Na loita contra a guerrilla foi a Guardia Civil quen levou o maior peso, máis alá da actuación do exército, que achegou unidades de apoio para a vixilancia de determinadas zonas ou utilizou os servizos de unidades de información; tamén interviu a Brigada Político social, principalmente contra as organizacións políticas clandestinas que lle daban soporte nas cidades, así como falanxistas, somaténs e outros.
O mandato como director xeral do corpo do xeneral Camilo Alonso Vega (nomeado en xullo de 1943), coincide cos anos de maior intensidade na represión da resistencia armada e tivo por homes de confianza a mandos como o xeneral Pizarro ou o tenente coronel Limia.
Non repararon en medios de todo tipo para eliminar o problema guerrilleiro e un deles foi a utilización das chamadas contrapartidas ou contraguerrillas. A súa denominación relaciónase coa consideración de “partidas bandoleras” que espalla o réxime sobre a guerrilla restándolle a significación social e política que tiñan; a Dirección Xeral da Guardia Civil deu instrucións nese senso: “siempre que se designe a tales malhechores se hará con el nombre de bandoleros o atracadores como corresponde a los delitos comunes que cometen” (22-5-1945). Tamén apelaban así a un precedente histórico pois a Guardia Civil nacera a mediados do século XIX para, entre outras cousas, combater as partidas de delincuentes que asolaban os campos.
As primeiras actuacións seguindo a táctica das contrapartidas aparecen no ano 1942 na rexión leonesa e limítrofes pero hai precedentes semellantes en Asturias en anos anteriores; no ano 1943 actúan os chamados grupos móbiles en Galicia (zonas de Monforte, Vilalba, Viveiro...) e, en xuño de 1944, temos constancia dun destes grupos que actúa na comarca de Ribas de Sil; a súa actuación causou varias mortes e o seu xefe morrería nun enfrontamento. Posteriormente estenderase o emprego das contrapartidas por outras zonas do estado.
Facendo un pouco historia da súa existencia debemos remontarnos a principios de 1940, cando se reforma a estrutura da Guardia Civil e créase no seu Estado Maior a 3ª sección de información; cumpríase así cunha das misións do corpo como era prever e reprimir todo tipo de movemento subversivo. Ao ano seguinte créase o Servicio de Información de la Guardia Civil (SIGC) como 2ª sección da secretaría do Estado Maior. Unha característica destes servizos especiais ou brigadillas era a de vestir de paisano para pasar desapercibidos nas súas actuacións. En 1946 selecciónanse algúns dos seus membros e agréganse á 2ª sección para formar as brigadillas de servizos especiais sendo, polo tanto, a data do nacemento oficial das contrapartidas.
As contrapartidas, que tiñan como denominación oficial a de Grupo de Fuerzas del Servicio Especial de la Guardia Civil, actuaban ás ordes directas do xefe da Comandancia e ningún mando subordinado a este podía darlle ordes ou instrucións nin intervir dalgunha maneira nos seus cometidos. Tiñan liberdade de actuación en canto a métodos a empregar e determinación de zona. Estaban obrigados a informar da permanencia aos postos e posibles grupos móbiles do territorio xa que, dado o seu xeito de actuar, podían dar lugar a encontros armados entre eles ao confundirse mutuamente con guerrilleiros.
Unha contrapartida estaba integrada por un grupo de entre seis e oito gardas civís, en principio voluntarios, posteriormente incorporaron outros compoñentes: policías, falanxistas, somaténs ou os chamados “prácticos”. Estes últimos podían ser veciños afíns ao réxime ou antigos guerrilleiros colaboradores da Guardia Civil que, aparte o seu coñecemento do terreo, casas de apoio e refuxios, achegaban información sobre composición e xeitos de actuar das partidas. Estaban mandadas por un oficial ou, máis habitualmente, por un suboficial, un cabo ou un inspector de policía.
A vestimenta, como dixemos, era de paisano (como podemos apreciar na foto desta entrada), o máis parecida á dos guerrilleiros, utilizaban un armamento (subfusís, pistolas e bombas de man) semellante, pois unha das súas características era a de tratar de confundirse con aqueles. Levaban víveres para a súa estancia no monte que, habitualmente, era de ó redor dunha semana. Ao cabo deste tempo regresaban á súa base, cousa que facían de noite, ou eran recollidos en zonas a resgardo de miradas indiscretas que puideran recoñecelos. A duración da estancia no monte era unha das características que as distinguían dos chamados “grupos móbiles”, pois estes regresaban diariamente ás bases. Na súa permanencia no monte procuraban reproducir os modos de vida e actuación da guerrilla.
Na actuación das
contrapartidas podemos establecer tres modalidades: unha primeira,
que ten como obxectivo directo o grupo guerrilleiro a eliminar,
consiste na localización de refuxios, establecemento de apostadeiros
en posibles lugares de paso e, se é o caso, enfrontamento armado
directo, aínda que a desarticulación acostumaba deixarse en mans
das unidades propias da zona. En segundo lugar teríamos o
descubrimento e desarticulación da rede de apoios e enlaces,
estafetas, lugares de aprovisionamento de alimentos e armas,
casas-refuxio, ou sexa, o que se denominaba “guerrilla da chaira”
ou Servicio de Información Republicano (S.I.R.). A táctica
que soían utilizar era a de presentarse como guerrilleiros doutras
partidas ou enviados que necesitaban refuxiarse ou entrar en contacto
cos grupos que actuaban na zona; se lograban gañar a confianza dos
enlaces podían desmantelar as redes e mesmo preparar emboscadas para
eliminar o grupo. Esta táctica non daba moito resultado en zonas nas
que a guerrilla tiña unha permanencia estable e estaba moi
relacionada co lugar, pois había un grao elevado de coñecemento
mutuo cos veciños pero si en zonas de paso de partidas, entrada de
mandos dende o exterior, etc. As organizacións guerrilleiras
advertían continuamente contra estas tácticas pero aínda así
foron bastantes as ocasións en que deron resultado. Por exemplo,
nunha circular da Agrupación Guerrillera de Levante, de xuño
de 1949, facíase referencia ás contrapartidas e advírtese das súas
mañas:
Guardias civiles que se disfrazan de guerrilleros, con nuestra misma ropa y nuestras mismas armas exhibiendo a veces documentos o carnets, al objeto de sorprender la buena voluntad del pueblo, que en cuanto tropieza con fuerzas guerrilleras demuestra una gran alegría encontrando a veces algún incauto que después de haberle dado los datos que sabe, lo fusilan sin la menor causa.i
Advirten a poboación que, no caso de atoparse con forzas armadas vestidas de paisano, sexan quen sexan, contesten sempre que é a primeira vez que ven persoal desta clase, non manifestarse de esquerdas nin simpatizantes da guerrilla, non dar nomes e negar todo do que os acusen aínda que sexa certo pois “solamente el que niega siempre se SALVA”. Pero a guerrilla non se queda só en advertencias e consellos pois ameaza os que incorran en faltas deste tipo con que a agrupación actuaría contra eles e se voluntariamente deran parte á Guardia Civil sobre os guerrilleiros, serían condenados a morte na forca.
Este tipo de tácticas creaba desconfianza nos enlaces e poñía a poboación entre dous lumes pois podía ser castigada por uns ou outros. En numerosos testemuños fálase dalgunhas maneiras que tiñan para distinguilos: o aspecto das mans e o inconfundible cheiro “a monte” dos verdadeiros guerrilleiros.
O terceiro modo de actuación podemos englobalo no apartado psicolóxico: levar a cabo actuacións sobre a poboación facéndose pasar por guerrilleiros para que esta adoptase unha percepción e actitude contraria a aqueles. Entraban neste apartado malleiras, roubos, atracos, execucións e actuacións de alta violencia para infundir terror.
Posiblemente foron as actuacións dirixidas especificamente á poboación as que tiveron máis rendibilidade na actuación das contrapartidas, pois conseguiron diminuír a base de apoio mediante as desarticulacións e tamén lograr que os campesiños considerasen a presencia guerrilleira como xeradora de problemas de todo tipo e non como un apoio. Creouse un ambiente de medo entre a poboación, que estaba exposta á violencia dos dous bandos. Estaba castigado non só o apoio á guerrilla senón tamén o silencio, o non dar parte ás autoridades da presencia de “bandoleros”. A desarticulación das redes de colaboración e enlaces foi causa fundamental do desmantelamento da resistencia armada.
A oposición antifranquista era consciente do dano que causaban as contrapartidas e a prensa clandestina non deixaba de atacalas:
Los esbirros franquistas de las Contrapartidas, además del objetivo que les asignan los gobernadores, o sea, atracar y maltratar a la población con el fin de desprestigiar a los auténticos guerrilleros, han tomado gusto a este “trabajo” en el que no hay que doblar el espinazo y en cambio es una mina de oro. Civilones, falangistas y policías disfrazados de guerrilleros o con la cara tapada, dan atracos a diestro y siniestro, sin olvidarse de decirles y repetirles a las víctimas que ellos son “guerrilleros”.ii
A mediados da década dos cincuenta desaparecen as contrapartidas como tales e moitos dos seus membros intégranse no chamado Grupo de Servicios Especiales.
Imaxe: Contrapartidas. Foto: Darío. En Aguado, F. El maquis en sus documentos. Ed. San Martín. Madrid, 1976.
iAguado, F. El maquis en sus documentos. Ed. San Martín. Madrid, 1976.
iiMundo Obrero, 14-4-1948.
No hay comentarios:
Publicar un comentario