viernes, 25 de marzo de 2011

Juan Milleiro Sampedro, un defensor da legalidade republicana.


Para Celso Xavier Milleiro e familia.

Eran as cinco e media da mañá do 12 de xullo de 1937, avenida de Bos Aires, un pouco antes de Monte Porreiro. Unha sección do rexemento de artillería acaba coa vida de Estanislao Graña Soliño, de Cangas do Morrazo e con Juan Milleiro Sampedro, natural de Moaña e funcionario do concello de Pontevedra. Hoxe falaremos de Juan Milleiro, o mozo de 24 anos que recibe catro balazos na rexión precordial e un no epigastrio, falecendo por hemorraxia interna segundo certifica o médico Hermógenes Vidal. Tanto Milleiro como Graña recibiron sepultura no cemiterio de San Amaro.

Fai tempo que tiña preparada unha entrada sobre Milleiro, dentro da serie adicada a achegarnos á vida dos asasinados en Pontevedra naqueles anos do medo; a xenerosidade do seu sobriño Celso Xavier Milleiro, compañeiro na investigación do sucedido tras o golpe militar, que me facilitou documentación sobre datos da súa biografía, veu completar a documentación que tiña no meu poder.

Juan Clímaco Milleiro Sampedro pertencía a unha familia orixinaria de Redondela pero naceu en Moaña o 8 de abril de 1912. A súa militancia política, moi temperá, efectúase nas filas do socialismo sendo militante das Xuventudes Socialistas. Formou parte da comisión formada no PSOE para debater o texto do estatuto de Galicia que sería aprobado no 36. Traballaba na Oficina de Augas do concello de Pontevedra.

Con motivo dos sucesos de outubro de 1934 tiveron lugar, no cine Coliseum, incidentes con motivo da proxección dunha cinta na que se exhibía o desfile do exército polas rúas de Oviedo; un grupo de persoas asubiaron a proxección e deron gritos cualificados de subversivos. Todos se fixeron solidarios dos feitos e, entre eles, estaba Milleiro que foi detido.

O día 20 de xullo de 1936, formou parte dos defensores da legalidade republicana que estaban no Goberno Civil. No encausamento e condena de Milleiro e compañeiros, ao igual que noutras causas sobre estes feitos, foron determinantes as declaracións (26-11-36) do inspector de policía Antonio Iglesias Garcés:

Que entre los mismos dirigentes que estaban a las órdenes inmediatas de los jefes supremos del movimiento para llevarlas a las masas a las que organizaban, se encontraban César Poza Juncal, Castor Pacheco Rey, Pastor Torres, Juan Milleiro Sampedro y Vicente Soto Martínez, estudiante de magisterio e íntimo amigo de los hermanos Guillán. (AIRMN. Causa 115/37)

O tamén axente do corpo de investigación, Castor Prieto Rodríguez, completa o dito polo seu compañeiro, afirmando que observou transmitindo ordes aos grupos a Castor Pacheco, Pastor Torres, Manuel Calvo Lores e Juan Milleiro. Os informes de antecedentes e ideoloxía non podemos afirmar que foran favorables:

...se relacionaba constantemente con los más destacados elementos del socialismo local y cooperó señaladamente contra el Movimiento militar de julio estando en el Gobierno civil y siendo designado por el Gobernador para que, en unión de otros varios que eran: Argimiro Soengas, Julio Rey Andreu y Eduardo Paz, requisasen las armas de los ciudadanos cuya relación les fué facilitada... Informe comisaría, 13-1-37.

De dudosa conducta y antecedentes, socialista y en relación con los comunistas. (Guardia Civil, 4-1-37) A mesma Guardia Civil, nun informe anterior (10-9-36) atribúe a Milleiro e compañeiros de causa, a condición de haber militado no partido comunista e estar afiliados á CNT.

Con todo o anterior ábrese a causa 174/37 contra Milleiro e 17 persoas máis, causa que podemos encadrar no grupo das que se seguiron contra os que os sublevados consideraron compoñentes da chamada Tcheka do goberno civil. Na acusación de “tchequistas” distinguían dous niveis: os dirixentes, xulgados principalmente na causa 115/37 (contra Víctor Moldes, Constantino Gómez, Albino Sánchez, Claudio Magdalena, os Poza, os irmáns Guillán e outros), e un segundo nivel de transmisores e executores das ordes como é o caso tratado.

Hai declaracións feitas por detidos, algunha delas rectificada por ser feita baixo ameazas, que se utilizaron moito nestes xuízos. Nada sabemos da fiabilidade da atribuída a Alfonso Vega, fusilado o 7 de decembro de 1936, e que sinala a Milleiro e a outros como compoñentes da “organización sanguinaria al estilo de la Tcheka rusa y cuya finalidad era el exterminio de personas de orden de esta ciudad.” (2-12-36)

Juan Milleiro recoñece a súa participación na requisa de armas baixo mandato do gobernador:

...en las mismas escaleras fué en donde encontró a los individuos citados en su anterior declaración, con los cuales se trasladó a las casas de los Sres de Arruñada y Virgós, de donde volvieron al Gobierno Civil y amnifestaron (sic) que no continuaban requisando armas, pues no querían andar con estas por la calle, proporcionándoles entonces el Sr Bóveda un automóvil, en el cual se trasladaron a casa de Lorente, Bugallo el contratista que vive en la carretra (sic) de Orense y al regresar, encontrándose frente a la casa de Corbal, se acercó la Guardia Civil y les ordenaron que les entregase las armas que llevaban en el coche, cosa que hicieron el deponente y los que le acompañaban, quedando detenidos en el Cuartel de dicha Guardia civil, hasta el día siguiente en que fueron trasladados a la cárcel. Que la detención ocurrió a eso de las cinco o cinco y media de la tarde.

Ao longo do xuízo queda demostrada a existencia de ordes escritas do gobernador para efectuar as requisas de armas, de relacións cos nomes das persoas e tipo de armas que posuían, o trato correcto empregado por Milleiro e os seus acompañantes, sen a máis mínima violencia e a expedición de recibos aos que o solicitaban. Tamén queda ratificada – como sostemos algúns- a actuación da Guardia Civil na zona leste da cidade, dende horas antes da publicación do bando de guerra e da saída das tropas á rúa.

No consello de guerra, Juan Milleiro é defendido polo tenente de artillería Jaime Aranda. O fallo do tribunal condénao a cadea perpetua. Pero tres vocais do tribunal, entre eles o poñente da causa, o tristemente coñecido Ramón Rivero de Aguilar, formulan un voto particular pois consideran a Milleiro cabecilla destacado do grupo e coidaban que debía ser condenado a morte; o Auditor de División situouse na liña dos votos particulares.

O 15 de xuño de 1937, o Alto Tribunal de Xustiza Militar, nun considerando referido a Milleiro, afirma:

CONSIDERANDO que el hecho de que el JUAN MILLEIRO fuese el portador de la orden de requisa de armas del Gobernador civil insurgente y de la lista de las personas a que se había de despojar de aquellas, así como que fuera el que en sus visitas a los domicilios de personas de derechas hiciera el requerimiento de entrega y firmase los recibos de aquellas, revisten a este inculpado del carácter de jefe de grupo y su personalidad y espíritu insurgente se demuestra asimismo por el hecho de haber sido la persona designada como de confianza por el entonces gobernador civil primer jefe insurgente de la provincia, para la realización de servicios netamente revolucionarios, circunstancias estas que racionalmente deben ser apreciadas como agravantes...

Na chamada “xustiza ao revés” podemos ler como os sublevados cualifican ao gobernador legal de xefe insurxente, incluso antes de ser deposto.

O fallo condena a morte a Graña e Milleiro, a reclusión perpetua a oito dos acusados e a penas menores ou absolución ao resto.

Atrás quedaba tamén a súa destitución como funcionario do concello de Pontevedra: o 28 de novembro de 1936, a comisión permanente do concello dáse por enterada dun oficio do Gobernador militar comunicando a destitución de diversos funcionarios e xornaleiros do concello e que xa foran suspendidos de emprego e soldo o 15 de agosto. Foron o administrador de arbitrios Manuel Pérez Troncoso, o reloxeiro Enrique Crespo, o axente de arbitrios Pablo Félix Expósito, os gardas Constante Otero Rey e Javier Osorio Lusquiños, o barrendeiro José Rodríguez Rial, os xardiñeiros Manuel Gallego, Cándido e Isolino Abilleira e Elisa Garrido; encargada de limpeza, Delia Gendra, veterinario Viriato Fernández Vázquez e auxiliar da Oficina de Augas, Juan Milleiro Sampedro.

A baixa definitiva de Milleiro, por execución, ten lugar o 4 de outubro de 1937.

A mesma comisión aproba o cambio de nome das prazas do Axuntamento ou da República (Praza de España), da Constitución (Generalísimo Franco) e de S. Xosé (Calvo Sotelo).

Juan Milleiro Sampedro, está hoxe na nosa memoria.

Foto facilitada por Celso Xavier Milleiro.

lunes, 14 de marzo de 2011

Algo máis sobre os Schweiger.


 No ano 2009 escribía neste blogue unha entrada sobre o famoso “capitán Bruno”, xefe da Centuria de Zapadores de Falange de Marín e sinalado, mesmo por compañeiros seus, como participante destacado na represión logo do golpe militar de xullo do 36.
Unha das vantaxes do formato blogue é a de posibilitar o intercambio de información entre os lectores e o autor, e así ocorreu cando un amable lector ofreceunos información que permitía subsanar o erro de atribuír a condición de filla do militar Gutiérrez de Soto a dona Fermina, cando o certo é que era a irmá.
Os que traballamos pescudando datos do pasado somos conscientes das dificultades para confirmar certos aspectos, pois a fiabilidade dalgunhas fontes non sempre é a desexada.
Certamente a cuestión dos parentescos é un aspecto secundario no caso que nos ocupa, pero non foi o relatado o único erro nesa entrada: Un dos datos certos que tiñamos era o matrimonio do enxeñeiro alemán Schweiger Damboech coa mestra Fermina Gutiérrez de Soto, o que levou a deducir que dito enxeñeiro era Bruno Schweiger.
Pois non! Existía outro enxeñeiro alemán cos mesmos apelidos e que era o seu irmán Juan, profesor axudante interino de alemán, co carácter de meritorio, no instituto da capital, nomeado en xullo de 1937. Ante a dúbida acudimos a Xavier Milleiro, investigador e bo coñecedor daqueles anos na zona de Marín, que nos confirmou que a muller do capitán Bruno chamábase Bárbara Schaffer e así aparecía na partida de nacemento da súa filla Asunción Beatriz. Por certo, e confirmando o dito máis arriba sobre a fiabilidade dalgunhas fontes, o Diario de Pontevedra do 16 de novembro de 1938, atribúelle erroneamente a dita filla o nome de María de la Asunción Fermina; tamén nos conta que foi apadriñada polo coronel de Estado Mayor Fermín Gutiérrez de Soto e a súa dona, representados polos seus irmáns Juan e Fermina.
Aclarado o tema e confirmada a relación de amistade e parentesco (a través do irmán) de Bruno co militar golpista, o caso levounos a tentar coñecer algo máis acerca de Juan Schweiger e así soubemos que viviu na rúa da Barca, nº 26 e que estivo relacionado con negocios de automoción. Así aparece no xornal ABC do 4 de setembro de 1940:
¡Empresas de transporte! Gasógenos DUX patentado en España y en el extranjero, sustituye la gasolina con carbón de leña. Comprobado oficialmente por el Parque de Automóviles de la 8ª Región Militar. Solicitamos representantes competentes y de solvencia en cada provincia. Dirigirse: ingeniero Juan Schweiger.

O gasóxeno era un aparato que se acoplaba aos automóbiles e que servía para producir un gas combustible a partires da queima de leña e de carbón. Foron utilizados en España e outros países nos anos 40 debido á falla de gasolina.