martes, 16 de febrero de 2010

O entroido de Lis


O 15 de agosto de 2009, X.L. Méndez Ferrín publicaba un artigo no Faro de Vigo baixo o título de “A vinganza de Manilo”. Nel contaba a aldraxe cometida contra Benito do Borrón por parte de Lis e os seus secuaces ao introducirlle un xurelo polo cu “por faceren escarnio no roxo maricón”. Conta Ferrín que, anos despois, outro homosexual pontevedrés, nun baile de entroido, disfrazado de muller, encamelaba ao mesmo Víctor Lis que non sospeitaba do engano; cando máis animado estaba, a mascarita destapou a súa cara berrando: “ Son Manilo, cabrón”. Era a vinganza que anos despois se lle facía polo ocorrido con Benito o do Borrón.
Non entramos aquí a dilucidar a veracidade duns feitos que poden soarnos a esas lendas, repetidas unha e outra vez, sobre as desgrazas que lle acaeron aos matachíns do 36. Só se trata de dar un pequeno apunte sobre as personaxes do relato.
De Víctor Lis e os seus feitos xa se escribiu abondo neste blog; Manilo vivía en Léres e foi, sen dúbida, o homosexual por antonomasia na Pontevedra de entre os anos cincuenta e setenta. Grande seguidor do Pontevedra C:F., acudía a todos os partidos animando ao equipo cunha sorte de funil que amplificaba os seus berros. Limpaba as lúas dos escaparates e tiña unha agudeza sen igual para burlarse dos que se mofaban da súa condición sexual.
Benito o do Borrón recibía o alcume do seu lugar de traballo que era o matadeiro municipal que estaba localizado no Borrón, cerca do río Lérez. O seu nome real era Benito Lago Currás, carniceiro, moi popular dado que tamén se adicaba á compravenda de galiñas e outro gando miúdo nas feiras. Home de esquerdas, vivía na rúa de Xan Guillerme, no barrio da Moureira. No seu domicilio deu acollida tras o golpe militar a un paisano e coñecido de Lis, José Pintos Quinteiro, destacado socialista pontevedrés, dono dun coche do punto. Días máis tarde, Pintos marcha a Cotobade, préndeno e é paseado na noite do 27 de agosto do 36, aparecendo o seu cadáver no cemiterio de San Amaro. Por desgraza, non é certo o que aparece escrito nunha coñecida Historia de Pontevedra que o da como sobrevivinte á execución.
Benito Lago sufriu procesamento e xuízo por auxilio á rebelión, a causa foi sobreseída provisionalmente pero a represión continuou...
Neste martes de entroido, ven a conto esta historia.