Elías Zbarsky Kuper, establecido en Ferrol, tamén terá problemas, en 1933, co colexio de odontólogos daquela cidade, neste caso, por romper o acordo de non prestar servizos ao Exército; os compañeiros repudian o seu comportamento e piden que sexa sancionado. O outro fillo, Jacobo, tamén figura como dentista no ano 36; exercía en Vigo, na mesma clínica que o seu tío Simeón. Foi fusilado en Pontevedra.

domingo, 7 de diciembre de 2014

Corporación municipal de elección popular.


Ese era o nome que recibían, despois de outubro de 1934, as corporacións elixidas o 12 de abril de 1931, que foran cesadas naquela data para ser substituídas por comisións xestoras nomeadas polo goberno dereitista republicano. Terían que esperar ata o triunfo da Fronte Popular en febreiro de 1936 para volver desempeñar as súas funcións.
A corporación municipal pontevedresa, como resultado dunha proposta defendida polo concelleiro Lois Bará e aprobada por todos os grupos municipais, rendeu homenaxe o pasado día 28 de novembro aos concelleiros e funcionarios represaliados como consecuencia do golpe militar do 36.
Nesta entrada lembraremos a tres concelleiros elixidos no 31 cuxa morte impediu que fosen repostos no 36; de vivir en xullo dese ano, engrosarían as listas de represaliados, dada a súa significación política antifascista. Trátase de Joaquín Poza Juncal, Arturo Rey Juncal e José Orozco Pereira.
Joaquín Poza Juncal era avogado de profesión. Fora asesor da Caixa Rural de Lérez, director propietario do semanario republicano radical La Libertad e, máis tarde, redactor-xefe do órgano de Izquierda Republicana en Pontevedra El País. Dirixente destacado da Federación Republicana Galega, foi elixido concelleiro o 12 de abril de 1931 como membro da candidatura da conxunción republicano-socialista polo distrito de Santa María; acompañábano nesa candidatura Manuel Lorán, Miguel Barca e Francisco Tilve. Destacado propagandista antimonárquico, participou en numerosos mitins defendendo a necesidade dunhas Cortes Constituíntes, convocadas por un goberno que representase xenuinamente a nación, previa renuncia do monarca. Foi elixido deputado nas Constituíntes, xestor provincial e gobernador de Ourense. Presidente de Izquierda Republicana en Pontevedra e membro da masonería na loxa Helenes nº 7, co nome simbólico de Vergniaud. Logo de someterse a unha operación cirúrxica en Madrid, faleceu nesa capital á idade de 35 anos e alí foi enterrado o 28 de setembro de 1934.
El sentido moral, hondo e insobornable, que fué la flor de su carácter, contrastaba con el ambiente corrompido de hoy; su sentido de la justicia no se avenía con las complacencias de los hombres ficticios. El País.

José Orozco Pereira era albanel, veciño da parroquia de Salcedo; destacado militante obreiro afiliado á Sociedade de Albaneis, integrada na Federación Obreira pontevedresa. Foi elixido concelleiro na candidatura obreiro-agraria e militaba no partido comunista. Faleceu aos 50 anos, deixando viúva e sete fillos; o seu enterro tivo lugar o 18 de marzo de 1935 no cemiterio de Salcedo.
Foi un enterro multitudinario no que, segundo os xornais, participaron máis de 4000 persoas. O féretro estaba envolto na bandeira comunista e foi levado a ombreiros por militantes sindicais; o carro fúnebre portaba “coronas y lazos con colores rojos con expresivas dedicatorias” así como a bandeira da Sociedade de Albaneis. Asistiu a corporación municipal elixida no 31, presidida polo alcalde Bibiano Fernández-Osorio Tafall. Tamén acudiu unha representación da Federación Obreira, presidida polo seu correlixionario Manuel García Filgueira, así como da Comarcal Agraria, encabezada por Víctor Moldes; non faltaron tampouco dirixentes republicanos como José Echeverría e José Adrio, xunto coa práctica totalidade dos funcionarios do concello. A nota discordante, entendida por moitos como unha provocación, foi a presencia dun suboficial e varias parellas da Guardia Civil “enviadas por la autoridad para mantener un orden que no podía perturbarse en aquellos tristes momentos”
No cemiterio, o dirixente agrario de Salcedo Francisco Fernández Blanco pronunciou unha oración fúnebre na que eloxiou ao compañeiro Orozco e exhortou aos militantes obreiros mozos a cubrir o posto que aquel deixaba baleiro. Outros dos oradores foi García Filgueira. Ao remate, os compañeiros e amigos desfilaron diante do féretro facendo o saúdo comunista co puño alzado. No xornal El País podía lerse: 
El País, confeccionado por hombres que rinden el culto más sincero a la democracia, siente como propio el dolor que embarga a la Organización obrera a la que testimonia su profundo pesar y que extiende a toda la familia del finado.

Arturo Rey Juncal era, quizais, a persoa que encarnaba máis fielmente os ideais do republicanismo histórico na capital. Sempre ocupou cargos representativos nas organizacións republicanas e, en marzo de 1931, formou parte, xunto con Amancio Caamaño e Maximiliano Pérez Prego, da comisión encargada de establecer unha alianza entre republicanos e forzas esquerdistas locais. Fora concelleiro republicano durante a monarquía e, en 1931, saíra elixido concelleiro polo distrito de Santa Clara, tendo como compañeiros de candidatura a Tafall, Aurelio Marzoa e José Baladrón.
Arturo Rey presidiu, como alcalde accidental nomeado polo Comité Revolucionario da capital, a primeira sesión da corporación republicana, na que se elixiu alcalde a Tafall con 23 votos, dun total de 27; Arturo Rey ocupou o posto de primeiro tenente de alcalde. Era membro do consello municipal de Izquierda Republicana. Cando se proclamou a 2ª República rexeitou o ofrecemento para presidir a deputación e só aceptou o posto de xestor provincial ata as destitucións de outubro do 34. Era masón, membro da loxa Helenes nº 7 co nome simbólico de Víctor; fora detido no ano 1930 por participar, xunto cun grupo de coñecidos pontevedreses, en reunións masónicas e multado (tamén Joaquín Poza) con 250 pesetas.
Faleceu o 31 de outubro de 1935. As referencias xornalísticas loan a súa figura:
en cuya vida había un ejemplo resplandeciente de nobleza, de lealtad consigo mismo y con los demás, de consecuencia en los ideales y de rectitud personal acrisolada, de honradez y austeridad inmaculadas.
O féretro foi levado a ombreiros por membros das xuventudes republicanas e obreiras; a condución foi a pé dende a casa mortuoria da rúa Manuel Quiroga ata San Amaro. Os locais de Izquierda Republicana, Círculo Mercantil, Unión Republicana e outros colocaron crespóns negros e bandeiras a media hasta. Houbo diversas presidencias de duelo: a familiar, a do concello de elección popular, a de Izquierda Republicana, co presidente José Echeverría, o secretario Paulo Novás e outros dirixentes. Tamén asistiron representacións doutros partidos: galeguista, con Gómez Román, Bóveda e Castelao; socialista, con Heraclio Botana e Amando Guiance; Federación de Traballadores representada por José Acuña Gallego e Andrés Rey, acompañados de delegados dos diversos sindicatos; Federación Comarcal Agraria; Unión Republicana; Socorro Rojo; Partido Comunista... No cemiterio, Tafall foi o encargado de louvar o amigo e compañeiro falecido.
Arturo Rey foi, como dicía El País, un home “cuya memoria quedará como ejemplo de una vida austera y ejemplar consagrada a la defensa de la Libertad.”