domingo, 7 de diciembre de 2014

Corporación municipal de elección popular.


Ese era o nome que recibían, despois de outubro de 1934, as corporacións elixidas o 12 de abril de 1931, que foran cesadas naquela data para ser substituídas por comisións xestoras nomeadas polo goberno dereitista republicano. Terían que esperar ata o triunfo da Fronte Popular en febreiro de 1936 para volver desempeñar as súas funcións.
A corporación municipal pontevedresa, como resultado dunha proposta defendida polo concelleiro Lois Bará e aprobada por todos os grupos municipais, rendeu homenaxe o pasado día 28 de novembro aos concelleiros e funcionarios represaliados como consecuencia do golpe militar do 36.
Nesta entrada lembraremos a tres concelleiros elixidos no 31 cuxa morte impediu que fosen repostos no 36; de vivir en xullo dese ano, engrosarían as listas de represaliados, dada a súa significación política antifascista. Trátase de Joaquín Poza Juncal, Arturo Rey Juncal e José Orozco Pereira.
Joaquín Poza Juncal era avogado de profesión. Fora asesor da Caixa Rural de Lérez, director propietario do semanario republicano radical La Libertad e, máis tarde, redactor-xefe do órgano de Izquierda Republicana en Pontevedra El País. Dirixente destacado da Federación Republicana Galega, foi elixido concelleiro o 12 de abril de 1931 como membro da candidatura da conxunción republicano-socialista polo distrito de Santa María; acompañábano nesa candidatura Manuel Lorán, Miguel Barca e Francisco Tilve. Destacado propagandista antimonárquico, participou en numerosos mitins defendendo a necesidade dunhas Cortes Constituíntes, convocadas por un goberno que representase xenuinamente a nación, previa renuncia do monarca. Foi elixido deputado nas Constituíntes, xestor provincial e gobernador de Ourense. Presidente de Izquierda Republicana en Pontevedra e membro da masonería na loxa Helenes nº 7, co nome simbólico de Vergniaud. Logo de someterse a unha operación cirúrxica en Madrid, faleceu nesa capital á idade de 35 anos e alí foi enterrado o 28 de setembro de 1934.
El sentido moral, hondo e insobornable, que fué la flor de su carácter, contrastaba con el ambiente corrompido de hoy; su sentido de la justicia no se avenía con las complacencias de los hombres ficticios. El País.

José Orozco Pereira era albanel, veciño da parroquia de Salcedo; destacado militante obreiro afiliado á Sociedade de Albaneis, integrada na Federación Obreira pontevedresa. Foi elixido concelleiro na candidatura obreiro-agraria e militaba no partido comunista. Faleceu aos 50 anos, deixando viúva e sete fillos; o seu enterro tivo lugar o 18 de marzo de 1935 no cemiterio de Salcedo.
Foi un enterro multitudinario no que, segundo os xornais, participaron máis de 4000 persoas. O féretro estaba envolto na bandeira comunista e foi levado a ombreiros por militantes sindicais; o carro fúnebre portaba “coronas y lazos con colores rojos con expresivas dedicatorias” así como a bandeira da Sociedade de Albaneis. Asistiu a corporación municipal elixida no 31, presidida polo alcalde Bibiano Fernández-Osorio Tafall. Tamén acudiu unha representación da Federación Obreira, presidida polo seu correlixionario Manuel García Filgueira, así como da Comarcal Agraria, encabezada por Víctor Moldes; non faltaron tampouco dirixentes republicanos como José Echeverría e José Adrio, xunto coa práctica totalidade dos funcionarios do concello. A nota discordante, entendida por moitos como unha provocación, foi a presencia dun suboficial e varias parellas da Guardia Civil “enviadas por la autoridad para mantener un orden que no podía perturbarse en aquellos tristes momentos”
No cemiterio, o dirixente agrario de Salcedo Francisco Fernández Blanco pronunciou unha oración fúnebre na que eloxiou ao compañeiro Orozco e exhortou aos militantes obreiros mozos a cubrir o posto que aquel deixaba baleiro. Outros dos oradores foi García Filgueira. Ao remate, os compañeiros e amigos desfilaron diante do féretro facendo o saúdo comunista co puño alzado. No xornal El País podía lerse: 
El País, confeccionado por hombres que rinden el culto más sincero a la democracia, siente como propio el dolor que embarga a la Organización obrera a la que testimonia su profundo pesar y que extiende a toda la familia del finado.

Arturo Rey Juncal era, quizais, a persoa que encarnaba máis fielmente os ideais do republicanismo histórico na capital. Sempre ocupou cargos representativos nas organizacións republicanas e, en marzo de 1931, formou parte, xunto con Amancio Caamaño e Maximiliano Pérez Prego, da comisión encargada de establecer unha alianza entre republicanos e forzas esquerdistas locais. Fora concelleiro republicano durante a monarquía e, en 1931, saíra elixido concelleiro polo distrito de Santa Clara, tendo como compañeiros de candidatura a Tafall, Aurelio Marzoa e José Baladrón.
Arturo Rey presidiu, como alcalde accidental nomeado polo Comité Revolucionario da capital, a primeira sesión da corporación republicana, na que se elixiu alcalde a Tafall con 23 votos, dun total de 27; Arturo Rey ocupou o posto de primeiro tenente de alcalde. Era membro do consello municipal de Izquierda Republicana. Cando se proclamou a 2ª República rexeitou o ofrecemento para presidir a deputación e só aceptou o posto de xestor provincial ata as destitucións de outubro do 34. Era masón, membro da loxa Helenes nº 7 co nome simbólico de Víctor; fora detido no ano 1930 por participar, xunto cun grupo de coñecidos pontevedreses, en reunións masónicas e multado (tamén Joaquín Poza) con 250 pesetas.
Faleceu o 31 de outubro de 1935. As referencias xornalísticas loan a súa figura:
en cuya vida había un ejemplo resplandeciente de nobleza, de lealtad consigo mismo y con los demás, de consecuencia en los ideales y de rectitud personal acrisolada, de honradez y austeridad inmaculadas.
O féretro foi levado a ombreiros por membros das xuventudes republicanas e obreiras; a condución foi a pé dende a casa mortuoria da rúa Manuel Quiroga ata San Amaro. Os locais de Izquierda Republicana, Círculo Mercantil, Unión Republicana e outros colocaron crespóns negros e bandeiras a media hasta. Houbo diversas presidencias de duelo: a familiar, a do concello de elección popular, a de Izquierda Republicana, co presidente José Echeverría, o secretario Paulo Novás e outros dirixentes. Tamén asistiron representacións doutros partidos: galeguista, con Gómez Román, Bóveda e Castelao; socialista, con Heraclio Botana e Amando Guiance; Federación de Traballadores representada por José Acuña Gallego e Andrés Rey, acompañados de delegados dos diversos sindicatos; Federación Comarcal Agraria; Unión Republicana; Socorro Rojo; Partido Comunista... No cemiterio, Tafall foi o encargado de louvar o amigo e compañeiro falecido.
Arturo Rey foi, como dicía El País, un home “cuya memoria quedará como ejemplo de una vida austera y ejemplar consagrada a la defensa de la Libertad.”

No hay comentarios: