A memoria escrita
sobre a represión en Pontevedra capital na última década do século
pasado estaba dominada polo silencio ou polo relato mítico. No
desenvolvemento da primeira transición, tanto os diversos grupos
políticos como a sociedade, de xeito maioritario, fuxían de
calquera apelación aos tempos republicanos e, moito máis, a
calquera mención da brutal represión levada a cabo polos golpistas
no 1936 e anos posteriores.
Deixando a un lado
publicacións pioneiras, como as de Bernardo Máiz ou monográficos
editados por A Nosa Terra, polo seu carácter xeneralista, aparecían
referencias parciais á nosa cidade en libros editados na década
anterior como El alzamiento de 1936 en Galicia. Datos para una
historia de la guerra civil de Carlos Fernández (que publicaría
tamén Alzamiento y guerra civil en Galicia no ano 2000), en
memorias como Cuatro años a bordo de una isla de Evaristo
Mosquera, que achegaba diversa información, especialmente sobre a
súa estancia no “lazareto”; neste aspecto sería moi superado
polo magnífico libro, e documental correspondente, de Antonio Caeiro
e outros Aillados, que combinaba testemuñas persoais con
fontes documentais e que segue sendo referencia obrigada para todo o
referente á illa de san Simón, xunto coas posteriores publicacións
de Gonzalo Amoedo.
Ao relato mítico
sobre o sucedido en Pontevedra contribuíra, anos atrás, a Vida,
paixón e morte de Alexandre Bóveda de Xerardo Álvarez Gallego,
editado en Bos Aires no ano 1972; esta publicación, con abundantes
erros e afirmacións inexactas, tivo unha ampla circulación. Outra
das publicacións apaixonadas dos primeiros momentos, tamén editada
en Bos Aires no 1938, foi Lo que han hecho en Galicia. Episodios
del terror blanco en las provincias gallegas contadas por quienes los
han visto e que presenta características parecidas ao anterior.
Xa na década que
tratamos, a dos noventa, aparece Historia de la ciudad de
Pontevedra de Xosé Fortes, que adica un par de páxinas a tratar
a represión; o carácter da obra non propiciaba un tratamento polo
miúdo do tema e explica a extrema violencia desatada como
consecuencia de “una sangrienta locura colectiva, en la que los
odios y rencillas acumulados afloraron violentamente a la
superficie.” As fontes utilizadas por Fortes neste tema parecen
ser exclusivamente orais (non hai referencias documentais) o que
explica omisións e erros no relacionado coas vítimas. En relación
cos responsables da represión destaca acertadamente o papel
sobranceiro da Guardia Cívica mandada por Víctor Lis.
Outra publicación
do mesmo ano, 1993, é Inmolados gallegos. Alexandro Bóveda,
Víctor Casas, Telmo Bernárdez, Adrio Barreiro... de Luis
Lamela; este libro marca un fito na historia da represión en
Pontevedra capital pois, por primeira vez, aparece un relato
sistematicamente documentado do sucedido nos días inmediatos ao
golpe. Centrado nos xuízos a Bóveda e aos “dez do doce de
novembro”, é un relato sen concesións á mitoloxía. Luis Lamela
sinala dun xeito claro a responsabilidade última da violencia:
De la totalidad de los fusilamientos – la llamada “represión legal” - hay que aplicar la exclusiva responsabilidad a los militares. Asimismo, la otra represión “legal” (sic), esto es, los “paseos” practicados por las patrullas del amanecer falangistas, son también de su completa responsabilidad, pues ellos, los militares sediciosos, ejercieron la exclusiva autoridad en todos los campos del orden – su orden – durante aquella época.
A comezos desta
década visita Pontevedra unha investigadora francesa, Marie-Pierre
Bossan, coa intención de realizar unha serie de entrevistas a
persoas que viviran a guerra civil. Cando realiza a primeira visita
(1991) participaba nun programa de investigación pluridisciplinar
sobre a memoria oral; entra en contacto con Historga (as entrevistas
serían depositadas nesta entidade) e elixe Pontevedra pois era unha
cidade que non tiña fondos de entrevistas recollidos.
Entre os anos
1993-1994 fixo varias visitas a Pontevedra e contactou con 80
posibles testemuñas, rexeitaron a entrevista 28 e, con máis
ou menos reticencias, aceptaron efectualas 52 persoas; delas 19
preferiron gardar o anonimato, aínda que polo contido non é difícil
coñecer a identidade.
A partir destes
testemuños e a posterior verificación dos feitos mediante a
confrontación con outros testemuños e publicacións e a análise da
coherencia interna dos relatos, elaborou a tese doutoral Émergence
d’une mémoire de la guerre civile en Galice. Le cas de
Pontevedra.; estivo dirixida polo profesor Michel Moner e foi
defendida o 17 de xaneiro de 1998 na universidade Stendhal –
Grenoble III.
Sería moi desexable
a tradución e publicación da tese, tanto polo interese do conxunto
de testemuños ( accesibles e coñecidos polos investigadores pero
non pola sociedade), como pola análise que fai a autora sobre os
mecanismos, problemática e estado da memoria sesenta anos despois do
conflito.
En canto ao contido
das entrevistas, na actualidade e despois de numerosas publicacións
sobre a represión en xeral e a pontevedresa en particular, ven a
confirmar o que xa coñecemos; abondan os erros e as omisións,
lóxicas neste tipo de traballos pois, como afirma a autora: “ As
fontes orais presentan pouca fiabilidade para unha análise precisa
da represión. Na cita de exemplos concretos, os erros son frecuentes
e facilmente localizables.” Considera que son erros de tipo
cronolóxico e que, nos datos cuantitativos a tendencia xeral dos
testemuños parece ser a esaxeración.
Debemos ter en conta
a dificultade existente nos anos noventa para analizar a veracidade
dos testemuños debido á escaseza de publicacións documentadas;
neste aspecto, a autora é bastante reticente coa obra citada de
Lamela por basearse unicamente en documentación dos arquivos e non
ter en conta testemuños orais. Para M.P. Bossan isto daría lugar a
supostos erros; é certa a existencia dalgún erro no listado de
vítimas de Inmolados Gallegos (comprensible polas
dificultades que este tipo de investigacións conleva), pero moitos
menos que no resto de publicacións que utiliza a autora como
referentes. Precisamente o exemplo escollido por Bossan acredita todo
o contrario do que aduce a investigadora francesa: o caso do taxista
José Pintos, que Lamela cita (acertadamente) como “paseado” e
que Fortes e outros testemuños consideran como sobrevivente ao
“paseo”. Na actualidade está perfectamente documentada a versión
de Lamela e totalmente errada a contraria.
Destaca a autora o
papel dominante ou exclusivo da represión como eixe dos relatos,
agás unha minoría (en xeral partidarios dos sublevados) que afirma
que en Pontevedra nada sucedera:
aquí se pasó hambre en el 41, en el 40, pero durante la Guerra Civil, Pontevedra fué un oasis de paz y de tranquilidad, los muertos estaban enterrados, la gente estaba...las viudas y los huérfanos estaban tristes y desconsolados pero después aquí ya no pasó nada.
Tamén considera
significativa a incomprensión diante da violencia gratuíta, sen
atopar motivos para a súa existencia; as testemuñas non parecen
comprender por que as vítimas foran vítimas e os verdugos foran
verdugos. No conxunto dos testemuños, é salientable para a autora a
ausencia de consideracións sobre o exilio ou a guerrilla.
Respecto aos
verdugos, aparte de Víctor Lis, nome asumido pola práctica
totalidade dos entrevistados, moi poucos citan outros nomes; ao sumo
media ducia e dos que nos consta fehacientemente a súa participación
directa nos “paseos”. Isto ven a confirmar que nas distintas
localidades sempre se coñeceu o nome dos verdugos. Algúns dos que
citan nomes de represores son testemuñas que preferiron quedar no
anonimato. Varios piden silenciar a gravadora e son frecuentes os
que se botan atrás e piden que non se mencionen cando revisan a
entrevista. O medo (aínda!) e a pertenza a coñecidas familias
pontevedresas dalgúns deles poden estar detrás desta actitude.
“Y Víctor Lis, el
criminal número uno. De los muchos criminales que había, ese era un
cabeza visible: Víctor Lis Quibén.”
Outro feito
destacado é a exculpación (ou cando menos o esquecemento) dos
militares como responsables da represión. As testemuñas sinalan
como executores a Guardia Cívica e os falanxistas sen facer
referencia ás autoridades militares de quen dependían; atribúense
as mortes ás envexas e vinganzas persoais, moitas veces por motivos
profesionais, singularmente entre médicos, e ponse como exemplo o
fusilamento de Caamaño.
Non faltan tampouco
as alusións á necesidade de non remover o pasado e á conveniencia
de esquecer. Dende o anonimato, unha profesora galeguista exprésao
do seguinte xeito:
¿Cómo vas ahora a poner todas esas cosas sobre el tapete...? ¿Y cómo vas ahora en las familias a suscitar todo eso? Pero es cierto, ¿Cómo vas a sacar esas cosas? Gracias a Dios pues...las familias están cruzadas, están entrelazadas completamente. Entonces es mejor no recordar.