miércoles, 8 de diciembre de 2021

Acusacións a un mestre: Hipólito Gallego.

 



A participación dos mestres nas organizacións políticas, sindicais ou agrarias foi combatida polas forzas da dereita das distintas localidades. Neste enfrontamento utilizáronse moitas veces tácticas rastreiras, xa empregadas dende facía moito tempo, para conseguir apartar da vida pública a quen as forzas reaccionarias vían como un perigo para os seus intereses. Logo do golpe militar de xullo do 36 moitos mestres sufriron de xeito tráxico as consecuencias da súa implicación política. Un deles foi Hipólito Gallego Camarero, mestre de Forcadela (Tomiño); neste caso utilizan unha acusación de abusos deshonestos e escándalo público contra unhas alumnas. O xornal tudense La Tribuna (4-6-1933) atribúe a iniciativa á “pandilla capitaneada por el cura don Antonio Somé” para vingarse do mestre polo carácter laico que imprimía ao ensino e por quitar o crucifixo da escola conforme as leis republicanas. O xuíz de instrución de Tui, logo de interrogar a Hipólito, dispuxera o seu ingreso no cárcere. Gran parte dos veciños non parecían moi de acordo coa decisión e mobilizáronse en camionetas e coches para manifestarse defendendo a inocencia do mestre e pedindo a liberdade, cousa que conseguen.

Por parte dos propios compañeiros non parece existir unanimidade no apoio e as diferencias políticas entre algúns dirixentes asociativos, ligados ao partido Radical, e o mestre inflúen en retardar a execución dos acordos aprobados nas reunións da asociación provincial de mestres. Porén nunha reunión conxunta celebrada en Pontevedra por dita asociación e a Asociación de Trabajadores de la Enseñanza, o 28 de xaneiro de 1934, acórdase que os mestres contribúan cunha peseta mensual durante cinco meses para afrontar os gastos do proceso; así mesmo apoian ao mestre de Agolada Antonio Sánchez por estar tamén atropelado inxustamente polo caciquismo rural.

O mestre José Cortés Fernández escribe no xornal El Emigrado (16-3-35, A Estrada) un artigo titulado “Hipólito Gallego. Una víctima de la reacción” no que dá conta dos feitos e defende o mestre: “Además de Maestro es un buen ciudadano, honrado, trabajador, amante de la cultura y del progreso y de la República”. Segundo Cortés, os “escasos cavernícolas” de Forcadela despregaran sobre el “su negro manto de calumnias habilmente hurdidas (sic) utilizando unhas nenas.

Ayudemos de una manera u otra al Maestro y al pueblo de Forcadela contra la hidra clerical, que desea hundir a aquel en sombría mazmorra y aherrojar a éste con las cadenas de la sumisión y de la ignorancia.

A causa, procedente de Tui, xúlgase diante do tribunal do xurado na Audiencia de Pontevedra o 12 de maio de 1935; a acusación privada, exercida polo letrado Amoedo, retira os seus cargos. A defensa estivo a cargo de Isidoro Millán. A sentencia foi absolutoria.

Pero, a pesar da sentencia, a campaña contra o mestre seguiu o seu curso; os deputados monárquicos Calvo Sotelo e Maura poñen en cuestión no Parlamento a moralidade do mestre. Estas intervencións dan lugar a que as asociacións de mestres e a Casa del Maestro pontevedresas dirixan unha carta, asinada polo presidente da última Paulo Novás, ao ministro de Instrucción Pública para protestar contra os conceptos vertidos polos parlamentarios acerca da moralidade do mestre, que fora posta en entredito polos seu inimigos políticos e absolto nos tribunais:

Vese por lo tanto, Exmo Señor, hasta donde llega la sañuda persecución de que es objeto dicho Maestro por unos cuantos enemigos políticos, toda vez que el tiene la parroquia a su lado y no ven la manera de desplazarle.

O seu compañeiro Antonio Alonso Ríos escribe un artigo en El Pueblo Gallego (13-11-35) denunciando que, a pesar da absolución, os seus inimigos sérvense dos deputados monárquicos para facer valer no ministerio as razóns desestimadas na Audiencia. 

Y constituye evidente incompetencia de parte de la superioridad abrir una información basada en una denuncia de mala fé delictuosa. Tal es la situación del señor Director de Instrucción Pública, quien al ordenar una información basada en la interpelación y la denuncia de los diputados monárquicos ha pisoteado la sentencia de la Audiencia de Pontevedra, ha acreditado con su conducta las imputaciones calumniosas hechas al señor Gallego y ha contribuído con los denunciantes a la comisión de un delito grave que afecta a la persona del denunciado [...] quedará para siempre catalogado este hecho como un atropello a la Ley, a la justicia y al decoro.

Logo do golpe militar retoman as acusacións e así aparecen nun informe do alcalde de Tomiño á comandancia militar de Tui o 10 de agosto de 1936:

Tengo el honor de informar a V.S. que Hipólito Gallego Camarero, Maestro Nacional de la parroquia de Forcadela, que había desaparecido de su domicilio a raíz del 26 de Julio último y que fué detenido el día de hoy, ha sido uno de los principales autores del movimiento marxista ocurrido en este término, por ser el primero que ordenó se armase contra el Ejército, el pueblo de su residencia, campaña esta que realizaba en unión de su esposa Josefa García Segret, aconsejando al vecindario actos de violencia y registros domiciliarios, contínuos insultos contra las personas de orden y excitando publicamente al vecindario a la revolución del mas avanzado carácter extremista.

Además debo hacer constar que como funcionario público y al frente de la Escuela que regentaba, era de una moral depravada y una relajación sexual incalificable, al extremo que llegó a los más refinados actos deshonestos con niñas alumnas suyas.

 A continuación propoñía unha serie de persoas que podían testemuñar sobre os feitos: Manuel Salgueiro Domínguez, José Lago Fernández, Fructuosa Vicente de Pino, Manuel de Santiago Fernández, Evaristo Fernández, Manuel Portela Español, Gumersindo Alonso Carrera, Donato González Alonso, José Álvarez Aldir, Manuel Búa Pazos e José María Valladares.

A Hipólito aplicáronlle a lei de fugas o 4 de outubro de 1936.

Un oficio do comandante militar, Eduardo Rodríguez, dirixido ao xuíz instrutor comunícalle que Hipólito e outros foran conducidos pola Guardia Civil cerca de Mondariz, onde ao parecer existían depósitos de armas e explosivos e, segundo lle comunicara o sarxento comandante de posto da Guardia Civil de Tui: 

al llegar a las cercanías de aquella localidad los referidos procesados trataron de huír por lo que tuvieron necesidad de disparar contra ellos, resultando todos muertos. De lo ocurrido, dicho sargento dió conocimiento al Juez Municipal de Mondariz para que procediese al levantamiento y entierro de los cadáveres.(15-10-1936)

Sobre as circunstancias da morte recollemos o escrito polo historiador Carlos Méixome no seu blog “cebáronse co corpo de Hipólito Gallego, quen apareceu completamente desfeito, cravado cunha baioneta contra a terra” .

miércoles, 3 de noviembre de 2021

"Ya hemos pasao"

Aos compañeiros e compañeiras de "A Lola".


Un lema repetido pola propaganda bélica cando se quería inculcar na poboación a determinación firme de resistir o inimigo era o de ¡No pasarán!. Presente xa na Iª Guerra Mundial, utilizouse tamén por Dolores Ibárruri “Pasionaria” nunha mítica intervención nos primeiros días da guerra de España e foi o título de varias cancións antifascistas. Unha destas cancións utilizou a popular música de “Si me quieres escribir” e tiña como primeira estrofa:

Los moros que trajo Franco

en Madrid quieren entrar

mientras queden milicianos

los moros no pasarán.

¡No pasarán! ¡No pasarán!

Houbo tamén outra canción do mesmo título cunha letra escrita polo poeta José Herrera e música de Hans Eisler, que comezaba así:

¡No pasarán! ¡No pasarán!

¡Los de acero firme están!

Temple duro, roca viva

que al fascismo aplastarán, ¡vencerá!

Bomba al cinto, bayonetas,

al combate acero va ¡Pasará!

Cando se produciu a entrada dos rebeldes en Madrid, compúxose e radiouse desde Radio España de Donostia unha réplica provocadora e sarcástica que tiña por título ¡Ya hemos pasao!. A música deste chotis era do mestre Francisco Cotarelo e a inefable letra de Manuel Talavera. No semanario gráfico nacionalsindicalista Fotos do 6 de maio de 1939, o xornalista Bobby Deglané indicaba que a letra era netamente madrileña, do Madrid castizo de antes:

Es necesario que todo esto vuelva a ser, como antes lo fué, pero sin puños cerrados, sin blasfemias, sin soviets, con la clásica gracia metropolitana y con la auténtica esencia madrileña.

Había que volver ao humor madrileño, que se desfigurara polos “usos extranjerizantes y modos soviéticos” ou, mellor dito, estaba “rusificado”.

A intérprete da canción sería a arxentina e “españolísima” Celia Gámez, íntima amiga do xeneral Millán Astray e defensora entusiasta dos sublevados. A continuación transcribimos a letra:

Era en aquel Madrid de hace dos años,

donde mandaban Prieto y don Lenín;

era en aquel Madrid de la cochambre,

de Largo Caballero y don Negrín.

Era en aquel Madrid de milicianos,

de hoces y de martillos y soviet;

era en aquel Madrid de puño en alto,

donde gritaban todos a la vez:

No pasarán, decían los marxistas

No pasarán, gritaban por las calles.

No pasarán, se oía a todas horas

por plazas y plazuelas,

con voces miserables.

No pasarán. No pasarán.

La burla fué y el reto no pasarán

pasquín de las paredes.

No pasarán gritaban por el micro,

chillaban en la prensa

y en todos los papeles.

No pasarán.

Este Madrid es hoy de Yugo y Flechas

es sonriente, alegre y juvenil.

Este Madrid es hoy brazos en alto,

que signos de paz llevan cual nuevo abril.

Este Madrid es hoy de la Falange

siempre garboso y lleno de su fe.

A este Madrid que cree en la Paloma,

hoy que ya es libre, así le cantaré:

Ya hemos pasao. Decimos los “facciosos”.

Ya hemos pasao, gritamos los rebeldes.

Ya hemos pasao y estamos en el Prado,

mirando frente a frente a la señá Cibeles.

Ya hemos pasao.

Ya hemos pasao y estamos en la Cava.

Ya hemos pasao, con alma y corazón.

Ya hemos pasao y estamos esperando

pa ver caer la bola de la Gobernación.

Ya hemos pasao. Ja, ja, ja, ja. Ya hemos pasao.

 

miércoles, 13 de octubre de 2021

Epistolario (VII): Francisco Bustelo Bustelo.

 


Eran as seis da tarde do once de novembro de 1936 cando comparece na comisaría viguesa o médico de prisións Francisco Bustelo Bustelo; detivérano por orde da comandancia militar acusado, xunto co inspector provincial de prisións Fernando Lago Búa, de extorsionar o médico José Ramón de Castro preso no lazareto de san Simón. O consello de guerra, ao que os acusados renunciaron asistir, celebrouse o 21 de decembro e ambos foron condenados a pena de morte. Executáronos nos arredores do cuartel do Castro (Vigo) na véspera de Reis do ano 1937.

Despois de coñecer a condena, Bustelo tentou conseguir un indulto que o librara da morte; nese senso chegou a ter relación coa trama corrupta da Falanxe pontevedresa, en concreto co xefe provincial de investigación Ricardo Menéndez Bustamante “O Cubano”, que acompañado dun familiar do médico viaxou a Coruña co fin de facer xestións para conseguilo. Así queda reflectido nun informe sobre o falanxista: “Concomitancias que tuvo y gestiones que intentó hacer con el médico fusilado por sentencia militar don Francisco Bustelo”.

Non quedaron aquí as xestións e Bustelo dirixiu unha carta ao propio Franco da que puidemos ler algún borrador e anotacións así como a redacción final; ofrecemos a transcrición completa da remitida a Franco polo interese que presenta.

EXCMO. SEÑOR DON FRANCISCO FRANCO, GENERALÍSIMO DEL EJÉRCITO ESPAÑOL.

FRANCISCO BUSTELO BUSTELO, mayor de edad, casado, médico, vecino de Vigo, condenado a muerte por el Consejo de Guerra, celebrado en dicha ciudad el veintiuno del corriente mes y año, y preso en la cárcel del partido, ante V.E. respetuosamente recurre y con el mayor respeto y consideración expone.=

o====oooOooo::HECHOS::oooOooo====o

-----I-----

Desde hace más de veinte años vengo desempeñando gratuitamente mis servicios médicos en la prisión de Vigo, y recientemente por el Iltmo. señor Comandante Militar de esta plaza, atendiendo a mi historia de hombre de orden y a mi leal adhesión al salvador movimiento nacional, fuí nombrado encargado de los servicios sanitarios.

-----II-----

En el mes de agosto ingresó en esta prisión el doctor don Ramón de Castro, de conocidísima significación izquierdista y destacado masón, según publicamente reconoció. Me unía a este señor por razones profesionales, una amistad cordial.=

Como circularan rumores respecto a posibles peligros que pudiera correr la vida del preso, me rogó encarecidamente que yo intercediera en su favor para conseguir su libertad, aunque para ello tuviera que satisfacer una crecida multa, y me manifestó que la persona indicada para alcanzarlo era el inspector provincial de prisiones señor Búa, que se presentaba como gozando de gran autoridad y predicamento, y balsonando [sic] de conseguir, por servicios prestados al movimiento, cuanto se proponía.=

Me dirigí a este señor, con quien por mi carácter de médico de la prisión, tenía buena amistad, y él le indicó que mediante una multa de doscientas mil pesetas, podía conseguir su propósito el doctor Castro; así se lo participó a éste, actuando de inconsciente instrumento en la realización de un delito de estafa por el inspector concebido.=

-----III-----

Formose a mi alrededor un ambiente de perversidad que me ha llevado más que los hechos mismos, a esta dolorosa situación.=

Él ha influído grandemente en el ánimo de todos, y no se ha reparado en tres hechos que yo considero de trascendencia suma.=

Es el primero, que el doctor Castro, persona que el día del juicio lloraba y se arrodillaba, arrepintiéndose de sus errores, como publicamente se arrepintió de su carácter masónico, lo mismo lloraba y se arrodillaba en la cárcel para que intercediera en su favor, y ya el ambiente de la ciudad, ha reacionado [sic], Exmo señor en su contra y en favor mio, pues todos los vigueses, patriotas adheridos al movimiento nacional, saben muy bien, y lamentan ahora, que un hombre como yo religioso, de derechas, luchando al lado del orden en mil novecientos treinta y seis, como en mil novecientos treinta y cuatro y como siempre, me veo perdido por las lágrimas y los tardíos arrepentimientos de uno de los causantes de esta catástrofe nacional, lágrimas y arrepentimientos que en el acto del Consejo, los propios señores del Tribunal, seguramente en conciencia habrían pensado como todo el público, que tenía más de temerosa adulación, que de sentida contricción [sic] por las culpas cometidas.=

Es el segundo, que el propio inspector de prisiones, reconoció mi inocencia, declarando su única culpabilidad.=

Es la tercera, que los dos documentos de crédito de cien mil pesetas cada uno, que se extendían contra el señor Castro, ninguno de ellos estaba a mi nombre, ni por persona por mi conocida siquiera, sinó a favor de un cuñado del inspector de prisiones, buscado por él, de manera que si la estafa se llevara a término, mi participación en el negocio dependiera unicamente de la voluntad de Búa, y hay que suponer, que al arrastrar yo las tremendas responsabilidades de ese delito, no iba a quedar pendiente su lucro de la voluntad única de un estafador; exigiría que uno de los documentos se extendiera a nombre de persona de mi confianza, para asegurar los beneficios del delito. Esto es de toda evidencia.=

-----IV-----

Si Exmo señor, la presión del ambiente formado por diversas causas, que no son de este doloroso momento, me ha empujado a la muerte, más que mis propias culpas. Es triste, es tan trágico como la muerte misma, que quien ha sido siempre español por encima de todo, quien arrostró por la causa nacional durante el primer semestre del año corriente todos los peligros; quien se honró con la amistad y la confianza del Exmo señor don José Calvo Sotelo, se vea envuelto en este gravísimo proceso, que culmina tragicamente en gran parte por la doblez e insincera caloboración [sic] de uno de los rojos más destacados de la ciudad. Un rojo que con su doblez y su adulación, colabora en la condena por traición a la Patria, de un entusiasta español, adicto de corazón a la causa nacional.=

Tengo esperanza de que V.E. me hará justicia, y si así no fuera, seguridad plena de que la España que nace me la hará en su día, reivindicando mi nombre del fangal en que le ha envuelto un ambiente injusto e infundado, el que seguramente ha facilitado la inusitada rapidez del procedimiento.=

-----V-----

Yo quisiera que pudieran hablar todos los falangistas de Vigo, que pudieran decir como yo durante los meses de Marzo a Julio, cuando era más violenta la presión del Frente Popular, contribuía a libertarlos de la prisión como hice con JOSÉ HILAS MÉNDEZ, MARIANO GARCÍA, GUSTAVO KRUQUENBERG, MIGUEL COLMEIRO, ALFONSO REFOJO, JOSÉ VÁZQUEZ, GERARDO RODRÍGUEZ, JESÚS SOBRAL, RAMÓN LAGO OLANO, ANÍBAL VICENTE, MANUEL PARDELLAS, JESÚS ROCA, EMILIO MARIÑO, BENIGNO SOTO, EDUARDO SIMIL, JOSÉ CONDE, JOSÉ DOMÍNGUEZ, PEDRO HILAS, JOSÉ UBEIRA, RAMÓN ARBONES, GIORDANO CINGARLA, JOAQUÍN SUÁREZ, FRANCISCO LEIS, FEDERICO HILAS, LUCIANO CONDE, MANUEL FERNÁNDEZ GARCÍA, RAMÓN ARIAS, MELCHOR HERRERO, JOSÉ LUIS VARELA, FERNANDO VÁZQUEZ, JOSÉ DE LA CAMPA, ALFONSO CAPELO, ENRIQUE CAMESELLE, AGUSTÍN FERNÁNDEZ, EDUARDO COUTO, MARCIAL ESCOBAR, ANTONIO BAQUEIRO, JUAN PÉREZ, MANUEL MARTÍNEZ, ALFONSO DURÁN, DANIEL BUHIGAS, FERNANDO HILAS, JOSÉ CASAS E [sic] FERNANDO PEREIRA.=

Ellos más que nadie podrán decir cual fué siempre mi conducta.=

Por lo expuesto a V.E. respetuosamente:=

SUPLICO me sea conmutada la pena de muerte por la de perpetua, invocando como mi intercesora ante los sentimientos de V.E. a la Virgen María, mi madre a la que pido se apiade de mi, ya que si he cometido culpas no ha sido nunca la de no amar a mi Patria sobre todas las cosas, y la de no servirle fielmente, sin la menor concomitancia con los que se han alzado para acusarme ante los Tribunales.

VIVA ESPAÑA, ARRIBA ESPAÑA, VIVA EL GLORIOSO EJÉRCITO ESPAÑOL.

Vigo, treinta de Diciembre de mil novecientos treinta y seis.

Aparece asinada por Francisco Bustelo Bustelo.

miércoles, 8 de septiembre de 2021

"Dicindo Imperio hai que dicir Mariña"

 


A inauguración das instalacións que deron acollida á Escola Naval Militar, no espazo ocupado polo Polígono de Tiro Naval Janer de Marín, efectuouse o 15 de agosto de 1943. As obras duraron tres anos e medio e custaron 45 millóns de pesetas.

Os actos, que contaron coa asistencia de Franco e das máis altas personalidades do Réxime, estiveron dotados de gran realce e os medios de comunicación levaron a cabo un intenso labor propagandístico nos días inmediatos. Eran momentos nos que o Réxime franquista vía con inquietude as derrotas dos exércitos alemán e italiano e o avance das tropas aliadas; conviña dar mensaxes de fortaleza e unidade en torno ao Caudillo e as autoridades provinciais, baixo o mando do gobernador civil e xefe provincial do Movimiento Genaro Riestra, puxeron todos os medios para conseguilo. O protagonismo falanxista na mobilización foi total: as xefaturas locais ordenan a asistencia obrigatoria de militantes e adheridos, chegan partidas de camisas azuis que se reparten entre os militantes que as precisen e centurias falanxistas da capital, como a “Roger de Flor” e “Salvador Foronda” ou a “San Fernando” das Falanges Juveniles de Franco, participan activamente nas tarefas preparatorias. A Obra Sindical de Educación e Descanso de Ourense organiza unha excursión para asistir aos actos.

A capital, en plenas festas da Peregrina, non dispuña de aloxamentos para atender tantos forasteiros que asistían aos actos e o alcalde, Luis Ponce de León, pide aos veciños que cedan ou aluguen habitacións.

Desde as oito da mañá do día 15 recorren a cidade bandas de música e o gobernador civil e outras xerarquías trasládanse a Pontecesures para recibir a Franco e acompañantes que viaxaban desde Meirás. Todo o recorrido pola provincia está escoltado por centurias falanxistas, como relataremos máis adiante. Participan tamén sete centurias no recinto naval e unha da Vieja Guardia no pazo da Deputación.

Non podía faltar unha corrida de touros na praza de San Roque; tourean José Mejías “Bienvenida”, Curro Caro e Rafael Ortega “Gallito”. Debúxase na area da praza o escudo de Pontevedra e as palabras ¡Franco!, ¡Franco!, ¡Franco!, ¡Arriba España!; preside o festexo o camarada Luis Huesa e, ao chegar Franco, cántase o Cara al Sol cos brazos en alto.

No pazo da Deputación organízase unha cea de gala servida polo restaurante Urkín; nos xardíns de Vincenti celébrase unha verbena de etiqueta para convidados alumeada con dez mil bombillas eléctricas. As “clases populares” asisten á verbena de san Roque no barrio da Moureira.

Os xornais fanse eco da inauguración e o falanxista El Pueblo Gallego titula a toda plana: “Inenarrable homenaje popular a Su Excelencia”. A misa e bendición da escola estivo a cargo do arcebispo Múniz de Pablos; na escola figuraban dúas pedras procedentes do Alcázar de Toledo, que foran entregadas ao ministro Salvador Moreno e o vicesecretario xeral do Movimiento, camarada Mora Figueroa, entregou ao director Pedro Nieto Antúnez un busto de José Antonio.

As pancartas colocadas no itinerario entre Pontecesures e Marín tiñan os seguintes lemas, que foran ditados pola xefatura falanxista: “Caudillo, ordénanos”, “Al servicio del Caudillo para ganar la Revolución”, “Lealtad y fe para engrandecer la Patria”, “ Franco, la Falange siempre en primera línea para obedecerte y seguirte hasta la muerte” e “Por España con Franco”.

A xenerosidade do colega Serafín Fontenla permitiunos estudar a documentación interna dos preparativos que FET y de las JONS, a través da vicesecretaría de Educación Popular, levou a cabo para o acto.

Nunha “Orientación General” (12-8-43) o delegado provincial, José Fernández, explicita o obxectivo:

Con motivo de este solemne acto, el Jefe Provincial de la Falange y todos los afiliados quieren dar una prueba ostensible del respeto, de la fe y del cariño que el Caudillo les inspira, y al mismo tiempo hacer ver a los enemigos de España y del Movimiento, que la Falange es una Milicia con COHESIÓN, con DISCIPLINA y con FUERZA y que los camaradas que la integran están plenos de ESPÍRITU DE SERVICIO y SACRIFICIO.

A interpretación do parágrafo anterior non debe desligarse da situación internacional, cun peche de filas ao redor de Franco, pero tampouco das liortas internas da organización (sucesos de Begoña, cese de Serrano Súñer...) así como dunha demostración da forza do partido.

Ordénase cubrir todo o itinerario por centurias situadas cada quilómetro, en liña de a tres, cun total de 35 centurias (3500 homes) para os 35 km entre Pontecesures e Pontevedra e 9 centurias (900 homes) para os 7 km da capital a Marín. Cada centuria dispoñía de tres bandeiras “que se rendirán al paso de Su Excelencia a quien aclamarán las formaciones al unísono a los gritos de FRANCO, FALANGE”. Na corrida de touros os falanxistas ocuparían tres tendidos nos que se formará a palabra FRANCO composta por elementos colocados nun fondo azul formado polas camisas dos militantes.

O anexo 2 detallaba a ornamentación en cada localidade: Pontecesures tería na entrada da ponte guirnaldas e unha gradaría de 5 metros na que formaría o Frente de Juventudes, dous xugos de 5 metros sostiñan, no centro do pobo, un arco de grandes dimensións no que figuraba o nome de Franco feito con flores, ademais todo o recorrido estaría adornado con pancartas e bandeiras. Na entrada a Caldas de Reis, emblemas de FET e á saída dous xugos de 5 metros e carteis con víctores ao Caudillo. De xeito minucioso detalla os adornos para o resto do recorrido, o texto das pancartas e o lugar exacto de colocación.

No anexo 3 detalla, por localidade de procedencia, o número de JONS e de camaradas que interveñen; destacan Vilagarcía, Caldas, A Estrada, Bueu e Moaña, con 500 falanxistas cada unha, Pontevedra con 600 e Vigo con 1400, suman un total de 8268 afiliados.

Os carteis coa efixie de Franco recibíranse de Madrid e colocáronse na estrada xunto a pasquíns con consignas de Franco e José Antonio. Os lugares de estacionamento de autobuses e camións que transportaban os militantes tiñan sinalado un lugar exacto no recorrido e instaláronse postos de socorro médico en Pontecesures, Caldas, Pontevedra e Os Praceres.

O vestiario dos participantes era a camisa azul remangada por enriba dos cóbados e zapatos e pantalóns negros ou escuros. Os responsables da mobilización foron Eduardo Miranda (tramo Pontecesures- Caldas), Rogelio Gil (Caldas-Pontevedra), José Luis Vázquez (Pontevedra-Marín); da música e praza de touros Eliseo Sastre, Miguel Rodríguez Rey encargábase de supervisar os aspectos plásticos, Luciano Rodríguez da taquigrafía e mecanografía, o tamén camarada Prudencio Landín Carrasco era o xefe de prensa e propaganda, o xefe xeral do recorrido era Antonio Puig Gaite e o xefe superior de organización e servizos José Fernández García.

A pompa e boato adicados á presencia de Franco lévanos ao sucedido, a mediados do século XIX, con motivo dunha viaxe de “Sus Altezas Serenísimas” os Duques de Montpensier. Daquela o gobernador dispuxo que, ao atravesar os concellos,

prevenir los festejos, arcos triunfales y otras demostraciones dignas de los augustos personages a que se dedicaban, como ha sucedido en todos los Ayuntamientos desde Valga a Marín, cuyos gastos indispensables hubo que hacer por las economías del presupuesto.

domingo, 15 de agosto de 2021

Esmola a un artilleiro.

 


A pontevedresa praza de san Xosé era unha das zonas máis concorridas da cidade; non só por estar nela establecementos tan coñecidos como o café Moderno ou o Petit Bar (que a consigna dos sublevados de non tolerar nomes estranxeiros converteu en Bar Imperial e anos despois en Pequeño Bar), senón porque tamén era lugar de saída de autobuses e coches de punto.

O 23 de xullo de 1936, tres días despois do triunfo do golpe militar na cidade, desfilaban as tropas pola praza formando parte das habituais paradas militares; un capitán ordenoulle a un artilleiro que fixese circular un grupo de paisanos. Un dos presentes tentou entregarlle ao soldado, con aceno despectivo e a xeito de esmola, unha moeda de cincuenta céntimos; o artilleiro derrubouno dun culatazo e, ao conducilo cara o cárcere, o detido entrou nela gritando “Salud camaradas”. O delegado de orde pública, Ricardo Macarrón, púxoo a disposición das autoridades militares, que iniciaron unha causa militar polo delito de resistencia e insulto a forza armada.

O protagonista foi Francisco Fernández Gómez, solteiro, de 36 anos, veciño de San Xurxo de Sacos. Durante o procedemento, un alférez afirma que, cando fora entregado aos artilleiros para que o levasen ao cárcere, dixera que “ahora iba contento por no ir con los oficiales”, pronunciara repetidas veces “salud camaradas” e ofrecera resistencia.

A versión do inculpado difire do relatado: afirma que estaba tomando unha cervexa no Moderno e cando ía darlle unha esmola a dous rapaces, para o que sacara do peto unhas moedas, presentouse un artilleiro indicándolle que o acompañase; como lle preguntou a causa, deulle un culatazo.

A gravidade do delito, máxime naquelas circunstancias, non auguraba nada bo para Francisco pero os distintos informes xogaron ao seu favor. A Garda Civil de San Xurxo acredita a boa conduta e que non se significara contra o Movemento aínda que militaba en partidos de esquerda; o alcalde de Cotobade, Manuel Solla, desmonta o presunto esquerdismo de Francisco e afirma que combatera en todo momento as ideas comunistas e á sociedade de agricultores da parroquia por non limitarse ao fin para o que se constituíra. Todos coinciden en que se emborrachaba con frecuencia precisando o alcalde que “efecto del alcohol padece en ciertos momentos de transtornos mentales”.

A alegación do suposto vicio da bebida foi empregada con frecuencia como xeito de mitigar a dureza das condenas; neste caso o auditor tivo en conta os antecedentes e os informes “en el último de los cuales se afirma era enemigo del comunismo”, así como a embriaguez e a pouca trascendencia dos feitos, pide o sobresemento e a posta a disposición da autoridade gobernativa para unha sanción.

jueves, 15 de julio de 2021

Franco no credo.

 


Dende os primeiros meses tras o golpe de estado, Franco aparece exaltado nos medios de comunicación, ferreamente controlados pola censura, como o Caudillo providencial salvador da patria. En todos os xornais insértase de xeito obrigado o lema “Una Patria, un Estado, un Caudillo”, que lembra fielmente o de “Ein Volk!, Ein Reich!, Ein Führer!” dos nazis. A Igrexa lexitima e bendice o golpe militar, ao que cualifica de Cruzada, e considera a Franco como o home enviado por Deus para defender a esencia católica de España, ameazada polo comunismo, a masonería e outras forzas disolventes. Iníciase un proceso de sacralización da súa figura que se simboliza coa entrada baixo palio nas igrexas ou, anos máis tarde, coa impresión no reverso das moedas do lema “Caudillo de España por la G. [Gracia] de Dios”.

Existe tamén unha pléiade de escritores, afeccionados ou non, que inundan os medios con poemas, xeralmente con escasos ou ausentes valores literarios, que resaltan as cualidades excelsas do “Generalísimo”. Aínda así poucas veces se chegou a cotas como a deste anónimo autor que escribe nun xornal dunha vila pontevedresa; nin máis nin menos que colocar a Franco no lugar de Xesucristo. Reelabora a oración que reúne os postulados da fe cristiá, o credo, e convértea, “parodiando la sencilla plegaria de nuestra infancia” nunha afirmación do carácter providencial, de home ligado con Deus, de Francisco Franco.

A la efigie gloriosa de Franco, que existe hoy en todos los hogares españoles, y con nuestras oraciones, le dirigimos, parodiando la sencilla plegaria de nuestra infancia.

CREDO. Creo en Dios, amo a España, madre de naciones, criadora de valientes y héroes, y en Franco, su hijo predilecto, nuestro Caudillo que fué concebido por obra del espíritu de la raza y nació de madre española, padeció bajo el poder de políticos malditos, fué calumniado, perseguido y desterrado, descendió a las entrañas de la Patria, en su día resucitó entre los tenerifeños, subió a la Gloria, está sentado como Jefe del Estado, desde allí ha de venir a juzgar a los patriotas y traidores.

Creo en el espíritu de la raza, la santa causa Española, católica, noble y justiciera, la comunión y convivencia de los buenos Españoles, el perdón de los arrepentidos, la resurrección de la Patria, la vida perdurable. Amén. ¡¡Arriba España!! (El Emigrado, 30-11-1937.)

domingo, 27 de junio de 2021

"Entregados a fuerzas armadas"

 


Fai unhas semanas daba a coñecer no xornal Nós Diario  un documento no que se relacionaban unha serie de nomes de presos do cárcere da Coruña que foran entregados a “fuerzas armadas”, entre o 24 de xullo de 1936 e o 2 de decembro do mesmo ano; noutros documentos amplíanse as datas dende o 25 de xaneiro ata o 15 de marzo de 1937. Sobre as circunstancias en que chegou a min esta

documentación e outros datos dou conta no artigo. Foron moitas as persoas que se interesaron polo alí relatado e nesta entrada engadirei información e documentación gráfica que a necesaria concisión do xornal impedía; facilítase así a divulgación libre dunha documentación que pode ser relevante para investigadores e demais interesados.

Acompaño a transcrición da listaxe indicando entre corchetes unhas mínimas aclaracións sobre as circunstancias da súa morte obtidas na consulta de diversa documentación e bases de datos, no caso destas últimas, en especial Nomes e Voces. En primeiro lugar aparece a data de entrega e, ao final, a condición de executado (sentencia de consello de guerra) ou “paseado” (execución extraxudicial)..

24-7-36. Francisco Pérez Carballo [gobernador civil]. Executado.

28-7-36. Febe Sánchez Turienzo [militar]. Executado

29-7-36. France García García, Bebel García García [os “irmáns

da lexía”] e Enrique Miguel Moscoso [“O cristo de Vioño”]. Todos executados.

9-8-36. José Quintas Pena [dirixente do PSOE], Venancio Seoane García, Julio Sabio Sanmartín [tesoureiro da UGT]. “Paseados”.

11-8-36. Emilio de la Iglesia Rey, Manuel Escariz Bugallo [de Caldas de Reis], Manuel Carreras[Carrera] Miragaya [CNT], Francisco Raña Boquete [CNT], Luis Barrio Rey [mestre, socio

de Germinal] e Manuel Buhigas Novo [PSOE, concelleiro de Cabanas]. “Paseados”.

17-8-36. Luis Baldomir Trillo, Manuel Freire Doldán, Enrique Castro Patiño [CNT], José Boedo López [CNT, pai do cantante Pucho Boedo], Pedro Fajardo Pita [militar] e Antonio Prenas

Yllobre [CNT, “O Barrigas”]. “Paseados”.

31-8-36. Francisco Prego Campos [IR], Manuel Guzmán García [Deputado, IR], Francisco Mazariegos Martínez [Socialista, UGT], Alfredo Suárez Ferrín [alcalde], Joaquín Martín Martínez [Secretario do concello, UR], Ramón Maseda Reinante [Dirixente socialista]. Executados.

6-9-36. Gumersindo Gómez García [CNT], José Cambón Rodríguez [CNT], Pedro Ramírez Menéndez. “Paseados”.

10-9-36. Domiciano [Daciano?] Bermejo Huerta [Cabo artillería]. Execución por incurso no bando.

15-9-36. Joaquín Iglesias Cabanas [PSOE], Manuel Andrade Deibe e José Manuel Álvarez Álvarez.“Paseados”.

21-9-36. Juan Rumbo No [CNT] e Jacinto Méndez Esporín [CNT].

22-9-36. Manuel Abelenda Catoira [CNT], Juan Otero López [IR] e Fernando Pombo Segade [JJLL]. “Paseados”.

23-9-36. Francisco Miguel Fernández Díaz, José Airado [Eirado?] Fernández, José Vilariño Alonso, Aniceto San José Aguilera [UGT] e Fortunato Martínez Mantiñán [CNT]. “Paseados”.

24-9-36. José Villaverde Velo [CNT]. “Paseo”.

25-9-36. José Bellón Meijide [CNT], Raúl Trabadela Perina, Andrés Lara Mancera [De Badaxoz].“Paseados”.

1-10-36. [Tomás] López da Torre [alcalde de Betanzos, PSOE] e Manuel Iglesias Rodríguez [CNT]. Executados.

2-10-36. Juan Fraga Bello [CNT] e Rogelio García Rodríguez. Executados.

6-10-36. Jaime Carvajal Somoza e Florentino Rosales Gunturis [Junturis?]. Executados.

19-10-36. Clemente Aparicio Pérez [Dirixente obreiro leonés, CNT, aparece coa indicación de que foi conducido a Villafranca; sobre a súa morte hai versións diferentes: “paseado” en Fabero ou en “tierras gallegas”].

22-10-36. Julio Sanz Martín [IR]. “Paseo”.

12-11-36. Arturo Meirás Martínez [CNT] e Orlando [Holando?] Mosquera Rodríguez [JJLL].“Paseados”.

23-11-36. Eloy Lema [Lemus] Suárez [CNT], Manuel Regueira Ruíz [militar], Enrique Ares Díaz [cabo de intendencia], Mariano Bodelón Rodríguez [cabo] e Alfonso Philippot Botana [militar, de Vigo]. Executados.

26-11-36. Antonio Carballo Raso [CNT], Pedro e Manuel Cabezas Agrelo e Gonzalo Álvarez Lorenzo [aparece a indicación de conducido a Lugo]. Os tres primeiros “paseados” e deGonzalo ignórase o sucedido.

24-11-36. [Aparece coa orde cambiada] Francisco Fraga García [CNT], Juan Martínez Corral [CNT] e Marcelino Angulo Ruipérez [CNT]. Executados.

27-11-36. Antonio Fernández Pita [alcalde de Sada]. Executado. Federico Brandariz Calvete [CNT], Marcial Fernández Piedrafita, Ignacio Naya González e Eduardo Carro Maseda.

Ignoramos o sucedido cos catro últimos.

2-12-36. José Miñones Bernárdez [Deputado, UR]. Executado.



Nun escrito titulado: “Para entrar en capilla a la (sic) 4 del día 9-XII-36” aparecen:

Ramón López Amado, Obdulio, Máximo e Ricardo López Acea, Antonio Barbeito Espiñeira, Antonio Varela Sanjurjo, Domingo López Domínguez, Norberto Recamán, José Laod [Lago] Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Trasmonte Costa, Jesús Chouza Filgueiras, Florentino Canosa Barreiro e Manuel García Castiñeira. Todos executados nesa data. Engadidos ao final da nota aparecen tamén: Manuel Rivadulla Souto, 14-12-36 e Patricio Maya [Massa] Moreno, 30-12-36.

Os entregados a principios do ano 1937 aparecen noutro listado:


25-1-37. Jesús Varela Santiago [Manteiga], Manuel Morano Pose, Javier [Federico] Rodríguez Ponte e Manuel Ramiro Lorenzo. Executados.

13-1-37. José María Eirín [Eirís] Carro [IR], Leovigildo Taboada e Jaurés García [JJSS]. “Paseados”.

22-2-37. Fabián Alonso González [PCE] e Manuel Vidal Pardo [alcalde de Abegondo]. Execución.

5-3-37. Luis Pita da Veiga Payón [Mojón]. [Militar]. Execución.

15-3-37. Antonio Ramallo Gómez, Andrés García Janeiro e Ramón Carballo Tajes. Execución.

viernes, 7 de mayo de 2021

Contrapartidas.

 

Na loita contra a guerrilla foi a Guardia Civil quen levou o maior peso, máis alá da actuación do exército, que achegou unidades de apoio para a vixilancia de determinadas zonas ou utilizou os servizos de unidades de información; tamén interviu a Brigada Político social, principalmente contra as organizacións políticas clandestinas que lle daban soporte nas cidades, así como falanxistas, somaténs e outros.

O mandato como director xeral do corpo do xeneral Camilo Alonso Vega (nomeado en xullo de 1943), coincide cos anos de maior intensidade na represión da resistencia armada e tivo por homes de confianza a mandos como o xeneral Pizarro ou o tenente coronel Limia.

Non repararon en medios de todo tipo para eliminar o problema guerrilleiro e un deles foi a utilización das chamadas contrapartidas ou contraguerrillas. A súa denominación relaciónase coa consideración de “partidas bandoleras” que espalla o réxime sobre a guerrilla restándolle a significación social e política que tiñan; a Dirección Xeral da Guardia Civil deu instrucións nese senso: “siempre que se designe a tales malhechores se hará con el nombre de bandoleros o atracadores como corresponde a los delitos comunes que cometen” (22-5-1945). Tamén apelaban así a un precedente histórico pois a Guardia Civil nacera a mediados do século XIX para, entre outras cousas, combater as partidas de delincuentes que asolaban os campos.

As primeiras actuacións seguindo a táctica das contrapartidas aparecen no ano 1942 na rexión leonesa e limítrofes pero hai precedentes semellantes en Asturias en anos anteriores; no ano 1943 actúan os chamados grupos móbiles en Galicia (zonas de Monforte, Vilalba, Viveiro...) e, en xuño de 1944, temos constancia dun destes grupos que actúa na comarca de Ribas de Sil; a súa actuación causou varias mortes e o seu xefe morrería nun enfrontamento. Posteriormente estenderase o emprego das contrapartidas por outras zonas do estado.

Facendo un pouco historia da súa existencia debemos remontarnos a principios de 1940, cando se reforma a estrutura da Guardia Civil e créase no seu Estado Maior a 3ª sección de información; cumpríase así cunha das misións do corpo como era prever e reprimir todo tipo de movemento subversivo. Ao ano seguinte créase o Servicio de Información de la Guardia Civil (SIGC) como 2ª sección da secretaría do Estado Maior. Unha característica destes servizos especiais ou brigadillas era a de vestir de paisano para pasar desapercibidos nas súas actuacións. En 1946 selecciónanse algúns dos seus membros e agréganse á 2ª sección para formar as brigadillas de servizos especiais sendo, polo tanto, a data do nacemento oficial das contrapartidas.

As contrapartidas, que tiñan como denominación oficial a de Grupo de Fuerzas del Servicio Especial de la Guardia Civil, actuaban ás ordes directas do xefe da Comandancia e ningún mando subordinado a este podía darlle ordes ou instrucións nin intervir dalgunha maneira nos seus cometidos. Tiñan liberdade de actuación en canto a métodos a empregar e determinación de zona. Estaban obrigados a informar da permanencia aos postos e posibles grupos móbiles do territorio xa que, dado o seu xeito de actuar, podían dar lugar a encontros armados entre eles ao confundirse mutuamente con guerrilleiros.

Unha contrapartida estaba integrada por un grupo de entre seis e oito gardas civís, en principio voluntarios, posteriormente incorporaron outros compoñentes: policías, falanxistas, somaténs ou os chamados “prácticos”. Estes últimos podían ser veciños afíns ao réxime ou antigos guerrilleiros colaboradores da Guardia Civil que, aparte o seu coñecemento do terreo, casas de apoio e refuxios, achegaban información sobre composición e xeitos de actuar das partidas. Estaban mandadas por un oficial ou, máis habitualmente, por un suboficial, un cabo ou un inspector de policía.

A vestimenta, como dixemos, era de paisano (como podemos apreciar na foto desta entrada), o máis parecida á dos guerrilleiros, utilizaban un armamento (subfusís, pistolas e bombas de man) semellante, pois unha das súas características era a de tratar de confundirse con aqueles. Levaban víveres para a súa estancia no monte que, habitualmente, era de ó redor dunha semana. Ao cabo deste tempo regresaban á súa base, cousa que facían de noite, ou eran recollidos en zonas a resgardo de miradas indiscretas que puideran recoñecelos. A duración da estancia no monte era unha das características que as distinguían dos chamados “grupos móbiles”, pois estes regresaban diariamente ás bases. Na súa permanencia no monte procuraban reproducir os modos de vida e actuación da guerrilla.

Na actuación das contrapartidas podemos establecer tres modalidades: unha primeira, que ten como obxectivo directo o grupo guerrilleiro a eliminar, consiste na localización de refuxios, establecemento de apostadeiros en posibles lugares de paso e, se é o caso, enfrontamento armado directo, aínda que a desarticulación acostumaba deixarse en mans das unidades propias da zona. En segundo lugar teríamos o descubrimento e desarticulación da rede de apoios e enlaces, estafetas, lugares de aprovisionamento de alimentos e armas, casas-refuxio, ou sexa, o que se denominaba “guerrilla da chaira” ou Servicio de Información Republicano (S.I.R.). A táctica que soían utilizar era a de presentarse como guerrilleiros doutras partidas ou enviados que necesitaban refuxiarse ou entrar en contacto cos grupos que actuaban na zona; se lograban gañar a confianza dos enlaces podían desmantelar as redes e mesmo preparar emboscadas para eliminar o grupo. Esta táctica non daba moito resultado en zonas nas que a guerrilla tiña unha permanencia estable e estaba moi relacionada co lugar, pois había un grao elevado de coñecemento mutuo cos veciños pero si en zonas de paso de partidas, entrada de mandos dende o exterior, etc. As organizacións guerrilleiras advertían continuamente contra estas tácticas pero aínda así foron bastantes as ocasións en que deron resultado. Por exemplo, nunha circular da Agrupación Guerrillera de Levante, de xuño de 1949, facíase referencia ás contrapartidas e advírtese das súas mañas:

Guardias civiles que se disfrazan de guerrilleros, con nuestra misma ropa y nuestras mismas armas exhibiendo a veces documentos o carnets, al objeto de sorprender la buena voluntad del pueblo, que en cuanto tropieza con fuerzas guerrilleras demuestra una gran alegría encontrando a veces algún incauto que después de haberle dado los datos que sabe, lo fusilan sin la menor causa.i

Advirten a poboación que, no caso de atoparse con forzas armadas vestidas de paisano, sexan quen sexan, contesten sempre que é a primeira vez que ven persoal desta clase, non manifestarse de esquerdas nin simpatizantes da guerrilla, non dar nomes e negar todo do que os acusen aínda que sexa certo pois “solamente el que niega siempre se SALVA”. Pero a guerrilla non se queda só en advertencias e consellos pois ameaza os que incorran en faltas deste tipo con que a agrupación actuaría contra eles e se voluntariamente deran parte á Guardia Civil sobre os guerrilleiros, serían condenados a morte na forca.

Este tipo de tácticas creaba desconfianza nos enlaces e poñía a poboación entre dous lumes pois podía ser castigada por uns ou outros. En numerosos testemuños fálase dalgunhas maneiras que tiñan para distinguilos: o aspecto das mans e o inconfundible cheiro “a monte” dos verdadeiros guerrilleiros.

O terceiro modo de actuación podemos englobalo no apartado psicolóxico: levar a cabo actuacións sobre a poboación facéndose pasar por guerrilleiros para que esta adoptase unha percepción e actitude contraria a aqueles. Entraban neste apartado malleiras, roubos, atracos, execucións e actuacións de alta violencia para infundir terror.

Posiblemente foron as actuacións dirixidas especificamente á poboación as que tiveron máis rendibilidade na actuación das contrapartidas, pois conseguiron diminuír a base de apoio mediante as desarticulacións e tamén lograr que os campesiños considerasen a presencia guerrilleira como xeradora de problemas de todo tipo e non como un apoio. Creouse un ambiente de medo entre a poboación, que estaba exposta á violencia dos dous bandos. Estaba castigado non só o apoio á guerrilla senón tamén o silencio, o non dar parte ás autoridades da presencia de “bandoleros”. A desarticulación das redes de colaboración e enlaces foi causa fundamental do desmantelamento da resistencia armada.

A oposición antifranquista era consciente do dano que causaban as contrapartidas e a prensa clandestina non deixaba de atacalas:

Los esbirros franquistas de las Contrapartidas, además del objetivo que les asignan los gobernadores, o sea, atracar y maltratar a la población con el fin de desprestigiar a los auténticos guerrilleros, han tomado gusto a este “trabajo” en el que no hay que doblar el espinazo y en cambio es una mina de oro. Civilones, falangistas y policías disfrazados de guerrilleros o con la cara tapada, dan atracos a diestro y siniestro, sin olvidarse de decirles y repetirles a las víctimas que ellos son “guerrilleros”.ii

A mediados da década dos cincuenta desaparecen as contrapartidas como tales e moitos dos seus membros intégranse no chamado Grupo de Servicios Especiales.


Imaxe: Contrapartidas. Foto: Darío. En Aguado, F. El maquis en sus documentos. Ed. San Martín. Madrid, 1976.

iAguado, F. El maquis en sus documentos. Ed. San Martín. Madrid, 1976.

iiMundo Obrero, 14-4-1948.

viernes, 16 de abril de 2021

O Somatén.


Unha das medidas tomadas pola ditadura de Primo de Rivera foi a implantación do somatén, institución de orixe e actuación catalá, en todo o territorio do estado. O decreto publicouse o 17 de setembro de 1923 e pronto comezaron a formarse comisións para constituílo nas distintas zonas. Insistíase moito en que tiña unha finalidade de mantemento da orde e que estaba alonxado de todo partidismo político pero a composición e actuacións amosaron o seu compromiso co réxime ditatorial e cos elementos máis reaccionarios da sociedade. A orientación do somatén baseábase na idea de que era indispensable levantar o espírito nacional, que estaba falto de fe e escaso de enerxías morais; para remedialo eran precisas “fuertes inyecciones de patriotismo”. Presentábase como un grupo de xente honrada, valerosa e entusiasta que sempre se atoparía xunto as autoridades e cooperaría con elas, non só como forza coercitiva, senón tamén coa “siembra incesante y tenaz entre los ciudadanos de una semilla sana y limpia, cuya cosecha recojan nuestros hijos”i. Os seus compoñentes comprometíanse a garantir a orde e, en caso preciso, colaborar coa Guardia Civil para manter a lei. Estaba fiscalizado por xefes e oficiais do exército o que era presentado como unha garantía de estar alleo a toda loita política. Subordinación total ao exército e os regulamentos eran aprobados polo ministerio da Guerra. Afirmábase que non se organizaba contra as reivindicacións obreiras sempre que tratasen de logralas por camiños legais e procedementos evolutivos, pero oporíase “tenaz y armadamente” a todo ataque á orde social. Este tipo de organizacións están na lóxica da mobilización paramilitar contrarrevolucionaria en Europa fronte ao fenómeno revolucionario que, de xeito real ou non, consideraban unha ameaza contra a orde social.

O lema era “Paz, paz y siempre paz” e a súa patroa era Nosa Señora de Montserrat.

Para ingresar era preciso ser home, maior de 23 anos, ter boa conduta e solicitalo no posto da Guardia Civil. Os niveis de organización eran o de partido xudicial, distrito ou concello e barrio ou parroquia; á fronte do primeiro estaban os vogais e dos outros os cabos e subcabos. Estaban armados con arma longa e os vogais, cabos e subcabos, tiñan ademais arma curta.

O 21 de setembro de 1923, o capitán xeral Antero Rubín publica un manifesto ao efecto e o 17 do mes seguinte ten lugar unha reunión na capitanía da 8ª rexión militar para formar o Somatén Armado de Galicia, Asturias y León. Os vogais da provincia de Pontevedra por cada partido xudicial foron: Laureano Salgado (Caldas de Reis), Luciano Buhígas Abad (Cambados), Camilo Facorro González (A Cañiza), Ramón Rodríguez González (Lalín), Alejandro Mon y Landa (Pontevedra), José Guerra y Guerra (Ponteareas), Juan Losada Suárez (Ponte Caldelas), Ricardo Contreras Valiñas (Redondela), José García Sánchez (Tui) e Guillermo Oya Lastres (Vigo). Como auxiliares militares atopamos ao comandante Rafael González- Besada Fernándezii (Pontevedra, Cambados, Ponte Caldelas), o capitán Manuel Villaverde Sobral (Lalín, Caldas) e o capitán José Rodríguez García (Vigo, Ponteareas, Tui, A Cañiza). Na petición de votos de grazas ás persoas que apoiaron a constitución do somatén aparecen nomes significativos: Pedro Martínez Casal, Sinforiano Melero Guerra, Emilio Curbera, Vicente Rivadeneira e Wenceslao González Garra, entre outros. No 1928, por falecemento de Buenaventura Pla, nomean vogal da comisión organizadora polos partidos xudiciais de Pontevedra e Lalín Raimundo Riestra Calderón, marqués de Riestra.

Na provincia de Pontevedra, as solicitudes iniciais de ingreso acadaron case as novecentas; en Pontevedra capital a primeira solicitude foi a do comerciante Salvador Estévez Rocafort.

No ano 1924 atopamos ocupando cargos en distintos lugares: Ramón Sobrino Buhígas (cabo de partido en Pontevedra), Víctor Lis Quibén (cabo de distrito), Rafael Lenard Quintana (subcabo de distrito), Gaspar Massó (cabo de Bueu), Manuel Sanjurjo Otero (cabo de Vigo), Ramón García (cabo de Poio) e Luis Pérez Quevedo (cabo de Marín). Nese mesmo ano parece que existen algunhas diverxencias na capital e o vogal, Alejandro Mon, presenta a renuncia, que non lle é admitida; acórdase prestarlle apoio para robustecer a súa autoridade e pídeselle que expoña confidencialmente á presidencia os obstáculos que tiña. En Vigo noméase vogal a Julio Curbera por falecemento de Oya. En xuño de 1926 causa baixa voluntaria o cabo de distrito Víctor Lis.

O acto máis vistoso do somatén pontevedrés foi a entrega da bandeira celebrado o 30 de setembro de 1928; celebrouse misa en san Francisco coa asistencia de autoridades. A doante da bandeira foi Pilar Quiroga Losada e a madriña Mª Luísa Vázquez Silva. O discurso desta última foi un canto á bandeira española e ás glorias pasadas:

es la gloriosa enseña de la nación española, que simbolizando su soberanía sancionará la actuación ciudadana que os está encomendada; es la bandera que en tiempos pretéritos paseó victoriosa por la vieja Europa y llevó los esplendores de la civilización a un nuevo mundo; la que agitándose lo mismo en los rápidos torbellinos de la candente África que meciéndose blandamente a impulsos de las brisas americanas, lo mismo en los países nebulosos del Norte que en las islas perdidas en la inmensidad del Océano, rubricaban en el espacio el nombre de España y el sol no se ponía para contemplarla.

Non esquece facer un canto á figura de Primo de Rivera porque, cando nun rincón de Europa se iniciara o incendio que ameazou con destruír a orde social e parecía prender en España, co seu temple e intelixencia, soubo alonxar o perigo. Tamén o comandante xeral do somatén, xeneral Rodríguez de Rivera loa a “misión providencial” do ditador e gaba o monarca:

que de contínuo labora con perseverancia ejemplar a impulso de la inmensa exaltación patriótica que abriga su corazón españolísimo lleno de ternura y de amor para su pueblo, que unido a una inteligencia preclara y un ánimo sereno y esforzado le hacen ser encarnación excelsa de la raza por cuyas cualidades sobresalientes es admirado y querido en el mundo entero.iii

Houbo banquete no hotel Engracia coa asistencia de 250 somatenistas e a bandeira levouse desfilando ata a casa do Marqués de Riestra onde quedou depositada.

A constitución do somatén tampouco se libra das críticas, así o xornal El Eco de Galicia da Habana cualifícao como un “cuerpo de esbirros” para delatar e traizoar o pobo.

A chegada da 2ª República significa a disolución inmediata deste organismo e a ditadura franquista volverá implantalo, baixo control da Guardia Civil, no ano 1945; nesta etapa colaborará na loita contra a resistencia antifranquista e non será ata o ano 1978 cando se proceda á súa disolución; neste momento contaba con cerca de trinta mil compoñentes. Pero tras o golpe militar de 1936 créanse en distintas localidade da zona sublevada unha serie de milicias “cívicas” que, en realidade, son semellantes (nalgúns casos ata coinciden en adoptar a cruz de Santiago como símbolo); nelas integraranse como membros destacados moitas das personalidades que atopamos no somatén. En Pontevedra capital e concellos limítrofes, aparte o caso de Víctor Lis, outros somatenistas figuran como oficiais ou membros da Guardia Cívica, ocupan cargos relevantes no réxime, son membros destacados de FET e de partidos de dereita como a Unión Regional de Derechas (URD), Partido Agrario Español e outros. Sen ánimo exhaustivo nomeamos algúns deles: Evaristo e Enrique Vázquez Lescaille,Tomás Abeigón Pazos (oficiais da G. Cívica), Rafael Lenard Quintana (xefe provincial de milicias de FET e concelleiro franquista), Remigio Hevia (alcalde nas dúas ditaduras e home de confianza de Riestra), Abel Hermida Vidal, José Antúnez Reclusa, Manuel Casalderrey Esperón, Pedro Soto Couselo, Ángel Graña Martínez, Bernardino Rodiño Escudero, Francisco Rodríguez Arruñada, Celestino Silva, Bernardo López, Rafael Varela, Francisco Cachafeiro, Joaquín Álvarez Lores, Plácido Castro Pena, entre outros.

Máis sorprendente é a presencia destacada no somatén dalgunha figura relevante no período republicano; é o caso de Bibiano Fernández Osorio-Tafall que aparece como subcabo do grupo 2º, barrio 1º do 3º distrito no ano 1929. Esta afiliación foi aproveitada no período republicano como arma dos seus adversarios políticos; no ano 1933 o xornal Progreso axusta contas de pasados agravios e leva a cabo un virulento ataque contra Tafall:

Fué somatenista con la Dictadura y vitoreó a los reyes cuando éstos visitaron ultimamente nuestra capital. Todavía en junio de 1930 iba muy devotamente en la procesión del Sagrado Corazón de Jesús. Obtuvo la cátedra de Agricultura de nuestro Instituto en una de aquellas oposiciones en que no triunfaban más que los protegidos de la Unión Patriótica. Con la República, a la que vino cuando esta se hallaba a la vista, obtuvo la dirección de nuestro Instituto – con los votos de los upetistas sus correligionarios ˗ la alcaldía de Pontevedra, el acta de diputado a Cortes y una pensión para realizar estudios en el extranjero. Esto que se sepa.iv

Nas eleccións de febreiro de 1936, desde sectores da esquerda volven a lembrar o pasado de Tafall e outros candidatos e piden aos electores que os borren das papeletas electorais.

iProgreso, 11-10-1923.

iiSería presidente da xestora provincial tras o golpe do 36.

iiiDiario de Pontevedra, 1-10-1928.

ivProgreso, 15-1-1933.

 Foto: Somatén de Pontevedra. Boletín Oficial del Cuerpo de Somatenes de la 8ª Región.