lunes, 29 de marzo de 2010

Pasaxes na memoria. A represión en Sanxenxo



Fai pouco tempo asistimos á presentación do libro Pasaxes na Memoria. Historia e testimonios dos represaliados políticos no concello de Sanxenxo (1936-1950), do que é autora Mª Elisa Franco Torres. Esta obra foi a gañadora do premio Luis Cuadrado, instituído pola librería Nós da man dunha persoa que é referente imprescindible en toda actividade cultural salientable naquela vila: Xaime Corral.


O estudo da represión en Galicia é debedor dos traballos monográficos e de carácter local que, xunto a obras como a de Carlos Fernández Santander ( El alzamiento de 1936 en Galicia. Ed. do Castro, 1982), foron pioneiros e contribuíron, con maior ou menor acerto, a preservar e divulgar a memoria do sucedido naqueles anos. A partires de publicacións deste tipo e coa aportación de teses doutorais e outras investigacións e publicacións, xurdiron sínteses de carácter provincial ou a nivel galego como a modélica 1936. Represión e alzamento militar en Galiza ( Ed. A Nosa Terra, 2006) de Carlos Velasco Souto.


Pero aínda queda moito que investigar sobre este período permanecendo zonas de sombra, tanto espaciais como temáticas.

A Pasaxes na Memoria debemos aprecialo como un traballo de introdución referido a Sanxenxo, cunhas cualidades de fácil lectura, aportación de testemuñas orixinais e de documentación, etc, que abre unha vía para ulteriores profundizacións que- dado o carácter do mesmo- non teñen cabida neste libro.


Logo da lectura do mesmo, apuntaríamos como interesantes liñas de traballo futuras, aspectos relativos ao papel dos mestres, sector co que se cebou a represión neste concello con separacións do servizo e baixas no escalafón, como foi o caso de Peregrina Martínez Santos (Rouxique), Bernarda Pereira Solla (Sanxenxo), Manuel Iglesias Constenla (Noalla),José Cancela Guzmán (Dorrón), Manuel Rey Vázquez (Pósito de Portonovo), Manuel Jorge Franco (Sanxenxo) e Estanislao Víctor Torres Pérez (Vilalonga). Non faltan tamén mestres que pagan coa morte o seu compromiso político, como é o caso de Alfonso Rodrigo Méndez, ourensán e mestre de Sanxenxo, socialista e que foi “paseado” a principios de setembro do 36 ou o nativo de Sanxenxo, afiliado ao sindicato de mestres da UGT, José Meis Martínez, mestre de Seixo, executado en Pontevedra o 27 de xullo de 1937; habería que investigar o papel xogado pola Falange local en relación con este tema, como apunta o imprescindible Anxo Porto Ucha (Mestras e mestres pontevedreses depurados polo franquismo. Ed. Alén Miño, 2008).


Unha persoa citada no libro e que tamén daría pé a un tratamento máis extenso, é Alfonso Vega Olivera, administrador de correos, condenado por rebelión militar e executado en Monte Porreiro en decembro do 36. A vida dalgúns dos xulgados fora da provincia como Eugenio Lobato ou Antonio Couto, entre outros, seguro que poderán aportarnos datos de interese.

Está aínda por facer a historia do Sindicato de Oficios Varios de Vilalonga, con moitos dos seus afiliados obxecto de condenas e represión.


O baleirado exhaustivo das causas militares e mesmo dos xornais e publicacións da época poden axudar aos que, tras a lectura deste libro, desexen embarcarse na aventura de achegarnos ao Sanxenxo daqueles anos cruciais, por certo ausentes das historias publicadas sobre a localidade, a maioría centradas no anecdótico; precisamente outro dos méritos do libro que comentamos é o de mostrarnos outras realidades alén da praia e o turismo.

Do interese polo tema é boa proba a asistencia ao acto que deixou pequeno o local no que se realizou. Parabéns a Xaime, o editor, e á autora, á que pedimos que continúe polo camiño da divulgación obxectiva do pasado de Sanxenxo.


viernes, 19 de marzo de 2010

Guerra Química


A utilización de armas químicas durante a guerra civil é un tema pouco estudado, aínda que constan referencias sobre a utilización ocasional das mesmas, tanto por parte do bando sublevado como polo exército republicano.
Publicacións dos últimos anos mostran documentación referida a experimentos das tropas italianas en España, tanto con armas químicas como bacterianas (esporas de tétanos). O Servicio de Guerra Química dos sublevados estivo asesorado polos alemáns, sendo o xefe do grupo alemán de instrución neste servizo o capitán Manne. O diario ABC do 17 de febreiro de 1940, danos conta da imposición de varias condecoracións alemás (Cruz de Mérito da Águia) a varios mandos españois deste servizo, entre eles ao director do mesmo, o coronel Juan Izquierdo Grosellas.
Na zona republicana, cerca de Madrid, estivo en funcionamento a fábrica de armas químicas de La Marañosa (S. Martín de la Vega), fundada en 1923 e que, na actualidade funciona como instituto tecnolóxico dependente do ministerio de Defensa.
Hai precedentes do emprego de iperita, cloropicrina e fosxeno por parte do exército español na guerra do Rif.
En Pontevedra, en abril de 1937, o laboratorio de Ciencias Naturais do Instituto pasa, por orde superior, ao servizo do exército para análises en relación coas industrias militares. Desígnase ao joven y muy culto profesor Juan Ugarte para organizalo.
Non parece que se levase o asunto con moito secreto nin que os medios a disposición do sr Ugarte foran moitos pois, máis dun ano despois, o Diario de Pontevedra (25-8-38) facía público o seguinte anuncio do Servicio de Guerra Química:
Se interesa a todas aquellas personas que posean la Enciclopedia de Química Industrial, de Ullmann o Thorpe, y que puedan desprenderse de ella, pasen por la Delegación del Servicio de Guerra Química, del Ejército, sita en el Laboratorio de Movilización de Industrias Civiles (Instituto) para su adquisición por parte de la Dirección de dicho Servicio en Salamanca. Esta nota se amplía a las publicaciones de Guerra Química. El Delegado de Guerra Química. Juan Ugarte Pollano.