viernes, 17 de marzo de 2023

Incautacións en Vilaboa e un comprador significado.

 


Nas incautacións de bens das sociedades cualificadas de marxistas resulta interesante facer un seguimento do sucedido posteriormente con esas propiedades. No caso das procedentes de sindicatos e sociedades de agricultores, o acostumado era que pasaran a ser propiedade da Delegación Nacional de Sindicatos; era habitual que esta entidade as cedera a concellos para servir de locais para escolas e algunhas foron utilizadas polas Hermandades Sindicales de Agricultores y Ganaderos. Non faltaban as que quedaron abandonadas ou foran queimadas. A principios da década dos sesenta, a Dirección General de Patrimonio del Estado, dependente do ministerio de Facenda, leva a cabo unha tarefa de investigación sobre o estado destas propiedades, quen as posúe, condicións nas que se atopan e outras circunstancias. Por parte dos concellos envíanse informacións, que non sempre son completas, requiridas polo ministerio que efectúa reiteradas exhortacións a completalas.

Na provincia de Pontevedra elabórase un listado con 74 expedientes de responsabilidades políticas relativos a estas sociedades.

Nesta ocasión deterémonos nas radicadas no concello de Vilaboa; no listado aparecen cinco propiedades debido a que existe unha duplicidade ao contabilizar como independentes as de “Obreros de Construcción Naval de San Adrián de Cobres” e “Construcción Naval de San Adrián”, que, en realidade, compartían un mesmo edificio.

A comisión cualificadora de bens sindicais marxistas outorgara a propiedade de todos os bens á Delegación Nacional de Sindicatos

Ademais das citadas, existían os das sociedades de agricultores de Santa Cristina de Cobres, Vilaboa e S. Adrián.

No ano 1963, o estado dos bens era o seguinte:

Da sociedade de agricultores de Santa Cristina conservábase unha casa de planta baixa; o mobiliario (desaparecido) estivera integrado por unha mesa de madeira de piñeiro, 7 bancos e 35 puntóns de madeira.

A sociedade de agricultores de Vilaboa posuía unha casa de planta baixa que se usaba como escola de nenos e nenas; non pagaba renda e estaba en mal estado polo que ía ser clausurada ao construírse un novo grupo escolar.

A casa de planta baixa da sociedade de S. Adrián estaba derrubada e os mobles (13 bancos, 2 mesas e varias viguetas) en ignorado paradeiro.

Polo que respecta ao edificio das sociedades de Construción naval, estaba en moi malas condicións e habitábao unha muller viúva e pobre sen pagar renda polo seu uso.

Todas as propiedades estaban rexistradas a nome da Delegación Nacional de Sindicatos no rexistro da propiedade de Pontevedra. Pero había unha excepción que, por varios motivos, non deixou de sorprendernos ao investigar o tema, era a da casa da sociedade de agricultores de Santa Cristina. A “Delegación Provincial de Sindicatos de Falange Española Tradicionalista y de las JONS” vendéraa, segundo o informe do alcalde Alfonso Buceta (16-7-1963); o alcalde asegura ignorar o prezo da venda e outras circunstancias e afirmaba que era utilizada como garaxe. Posteriormente puido saberse o prezo da venda: 4.000 pesetas. O comprador era un personaxe singular, moi significativo e cunha traxectoria como represor ben documentada (entre outros polo compañeiro Dionisio Pereira). Tratábase do crego Aquilino López Picón, que nesas alturas exercía como cura ecónomo desa parroquia, amén de ocupar cargos relacionados co asunto que nos ocupa: secretario da Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos de Vilaboa e correspondente da Obra Sindical de Previsión Social. Na posguerra seguiu militando na Falanxe e participou en numerosos actos políticos na súa condición de capelán da organización, ex-combatente e membro da Vieja Guardia.

Párroco da Magdalena (Soutelo de Montes), fora un dos primeiros falanxistas da Terra de Montes, xefe das milicias de Falanxe de Cerdedo, Forcarei e Beariz, participante no clima de terror e nas extorsións levadas a cabo polo grupo de Bau e do xefe provincial Manuel Castro Pena no 36. Logo da purga interna efectuada a principios do 37, incorpórase á fronte de batalla como capelán castrense, na segunda bandeira de Falanxe, e acada o grao de tenente.

domingo, 12 de marzo de 2023

Sociedades de agricultores de Pontevedra

 


As sociedades de agricultores do concello de Pontevedra, pioneiras a nivel galego, créanse na última década do século XIX froito do labor de republicanos e socialistas. As datas de presentación dos seus regulamentos no rexistro de asociacións do goberno civil foron: Lérez o 16 e Marcón o 20 de decembro de 1896; Mourente o 21 de marzo, Salcedo e Bora o 2 e o 10 de maio, Tomeza o 11 de xuño, todas no ano 1897; as sociedades de Campañó e Alba-Cerponzóns non se rexistraron ata o 14 e 26 de abril de 1902.

A pesar destas datas do rexistro oficial, a formación destas sociedades é anterior. Na homenaxe que a sociedade de Salcedo tributa aos seus fundadores, no ano 1935, faise constar que a data da súa fundación fora en 1892, ano no que a presidía Martín Pintos. A maiores, relata a persecución contra un dos fundadores, Lorenzo Montes, cun embargo de bens que dera lugar aos sucesos do Campo da Porta, que tiveron lugar no ano 1894. Debemos darlle toda credibilidade a estas afirmacións pois, nas datas da homenaxe, aínda vivían moitas persoas que participaran na fundación e no motín; ademais quen o afirmaba era o presidente da sociedade e, polo tanto, con acceso á documentación da mesma.

Outro dato que corrobora esta tese é que na placa de pedra da fachada do edificio da sociedade de Marcón figura o nome e a data de 1894.

A actuación política dalgunhas destas sociedades tamén parece apuntar a que estaban organizadas dende facía tempo, pois presentan candidaturas ás eleccións municipais en abril e maio de 1897; unha delas, a de Alba, tardaría varios anos en rexistrarse oficialmente. Non parece lóxico que sociedades que existían oficialmente dende facía un par de meses foran capaces de articular estas candidaturas, máxime contando coa férrea oposición de caciques e curas.

Nunha data tan temperá como outubro de 1897 presentan demandas ao ministerio de Facenda pedindo a suspensión da venda dos montes públicos (comunais).

Aparte da defensa dos intereses dos seus asociados e asociadas no campo agrario, sinaladamente na loita antiforal, as sociedades participan na política municipal, en ocasións con candidaturas propias, como xa sinalamos. Elevan propostas e demandas ao goberno relacionadas con cuestións a nivel estatal, como a oposición ás importacións de carne e o tratado con Uruguai, a defensa da libre destilación de augardentes, a prohibición da venda de viños de fóra do país, entre outras.

Son animadoras de iniciativas de carácter financeiro, como a Caixa Rural de Lérez, organizan actividades de divulgación agrícola ou sanitaria mediante conferencias, organizan compras conxuntas de sulfatos e outros produtos e apoian a actividade das xuventudes culturais e recreativas das parroquias.

Levan a cabo actividades moi semellantes ás das actuais asociacións de veciños, con peticións relativas ao acondicionamento de escolas, reparación de camiños e xestión dos cemiterios.

Unha función importante era a de mediación nos conflitos que se presentasen entre a veciñanza por cuestións como servidumes, aproveitamento de augas e pastos e outras cuestións. Non deixan de pronunciarse sobre cuestións de maior calado como os sucesos de Montjuich (1898) asinando un manifesto ao pobo de Pontevedra, que titulan “Las infamias de Monjuich”, xunto con entidades republicanas, socialistas e sindicais; no ano 1935, a Federación Agraria Comarcal pide a amnistía para presos políticos e sociais.

Cando se produce o golpe militar de xullo do 36, unha das primeiras actuacións dos sublevados foi a de apropiarse dos bens das entidades agrarias; estas propiedades pasaron a ter diversas funcións ao servizo da Falanxe ou do exército. Os dirixentes agrarios foron perseguidos e algúns encarcerados ou asasinados. Nunha segunda fase, coa posta en marcha de toda a lexislación incautatoria, pasaron a depender da Delegación Nacional de Sindicatos. Algunhas foron cedidas aos concellos para ser utilizadas como escolas, outras usáronas as Hermandades Sindicales de Labradores y Ganaderos e algunha quedou abandonada tras o incendio efectuado por falanxistas e “cívicos”, como foi o caso da de Mourente.

O informe nº 2814, da comisaría pontevedresa (30-8-1937) afirma:

Las Sociedades Agrarias de las parroquias de este término municipal estaban federadas a la Federación Comarcal Agraria, que a su vez coincidía ideologicamente con la Federación Obrera local, de significación comunista; en realidad el carácter de estas sociedades era absolutamente marxista [...] ejercían una actividad política y social marxista que se reflejó en las últimas elecciones, pues todas votaron la candidatura de izquierda del frente popular, imponiendo posteriormente sanciones a los que no hubieran votado tal candidatura.

No listado de propiedades incautadas na provincia a entidades de “carácter marxista”, máis do 60% eran das sociedades de agricultores.

No concello de Pontevedra foron: Bora, casa de pedra de planta baixa duns 70 m2, no lugar da Igrexa; Lérez, casa de 80 m2, no lugar de Pedra Picada (estrada da Coruña); Marcón, casa duns 90 m2 no lugar de Pazos; Mourente, casa de 120 m2, no lugar de As Laxiñas, no cruce da estrada da Seca coa estrada de Ourense, incendiada na madrugada do 10 de agosto de 1936; Salcedo, casa duns 80 m2, no lugar do Cruceiro e Tomeza, casa duns 66 m2 no lugar de Lusquiños.

Foto: Local de Mourente. ATOPO.