No ano 2009 escribía neste blogue unha entrada sobre o famoso “capitán Bruno”, xefe da Centuria de Zapadores de Falange de Marín e sinalado, mesmo por compañeiros seus, como participante destacado na represión logo do golpe militar de xullo do 36.
Unha das vantaxes do formato blogue é a de posibilitar o intercambio de información entre os lectores e o autor, e así ocorreu cando un amable lector ofreceunos información que permitía subsanar o erro de atribuír a condición de filla do militar Gutiérrez de Soto a dona Fermina, cando o certo é que era a irmá.
Os que traballamos pescudando datos do pasado somos conscientes das dificultades para confirmar certos aspectos, pois a fiabilidade dalgunhas fontes non sempre é a desexada.
Certamente a cuestión dos parentescos é un aspecto secundario no caso que nos ocupa, pero non foi o relatado o único erro nesa entrada: Un dos datos certos que tiñamos era o matrimonio do enxeñeiro alemán Schweiger Damboech coa mestra Fermina Gutiérrez de Soto, o que levou a deducir que dito enxeñeiro era Bruno Schweiger.
Pois non! Existía outro enxeñeiro alemán cos mesmos apelidos e que era o seu irmán Juan, profesor axudante interino de alemán, co carácter de meritorio, no instituto da capital, nomeado en xullo de 1937. Ante a dúbida acudimos a Xavier Milleiro, investigador e bo coñecedor daqueles anos na zona de Marín, que nos confirmou que a muller do capitán Bruno chamábase Bárbara Schaffer e así aparecía na partida de nacemento da súa filla Asunción Beatriz. Por certo, e confirmando o dito máis arriba sobre a fiabilidade dalgunhas fontes, o Diario de Pontevedra do 16 de novembro de 1938, atribúelle erroneamente a dita filla o nome de María de la Asunción Fermina; tamén nos conta que foi apadriñada polo coronel de Estado Mayor Fermín Gutiérrez de Soto e a súa dona, representados polos seus irmáns Juan e Fermina.
Aclarado o tema e confirmada a relación de amistade e parentesco (a través do irmán) de Bruno co militar golpista, o caso levounos a tentar coñecer algo máis acerca de Juan Schweiger e así soubemos que viviu na rúa da Barca, nº 26 e que estivo relacionado con negocios de automoción. Así aparece no xornal ABC do 4 de setembro de 1940:
¡Empresas de transporte! Gasógenos DUX patentado en España y en el extranjero, sustituye la gasolina con carbón de leña. Comprobado oficialmente por el Parque de Automóviles de la 8ª Región Militar. Solicitamos representantes competentes y de solvencia en cada provincia. Dirigirse: ingeniero Juan Schweiger.
O gasóxeno era un aparato que se acoplaba aos automóbiles e que servía para producir un gas combustible a partires da queima de leña e de carbón. Foron utilizados en España e outros países nos anos 40 debido á falla de gasolina.