martes, 30 de agosto de 2022

Rivalidades na Falanxe.

 

A vida interna da Falanxe estivo caracterizada, dende os primeiros momentos da fundación, por fortes enfrontamentos e tensións entre grupos de militantes. Logo do golpe militar, o nomeamento para cargos políticos foi un dos motivos de confrontación entre militantes recén afiliados e a vella garda falanxista. O xefe nacional da Junta de Mando Provisional radicada en Burgos, Manuel Hedilla, así o recoñece na circular nº 8 de 16 de outubro de 1936. Nesta circular, dirixida a todas as xefaturas, maniféstase a existencia dun posible mal interno que puidera minar o espírito fraternal e de compañeirismo no seo da Falanxe. Parece ser que en certas provincias se prefería para os cargos a “camaradas de la última hora, sobre aquellos de probada abnegación y desinterés demostrados en los tiempos difíciles”. O xefe falanxista ordena que, en igualdade de méritos e capacidades, nomeen sempre os “camisas vellas”.

Na provincia de Pontevedra concrétanse estas diverxencias na rivalidade entre o grupo de veteranos falanxistas agrupados en torno a Daniel Buhigas e os partidarios do xefe provincial Manuel Castro Pena, a quen acusan de que fora colaborador do partido centrista de Portela Valladares. Isto dou lugar a sancións, expulsións e readmisións segundo a cambiante influencia de cada sector.

Noutras publicacións xa relatamos como este enfrontamento entre partidarios de ambos grupos non se detivo na confrontación verbal senón que chegou á agresión armada (caso Vaello en Vilagarcía).

O xefe nacional Hedilla, nun escrito datado o 26 de setembro de 1936, recrimina duramente a actuación de Castro Pena en relación con Buhigas:

cuando se obstenta (sic)en Falange una jerarquía hay que saberla desempeñar. Como Jefe provincial eres responsable plenamente de los actos de tus subordinados y si por debilidad les consientes actuaciones perjudiciales para la disciplina y para el prestigio de Falange debes pensar en que el responsable eres tú y no él. De manera que en vez de soslayar estos pleitos, lo que debes de hacer es cortarlos terminantemente.

O 9 de outubro, “Año I de la Era Azul”, Castro Pena dirixe unha felicitación a varios oficiais que están na fronte de batalla, entre eles o falanxista Felipe Bárcenas de Castro, na que parece determinado a resolver o tema:

Buhigas sigue por aquí haciendo de las suyas.- Habrá que terminar con él de una u otra forma.- Son pequeñas contrariedades que nos animan a continuar nuestra labor sin desmayo. Ánimo, que volverán Banderas Victoriosas.

Non podería levalo a cabo pois foi cesado no seu cargo debido ás prácticas corruptas na organización pontevedresa a primeiros do ano 1937.