martes, 30 de agosto de 2011

Agasallos a Franco

Donativos, colectas, subscricións e similares abondaban nos xornais daqueles anos do medo. Noutra ocasión xa tratamos o asunto. Hoxe escribiremos sobre algúns dos donativos ao xeneral Franco.
En novembro de 1936, o partido político Renovación Española iniciou en Pontevedra unha subscrición para regalarlle unha imaxe da Virxe do Pilar; encabezaban as aportacións Víctor Lis Quibén e José Ramón Gómez, este último, antigo compañeiro de Lis como dirixente de Unión Regional de Derechas e membro da Guardia Cívica; cada un aportaba 25 pesetas.
Polas mesmas datas, a comisión impulsora do monumento a Franco en Ferrol publicou unha especie de manifesto, no que se realzaba en grado sumo a figura do xeneral ferrolán. Empezaba apelando ao sacrificio e o sangue derramado pola xuventude española para defender as súas tradicións e a súa fe, fronte ao “materialismo soez y grosero del régimen soviético”, nunha empresa que continuaba as fazañas de séculos pasados:
Así como en Lepanto la Historia había reservado a España la misión de librar a Europa de la invasión turca, igualmente le confiaba hoy, por su grandeza espiritual y por su pasado glorioso, la epopeya de aplastar al marxismo y a las concepciones materialistas y groseras de las logias masónicas que, amenazando a Europa y al mundo, pretenden arrancar del corazón del hombre su fé, sus creencias y su amor que son los pilares de la civilización.
E o home que pasaría á historia por realizar esta misión era o xeneral Franco, militar que varias veces
con la sangre de sus heridas escribió en tierras de África el nombre de España; es el militar reflexivo y estudioso que siempre llevó sus tropas a la victoria; [...] es el hombre modelo de virtudes y civismos, creyente y lleno de fé en el resurgir de esta raza...
Esta xesta, aparte de quedar gravada na historia con grosos caracteres, era preciso perpetuala tamén en bronces e mármores “que sean enseñanza viviente y tangible de amor y de patriotismo”. Por iso “esta leal y sumisa Galicia de brumas constantes que fecundan su alma de melancolías y ternuras” fai unha chamada a todos os españois, portugueses e americanos, para que contribúan cos seus donativos a levantar este monumento como
tributo perenne de su amor, y a la vez, santuario y escuela abiertos a todas horas, para que turistas y caminantes y cuantos se acerquen a él hagan un alto en su camino y fortalezcan su espíritu de amor patrio, pensando que las concepciones materialistas de la vida no crean los genios ni los héroes que vivifican las virtudes y la espiritualidad de la raza.
Outras veces, o regalo era un obxecto como o que, a fins de 1936, exhiben nun escaparate da rúa Real da Coruña; consistía nun machete de prata e ouro, que pertencera a un xefe indíxena de Bos Aires, regalado por un “distinguido señor” do que non se aporta o nome. (Progreso, 31-12-1936).
Sen dúbida, o agasallo máis coñecido foi o do “Pazo de Meirás”. En maio de 1938, no xornal falanxista vigués El Pueblo Gallego, aparece un artigo titulado “Un señor, un Pazo”. O autor, Felipe Gil Casares, dirixente de Acción Popular e deputado da CEDA, cando fora o levantamento militar en Santiago, presentárase ao comandante Bermúdez de Castro á fronte dun grupo de membros das Juventudes de Acción Popular que formarían a base das milicias paramilitares daquela cidade.
No artigo citado apela á identificación de España e, sobre todo, Galicia, co “Caudillo” e fundamenta historicamente a doazón, Galicia quere que Franco, “glorioso Capitán de la Segunda Reconquista Española, sea un SEÑOR GALLEGO (sic) e a tradición galega, que arranca da Idade Media, determina que “Todo señor tiene un pazo”.
El generalísimo nos hace el honor de aceptarlo y nosotros queremos que lo tenga. Un Pazo desde cuyos ventanales pueda, contemplando el mar, recordar a nuestros hermanos de América; un Pazo no alejado de la Basílica de Santiago, para poder facilmente ir a orar ante las veneradas cenizas del Patrón de España; un Pazo que constituya para Franco recuerdo perenne de la admiración que nos inspira. Galicia lo quiere. Cumplamos su voluntad.
Pero o pazo iría acompañado doutros agasallos; en varios establecementos e entidades de Santiago (casa Ceibos, librerías Porto, Casino, Círculo Mercantil, Depositaría municipal de fondos...) recollíanse sinaturas para o álbum que se lle entregaría ao “Caudillo” xunto coa posesión das “Torres de Meirás”. “Todo buen patriota no puede faltar a este homenaje de la Provincia de la Coruña a su gloriosísimo paisano y Caudillo” (El Pueblo Gallego, 20-5-1938)
En Pontevedra, o concello tampouco quere quedar á marxe e, ao ter coñecemento de que un cruceiro existente no patio da casa de dona María Señoráns, “agradaba sobremanera a la egregia esposa del Jefe del Estado, doña Carmen Polo” mandou facer unha reprodución do mesmo co obxecto de regalárllelo. El Pueblo Gallego (11-6-38) informaba que a obra xa estaba rematada e que fora executada primorosamente e mellorada con respecto á orixinal.
Este crucero será colocado en el Pazo de las Torres de Meirás, regalado por el Ayuntamiento coruñés al Generalísimo. Su esposa durante su estancia en Pontevedra, anteayer, ha estado viendo el crucero, del que se muestra verdaderamente admirada y encantada con el obsequio de su reproducción.